Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Maca Arca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Maca Arca. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de xullo de 2021

Un libro contra os niquiriqueiros: "Pola nosa lingua"


O pasado xoves 15/07/2021 presentouse na Praza da Música o libro de Xosé Mª Lema "Pola nosa lingua". O acto, organizado pola Asociación Cultural Vagalumes, foi presentado por Marcos Borrageros. Acompañaron ao autor do libro na presentación Maca Arca e Héitor Picallo, a primeira, membro de ProLingua tamén é autora do epílogo e o segundo ademais de ser o autor do prólogo é o ilustrador do texto.
Xa se indica no subtítulo do libro que se trata dunha compilación de trinta e un textos en defensa do galego publicados en diversos medios ao longo de 10 anos. Entre eles figuran os cinco artigos polos que o autor recibiu o Premio Manuel Reimóndez Portela en 2010. A data que dá inicio á compilación, 2009, marca o comezo dunha etapa de agresión á nosa lingua por parte do goberno galego; precisamente moitos dos textos deste libro teñen como tema central a denuncia de tales políticas.
Durante a súa intervención Maca Arca achegounos un termo propio do Val do Fragoso (Vigo), "niquiricas", "niguiriqueiro" e o seu verbo asociado "niquiricar". Refírese a aquel que aparenta con acenos, sons e exhibicionismo que se traballa ou fai algo con dedicación cando na realidade non se fai nada de nada. Velaí o termo máis acaído á política lingüística que practica a Xunta. 

venres, 19 de decembro de 2014

Virxinia Pereira recuperada por Olimpio Arca

No ano 1999 o mestre e escritor Olimpio Arca escibía un artigo para o segundo número da revista A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural no que poñía en valor as figuras da nai a e a muller de Castelao. Nese artigo relátanse unha gran cantidade de vivencias e de anécdotas destas dúas mulleres. Entre outras cousas explícase como á morte de Castelao Virxinia Pereira queda nunha "espantosa soedade" polo que decide volver á Estrada co firme propósito de levar ao cemiterio desta vila os restos do seu fillo que fóra soterrado en Pontevedra. A volta desta muller á súa vila natal non foi ben acollida pola maioría dos seus conveciños.
Olimpio Arca tamén relata as circunstancias que levaron ao falecemento de Virxinia, un 23 de decembro de hai 45 anos. Por esta razón, no 45 aniversario desta morte a  Asociación Cultural “Vagalumes”, propúxose lembrar á compañeira de Castelao coa que compartiu as vicisitudes e os ideais da súa vida. Este achegamento vaise facer sobre a rocha firme do traballo de Olimpio Arca Caldas.
O vindeiro 23 de decembro ás 20:30 horas, na sala Varela Buxán do Teatro Principal da Estrada, tendo como protagonistas a Maca Arca (mestra e filla de Olimpio Arca) e a Noni Araúxo (mestra e persoa que tratou persoalmente a Virxinia Pereira), celebraremos unha  homenaxe ao polígrafo que nos vén de deixar recentemente e ao cal o noso concello en particular e toda en Galiza en xeral está en débeda polo labor de restauración da nosa historia, anovamento pedagóxico e defensa da nosa lingua.
Olimpio Arca destapou a biografía silenciada de mulleres como Virxinia que completan a nosa historia e sen as cales quedaría parcial e fragmentada a comprensión do noso pasado.
Presentarase neste acto a publicación dixital dunhas seccións da páxina Tabeirós-Montes dedicadas a Virxinia aos traballos de Olimpio Arca que irán progresivamente difundíndose a través da web.