Nunha única viñeta Davila explica a situación social do galego e a política lingüicida da Xunta.
Vía X
Nunha única viñeta Davila explica a situación social do galego e a política lingüicida da Xunta.
Vía X
O pasado martes, 3 de decembro, algúns xornais publicaron unha nota da Real Academia Galega que consta de 170 palabras que cabalgan confusamente entre a crónica, a noticia e a reportaxe debaixo deste titular: «La RAG llevará ante el plenario un informe de la situación lingüística».
Ante a situación actual da nosa lingua, úrxenos a todos e todas tomar medidas e pasar á acción. En primeiro lugar, debemos esixirlles aos máximos responsables que muden a política lingüística levada a cabo nas últimas décadas, tanto a nivel lexislativo como discursivo. Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (2023) acaban de falar alto e claro: a situación empeorou de forma contundente. Ante grandes problemas, necesitamos grandes solucións e, desde logo, cambiar radicalmente a liña de actuación que se estaba a levar a cabo ata agora en Galicia con respecto ás linguas. Canto ao sistema educativo, o decreto vixente (79/2010), denominado decreto do plurilingüismo, lexisla en contra do establecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado no 2004 polo Parlamento de Galicia, baixo o goberno do Partido Popular. Esta era a primeira vez que en Galicia se levaba a cabo unha planificación lingüística xeral e a longo prazo, realizada por expertos nos diferentes sectores. Porén os seguintes gobernos do PP, lonxe de aplicalo, contradicírono en moitas das súas medidas, amparándose en que o dito plan non ten rango de lei e, polo tanto, non é de obrigado cumprimento. É certo que, despois de 20 anos, o Plan require unha revisión e adaptación aos novos tempos, aínda que nalgúns ámbitos, como é precisamente o do ensino, mantén plena vixencia e é máis necesario ca nunca.
Por coñecida que fose, sempre emociona ler, e aínda moito máis escoitar, a apoloxía que en defensa de Galicia e da súa lingua fixo o escritor Álvaro Cunqueiro o 24 de abril de 1980 na histórica homenaxe que recibiu no hotel Samil de Vigo. Un texto oral, pronunciado de forma improvisada e emocionada, sen mediar apunte escrito ningún, concibido como manda do seu epitafio, que un ano despois se convertería en extraordinario legado ao futuro da lingua e patria galegas. Homenaxe que lembra moi ben o editor Bieito Ledo, entón xerente da editorial Galaxia, onde se argallou e presentou como iniciativa dun grupo de amigos, coincidindo coa aparición no catálogo da editora de Reconquista 1 do primeiro volume da obra en galego completa, o de poesía e teatro, e dun disco (elepé) con poemas do mindoniense recitados na voz de Xohana Torres e acompañamento da arpa de Emilio Cao. Iniciativas promovidas coa intención de subirlle o ánimo a don Álvaro, entón moi baixo, fose polas súas penalidades de saúde como pola aldraxe que o 28 de xaneiro moito o amolara, no acto de investidura como doutor honoris causa da Universidade de Santiago de Compostela, xunto a Camilo José Cela e o filólogo alemán Joseph M.Piel, tras unha protesta estudantil dirixida, sobre todo, contra o reitor José María Díaz Suárez Núñez.
Das sete cidades galegas, Vigo é onde menos galego se fala: apenas o 15,4 % da poboación viguesa afirma ser usuaria prioritaria do galego (o 49,3 % en Galicia), segundo datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística de 2018, recollidos por Fernando Ramallo, catedrático de Lingüística da Universidade de Vigo no seu libro recente (recomendabilísimo e referencial), Que pasa co galego. 32 preguntas sobre a situación social da lingua (Xerais 2023). Porcentaxe da cidade olívica que hai dez anos era do 24,7 %, o que para o sociolingüista vigués constitúe «un exemplo paradigmático de castelanización» e supón unha «evolución demoledora que de continuar coas condicións que favoreceron esta castelanización recente, o uso do galego será case residual nas xeracións seguintes».
A lingua é unha facultade que distingue a especie humana indisolubelmente unida ao exercicio da razón e da comunicación estética. A lingua humana é unha, e, sen embargo, maniféstase en forma de linguas particulares e diversas. A maioría dos humanos, mesmo os poliglotas, comunícanse usando preferentemente unha soa lingua: a propia da comunidade orixinaria das partes comunicantes. Iso levou a sentir o mito de Babel coma unha maldición divina e, a diversidade lingüística coma algo chamado a ser abolido polo Progreso.
Para Manuel e Martiño, novos baioneses que falarán galegoEsta semana soubemos que para o Partido Popular de Baiona o galego non é lingua para o verán. Nunha nota publicada en redes sociais, ao fío dun acto celebrado o serán do 13 de xullo, incluído na programación Baiverán 2022 da Concellaría de Cultura, os populares lamentan «la falta de respeto que la concelleira [sic] de Cultura tuvo ayer con el público que asistió al monólogo del humorista Quico Cadaval en la plaza del Concello [sic] al decidir que se hiciese en gallego y no en castellano para permitir que los asistentes, una gran mayoría residentes de segunda vivienda en nuestra localidad procedentes de diferentes puntos de España, pudiesen entenderlos y no se sintiesen discriminados». Texto no que entenden «que si se pueda optar por nuestro dialecto [sic] en otra época del año, no es de recibo que se haga en pleno verano, la época de mayor afluencia turística»; e no que rematan apelando ao carácter “acogedor” [sic] da vila da Arribada e á utilización do castelán como cortesía cos visitantes, así como recoñecendo ter recibido queixas trasladadas por asistentes ao monólogo pola lingua utilizada.
Esta fin de semana correu pola rede como auga da fonte a conversa entre Moraima, unha picariña galegofalante de tres anos, e Siri, unha intelixencia artificial (IA) con funcións de asistente persoal para o sistema iOS. Pouco menos de minuto e medio que sintetizan a situación dramática da lingua galega hoxe representada na imposibilidade de que Moraima atope resposta algunha de Siri en galego, a súa lingua materna. Con 300.000 chíos en Twitter, cen mil visionados en Facebook e milleiros de copias distribuídas nos grupos de Whatsapp, apenas nos dous primeiros días de que o vídeo fose compartido pola súa nai, a conversa asombra e emociona ao mesmo tempo pola paciencia coa que Moraima repite en castelán cada unha das respostas de Siri como pola consciencia sociolingüística prematura da pequena que xa sabe que non é entendida polo feito de que ela fala galego. Unha experiencia semellante á que vive cada día na súa escola infantil ou no parque onde brinca polas tardes no que as picariñas galegofalantes dende o berce coma ela son consideradas como rara avis ou seres extraterrestres –iso si, moi riquiñas, moi curriñas, moi listas e moi bonitas– polo feito de utilizaren unha lingua en perigo inevitable de extinción.
No nadal de 1982, Xerais publicaba A chamada da selva, a noveliña de aventuras de Jack London traducida para o galego por un Gonzalo Navaza moi novo. Abríase así a colección «Xabarín», a primeira da edición galega destinada ao público infantil e xuvenil na que o editor Xulián Maure pretendía traducir boa parte dos títulos clásicos para crianzas de autores como Oscar Wilde, Herman Melville, Jules Verne, Lewis Carroll ou E.A. Poe, entre outros. Dende entón os inconfundibles volumes azuis de Xabarín, con cubertas deseñadas e ilustradas por M. Fragoso, comezaron a entrar en moitas casas, sendo para moitos mozos e mozas da década dos oitenta a súa primeira lectura en lingua galega. Títulos identificables, tamén, pola presenza na contra capa da icona da serie, unha cacheira frontal do xabaril cos cadanseus cairos ben afiados, unha imaxe moi divertida que hoxe identificamos cunha emoji que expresa ledicia
A publicación recente do informe do Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias volve a pór en evidencia o fracaso da política lingüística da Xunta de Galicia. Como xa sucedera nos informes de 2012 e 2016 desta organización internacional formada por 47 estados europeos, cuxa finalidade é a configuración dun espazo político e xurídico europeo común, neste quinto informe sobre o cumprimento da Carta por parte do Estado español, os expertos suspenden ao Goberno Galego por «non ter mellorado de forma significativa a súa aplicación» e polo feito de que «a presenza do galego é insuficiente no ensino», sobre todo na educación infantil, subliñando que na Secundaria se limita a docencia na lingua propia xa que non se imparten en galego grandes materias científicas. Un texto clarificador sobre os problemas actuais do galego na infancia que salienta o feito de que a súa transmisión de pais a fillos non estea garantida e que a proporción de alumnado que utiliza o galego na súa vida cotiá caese de forma significativa. Un texto técnico que lembra, ademais, o incumprimento do compromiso asumido na Carta de contar cun sistema de inmersión lingüística, xa que no sistema educativo non existe posibilidade ningunha de ofrecer un currículum en galego en ningunha das etapas educativas non universitarias.
Entre a apoteose da inauguración da iluminación de Nadal do sábado, non me pasou desapercibida a utilización das linguas que fixo nas súas intervencións Abel Caballero. Non me sorprendeu nin o emprego in extenso dun inglés fluído, lingua oral adquirida nos seus anos de mestrado e doutoramento nas universidades de Essex e Cambridge, nin tampouco a ausencia do galego, lingua que tampouco estaba presente no texto “VIGO, onde vive o Nadal” do espazo para as fotos e autorretratos da praza da farola, anunciado polo alcalde o día anterior. Ausencia da nosa lingua propia en intervencións institucionais, seguidas por milleiros de persoas nas rúas viguesas e nas redes sociais, que sabemos é intencionada para o rexedor vigués, hoxe xa unha figura de éxito en España, recoñecida na comunicación viral e no humor televisivo.
Desde hai un mes circula profusamente polas redes sociais unha campaña da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística instando á cidadanía a facer a declaración da renda en galego. Participan nela moitas persoas e coñecidos personaxes públicos.
O 8 de outubro Fran Beltrán publicou en Twitter este chío: "En Galicia hai máis de cen formas para designar a choiva, pero todas elas escampan #Afouteza e moito #Corazón @RCCelta A seguir traballando!" O medio centro madrileño respondía así a decepcionante actuación do cadro celeste en Sevilla e aos primeiros síntomas de crise do proxecto de Antonio Mohamed. Foi o seu un exercicio responsable de celtismo da vontade, mais tamén xeneroso de galeguismo, tanto polo feito de utilizar a lingua galega nas redes sociais, como por referenciarse coa súa riqueza semántica e literaria, capaz de expresar todos os matices que sabemos identificar nas precipitacións: dende o orballo, chuvisco, chuviña e chuviscada, cando é moi lene, máis tamén como babuxa, babuña, poalla, poallada ou froalla, até chuvieira, chuvascada, xistra, ou brea cando chove a ballón (a barullo) ou a choupón para que logo escampe, estrelampe ou estiñe e máis tarde chegue a brétema, a néboa ou o neboeiro... Xaora, tampouco era esta a primeira ocasión na que o noso Iniestiña chiaba en galego, xa que o veu facendo dende as primeiras semanas en Vigo e que xustificou, como o seu esforzo por aprender a falalo, coa intención de achegarse aos seareiros e devolverlles así o agarimo que recibe.
"Si quiere la atención en castellano pulse 1. Si quiere la atención en inglés pulse 2. Si quiere la atención en catalán pulse 3".
Conmemoramos este ano o centenario da constitución das Irmandades da Fala, a primeira entidade cultural que acometeu o labor de galeguizar Galicia en toda a súa transversalidade. A ela pertenceron moitos xuristas que fixeron causa común para salvagardaren os nosos valores patrimoniais; civilistas preocupados pola adecuación das nosas tradicións xurídicas consuetudinarias para que tivesen rango de dereito positivo no marco das grandes transformacións sociais e económicas que estaba a vivir o país, ao tempo que demandaban o uso da lingua galega nas instancias xudiciais.
O Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 5 establece que os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios para facilitar o seu coñecemento.
A crise na que se atopa a lingua galega, creación e expresión de todo un pobo, merece desde logo a atención e preocupación de cantos se decatan, aínda que sexa minimamente, da transcendental importancia da súa conservación e utilización. Ámbolas dúas cousas -conservación e utilización- condiciónanse mutuamente. Pois de pouco vale, se non é para simple lecer de historiadores e eruditos, unha lingua que só se poida atopar en vellos libros ou na lembranza esmorecente da xente maior que vai morrendo. Conservaríase, mais como algo pasado, como algo morto. Unha lingua non utilizada é unha lingua morta, por moi fermosos que sexan os monumentos mortuorios que os estudosos poidan erguer sobre ela na súa lembranza. Pois ben, falando de xente maior (pertenzo a tal gremio), velaquí xustamente onde hai urxencias que atender.
Estase a falar nestes días da delicada situación da nosa lingua galega, a única propia de Galicia. Danse nesta problemática diversas dimensións que se entrecruzan e non resulta doado deslindar unhas das outras.
Os datos do IGE sobre coñecemento, uso habitual e inicial do galego en 2013 expresan a aceleración do proceso de substitución lingüística en Galicia. O galego sofre unha hemorraxia dos seus falantes habituais, que aínda son a metade da cidadanía, mentres que o número daquelas persoas que en Galicia falan sempre ou principalmente castelán avanza en todos os tramos de idade e espazos xeográficos, sendo xa esta lingua maioritaria en case todas as cidades e entre os menores de 29 anos.
Hai xa algúns anos publicouse en Galiza un libro no que un capítulo leva como título "O ladrón das palabras", unha alegoría da situación de linguas dependentes ou subordinadas coma o galego. Chamoume a atención porque coido que dá no albo. Ese ladrón estranxeiro do que alí se fala que, cun coitelo ó cinto e un dente de ouro, se foi apoderando das palabras dun país que non era o seu fai referencia naturalmente á historia, aínda viva e presente, do país galego e da súa lingua. Por outra banda, só hai poucos días os xornais deron a nova, que en realidade tiña pouco de nova, de que o galego continúa co freo ou coa marcha atrás posta no seu desenvolvemento en relación co castelán. Non deixa de ser curiosa e sorprendente, porén, a diversidade no modo de apreciar este tipo de inxustas situacións lingüísticas e culturais se as comparamos con outras, igualmente inxustas, que están tamén de actualidade. Prodúcenos efectivamente noxo, e con razón, o conto de nunca acabar dos presuntos roubos ou atracos con guante branco que determinadas altas personalidades do mundo político ou económico presuntamente teñen perpetrado en detrimento dos lexítimos dereitos dos demais. É tamén moi comprensíbel a repulsa que, hai xa algo máis, se produciu tamén respecto de certas persoas que chegaron a apoderarse de nenos acabados de nacer para dárllelos fraudulentamente a outros pais. Roubos de diñeiro ou de persoas a costa dos perdedores silenciosos ou silenciados. Mais tamén as palabras dun país en posesión da súa propia lingua e cultura, é dicir, as palabras nas que se contén e se expresa o específico modo de vivir e de entender o mundo de todo un pobo poden ser obxecto de depredación e espoliación.