Carta de opinión de M. X. Blanco, en La Voz de Galicia:
Eu, que mamei o galego desde pequena, emprégoo en todos os eidos da miña vida e achego o meu grao de area para perpetualo a través dos meus fillos, asisto con tristura a un fenómeno que semella non ter volta atrás. Os resultados das enquisas máis recentes revelan que o número de persoas que recorren á lingua nai para comunicarse redúcese de xeito alarmante, pero non fai falla botar man destes ou outros estudos para confirmar unha realidade que é evidente. No parque, na escola ou en calquera actividade na que se xunten un grupo de nenos é doado comprobar que o galego non atravesa o seu mellor momento e que o futuro non é nada esperanzador.