Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta AELG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AELG. Amosar todas as publicacións

mércores, 25 de febreiro de 2026

Mais eles tamén perdidos


 Manifesto do Día de Rosalía 2026. Por Eva Veiga, recollido da AELG

Comprenderás estonces

como abranda a delor as pedras frías,

 anque abrandar non poida

 almas de ferro e peitos homicidas.

 Rosalía de Castro

Cara a onde imos?

Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.

domingo, 23 de febreiro de 2025

Saúde e terra!

Manifesto da AELG polo día de Rosalía, escrito por Marga do Val:

Saúde e forza, animais terrestres!

Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza,

esa palabra que nos sinala.

Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron.

Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de

palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e

ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros... Palabras que nadan

mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas... Palabras, rapaciñas do lugar, palabras,

toleirona mocidade.

Saúde para a lingua!

mércores, 22 de febreiro de 2023

Cumpriuse a xustiza


Manifesto da AELG polo Día de Rosalía, por Carme Adán: 

 
As palabras outorgan existencia. Nomeamos as cousas, os sentimentos, os desexos, as accións pasadas e as futuras. Nomeamos para compartir, para saber ou para coñecer o mundo. Nomeamos para vivir.

 

Mais as palabras son esixentes: requiren da nosa lectura, da nosa escoita, da nosa mirada atenta. Necesitan do silencio para ser comprendidas. Tal é o ruído do mundo que transitamos que as palabras non chegan aos ouvidos, non pasan de ser grafías sen sentido. No noso cotián os berros das desigualdades, as violencias e as inxustizas baten contra muros de ruído e ignorancia. Non escoitamos. Estamos xordas. Xordos de tanta información sobre a información da información. Non escoitamos nada, nin a ninguén. Alguén berra. Está lonxe. Está noutra rúa, noutra clase, noutra cidade, noutro país, noutra lingua. Noutra pantalla.

 

Os ollos tamén outorgan existencia. Ou deberían. Se cadra fixérono noutro tempo e agora, cansos de tempestuosas imaxes, non son quen de mirar. Din aquelxs que aínda teiman en escribir Filosofía, que a dixitalización fai desaparecer o outro como mirada. Afirman que acentúa o noso egocentrismo nunha obsolescencia programada do mundo, da alteridade que nos configura en humanos. Malia ter sempre os ollos conectados, atentos a unha luz que se ilumina na pantalla, conectados a outro golpe de información, a outra mensaxe, ao próximo “gústame”; renunciamos a mirar.

 

Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo. En cada verso xorde unha interpelación para nós: que ou quen permite e lexitima as desigualdades, as vulnerabilidades impostas, as guerras, as violencias, os corpos esquecidos e desposuídos de valor. Os que teñen fama de honrados seguen practicando a violencia? A mocidade que migra vai como rosas... e como volven? Ou volven? Poderá deterse o fascismo que vai percorrendo o mundo? Hai guerras que merecen a nosa atención e outras condenadas ao esquecemento? Só o consumo será o pracer do futuro? Merece a natureza ser oída? Que é unha vida vivíbel? Cada interrogante ábrenos unha nova cuestión ata que nos topamos de fociños contra o noso propio muro de ruído e ignorancia: Onde están as nosas palabras?

 

Hai un eco de vellas derrotas que nos paraliza.

 

Volvamos escoitar… Aí vén unha meniña gaiteira!

 

Moito máis forte é o eco das vitorias. Un eco indomábel que chega ata nós dándolle forma de dereitos a palabras como igualdade ou liberdade. Palabras activistas. Palabras que se resisten a ser esquecidas ou usurpadas. A xustiza é moito máis que unha palabra, si. Moito máis. Non obstante, necesita das palabras.

 

“Que a man tembrosa no papel só escriba 
palabras, e palabras e palabras!”

 

Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?v Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?

 

martes, 23 de febreiro de 2021

Día de Rosalía de Castro 2021


Un ano máis e a Consellaría de Educación segue sen recoñecer oficialmente o Día de Rosalía de Castro. Pola contra é un dos días máis celebrados nos centros de ensino. 

A AELG volve a invitar a toda a cidadanía a celebrar o vindeiro 24 de febreiro reiterando a súa proposición inicial (ano 2010) de que a  agasallemos cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade.

Este ano Ana R. Figueiredo foi a escritora que elaborou o manifesto da AELG e que reproducimos de seguido:


Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto... miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.

mércores, 19 de agosto de 2020

Xabier P. d Docampo na voz da amizade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organizaron unha homenaxe ao escritor Xabier P DoCampo, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e unha das voces máis singulares e galardonadas, o 29 de maio no teatro Rosalía Castro da Coruña. 

O acto foi presentado por Yolanda Castaño. Interviron: Ensino: Alfonso García Sanmartín, Xavier Senín e Fina Casalderrey. Activismo: Suso de Toro, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Bragado. Literatura: Paco Martín, Mª Xesús Fernández, Xosé Cobas e María Canosa. O relato oral: Paula Carballeira. E a música na voz de Miro Casabella. Lectura da súa obra por parte de Daniel Laxe, Leire Bonome e Uxía López.

domingo, 1 de marzo de 2020

Exposición "Ambos errantes polo mundo andamos" en Ares


Este póster é o primeiro dunha exposición organizada polo CPI As Mirandas (Ares) que se expón nos corredores do centro. Nela o texto de Rosalía de Castro vai acompañado das fotos do avó de Jéssica, emigrante en Alemaña. Invito a quen pase por aquí a que percorra o resto da exposición no blogue Tes moita lingua.
A proposta deste CPI segue as directrices marcadas pola AELG para a celebración do Día de Rosalía 2020.

xoves, 26 de decembro de 2019

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a respecto do Informe do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre a Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias

Após a publicación do informe do Comité de Ministros do Consello de Europa a respecto do escaso avance na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer constar a súa profunda preocupación ante o que considera, por parte dos gobernos español e galego, un explícito desatendemento do proceso de normalización lingüística.

mércores, 12 de xuño de 2019

Xabier P. Docampo na voz da amizade


Manuel Bragado xa fixo unha crónica da súa experiencia na homenaxe que a AELG e Asociación Cultural Alexandre Bóveda lle fiseron a Xabier DoCampo, "primeiro ao pé da súa casa, onde se descubriu unha placa, e máis tarde cunha velada literaria no Teatro Rosalía de Castro". Aínda que nunca é o mesmo vivilo que velo nun vídeo, non sobra este vídeo para os que non estivemos presentes nesa xornada. Moita xente, moitas voces, todas intentando devolver unha parte da amizade coa que Xabier Docampo os desbordou a todos.

mércores, 20 de febreiro de 2019

Alborada de Rosalía polos Carapaus


Outra vez máis é a AELG e o profesorado galego quen poñen en marcha Día de Rosalía xa que a Consellería de Educación lle vira as costas a esta celebración. Podería ser incomprensible se desde esta Consellería houbese un mínimo de cariño e respecto pola lingua de noso. Como non hai nada diso, comprendemos perfectamente ese desleixo, ese desprezo ao non incluir a data entre as celebracións escolares do curso.
Vía Praza Pública.

martes, 19 de febreiro de 2019

Cantarte hei. Manifest(o)Acción no Día de Rosalía

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019, por Ana Romaní



*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.

*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento

*Manifesta o poema

sábado, 24 de febreiro de 2018

Abride a fiestra

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2018, por María Reimóndez:

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.

luns, 20 de febreiro de 2017

Manifesto polo Día de Rosalía de Castro 2017

por Ledicia Costas, quen se lamentou de que os medios de comunicación estén a difundilo en castelán:

En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía, posúe as cores reveladoras da primeira luz.

mércores, 20 de abril de 2016

30 anos da Mesa pola Normalización

En abril de 1986, a AELG, AS-PG, Federación de AA. Culturais Galegas e co apoio da Associaçom Galega da Língua convocouse un “Encontro sobre o estado actual da normalización lingüística” que reuniu a case 500 asistentes. Entre as resolucións finais, acordouse constituír unha Mesa para a Normalización Lingüística que se encargase de poñer en práctica as conclusións daquel encontro.
Algúns puntos das propostas para o ensino eran estes:
I) Qué no próximo curso se imparta, como mínimo, o 25% de todo o ensino en galego; nos centros en que este obxectivo estéxa logrado, o novo obxectivo será, para o vindeiro curso, o 50%. Nestas procentaxes non se inclue, claro está, a asignatura de Língua e Literatura Galega.
II) Que o idioma de toda, absolutamente toda, a Administración educativa en Galiza, sexa o galego en exclusividade
III) Formación de equipos en todos os Centros que dinamicen e apoien o proceso normalizador; recoñecimento a efeitos laborais das horas ocupadas neste labor. Supresión do actual sistema de cursiños de galego que constituen unha rede caciquil máis preocupada en implantar a política lingüística da Xunta que en capacitar seriamente aos asistentes e incorporá-los á prática galega.
VII) Aumento da calidade e cantidade do material didáctico en galego sen discriminacións editoriais, ideolóxicas ou normativas. Promoción e introdución de material didáctico portugués para subsanar as caréncias que actualmente hai e por ser unha garantia de protección da nosa prática lingüística.
VIII) Galeguización do curriculum; que as disciplinas de Xeografia e Historia se fagan desde unha óptica galega non dependentes nen inmersas no ámbito español.
De total actualidade, non?
A principios deste mes A Mesa celebrou este aniversario. Con este motivo, o presidente da asociación, Marcos Maceira foi entrevistado no programa Área Pública da TVG.
Este pasado luns, o anterior presidente da Mesa, Carlos Callón, adicou o seu vídeo semanal tamén a este tema.
Nestes tempos, nos que a lingua e os seus falantes, estamos sofrindo un redobrado ataque, son moi necesarias todas as asociacións de defensa da lingua. Por iso, á pioneira, parabéns neste aniversario. Espero volverllo a dar cando cumpra o medio século, e agardo que daquela a situación do galego sexa mellor que a actual.

P.S.: “Os avanzos para o galego nestes 30 anos lográronse grazas ao compromiso da sociedade co seu idioma”, entrevista a Marcos Maceiras no Sermos Galiza

mércores, 24 de febreiro de 2016

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2016

Manifesto do Día de Rosalía 2016, que será leído nos actos que se celebran o 24 de febreiro, vía AELG;


Non podemos saber como sería hoxe Rosalía de Castro. Ou si: sería como era, como foi, como segue a ser, como é Rosalía. E como é Rosalía, que agora non o podemos saber?Sabemos, sabemos. Sabemos que foi verdadeira, que viviu toda a súa vida converdade e que foi unha persoa libre, e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura.

mércores, 25 de novembro de 2015

Comunicado público da AELG de apoio ao manifesto Queremos galego na administración local de Cee

Comunicado da AELG sobre o caso da agresión á lingua galega no concello de Cee:

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega declara publicamente o seu apoio ao manifesto Queremos galego na administración local de Cee e fai un chamamento a usar, apoiar e impulsar a nosa lingua propia, lingua en que se expresaron as e os poetas do noso país, algúns deles fillos desa comarca de Fisterra.

luns, 27 de abril de 2015

Palabras náufragas

por Manuel Cabada Castro, no Faro de Vigo, dando a coñecer a iniciativa da AELG chamada "Palabras con memoria" elaborada Isidro  Novo e que comenzou a publicarse no semanario Sermos Galiza a partir do número 140.


A crise na que se atopa a lingua galega, creación e expresión de todo un pobo, merece desde logo a atención e preocupación de cantos se decatan, aínda que sexa minimamente, da transcendental importancia da súa conservación e utilización. Ámbolas dúas cousas -conservación e utilización- condiciónanse mutuamente. Pois de pouco vale, se non é para simple lecer de historiadores e eruditos, unha lingua que só se poida atopar en vellos libros ou na lembranza esmorecente da xente maior que vai morrendo. Conservaríase, mais como algo pasado, como algo morto. Unha lingua non utilizada é unha lingua morta, por moi fermosos que sexan os monumentos mortuorios que os estudosos poidan erguer sobre ela na súa lembranza. Pois ben, falando de xente maior (pertenzo a tal gremio), velaquí xustamente onde hai urxencias que atender.

domingo, 30 de novembro de 2014

Homenaxeamos un bo e un xeneroso

por Cesáreo Sánchez Iglesias, no Sermos Galiza:

En 2012 Francisco Carballo recibiu a distinción Bos e Xenerosos que outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Reproducimos aquí o discurso que con tal motivo pronunciou o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Amigas e amigos, querido Francisco Carballo.

mércores, 25 de xuño de 2014

Cando Xabier P. Docampo peta na nosa porta

Por Merdes Queixas no Sermos Galiza:

Agora mesmo chove a cachón. Víase vir. Escoitábase bruar lonxe. O calmozo anunciaba en sucesivas badaladas que a treboada nos visitaría neste sábado de benvida ao verán, esa estación que agasalla a suxerente delicadeza saborosa das cereixas.
Mais hoxe é imposíbel terlle medo á auga que, persistente, ficou connosco a maior parte do outono e do inverno.

sábado, 21 de xuño de 2014

Xabier P. Docampo: "Se desaparece a lingua morre o elemento, o noso escudo"

Carme Vidal entrevista a Xabier P. Docampo para o Sermos Galiza:


O de Xabier P. Docampo é un dos grandes nomes da nosa historia literaria, con máis de trinta títulos publicados, en especial de literatura infantil e xuvenil. Con Xabier P. Docampo falamos da infancia, da lingua e da Terra Chá, evocacións que veñen ao fío da cerdeira que plantará en Castro de Lea, onde pasou os máis importantes anos da súa vida.


-Por que escolleu Castro de Ribeiras de Lea para a homenaxe da AELG?
Cando tiña sete meses fomos para Castro e alí nos instalamos. Cando me dixeron do acto o primeiro que digo é Castro de Ribeiras de Lea.Era o espazo no que me apetecía recibir unha homenaxe como esta.

luns, 12 de maio de 2014

Na gala das letras

Discurso do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na gala das letras, acto de entrega dos premios anuais que tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra o pasado sábado día 3 de maio, no Sermos Galicia:

Hoxe é un dia de celebración das obras de creación, dos saberes e oficios que se fixeron escrita ou oralidade creadora ao longo do ano 2013 e viron a luz nas editoriais galegas e nos diversos medios escritos.