Páginas
mércores, 13 de febreiro de 2013
Agustín Fernández Paz: "A loita pola lingua é a loita por unha sociedade mellor"
Iago comenza preguntándolle sobre o seu nomeamento como doctor honoris causa pola Universidade de Vigo, e despois pasan tamén conversar sobre a lectura e a escritura.
A partir do minuto 35 trátase o tema da normalización. Agustín fala da hipocrisía dos que se manteñen no discruso da imposición e chama a continuar cun discurso ilusionante que están a desenvolver a CTNL e a CGENDL.
Tamén trataron sobre o ensino, do que como bo mestre, Fernández Paz bota en falta o trato cos rapaces, e no aspecto negativo comentou que a "lei Wert é a volta ao franquismo".
Ir a descargar
domingo, 4 de marzo de 2012
Entrevista a Valentín García en EL País
'Ao conflito reretímonos sempre os que estamos impicados na cuestión do idioma, pero a nivel social non existe. Non é que non exista gora, é que tampouco existía antes.'
Sobre a cuestión de que en realidade non se cumpre o decreto do plurilingüismo:
'Mentres non teñamos evidencias en contra, estase a cumprir. Non podemos acutar de oficio como unha policía política. O sistema educativo está funcionando con normalidade. Non temos por que rasgarnos as vestiduras se a un libro lle falta unha frase, iso arránxase cunha nota a cada centro. En calquera outra área de doberno non pasaría dun breve, pero aquí ocupa titulares'
'Ti cres que alingua vehicular é tan importante na vida dun cidadán?'
Sobre a cuestión de que a proximidade lingüística pode ser un atranco para a normalización:
'Non hai solucións puras. A proximidade tamén ten incovenientes, fai que o falante de castelán non vexa a necesidade de usar o galego. Eu pediríache que lle deras a volta: ao ser dúas lingua próximas e intercomprensibles, o conflito debería ser menor. O problema son os prexuízos na rúa e nos grupos que poden ter un interese ne defender unha postura ou outra.'
Pregunta:Por primeira vez hai un abismo entre a consideración das distintas linguas no Estatuto de Autonomía e o seu traslado ao sistema educativo. Que hai que cambiar: o decreto ou o Estatuto?
Resposta: Non hai que chegar a tanto. A venerable comisión que redactou o Estatuto non podía pensar nun horizonte como este. Hoxe calquer enxeñeiro en Galicia ten máis posibilidades de ir a traballar fóra e hai infitinade de publicacións especializadas que están só en inglés. En todo caso, o Estatudo dá para isto e para moito máis. Non podemos promocionar o galego combatindo outras linguas, porque xa están aquí e chegarán outra. O noso obxectivo ten que ser gañar usos onde nunca os houbo, non o esquenzamos.
'Non podemos perder a perspectiva. O Estatuto fai referencia á sociedade; o decreto, só ao ensino. Á escola correspóndenlle as patitudes e as actitudes, o uso é da sociedade. De que vale que un neno teña os manuais en galego se na rúa está todo en castelán?'
venres, 24 de febreiro de 2012
Henrique Monteagudo: 'As estratexias contra o decreto foron derrotadas'
O profesor Henrique Monteagudo (Muros, 1959) entra na Real Academia Galega case dous anos despois de ser elixido para ocupar a vacante de Antonio Gil Merino, falecido en 2009. Mañá ás 12 do mediodía lerá o seu discurso de ingreso no paraninfo da Universidade de Santiago. Titúlase Facer país co idioma e non pretende resolver enigma ningún, senón ser “útil”, insiste, para o debate en curso. Impugna a “falsificación” da liberdade lingüística e coloca a normalización á beira do seu propio cantil: ou responde a un proxecto de autogoberno ou carece de sentido.Pregunta. Se aceptamos que a normalización lingüística e o autogoberno son inseparábeis, parece improbábel que este PP se implique na construción dun consenso similar ao dos oitenta.Resposta. Falta por ver como afecta o novo escenario, con Mariano Rajoy no Goberno: como responde o sector máis sensible do partido e como evoluciona Feijóo agora que se esvaeceron as súas opcións de facer carreira en Madrid. O PP gañou as eleccións, así que o problema é o país, non o PP. Somos conscientes de que este é un proceso de reversión do autogoberno, devolución de competencias e disolución de identidade? A normalización lingüística non é a recuperación de nada, é un proceso de innovación dunha sociedade que reclama para si instrumentos para decidir o seu destino.
martes, 18 de outubro de 2011
Punto e final
domingo, 3 de xullo de 2011
A escola que perdemos
Non me vou ocupar dos culpábeis do peche do Galicia Hoxe neste artigo. Nin de Feijóo nin dos que pensan por Feijóo nin dos lectores e as lectoras que non mercan prensa en galego nin dos responsábeis da liña editorial e a xestión económica do Galicia Hoxe. En absoluto. Xa se escribiu arreo estes días, e máis que han dicir. Haberá cabodanos, informes, hermenéutica. Nin sequera pretendo compartir aquí a rabia e a impotencia polos despedimentos. Lean a Fran P. Lorenzo no seu blog –procuren facelo decote, non só esta semana–, que ademais está fóra dos dominios do Arcebispado de Santiago. Estas liñas son, en realidade, de agradecemento. Escríbeas un coleccionista de papel prensa con ducias de exemplares da “Revista das Letras” na casa e un aprendiz de xornalista que tiña no Galicia Hoxe unha escola e un competidor dos que pagan a pena. Vaia, daquela, por todos os almorzos que me amargaron os compañeiros e as compañeiras do diario cunha reportaxe que eu non vira, unha información á que non tivera acceso ou un titular que eu nunca sería capaz capaz de escribir no tempo no que se escriben os titulares.
O xornalismo en galego está por facer. Claro que temos antecedentes, pero non é abondo. Son, na súa maioría, experiencias abortadas prematuramente. Escribimos con sacho mentres na leira do lado producen páxinas e páxinas en castelán con tecnoloxía do século XXI. Diso, de darnos as ferramentas, nunca se ocupan as axudas da Xunta de Galicia nin os medios que se benefician delas. Por iso era tan importante para nós ter a man o Galicia Hoxe, malia a todos os erros e toda a precariedade, que tamén coñecemos ben. Para saber como se chaman as cousas e como se flexiona o futuro. l
luns, 13 de xuño de 2011
Xabier Queipo: 'o máis revolucionario en Galicia é escribir en galego'
domingo, 22 de agosto de 2010
Tapando furados
Para cubrir o oco desta última semana vou deixar aquí unha lista de ligazóns a un blogue que recomendo: Imos Indo.
Unha das teimas que teño é presisamente a que dá título ao primeiro dos artigos que recomendo aquí. Impresecindible.
16/06/2010: O risco da dialectalización Montse Dopico en Galicia Hoxe
Avelino é unha das pesonalidades pola que sinto maior adminración. Nesta entrevista podedes enxergar algunha das razons deste sentimento.
17/08/2010: Pousa Antelo: "O presidente é un arrecastado" Entrevista en Galicia Hoxe
Un artigo sobre o maltrato á cultura galega. O desprezo pola nosa lingua ten que vir acompañada de cousas como a que se relatan aquí:
17/08/2010: As películas financiadas polo bipartito amolecen nun soto Iago Martínez no Xornal
Xa o manifestei en máis ocasións: entre os autores que mellor escriben sobre a lingua destaca Xabier Docampo.
18/08/2010: Aos responsábeis da nova caixa Xabier Docampo no Xornal
luns, 5 de xullo de 2010
A literatura encaixa outro gol en Vigo
Xerais cancela dous actos na Feira do Libro para non ter que competir cos decibelios da pantalla xigante instalada polo Concello e Caixanova na mesma alameda para seguir os partidos de España
Cando Villa marcou o sábado o único gol da selección española fronte ao cadro guaraní, o que lle valía o pase a semifinais, Marcos Calveiro tirou a toalla e lanzou unha mensaxe a través de Twitter: “Marcos Calveiro, 0 - La roja, 1. O mércores non presentarei o meu libro na feira do libro grazas ao Concello de Vigo. Fútbol si, cultura non”. Gol de España, literatura en fóra de xogo.
Calveiro debía presentar na alameda O pintor do sombreiro de malvas, Premio Lazarillo 2009, acompañado polo ilustrador Ramón Trigo e o editor Manuel Bragado. O acto estaba convocado para as oito e media da tarde do mércores, pero á mesma hora os de Vicente del Bosque xóganse o pase á final contra o once xermano que humillou a Arxentina en cuartos. Parece difícil competir en decibelios cos seareiros que se citen na Alameda para seguir o partido na pantalla instalada polo Concello de Vigo e Caixanova.
“É de coña”, explica agora o escritor. “Este Concello ten sensibilidade para os avións, os cabalos e os partidos de fútbol, pero non para a literatura galega. Xa non me sorprenden estas cousas, así que presentarei o meu libro na Feira do Libro da Coruña, que é unha cousa seria. Alí teñen unha Concellaría de Cultura como dios manda, non hai máis que ver o que fixeron con Achegarte o ano pasado”.
Ao director de Xerais tampouco lle fixo demasiado chiste. O título da anotación no seu blog (bretemas.blogaliza.org) é abondo elocuente: “A pantalla xigante magoa a Feira do Libro de Vigo”. A Manuel Bragado non só lle preocupa ter que suspender os actos previstos pola súa editorial, senón a “falta absoluta de respecto e sensibilidade para a cultura do libro e a lectura” que demostran as institucións ao instalar a pantalla xigante no “xardín histórico” no que a Feira do Libro se celebra dende hai 36 anos.
“Son ganas de crear polémica onde non a hai”, engade Xurxo Patiño, responsábel de Librouro, director técnico da feira e presidente da Federación de Libreiros de Galicia. “O fútbol e a cultura son compatíbeis, pero non no mesmo espazo e ao mesmo tempo. As actividades da feira estaban organizadas moito antes de que decidisen instalar esta pantalla. Habendo espazos como a Praza do Rei e ou a Praza da Estrela, non vexo a necesidade de prexudicar a feira escollendo a alameda, que ademais é un sitio delicado”.
Marcos Calveiro, en calquera caso, non ha ser o último damnificado pola coincidencia. Gañe ou perda o mércores contra Alemaña, a selección española terá outro partido antes de que se recollan as vinte e tres casetas da feira. Se vence ao once xermano, xogará a final o domingo ás oito e media da tarde, cando se supón que Lois Pérez Leira e Elba Torres deberían estar presentando Mulleres da emigración e 20 mujeres y una leyenda respectivamente. Se perde, xogarase o terceiro posto o sábado á mesma hora á que Edicións do Cumio ten previsto presentar Zampadanzas, do colectivos de baile portugués Pédechumbo. Pase o que pase en Suráfrica, o libro perde en Vigo.
luns, 28 de xuño de 2010
A ver se cabemos todos
por Iago Martínez, no Xornal de Galicia:
Que equivocados estabamos. Durante os catro anos que levamos traballando en Contra a morte, o noso documental sobre Lois Pereiro, Alexandre Cancelo e mais eu fixémonos cen veces a mesma pregunta: que clase de Real Academia Galega lle dedicaría o Día das Letras Galegas a un poeta coma o de Monforte? Ningunha, claro, contestabámonos afoutos. Que soberbios. Vaia mantra de saldo o noso.
Parecía difícil que na casa da lingua se acordasen de Lois Pereiro. Publicou pouco, fardou menos e morreu axiña. Perdón pola crueza, pero deixou un cadáver perfecto. Foise con 38 anos e dous libros que mancan: Poemas 1981/1991 e Poesía de amor e enfermidade. O resto é póstumo, inacabado ou noso. A biografía prestábase. Convertémolo no reverso de todo o que hai. A falta de comité de empresa, lanzámolo contra a patronal da literatura. Desculpa, Lois.
Case mellor así, pensabamos. Deixádeo estar. Mentres as vosas sucias mans sigan nos petos, nós seguiremos sendo apóstolos na seita secreta de adoradores de Lois Pereiro. O poeta de Berlín. O único punk con galóns para estar no panteón laico dos galegos ilustres. A poética bisturí dos oitenta. O tráxico narcisista do cabalo e a colza. O enfermo. A ver como llelo explican aos cativos nas escolas.
Que equivocados estabamos. Había unha Real Academia Galega capaz de dedicarlle a Lois Pereiro o Día das Letras Galegas. Cando mo dixeron onte, fixen dúas cousas, por esta orde: lanzar a noticia no Twitter coma un pailán e acordarme dun mundo de xente. De Inés, de Xosé Manuel, de Pedro, de Raúl, de Geluca, da outra Inés, do pequeno Lois, de Piedad, de Saco, de Couso, de Amelia, de Pepa, de Suso, porque a biografía de Luisón está chea de xente. Só despois pensei nas Maribolheras Precarias: mellor descontroladas que institucionalizadas.
Tamén niso estabamos equivocados ao principio, supoño. Primeiro buscamos esa voz radical que nos lixara a mocidade toda dende un número solto de Luzes de Galiza que atopamos en Librouro. Despois pasamos do abraio á épica e intentamos reconstruír entre os cascallos o home atrás dos versos. Que idiotas. Coma se alguén puidese obrar semellante milagre. Coma se fose necesario. Coma se non abondasen xa as momias e os exorcistas neste país tan antigo.
Ao final acordamos. Decatámonos de que Lois Pereiro eran eles e elas. Os lectores, as amigas, os cómplices, os que se chaman coma el, todos os que perderon antes. Esa estirpe da fame e os grillóns que o poeta invocaba na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Porque teñen dereito. Porque temos dereito. O ano que vén van ter que facer sitio no Día das Letras Galegas. A ver se cabemos todos.
venres, 30 de abril de 2010
Un sociolingüista menos

Estamos a fin de mes. Revisando rascuños que tiña perdidos polo ordenador atopei un artigo moi recomendábel de principios de mes (1/4/2010).
por Iago Martínez, no Xornal de Galicia
Entre ser un nacionalista emboscado nun goberno da dereita e ser un españolista furibundo aliado na destrución do galego (sic, ou case), Anxo Lorenzo prefire ser todo o contrario. Cando se lle pregunta se o decreto do bipartito “impoñía” o galego, contesta cun siloxismo que xa nos resulta familiar: a sociedade galega así o interpretou, e por iso lle deu a presidencia da Xunta a un partido que vai derrogar esa norma diabólica. Calquera cousa menos a súa propia opinión. Se un lle fai ver que ten a metade do Parlamento en contra, comenta a cor das paredes. Cando se lle recorda que unha enquisa ás familias non é unha consulta a toda a sociedade galega, confesa que non toma café. Un amigo con moitas horas de barra clavouno o outro día: desconfía dos que beben os gintonics en silencio.
A conversa con Anxo Lorenzo recordoume outra que tivemos na redacción con Gloria Lago. Equiparar o ex asesor do PSOE e a activista de Galicia Bilingüe sería cientificamente temerario, pero hai que recoñecer que a súa retórica empeza a parecerse demasiado. E en Xornal, dende logo, ambos foron igual de evasivos. Técnicas diferentes, si, pero análogas. Ela procede por redución. Elude as contradicións máis obscenas con anécdotas igual de obscenas: se un intenta falar do Estatuto de Autonomía, ela rescata algún rarísimo caso de intolerancia, como o desa presunta profesora que deixaba que os cativos se mexasen por riba se non pedían permiso para ir ao baño en correcto catalán. Xa sabemos como funciona. A consigna é converter a excepción nun síntoma.
Anxo Lorenzo fai todo o contrario. El opera por elevación. De nada serve a teima do catedrático Fermín Bouza por demostrar, dende a ciencia política, que a cousa da lingua nada tivo que ver cos resultados electorais de hai un ano. Anxo Lorenzo non empregou un só dato ao longo da hora e media que pasou no Café de Redacción de Xornal. Ningún. Non os necesita, ao que parece, para saber o que pensa a militancia socialista, que non é o que os seus líderes expresan. Tampouco para estar na cabeza dos traballadores do ensino, malia ás posicións dos sindicatos. Nin para interpretar a vontade dos pais, diferente da que esgrimen as anpas. Só eles –Anxo Lorenzo non está só– saben o que queren as masas. Son o termómetro do respaldo social e o seu diagnóstico é claro: non o hai arredor do galego, así que non se pode lexislar a favor da lingua propia de Galicia.
Por se había dúbidas, Anxo Lorenzo aclaróunolo: “Xa non son un sociolingüista”. Alguén con moita máis experiencia ca min díxome que nacera un político. Discrepo. A min paréceme que é precisamente todo o contrario: a negación da política. A renuncia a consensuar un modelo de convivencia e articular as ferramentas para construílo. Barra libre nas escolas, que no resto da cousa pública xa hai tempo que funciona a rapina. De feito, creo que habería que rebautizar o seu departamento. A súa, en diante, debería chamarse Secretaría Xeral de Autoservizo Lingüístico. E de Adivinación, claro.




