Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta lexislación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lexislación. Amosar todas as publicacións

luns, 23 de marzo de 2026

Arrebatos do estado monolingüe

 


por Xosé Lois García, no Nós Diario:

Os actuais políticos abandeirados por partidos que proclaman ese unitarismo españolista, disfrazado polo centralismo rancio e trasnoitado, constatan a unidade de España por enriba das xustas reivindicacións das nacionalidades periféricas do Estado español. Estes políticos moi pouco exercitados na diversidade cultural, lingüística e emocional dos outros, están  asentados e comprometidos, a toda costa, co monolingüísmo: idioma único e patria única. Iso si, asentados no idioma castelán e a patria española, feita á medida da Castela que “desprecia lo que ignora” -palabras de Antonio Machado-.

sábado, 28 de febreiro de 2026

Oficialidade de cartón

 


por Carlos Callón no Nós Diario:

Ás veces un país recoñécese nos seus silencios. A sucesión de eventos que conforman O libro negro da lingua galega comeza en 1480, coa norma que varre o galego da burocracia, e finaliza en 1986, cando o Tribunal Constitucional emite unha sentenza para limitar a oficialidade do noso. Non é casual que ese sexa tamén o ano en que xermolou A Mesa pola Normalización Lingüística. No entanto, quería chamar a atención sobre unha obviedade que, por máis sabida que sexa por quen vai pousar o seu ollar sensíbel nestas liñas, non por iso debe deixar de se destacar: O libro negro da lingua galega tería que ser só historia, mais non cesa de se escribir, cada día.

xoves, 26 de febreiro de 2026

A lingua galega e os corpos policiais

 por Xosé González no diario dixitgal O Barbanza:

Durante moitas décadas os sucesivos gobernos do Estado non lexislaron para que en Galicia a cidadanía puidese utilizar a lingua propia nas súas relacións cos órganos periféricos, nomeadamente coas forzas e corpos de seguridade. Este baleiro lexislativo provocou indefensión xurídica. O paradoxal desta situación surrealista é que o 98% dos efectivos policiais no noso país son galegofalantes. Estamos pois perante unha diglosia inducida que ten as súas orixes nun desviacionismo do exercicio do poder que non recoñece a cultura e lingua dun pobo como “patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección” (art. 3 da Constitución española).

 

venres, 1 de agosto de 2025

A importancia da oficialidade do galego na UE

 por Xosé Antón Pérez Lema no
Praza Pública:

Para entendermos o proceso que se desenvolve dende hai case dous anos no Consello de Ministros de Asuntos Xerais da UE a respecto da oficialidade do galego, catalán e euskera nas institucións europeas, cómpre entendermos o réxime lingüístico operante na UE e o xeito no que se integrou  no 1986 nas Comunidades Europeas (precedentes da UE actual) o Estado español.

venres, 6 de setembro de 2024

Unha CRTVG sen lingua (galega)

Actualmente a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia é a lei 9/2011 especifica no seu

Artigo 6. Uso da lingua galega. A lingua da Corporación RTVG é o galego; xa que logo, a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega.
Ademaiis, engádese unha referencia á lusofonía no
Artigo 3.4. A Corporación RTVG poderá subscribir convenios de colaboración con entidades prestadoras de servizos audiovisuais para a produción ou difusión de contidos audiovisuais en lingua galega e portuguesa en Galicia e nos países de cultura lusófona.  
O goberno do PP pretende reducir a presenza do galego, tal e como se deduce do Anteproxecto de lei dos servizos públicos de comunicación audiovisual. O primeiro que chama a atención é a propia denominación do artigo no que se elimina o concepto de "lingua galega" que vén ser substituído polo xenérico de "lingua". Fica claro que "lingua" significa "lingua española". O artigo, en cuestión non se usa para garantir o uso da lingua galega. Os seus obxectivos son
  • Eliminar a garantía de que a liingua do audiovisual público sexa o galego
  • Reducir a produción propia (en galego) e blindar a edición e difusión de contidos de produción allea.
  • Xustificar e, en consecuencia, garantir por lei, o uso do castelán nos medios públicos de comunicación. 
  • Borrar toda referencia á lusofonía. Ben se ve que a finalidade é que se camiña para que o marco de referencia da lingua galega sexa o castelán.
Vexamos a redación do 
Artigo 7. Uso da lingua. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega e garantirán a edición e difusión en galego dos programas, contidos e servizos de produción allea, sen prexuízo da utilización doutras linguas cando así o xustifique o cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei e, en particular, co fin de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma. 

É de supoñer que este anteproxecto conta co apoio de todo o organigrama da Xunta, en especial da SXPL. Revélase así outra vez máis cal é o sentido da política lingüística do PP, levar á anorexia a lingua galega.

Xa que estas son as directrices, non vou opoñerme, senón que, polo contrario, colaborarei a este novo agravio ao galego. Voulles aforrar o traballo aos responsables desta nova tele galega e aquí lles deixo o seu novo logo 


sábado, 4 de marzo de 2023

40 anos da Lei de Normalización Lingüística. Falamos dela ou non convén?

 


por Xosé Henrique Costas, no Nós Diario:

Neste 2023 amoréanse as conmemoracións de feitos sobranceiros na nosa cultura: fanse cen anos da fundación da Irmandade Nacionalista de Vigo, con Manuel Antonio de motor e leme daquel pailebote de ilusión; cen anos máis do pasamento de Murguía, soñador da Real Academia Galega (RAG) e artífice da nosa historia enxergada desde nós; e por riba fanse outros cen da fundación do Seminario de Estudos Galegos, o SEG eliminado polo franquismo, para cuxo aniversario Xunta, Consello da Cultura e universidades anuncian diversos actos conmemorativos.

 

A isto engádeselle que as Letras Galegas deste ano están dedicadas a ese exemplar “obreiro do galeguismo” que foi D. Paco del Riego –o noso “Xoán XXIII” –, pois con el chegou aire fresco a unha RAG nifosa. Moi vencellada a D. Paco, cúmprense 60 anos da creación desa gran biblioteca nacional galega que é a Fundación Penzol, e esta semana xa se inaugurou unha exposición fermosa e patriótica deste acontecemento.

 

Tamén se fan 40 anos da aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística de Galicia, norma esmiolada polo Tribunal Constitucional e moi deficientemente aplicada polos sucesivos gobernos –agás na época do bipartito–, que debía ser a cerna da revitalización do idioma nos diferentes eidos sociais.

 

A lembranza da figura senlleira de Murguía principiou o día 2 na Coruña e continuou en Santiago e Padrón (por certo, inexplicable a ausencia de Henrique Rabuñal). Non deixamos de nos abraiar lendo as hipócritas declaracións dos verdugos do idioma nestes actos. É que a cortesía institucional implica o consentimento e aceptación do lingüicidio perpetrado pola Xunta? Non hai ninguén neses actos que diga nada?

 

Os lingüicidas, e os que consenten que a lingua se esborralle nas escolas, tamén os veremos este ano a louvaren a figura ciclópea de D. Paco, a profanaren a súa memoria, a súa idea dunha nación culta e dunha lingua con futuro. Botaranlles ducias de loureiros aos fundadores do SEG e volverán depositar flores na tumba de Castelao ou Rosalía ao mesmo tempo que as nosas fillas na Coruña só reciben en galego a materia de Lingua Galega, ou que os nosos cativos en Vigo perden a lingua da casa despois de tres meses de aulas por non teren ningunha escola que lles garanta o idioma do país. E todos felices?

 

Sen conmemoracións
Non lin nin ouvín nada sobre conmemoracións oficiais dos 40 anos da entrada en vigor da LNL. Se cadra xa hai abondas celebracións este ano. Ou se cadra unha análise rigorosa da LNL deitaría luz sobre que se puido aproveitar esta lei e non se quixo facer porque non houbo nin hai vontade política. Certo é que ao abeiro desta lei houbo tímidos avances, e en 2004 mesmo se aprobou por unanimidade un Plan xeral de normalización lingüística elaborado durante anos por 200 especialistas e ignorado logo con prepotencia polos gobernos de Feixoo. Cunha LNL desaproveitada, o retroceso social do idioma nestes 40 anos foi implacable e, coa política lingüística da Xunta actual e a pasividade caladiña de certa intelectualidade galega, imparable.

 

"Biligüismo bueniño"
Nun país normal, despois de 40 anos cumpriría unha actualización desta norma. Daquela eu pediría unha cousa: que se suprima o artigo 13.3: “Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón de lingua. Tamén se evitará a separación en aulas diferentes”, porque se demostrou letal para a lingua e antagónico co 13.1. “Os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna”.

 

Para lles garantirmos aos nosos pequenos o dereito a un ensino e a primeira socialización na súa lingua, non os podemos deixar “diluír lingüisticamente” nas contornas onde o castelán é a lingua única/maioritaria. Todos coñecemos centos de casos de crianzas que abandonan o galego aos poucos meses de escolarización. O sistema actual de “bilingüismo bueniño” non garante a conservación nin a adquisición fluída do idioma nos nosos fillos. A LNL quere revisada.

 

Isto que pido non é ningunha arroutada, é o que lle vén pedindo o Consello de Europa á Xunta desde hai 25 anos: garantir un ensino na lingua minorizada para quen o desexe.

 

Mais a LNL tamén é medios, sanidade, xustiza, empresa administración... Interesa falar da LNL? Ou todo se nos irá en centenarios, fotos, inauguracións, sorrisos e discursos quedabéns de ganchete dos verdugos do idioma que, coma sempre, fagocitarán mediaticamente a iniciativa, o esforzo e a ilusión patriótica de tanta xente que cre no país? Falamos da LNL ou non convén?

martes, 5 de marzo de 2019

A lexislación actual no ensino das matemáticas en galego





Esta presentación, que utilicei  nas II Xornadas de terminoloxía matemática celebrada o 29/11/2017 veume á memoria cunha cuestión que chiou JJ na que se interesaba como estaba a cuestión lexislativa no relativo ao uso do galego nas aulas de matemáticas na época da LOXSE.

Aquí explícase moito máis. Seguindo as diapositivas faise un percorrido polas distintas ordes e decretos desde o fin da ditadura, e inclúense algunhas reflexións de estudos sobre a cuestión ou diapostivas relativas á carencia de materiais didácticos na nosa lingua para a materia de matemáticas.

Se alguén se para a pasar as diapositivas, quizais considere algo incomprensibles as número 19 e 20. Explícanse dalgunha maneira na seguinte, na nº 21 e neste artigo de Paenza no que se relata o fracaso da enorme enquisa realizada pola revista Literary Digest no 1936 diante das eleccións presidenciais estadounidenses na que Roosvelt se enfrontaba a Landon. Ese fracaso tiña as súas raíces nun desastroso procedemento de escolla da mostra. Tomo esta referencia para explicar que o sistema é esencialmente o mesmo que o usado pola Consellería de Educación no ano 2009  cando realizou unha consulta "ás familias" do alumnado matriculado no sistema non universitario sobre distintos aspectos do uso das linguas no mesmo. Esta trapalleira consulta foi tida en en consideración para a elaboración do decreto 79/2010 (!) e así consta no preámbulo do propio decreto. Todo isto é indicativo do contido do funesto decreto.

Remata a presentación cun extracto dun artigo de D. Enrique Vidal Abascal do ano 1979, o ano en que se publica o coñecido como decreto de bilingüismo que tiña o obxectivo de prohibir a docencia en galego que comenzaba a abrollar naquela época. Pasaron 40 anos e seguimos nas mesmas.

sábado, 12 de maio de 2018

Tribulações de um reintegracionista para modificar seu apelido

por Nemésio Barxa, no Sermos Galiza:
Seu apelido ou seu nome. Ultimamente neste digital esta-se a reivindicar o direito que todos temos de reintegrar ao galego nossos apelidos ou nomes deturpados ou castelanizados. Eu ao remate de este escrito vou deixar um resumo dos trámites e condições que devem darse para obter a modificação. Mas, primeiro, vai uma mensagem para os que comigo compartem as teses reintegracionistas e que podem pensar em optar a mundanças não sempre de facil decissão.

luns, 25 de decembro de 2017

Ikea, galego e sentido común

por Marcos Maceira no Sermos Galiza:

A opción de consulta na páxina web de Ikea en todas as linguas cooficiais do Estado agás o galego na información xeral da web, atención á clientela online ou telefónica, provocou, máis unha vez, un grande movemento a través da redes sociais, reclamándolle á compañía sueca que poña a nosa lingua ao mesmo nível que calquera outra, e en consecuencia que dea a posibilidade de escolla de galego como opción.

mércores, 19 de outubro de 2016

Discriminación lingüística, discriminación racial


Spot publicitario do Ministerio de Cultura peruano no que se pon de manifesto a discriminación lingüística como un tipo de discriminación racial. Este anuncio forma parte dunha campaña de sensibilización contra o racismo que se está a desenvolver no Perú.
O 22 de xullo deste ano publicouse unha lei [1]que intenta enfrontar un problema que afecta a áis de 4 milllóns de peruanos que fala algunha das 47 linguas indíxenas do país.




venres, 4 de marzo de 2016

Lexislación e toponimia


Recupero esta conferencia dun curso de formación en toponimia organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) no 2012 a pesar de que o volume é moi baixo e de que se trata dunha conferencia que dura más dunha hora (o cal case é anatema para os canons dixitais). Fágoo polo enorme interese do que se debulla e pola excelentes maneiras para a transmisión que emprega o relator, Xesús Costas. Resulta unha delicia escoitalo e mesmo ver as expresións corporais e faciais cando comenta algúns dos aspectos máis polémicos da lexislación en materia toponímica. Non sei se algunha vez pensou en adicarse aos monólogos.
Por se alguén pensa que, pasados 4 anos, a conferencia puido perder frescura, comento un detalle. Unha das preguntas trata sobre o procedemento para a denominación dos novos concellos no caso de fusión. Daquela estaba na axenda de actualiade a única fusión que houbo: Oza-Cesuras. Quizais, agora que acaeceu o milagre dunha previsible sengunda, a de Cerdedo-Cotobade.
Chamoume a atención un aspecto que se desvela nesta intervención (min 45) que evidencia a raposería do goberno de Feijóo en canto ao ataque á nosa lingua. Trátase do, aparentemente anódino, decreto 85/2012, que simplemente modifica algúns puntos do decreto 138/2008, polo que se regula a sinalización turística de Galicia. Se lemos o decreto 85/2012 non lle veremos ningunha maldade pois parece facer referencia a aspectos secundarios, puntualizacións. Mais o fundamental está en que publica un novo Manual de sinalización turística no que, baixo unha ideoloxía supremacista, se promove a dobre denominación, ou o que  poderíamos cualificar de bilingüismo de idiotas. No manual establécese que
No sistema de sinalización turística estarán presentes as dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, o galego e o castelán.
Así, mediante un procedemento extralegal,  o substancial do decreto que regula a sinalización turística, non vén no corpo decreto, senón no manual anexo. Pouco espabilado hai que ser para ver que este artificio  legal é unha vía aberta para atentar contra a toponimia galega, que desde a Lei de Normalización Lingüística, é a única legal.
Xesús Costas tamén fixo referencia a outras disposicións como o Real Decreto 334/1982 que impón o uso do castelán na sinalización de estradas, aeroportos, estacións ferroviarias, marítimas, aduanas e servizos públicos de interese xeral no ámbito das Comunidades Autónomas que teñan unha lingua distinta do castelán, coa obriga de que éstas dicten normas confirmando a supremacía do castelán que se establece neste Real Decreto.

xoves, 8 de outubro de 2015

Lingüicidio neofranquista

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

Había xa un certo tempo (mais non tanto, porque sempre están aí) que os lingüicidas non se manifestaban de xeito tan expreso no seu odio etnocida, na súa práctica radical da “alterofobia”. Recentes investigacións no ámbito da neurobioloxía (University College de Londres) dan conta de que os individuos que odian non adoitan perder o xuízo senón que son moi conscientes dos pasos que dan e das accións a levaren a cabo contra os individuos odiados. Mais, no caso que nos ocupa, os odiados non son directamente os individuos —aínda que indirectamente tamén o sexan—, pois ese odio propio do xenocidio cultural ao que aquí nos referimos vai dirixido contra os idiomas distintos ao español ou castelán que se falan no denominado oficialmente Reino de España ou Estado español: “Todo Estado é oligárquico” (Jacques Rancière).

sábado, 26 de setembro de 2015

Papel mollado

por Henrique Monteagudo, en La Voz de Galicia:


A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias é un tratado promovido polo Consello de Europa que ten como obxectivo a protección desas linguas e das persoas que as falan.

martes, 12 de maio de 2015

A presentación do servizo público en galego como dereito fundamental

Por Luís Villares Naveira, Maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nas Voces de Prolingua:
Non é que o diga eu, senón o Parlamento Galego, que vén de aprobar a CARTA GALEGA DOS SERVIZOS PÚBLICOS (Lei 1/2015) e recolle así o mandado do art. 41 da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

domingo, 10 de maio de 2015

Sen Plan

No ano 2004 todo o parlamento ofrecera o seu apoio ao  Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), un proxecto de consenso que debería ser a guía da política lingüística da Xunta de Galicia. Esta semana o BNG propuxo elevar a rango de lei ese PXNL. A proposta foi rexeitada polo PP co argumento de querer rachar o consenso sobre a lingua. Un xa comenza a dubidar do significado da palabra consenso.
Con este rexeitamento na man poderemos avaliar con mellor coñecemento e perspectiva cal vai ser o resultado do novo invento da SXPL, o chamado Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020. Se pasamos o traballo de o consultar o anuncio do que se pretende con esta inicitiva veremos que non é outra cousa que a reedición das medidas do sector 4 (económico) do PXNL. Visto que o PP no parlamento se negou a asumir a elevación a rango de lei o propio PXNL, podemos entender en que vai consistir ese presunto Plan de dinamización no tecido económico. Trátase únicamente de dar unha imaxe de apoio á lingua galega por parte do partido de goberno. Veremos como se divulga e publicita o Plan pero non chegaremos a ver unha aposta efectiva no camiño da normalización. Se en máis de dez anos a Xunta non materializou ningunha proposta decidida para que o galego aumentara a súa presenza no ámbito económico, se nos últimos seis anos non se fixo outro cousa que provomer desde as Administracións a exclusión das linguas minorizadas en todos os ámbitos, se agora o PP rexeita que a letra do PXNL se volva lei, non podemos esperar que comence a chover o maná onde nunca caeu unha pinga de auga. Seguimos sen Plan, e seguiremos ermos tamén no eido económico. Só os radicais e os idiotas poden acreditar noutra cousa.

NOTA: os medios con máis implantación apenas trataron a noticia.

Máis información sobre o tema

  • Pleno do día 05/05/15, web do Parlamento
  • O PP repudia dar rango de lei á normalización do galego, 05/05/15, Sermos Galiza
  • O PP excúlpase da ruptura do consenso lingüístico, 05/05/15, Praza Pública
  • O BNG pide elevar a rango de Lei o Plan de Normalización da Lingua galega, web do BNG
  • 5 de Maio, Día do Fariseísmo, 06/05/15, artigo de Ana Pontón no Sermos Galiza
  • Intervención de Ana Pontón (BNG) no debate da proposta para facer lei da letra do consensuado PXNL:




  • Intervención nese mesmo pleno de Chelo Martínez (Anova Irmandade Nacionalista)


Nos webs doutros partidos non atopei información sobre este tema.

sábado, 9 de maio de 2015

5 de Maio, Día do Fariseísmo

por Ana Pontón, no Sermos Galiza:

O 5 de Maio debía instituírse como Día do Fariseísmo. Nesta data, no Parlamento de Galiza debateuse unha proposición do BNG que só pretendía dotar de rango de lei ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Un plan -que con todas as súas virtudes de defectos – constitúe un punto de encontro para avanzar fronte a desfeita do galego. Un Plan, que unha década antes fora aprobado por un Consello da Xunta presidido por Fraga e vicepresidido por Feijóo e, posteriormente, tramitado e aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza. Entendíamos no BNG que era un bo punto de partida. O PP que tanto acode ao consenso, tiña oportunidade de retomar o consenso que, por certo, eles sós racharon. Mais rexeitaron a posibilidade de renovar este acordo e votaron en contra non só do Plan, senón de si mesmos.

martes, 3 de febreiro de 2015

Regulación lingüística e vía xudicial

por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de Prolingua:

Cando españolizar significa descatalanizar (ou desgaleguizar), xorden vultos coma Wert e normas como a Lei orgánica 8/2013, de 9 de decembro, de mellora da calidade educativa (LOMCE). Cando o galeguismo (é dicir, esencialmente o idioma galego) é unha mancha e non unha distinción, cómpre quen fregue na nódoa rabuda ata facela desaparecer, sen medo a lixar o fardo nin queimar as unllas.

mércores, 16 de outubro de 2013

Iniciativa Paz Andrade

por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

Unha ponencia da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia traballa sobre a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz-Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Apoiada por máis de 17.000 asinaturas, esta iniciativa foi presentada a consideración do pleno polo empresario vigués Xosé Carlos Morell González o pasado 14 de maio, sendo aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos, coa participación na votación de todos os membros da cámara, o que constituíu un consenso inédito nas dúas últimas lexislaturas.

mércores, 9 de outubro de 2013

5.1



Tirado dun chío de @prolinguagalega que lembra o triste suceso da censura dun libro de texto que reproducía o artigo 5.1 do Estatuto galego por parte do Valedor do Pobo.

venres, 27 de setembro de 2013

A oposición ao uso do galego

A proposición de Lei de usos sociais e públicos da lingua galega foi prexentada xa no mes de maio polo grupo propoñente, o BNG. Conviña pegarlle un repaso a cada unha das liñas do texto para comprobar que o que aquí temos non é outra cousa que a escrita en papel dos vectores directores principais xa sinalados Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado unánimemente no seu día polo parlamento.
Quen se pode opoñer a este texto? Quen se pode opoñer a garantir que todos os cargos públicos da Xunta fagan obrigado uso do galego cando desempeñen esa función? Quen se pode opoñer a que todos os documentos administrativos se tramiten en galego? Quen se pode opoñer a que a Xunta faga exemplo co emprego do galego nos actos xurídicos nos que interveña? Quen se pode negar ao uso dos topónimos nacidos na terra sen que se vexan deturpados? Quen se pode negar a establecer no ensino as medidas de reforzo necesarias para favorecer a aprendizaxe e o uso do galego? Quen é o que rexeita a implantación do galego como a lingua de comunicación no ámbito sanitario? Quen non quer oir publicidade en galego na TVG? Quen quer anular as competencias na normalización dos medios de comunicación?
A oposición, por se alguén o dubidaba, está no goberno.