Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 28 de febreiro de 2026

Oficialidade de cartón

 


por Carlos Callón no Nós Diario:

Ás veces un país recoñécese nos seus silencios. A sucesión de eventos que conforman O libro negro da lingua galega comeza en 1480, coa norma que varre o galego da burocracia, e finaliza en 1986, cando o Tribunal Constitucional emite unha sentenza para limitar a oficialidade do noso. Non é casual que ese sexa tamén o ano en que xermolou A Mesa pola Normalización Lingüística. No entanto, quería chamar a atención sobre unha obviedade que, por máis sabida que sexa por quen vai pousar o seu ollar sensíbel nestas liñas, non por iso debe deixar de se destacar: O libro negro da lingua galega tería que ser só historia, mais non cesa de se escribir, cada día.


Vivimos unha irregularidade democrática: nos papeis recoñécensenos moitos dereitos lingüísticos (ás veces, inclusive con ambición) mais na vida diaria esmagan eses dereitos as mesmas institucións que deberían velar polo seu cumprimento. O Estatuto, mesmo sendo raquítico para protexer o noso autogoberno, chega a parecer un panfleto revolucionario se o compararmos coa práctica política dos gobernos galego e español. No artigo 5, comeza por constatar a evidencia de que a nosa é a "lingua propia", pasa a promulgar que tanto o galego como o castelán son "oficiais" e que temos "o dereito de os coñecer e de os usar" (xa viría despois  o Tribunal Constitucional a interpretalo con restricións). Sinala despois que "os poderes públicos" deben garantir o uso "normal e oficial" e que "potenciarán o emprego do  galego".

Finaliza con que "ninguén poderá ser discriminado por razón de lingua".


Así mesmo, varias normas e tratados internacionais proclaman solemnemente o noso dereito a usar o galego. No entanto, todas reiteran un padrón: non prevén ningún mecanismo para que poidamos facelo. Acaban por servir ao propósito de anestesiar o corpo social para negar o conflito lingüístico, en canto o silenciamento avanza con máis intensidade que nunca na nosa milenaria historia.


Por razón de lingua

De que serve que se proclame que "ninguén poderá ser discriminado por razón de lingua" se unha notaría en Santiago de Compostela se nega taxativamente a realizarme documentos en galego; se as empresas que me fornecen servizos básicos, como é a enerxía eléctrica, me escriben que as xestións teñen que ser "por suposto, en castelán" ou se hai bancos que me queren cobrar 10 euros por trámites gratuítos en español? Ningunha destas discriminacións constatábeis ten consecuencias. Ningún poder público as acolle e atende. Fica o berro cívico o máis alto que a gorxa der. É pouco, mais é latexo de vida.


De que serve que se diga que "os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas" se mesmo desde a Consellaría de Educación chegaron a responderme que están "moi ocupados" como para me enviaren en galego ou bilingüe un documento? Que ten de "garantir o uso normal e oficial" que a Axencia Tributaria ignore as solicitudes reiteradas para que os documentos sexan no meu idioma? Que hai que facer para que esta lingua dita oficial poida ser usada oficialmente, se nin tan sequera se lle salvagarda esa opción a persistentes obxectores de consciencia, xa non digamos como debería ser, opción xeral e agarimada?


Que hai que facer para que esta lingua dita oficial poida ser usada oficialmente?


De que serve que se declare que se vai potenciar "o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa" se no día a día somos a única lingua do Estado sen unha TV con programación infantil e xuvenil, e sen estreas de cinema para a xente máis nova? De que serve que se diga que todas e todos temos o dereito de "coñecer" o galego se despois está anulado en infantil e primaria, vetado en áreas de secundaria, negado en carreiras universitarias fundamentais? Que ten de oficial ou cooficial ese status de lazareto?


"Vivir en galego" é unha aspiración democrática esencial, mais segue impracticábel en 2026. Un reto é facermos visíbeis estas inxustizas: quebrar narcóticos e abrir portas. Nalgúns casos, o descoñecemento acontece en quen fala galego mais non o reclama, polo que non sente as cadeas que abafan. Noutras ocasións, a ignorancia desta problemática acontece en persoas que aínda non teñen o galego na boca, mais si no corazón. Os nosos testemuños xuntan voces.


A causa do galego é chave para o futuro e a cohesión social de Galiza, e fai parte dunha loita global pola democracia e a diversidade humana. Falar galego sementa e reclamar o galego constrúe. No papel e na vida: que o "ninguén poderá ser discriminado por razón de lingua" deixe de ser fórmula e pase a ser feito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario