por Xaquín Núñez Sabarís no Sermos Galiza:
Cando hoxe se abran ás 8:45 as portas das Escolas de Idiomas para unha nova convocatoria dos Celga, non poderei reprimir unha sensación de nostalxia e tristura. O primeiro porque tiven a sorte e o privilexio de facer parte, ata o ano pasado, do (excelente) equipo que puxo a andar o proxecto. A ilusión e experiencia acumulada noutras lides fixo que case en tempo récord se montase unha proba cunha facturación técnica (deseño da proba, procedementos e instrumentos de avaliación...), que en nada envexaba aos outros sistemas de certificación de linguas, cuxas dotacións de recursos humanos, materiais e económicos eran considerablemente superiores. De feito, cómpre subliñalo, a avaliación centrada en competencias -audaz e case inédita naquel momento- terminou tornándose un patrón estable nas maioría das probas de dominio das linguas europeas.