Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta América. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta América. Amosar todas as publicacións

luns, 21 de febreiro de 2022

As dúas mortes de Cristina Calderón



Un bo comenzo para un conto é unha pregunta. Se o alén estivera neste mundo, onde situalo? 
Unha escolla acertada sería Ushuaia, esa terra fría localizada no extremo sur do continente americano. Daquela poderíamos dicir que a illa Navarino, ubicada ao sur de Ushuaia, está máis alá do alén. Alí vive Cristina Calderón, unha muller de 85 anos, a única falante da lingua yagán. 
Cristina editou un bonito libro titulado Hai Kur Mamasu Shis (Quero contarche un conto), porén era unha obra que ninguén podía entender; quixo dar clases da súa lingua, pero non tivo aprendices motivados. As razóns deste fracaso son múltiples pero fáisenos evidente que a falta dun sistema educativo en yagán, a inexistencia dun comercio ou dun aparato xudicial e administrativo na lingua de Ushuaia son factores decisivos que determinaron a súa evolución. Xa é demasiado tarde, a lingua yagán ten o seu futuro unido ao da súa última falante. Con todo, o yagán non morrerá ata que ela morra. E isto será así aínda que Cristina Calderón non poida falar en yagán con ninguén. Velaí que a lingua non só é un instrumento para acomunicación, é un órgano da existencia. 
Unha parte importante da sociedade galega vive tamén máis alá do alén. Exclúen ao galego de determinados usos, danlle un estatus inferior e viven sen trauma a situación de discriminación que sofre a lingua de noso. Incluso asumen como natural ese proceso glacial polo que a lingua dos avós acaba sendo distinta da lingua dos netos. Vivimos un momento preocupante así que o natural é compartir esa inquedanza para actuar responsablemente mediante políticas lingüísticas de normalización. A ausencia destas é necesaria para levar a cabo o que hoxe se chama lingüicidio. Un bo exemplo que o demostra é a situación dramática da lingua yagán. 
Aínda que a morte a Cristina Calderón lle chegue de forma natural, a da súa lingua non o será. Todos os días sabemos de falecementos ao noso arredor, e non por iso certificamos a morte da nosa lingua. Non, as causas da defunción temos que buscalas precisamente entre os vivos. Na medida en que Cristina é falante de yagán, ela non é partícipe da desaparición da súa lingua. Porén se non lla transmitiu aos seus fillos, se participou do abandono do seu uso para determinadas funcións, entón si que é corresponsable. 
"Cristina Calderón" é un nome que non esperaríamos atopar entre os descententes dun pobo dos antípodas. Entre os primeiros yagáns dos que temos noticia están os tres que compartiron viaxe con Darwin no mítico barco Beagle. Os ingleses enseguida os rebautizaron cunha clara falta de empatía. Por exemplo a O'run-del'lico chamábano Jemmy Button porque fora cambiado por un botón de nácara. O primeiro paso dun lingüicido consiste no borrado dos referentes, dos nomes das persoas e dos lugares. É por isto que todo proceso de normalización necesita estar instalado no orgullo polo propio. 
Afortunadamente os galegos temos construída unha representación colectiva do mundo orixinal desde a que sentimos dor ante o desprezo da nosa lingua. Hai moitos galegos vivindo neste territorio, no aquén do alén, na realidade. Sabemos que non somos inmortais pero temos a tranquilidade de que morreremos só unha vez. 
Un bo final para un conto é unha pregunta: estás seguro de que non terás unha segunda morte? 

luns, 24 de decembro de 2018

O orgullo pola lingua de Perfecto López, empresario do galeguismo na emigración americana

por Xosé Mª Lema, nas Voces de ProLingua:

«Eu son un rapás novo. Para min é unha cousa da máisima importancia o ter que vos falar a vós, esencia do galeguismo e da cultura. ¿Que podo decirvos eu? Son un home que entrei orgulloso no galeguismo guiado pol-a man da miña aboa analfabeta que me insinou a falar en galego. Non fun levado pol-a doutrina nin pol-a cencia de ningún de vós. Cando ando pol-o mundo a espricarlles ós galegos que son fieles á Terra, a verdade esencial que a nosa língoa garda, revivo na miña mente a lembranza de cando era un rapás analfabeto que iba ó monte coa miña aboa analfabeta coma eu e que coas suas palabras iba enseñándome a profunda verdade das cousas. Cando quero percurar que os galegos que a abandonan volvan á lei do amor á Terra, sempre acudo ás verbas que de neno deprendera da miña aboa e sempre atopo a razón atinada que en cada caso fai falta. Eu sigo sendo aquel rapás humilde. Por iso non quero nin busco cargos (...)».

xoves, 25 de outubro de 2018

Aprendín galego en 6 días con Shin Chan



Adolfo Flores é un mexicano que gosta das linguas. Segundo el mismo confesa neste vídeo, sabe falar en portugués, e agora meteuse a aprender a nosa lingua. Levaba 6 días cando gravou esta vídeo-confesión na que incluso achega algunha pequena reflexión de corte sociolingüístico: "A lingua galega en Galiza, *non úsase todo o tempo e non sei por que"

luns, 2 de xullo de 2018

Oir unha lingua que leva morta un século



Neste impresionante documental escoitaremos falar unha lingua morta hai 100 anos. Blas Jaime conserva as falas herdadas da súa bisavoa por unha cadea que pasou pola avoa e a nai. Nunha reportaxe xornalística Blas Jaime explica que "los nombres aborígenes fueron prohibidos (...) Y a las niñas que hablaban chaná les cortaban la punta de la lengua"
Cando quixo ensinarlle esta lingua á súa filla Evangelina, ésta respondeulle que "no quería ser india, que la iban a maltratar e insultar". Evangelina cambiou de opinión cando ela mesma tivo unha filla. Agora quer transmitirlle os seus coñecementos.
A min encantoume a explicación da numeración chaná:
1 = gui,
2 = ama,
3 = jeit,
4= colí,
5 = nam,
6 = nam ati gui,
10 = nam ati nam = ama nam,
25 = nam nam

luns, 26 de marzo de 2018

Que pensan os indíxenas mexicanos das súas linguas?


O castelán non é a única lingua que se fala en México. Hai outras 364 linguas. En total, unha para cada día do ano. Aínda que o estatus legal, na teoría, é o mesmo para todas as linguas, a situación real é de minorización lingüística onde o español é quen detenta realmente todos os dereitos mentres que as linguas indíxenas fican minorizadas e restrinxidas ao uso familiar.
Isabel Corral presenta un estudo feito a unha mostra de 154 persoas que se autoidenficaban como indíxenas do sur de México e comenta os resultados mediante aspectos sociolingüísticos da realidade galega. Por exemplo, na identificación como "indíxena", a lingua non é o aspecto de máis importancia. Do mesmo xeito, a na identificación como "galego" a lingua ocupa un terceiro lugar.
En que lingua debería falar un indíxena? En que lingua te sentes máis cómodo? Cal é a lingua que se lle debe falar aos nenos? Cal é a lingua de uso na familia ou cos amigos? Con que lingua falan cos profesores? Cales son os principais prexuízos lingüísticos? Cal é a política lingüística?
E se trasladamos agora estas cuestións ao caso dos indíxenas galegos?

mércores, 31 de maio de 2017

O día que os indios de Mashpee quixeron ter unha lingua de seu

por Mauro Fernández, en La Opinión de A Coruña:
Alá por 1970, Estados Unidos comezou a devolver aos primeiros poboadores parte das terras das que foran desposuídos por unha serie de escrituras de compravenda e tratados feitos entre partes moi desiguais en poder e dominio das artimañas xurídicas. Aproveitando ese cambio de tendencia, un chamado Consello Tribal de Mashpee foi a xuízo para recuperar parte das terras ancestrais.

mércores, 13 de xullo de 2011

Nacimos el 31 de diciembre

Entre os territorios de Colombia e Venezuela viven os Wayúu, cunha língua falada, segundo o Ethnologue, por 305.000 persoas. Neste vídeo móstrase como nun deplorable acto de desprezo os funcionarios colombianos deturpánrolle os seus nomes e a data de nacemento. Deste xeito, bautizando a milleiros de persoas como Alka-Seltzer, Payaso, Arrancamuelas, Bolsillo ou Mariguana,  aniquilaron, aínda máis, a identidade dos Wayúu que ademais eran utilizados como mercancía electoral.
Unha historia ben triste que eu non podo desligar da cruzada contra a toponimia que sufrimos por aquí.