Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Henrique Harguindey Banet. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Henrique Harguindey Banet. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de maio de 2020

Cuncas de patria

por Henrique Harguindey Banet, en Nós Diario:


Era a fin da década de mil novecentos cincuenta. En Lugo. Os meus trece anos. Cos meus amigos andaba eu moito, no tempo das vacacións, polas costas do Parque: xogabamos á pelota e a mil cousas, subiamos aos castiñeiros de Indias, buscabamos barriñas de cuarzo transparente poliédrico... E iamos tamén polas terras das beiras, á dereita polos agros de patacas que chegaban case ao pé da Muralla, á esquerda polas encostas de campías e árbores das baixadas á Tolda.

sábado, 28 de decembro de 2019

Matar unha lingua

por Henrique Harguindey Banet, no Sermos Galiza:

Resulta irónico ver a Xunta de Galiza reunirse con responsabeis da política lingüística doutras comunidades autónomas con lingua propia (Euskadi, Nafarroa, Catalunya, València e Illes Balears) e esixir do goberno do Estado (o que veña agora, non os anteriores gobernos do PP) o cumprimento da “amplia e elemental batería de obrigas e deberes recollidos na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias subscrita e ratificada polo Estado Español”. Foi moi rápida a Xunta en subscribir esa Declaración de Bilbo o mes pasado e pedirlle ao Estado “coa coherencia esixible a todo Estado democrático, a salvagarda dos dereitos lingüísticos e as medidas necesarias para cumprir as recomendacións que reiteradamente recollen os informes do Comité de Expertos e as recomendacións adoptadas polo Comité de Ministros do Consello de Europa, para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía”.

domingo, 23 de outubro de 2011

"Torpedean aos medios que propoñen unha información libre e plural na nosa lingua"

entrevista a Henrique Harguindey, en Galicia Confidencial:


Hai uns días, o GC daba conta dunha iniciativa abandeirada por Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Henrique Harguindey Banet e Francisco Pillado a prol da conservación e a difusión do galego nos medios de comunicación.

Unha semana despois da súa presentación, o manifesto publicado na rede xa conta con máis de 3.300 apoios. Galicia Confidencial mantivo unha conversa con Henrique Haguindey para coñecer de primeira man de que se trata esta iniciativa.

Xurxo Salgado. Cal é o obxectivo último deste manifesto?
Henrique Harguindey. A iniciativa xurdíu respondendo a unha necesidade que non fora abordada por colectivos dos que poderías esperalo. De feito, mesmo algún de nós, en actos públicos e mais en privado, temos xa dende hai moitos meses lanzado a idea para ver se era plasmada por quen tiñan estrutura para facelo doadamente. Vímonos obrigados a facer as cousas dun xeito bastante artesanal e voluntarista, mais está claro que a nosa análise e as nosas reclamacións eran compartidas por un amplísimo sector da sociedade galega, que se volcou a respaldalas asinando o escrito masivamente.

X.S. Como e por que xurdiu?
H.H. O obxectivo da iniciativa é acadar nos medios de comunicación privados en Galiza esas tres cousas tan sinxelas e xustas  a) A presenza do galego nun 50% da totalidade do espazo escrito e do tempo da grella de programación; b) A reprodución literal das nosas declaracións e intervencións na lingua que as expresamos; 3)A transcrición literal dos eslógans e textos das pancartas das mobilizacións na súa lingua orixinal. Estas tres reclamacións constitúen un mínimo de respecto para o noso idioma.

Para acadar este obxectivo é preciso que se poña de relevo o amplo apoio social destas reivindicacións, cousa que está á vista. Decorridos dez días da presentación da páxina web, apoiaron xa o escrito coa súa sinatura unhas 3.400 persoas e varios colectivos. E , como se pode ver no listado da páxina, trátase dunha fiel radiografía da sociedade galega. As máis variadas profesións e actividades aparecen alí relacionadas ; penso que serán moi escasas as profesións existentes hoxe no noso país que non estean representadas. E,naturalmente, o que para nós é motivo de enorme satisfacción, hai unha masiva mobilización de persoas do eido do Ensino (en todos os seus niveis) e da Cultura. Un sector que ven sufrindo intensamente -e resistindo heroicamente- unha política de represión da Lingua, da Cultura e da Liberdade.


X.S. Tedes pensado reunirvos cos directores dos medios para plantexar isto?
H.H.Ao se cumprir unha semana da presentación e acadarmos as tres mil sinaturas, remitimos aos directores dos medios un escrito nos que lles transmitiamos as reivindicacións e o apoio social acadado e a nosa vontade da mellor colaboración para acadarmos a normalización do galego neses medios. Remitiamolos á páxina web, que acolle o escrito e á longuísima relación de asinantes. Rogabámoslles que publicasen o noso escrito e mais esa carta ao director, fornecéndolles un teléfono de contacto. Ata o momento non tivemos resposta ningunha, o que non é novo porque os máis deses medios non deran nin mesmo noticia da presentación do escrito en Compostela.
X.S. E cos políticos para levalo ao Parlamento?
H.H. No escrito dicimos que, de os medios continuaren na súa actitude de discriminación lingüística, estudiaremos facer valer os nosos dereitos ante os tribunais de Xustiza e as instancias internacionais pertinentes. Parece desexábel que os milleiros de galegas e galegos que reivindicamos un dereito elemental non teñamos que chegar a ese extremo, mais se for preciso emprenderemos esa vía.

Entendemos que os políticos deben estar atentos en por eles para dar resposta ás necesidades e arelas da sociedade. Esperamos, logo, que recollan e apoien unánimemente estas xustas reivindicacións que xurdiron de xeito espontáneo, plural e apartidario, aínda que, lóxicamente, dentro dos asinantes se poden supoñer todo tipo de ópticas e ideas, e hai asinantes que, con lexitimidade, fan constar a súa adscrición ideolóxica ou partidaria.


X.S. E por que desaparecen medios en galego?
H.H. De maneira particular e persoal opino que a situación dos medios e a lingua en Galiza, cómpre enmarcala no contexto dunha lingua non normalizada. Por iso, no seu día, o Plano de Normalización Lingüistica aprobado unánimemente por todos os grupos do Parlamento de Galiza (si, tamén o PP) prevía unha serie de medidas e axudas (que non son simplemente económicas) imprescindibeis para acadar a viabilidade dos medios en galego. O que acontece é que neste país estánselle a regalar substanciosas cantidades de diñeiro público (é dicir dos nosos impostos) precisamente a certos medios que marxinan o galego, torpedeando (con potentes torpedos) aqueles que se propoñen unha información libre e plural na nosa lingua.

Sobredimensionar a necesaria implicación dos lectores como compradores e subscriptores é non ter en conta que a esquilmada cidadanía está xa a soster económicamente a Lingua, a Cultura e a Liberdade todos os días, mercando libros, cds e discos, asistindo  a funcións de teatro, de cine, música, etc. E que numerosos galegos e galegas están no limiar da pobreza e moitísimos tiveron que reemprender o vello camiño da Emigración.

Naturalmente, a cuestión é moito máis ampla e habería que abordala con vagar.

Desde Galicia Confidencial animamos aos nosos lectores a que apoien este manifesto que atoparan no sitio web http://marxinaciondogalegonosmedios.es

sábado, 29 de maio de 2010

'Os tradutores automáticos empeoran a calidade do galego'

Entrevista a Henrique Harguindey Banet, na Nosa Terra:
Henrique Harguindey Banet, catedrático de Francés, tradutor e escritor de distintas obras de literatura popular galega, vén de sacar do prelo 'Desaprenda a falar galego en 15 días cos erros dun tradutor automático' (Edicións Laiovento). Neste libro, que xa se atopa nos andeis das librarías, debulla as grallas derivadas do uso desta ferramenta informática
Cales son os erros máis comúns dos tradutores automáticos?
Cómpre ter en conta que hai tradutores de maior e menos calidade, pero, en xeral, sempre se dan confusións. A máis frecuente é a que se deriva dos distintos significados cos que pode contar unha palabra. En galego e castelán existe “planta”. En francés, existe “plante” (vexetal ou parte do pé), pero cando queremos referirmos a “nivel”, en francés emprégase “étage”, e non “plante”. Para traducirmos ao galego “sueño”, temos “soño” e “sono”, que son empregadas polo tradutor indistintamente malia teren significados diferentes. Depende de como os técnicos carguen estas verbas no tradutor.
Vostede refírese a erros “case inevitábeis” e a erros “evitábeis”.
Os inevitábeis aparecen por culpa de cruces da información, como na tradución “ateigado” por “atestado” cando esta última é substantivo e non adxectivo. Os evitábeis son aqueles que se producen porque a información foi mal introducida no tradutor. Un exemplo, “achaiadura” (urbanística) –tradución de “planeamiento” (urbanístico), en vez de “plano” (urbanístico). Ademais dos erros espectaculares, como Desván de los Monjes, existen outras grallas que chaman menos a atención, como a falta de concordancia, plurais inventados, pronomes persoais mal empregados...
Pódense evitar estas grallas?
É unha cuestión de control e de mellora da información. No caso dos erros inevitábeis cómpre contar cunha persoa que revise os textos. Non se pode verter tal cal a información e publicala sen máis, e menos en casos como nos medios de comunicación ou nas oposicións (como aconteceu o pasado ano nunhas probas da Xunta). O tradutor fornece unha primeira aproximación ao texto, pero é indispensábel revisalo. Trátase dunha ferramenta moi útil, pero hai que empregala con moito tino.
Como lle afectan á lingua galega estes erros?
Inciden moi negativamente na lingua se se lles dá entrada. Un tradutor reduce as posibilidades reais do idioma e pode introducir características alleas, sobre todo cando se trata de linguas semellantes. No caso dunha tradución entre o castelán e o galego introdúcense trazos do español como o “leísmo” e fíltranse outros do galego, como o infinitivo conxugado.
Que outras características do galego se perden ao usar o tradutor?
Ademais do infinitivo conxugado, pérdese o dativo de solidariedade. O tradutor nunca vai dar como resultado “paseiche moito frío” porque en español non se utiliza “te pasé mucho frío”. Tamén se perden toda a serie de sufixos expresivos ou diminutivos, como “tristeira”, “morriñenta” ou “choviscaba”. Trátase dunha expresividade propia do galego que ao partir doutra lingua para traducir vanse perdendo.
No libro fala da españolización do galego. A que se debe?
Sobre todo, ao léxico. E non só é culpa da ferramenta informática, tamén de quen se encargada de introducir nos tradutores a información. Estas persoas acoden a dicionarios normativos e, ás veces, elixen a forma menos galega da palabra. Entre “arrolo” e “nana”, escollen “nana”, ou entre “medrar” e “crecer”, escollen “crecer”. Isto acontece porque a normativa dos últimos anos recolleu palabras que, malia ser válidas en galego, non son tan senlleiras como as de sempre. Hai toda unha serie de léxico patrimonial que está a desaparecer. O léxico patrimonial vén substituíndose polo léxico que é común ao castelán. Xa non se emprega “silvas”, senón “maleza”.
Á vez considera que isto supón “perda de identidade”.
Se se incorpora toda unha serie de mecanismos alleos, vanse perder os propios. Os tradutores comportan unha calidade de lingua moi deficiente. O mellor para evitar estas eivas é aprender a lingua tanto na rúa, como na casa, como cos amigos, e perfeccionala cos estudos.
Na última parte da obra, ofrécelle aos lectores unha “reaprendizaxe” do galego en 15 días. Que busca?
Pretendo que se reflexione para mellorar a lingua e que se sexa consciente de que hai que revisar o traballo dos tradutores e perfeccionalos.