Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta centenario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta centenario. Amosar todas as publicacións

luns, 9 de decembro de 2013

Unha lingua para xogar e outra para desprezar



Moi oportuno este alegre vídeo elaborado pola Direcció General de Política Lingüística catalana, xusto cando chega a época das compras do nadal. Desde os xogos de lápis e papel aos que nos chegan pola vía das últimas tecnoloxías, pasando polos clásicos xogos de mesa, o protagonista do vídeo, o 'Ç' lévanos de paseo por unha xornada de aventuras e diversión. E que é o que temos desde a nosa Secretaría Xeral de Política Lingüística? A resposta é Nada na Rede: un refrito do feito en edicións anteriores, pero nada, absolutamente nada novo.
O vídeo ademáis forma parte da celebración do 'Centenari de les Normes Ortogràfiques', un conxunto de 24 normas aprobadas hai 100 anos polo l’Institut d’Estudis Catalans. Este mesmo ano cúmpríronse 10 da promulgación da actual normativa galega. E nin a RAG nin o goberno galego tiveron a ben celebrar ningún tipo de acto para dignificar a norma que une a todos os galegos na escrita. Isto demostra ata que punto as institucións desprezan aquilo que é a súa propia razón de ser.

venres, 20 de xaneiro de 2012

Un web para Celso Emilio e un botón para Valentín Paz Andrade

Este ano celébrase o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. A fundación que leva o seu nome pretende, desde este atractivo espazo-web 'contribuír a difundir o seu extraordinario legado así como dar a coñecer as actividades programadas para este acontecemento único e irrepetible'.
Esta páxina é unha fonte de recursos moi ben organizada, clara, e con achegas  de todo tipo.








Este ano celébrase o Día das Letras na honra de Valentín Paz Andrade. Presentouse hai pouco o web oficial deste avogado e empresario multifacético, pero, tal e como comenta Carlos Callón, as gadoupas do lobo andiveron por alí e nese espazo fixeron a peor ferida que podían e deturparon o pensamento de Valentín encol da lingua destacando na portada do web unha cita tan perversa como a mente que alí a colocou. Descontextualizada, a cita escollida parece que está defendendo o funesto decreto de plurilingüismo, ou incluso o máis funesto borrador do mesmo. Por iso, eu propóñolles esta outra, que ten a ventaxa de que si parece de Valentín Paz Andrade de principio a fin:
"¿O galego ha de seguir mantendo unha liña autónoma na súa evolución como idioma, ou ha de pender a máis estreita similaridade co-a lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e-o Brasil. [...]. A ninguén se lle oculta que, da parte da Galiza, hai a gañar moito máis que a perder si a relación entre a unha e outra fala se avivece e sostén"
Mentres, polo si ou polo non, como visita recomendada para coñecermos mellor a Paz Andrade, esta escolma de recursos na arañeira. Para mostra, un botón.