Páginas
mércores, 25 de febreiro de 2026
Vamos bebendo
mércores, 26 de febreiro de 2025
Rosalía; caravel cosido con raio de sol
Un ano máis o Concello da Estrada homenaxea a Rosalía de Castro cun videoclip. Nesta ocasión veremos como Cayetano Lledó vai elaborando o retrato da escritora mentres escoitamos na voz de Sheila carbia unha fermosa elexía de Fedrico García Lorca escrita o 29 de marzo do 1919 e traducida por José Lueiro e Carlos Loureiro. Outra vez o autor do vído foi Lucas Terceiro. Un novo acerto do concello no recoñecemento da nosa lingua por medio da lembranza da matriarca das nosas letras.
venres, 17 de maio de 2024
Luísa Villalta: a rebelión da palabra
'Luísa Villalta: a rebelión da palabra' é a serie documental web da Real Academia Galega sobre a autora á que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2024. A proposta documental, dirixida por Damián Varela Pastrana e con guión de Alba López Álvarez, incorpora artistas do ámbito da poesía, a música e as artes escénicas para achegar o público á esencia da autora.
O primeiro episodio traza o percorrido biográfico da poeta, narradora, ensaísta e articulista dende o seu nacemento na Coruña no ano 1957 ata o seu pasamento na mesma cidade no 2004. O resto dos capítulos (ata 6) poden verse nesta lista de reprodución.
A serie conta cos testemuños de María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada; Rubén Anido e Manuel Pérez, alumnos de Luísa Villalta no IES Isaac Díaz Pardo de Sada; autoras e autores que a coñeceron de preto e outras amizades e persoas que estudaron ou editaron parte da súa obra: Pilar Pallarés, Marga do Val, Ana Pillado, Xurxo Souto, Xosé Luís Martínez Pereiro, Estíbaliz Espinosa, Xosé María Álvarez Cáccamo, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ana Romaní, Maribel Longueira, Francisco X. Fernández Naval, Armando Requeixo, Alexandrina Fernández Otero, Inma Otero, Pilar García Negro, Margarita Ledo, María Xosé Bravo, Susana Sanches Arins, Lorena Conde e Inés Salvado.
'Luísa Villalta, a rebelión da palabra' é unha produción da Real Academia Galega realizada por Miramemira co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
domingo, 26 de febreiro de 2023
Aí vén a tola soñando
venres, 17 de setembro de 2021
Na chegada a Ourense da primeira locomotora
xoves, 20 de maio de 2021
mércores, 21 de abril de 2021
Xela Arias. A palabra esgazada
'Xela Arias. A palabra esgazada' é unha serie documental da Real Academia Galega sobre a poeta, tradutora, editora e profesora á que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2021 composta por 6 capítulo breves que percorren distintos aspectos da vida e da obra da autora.
martes, 28 de abril de 2020
Rosalía de Castro internacional e aleatoria
Nunca pensei que fose recoller neste blogue algo do profesor de matemáticas Manuel Vilariño, sobre todo desde que neste centrei este blogue arredor da normalización e fun deixando para os Retallos os centrados na ciencia dos números. Pero velaquí que se lle ocorreu a frikada que podemos ver neste inclasificable vídeo: o poema rosaliano "Adiós ríos, adiós fontes" traducido verso a verso ás 101 linguas soportadas por Google Translate, e verso a verso, escollidas aleatoriamente, isto é, ao chou.
Nunca Rosalía foi tan internacional..., nin tan aleatoria.
Encantoume
mércores, 22 de abril de 2020
E despois...
Pola rolde de ProLingua chégame este vídeo-poema de Paco Rivas, tremendamente actual, tremendamente fermoso.
Esta poesía do confinamento sérveme para lembrar, cun día de atraso, o Día da Poesía.
venres, 6 de marzo de 2020
Airiños da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo
Rosalía de Castro é un pozo sen fondo. Normalmente recollo traballos de centros de Secundaria porque é o que coñezo máis, aínda que non poucas veces teño traído cousas de Primaria. O realmente inédito neste blogue é algo como o de hoxe e que demostra que o fenómeno Rosalía de Castro é desbordante (e a Consellería de Educación segue sen incluír a data entre as celebracións escolares!). Na universidade tamén se apuntaron á celebración. Concretamente na de Vigo propuxeron lecturas e intervencións artísticas na Facultade de Ciencias da Educación.
Agora ben, o vídeo musical con música de Juan Ramos, neste tema cantado por Carol Sospedr, é simplemente espectacular. Parabéns a eles e ao alumnado colaborador.
xoves, 23 de maio de 2019
A Xunta contra Rosalía de Castro
Digámolo ben claro, Rosalía de Castro é unha molestia para un goberno da Xunta empeñado en laminar a identidade galega. Cando todos os condicionantes estaban na súa contra, Rosalía escribiu en galego. Esta é a razón fundamental (e non declarada) pola que a Consellería de Educación non secunda a convocatoria de celebración do Día de Rosalía.
Só nunha ocasión, no 2018, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) se atreveu a darlle pulo a esta xornada. O seu obxectivo era a da visibilización dos Centros de Estudos Galegos (CEG), e tivo a feliz idea de que desde cada un deles se recitara algún poema rosaliano. Entre outros os CEG de Cork, Granada, Budapest, Barcelona, Kiel, e Edimburgo participaron no evento. Isto debeu ser demasiado para unha Xunta que odia a identidade galega. Así que acabaron por eliminar todos os vídeos da canle da SXPL. Agora, se accedemos a esta páxina só veremos unha triste recompilación de vídeos eliminados. Unha metáfora da política lingüística que sufrimos durante esta década negra.
Como exemplo do que a SXPL eliminou deixo este vídeo do CEG da University College Cork (Irlanda), cunha versión trilingüe de Adiós ríos. Se accedemos ao You Tube veremos como na información sobre o vídeo se indica que
foi enviado á Secretaría de Política Lingüística para sumarse á campaña de vídeos dos Centros de Estudos Galegos para celebrar o día do nacemento da poeta.
Pois hoxe, este vídeo non o podemos ver no portal da SXPL, porque o eliminaron. Cómpre preguntarse que mal ten.
xoves, 4 de abril de 2019
Día da Poesía con Memoria
martes, 26 de marzo de 2019
A poesía das praias de Marín
Alumnos de 1º curso de Primaria do CEIP do Carballal de Marín saíron ás praias do concello a realizar diversas actividades. Entre elas, a gravación deste vídeo co que celebraron o Día da Poesía cun recitado dunha obra do poeta local Eduardo Víctor Castro López.
mércores, 27 de febreiro de 2019
Malaxente, Tecín soia vs. Consellería de Educación
Tecín soia a miña tea, o poema de Rosalía de Castro, musicado por Guadi Galego.
Mentres, a Consellería de Educación continúa a excluír o Día de Rosalía no apartado de conmemoracións do calendario escolar.
Malaxente: tecín soia a miña tea, e así sigo.
xoves, 14 de febreiro de 2019
Rosalía tamén é nosa
Rosalía tamén é nosa #RosalíaTaménÉNosa
Mil aplausos para esta iniciativa do Concello de Ames para encher as redes sociais de vídeos rosalianos. A min recórdame outra proposta ben gorentosa do SNL da Facultade de Matemáticas da USC: Explícoche matemáticas 2.0 (concurso de vídeos onde o 2.0 fai referencia á duración dos mesmos)
Participa seguindo estes pasos:
1.-Comparte este vídeo co cancelo #RosalíaTaménÉNosa
2.-Grava o teu propio vídeo (2 minutos como máximo) cun texto de Rosalía (ou para Rosalía).
3.-Comparte o teu vídeo nas redes sociais (Facebook e Instagram) co cancelo #RosalíaTaménÉNosa
4.-Se queres que o compartamos na rede do concello, envíanolo, xunto coa autorización para publicalo, a normalizacion@concellodeames.gal
luns, 19 de marzo de 2018
A fiestra de Rosalía
A resaca do Día de Rosalía non remata, e isto a pesar de que a Consellaría de Educación lle virou as costas á celebración escolar da xornada. Velaquí un exemplo máis de como a longa sombra de Rosalía chega ata nós. No IES Chano Piñeiro (Forcarei), aproveitando o lema do Día de Rosalía deste ano, #AbrideAfiestra, construíron unha fiestra a mantenta para abrirlla a Rosalía.
sábado, 3 de marzo de 2018
Rosalía universal en 21 linguas
A Universidade de Edimburgo celebrou o Día de Rosalía cunha lectura en galego, italiano, gaélico, tamil, malaio, francés, catalán, español, polaco,... e así ata 21 linguas distintas.
Vía SXPL
Ademais desta proposta, temos varias intervencións máis desde diversos Centros de Estudos Galegos polo mundo adiante:
"Xan" en galego e catalán
Desde o CEG de Río de Janeiro
"Negra sombra", en alemán e galego desde o CEG de Kiel
En húngaro e galego desde o CEG de Budapest
Desde o CEG de Granada
Adiós ríos...en trilingüe en galego, gaélico irlandés e inglés desde o CEG de Cork
domingo, 18 de febreiro de 2018
Rosalía desde a Dalmacia
Estamos próximos a celebrar un novo Día de Rosalía. Centos de persoas sumarán esforzos e desde plataformas culturais ou desde centros de ensino programarán e colaborarán nesta nova edición. 50 concellos aprobaron mocións de apoio a esta celebración. As deputacións das provincias con acceso ao mar tamén. A deputación de Ourense e a Xunta de Galicia manteñen a súa falta de apoio á iniciativa. Non lles debe gustar o éxito que tivo ano tras ano desde a súa primeira convocatoria no ano 2011. Con esta actitude demostran o seu odio, o seu desprezo á cultura galega e lixan a figura do seu símbolo máis afouto e internacional.
Como gorentosa introdución á multitude de actos que se celebrarán nos vindeiros días achego aquí un clásico. Trátase dun vídeo que veñen de gravar Sara Mašek e Katarina Drenovac no Centro de Estudos de Galego en Zadar. En todo un exemplo paradigmático do que é (isto si é) o bilingüismo harmónico Sara e Katarina recitan «Teño un mal que non ten cura», de Follas Novas. Agora cómpre pegarlle ao play.
Teño un mal que non tén cura,
un mal que naceu comigo,
i ese mal tan enemigo
levarame á sepultura.
Curandeiros, ceruxanos,
dotores en medeciña,
pra esta infirmidade miña
n'hai remedio antre os humanos.
Deixá, pois, de remexer
con concencia ou sin concencia,
os libros da vosa cencia,
pois para min n'han de ter.
¿Que o dudás? Duda non cabe
nesto que digo, doutores,
anque pese, hai amargores
que non pasan con xarabe.
¿Asañasvos porque digo
verdás que sabés de sobra?
Pois a probar... mans á obra:
vede de curarme, amigo.
O meu mal i o meu sofrir
é o meu propio corazón:
¡quitaimo sin compasión!
Despois: ¡faceme vivir!
mércores, 4 de outubro de 2017
Ari[t]mar: dupla irmandade galego-portuguesa
Especialmente agradecida é a idea que tiveron de publicar en formato de vídeo-poema as gañadoras do certame poético nun acto de dupla irmandade. Velaquí que o mellor poema portugués Não sei, minha filha... de José Ricardo Nunes foi lido por Belén Regueira:
e o mellor poema galego, O corazón, de María do Cebreiro pódese escoitar na voz de Rui Spranger. Unha feliz iniciativa que conviña seguir divulgando deste orixinal xeito.
luns, 2 de outubro de 2017
Doce linguas para "Adiós ríos, adiós fontes"
O pasado luns 26/09/17 comenzou a nova temporada do programa Zigzag Diario coa emisión ás 16:30 horas na TVG2. Foi grazas a esa primeira emisión que me enterei da existencia deste vídeo realizado no IES Urbano Lugrís (A Coruña) no que dan vida ao poema "Adiós ríos, adiós fontes" con voces en portugués, galego, castelán, wolof (lingua falada en Senegal e Gambia), aimara (Bolivia, Perú), rumano, inglés, francés, árabe, romaní, guaraní (Paraguai, Arxentina, Bolivia, Brasil), e máis na lingua de signos.
