Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xurxo Salgado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xurxo Salgado. Amosar todas as publicacións

venres, 13 de xaneiro de 2012

Francisco López: 'Que aprender en galego sexa doado, normal e un dereito pleno'

Xurxo Salgado entrevista a  Francisco López para Galicia Confidencial. (por certo, cun titular realmente desacertado).
Francisco López é un dos impulsores de Galiza co galego, unha entidade que pula polo ensino en galego, especialmente en infantil.


Galiza co Galego naceu no ano 2009 como un  movemento popular, resultado do debate social suscitado pola decisión da Xunta de impoñer o decreto do trilingüismo e co obxectivo de sumar máis de 3.000 compromisos a prol dunha Asociación que garanta o dereito á educación en galego.

Conta coa colaboración de asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza, Galiza co Galego elaborou un proxecto de Rede de escolas infantís, cun programa educativo común e aberto.

Conseguido o obxectivo dos compromisos en maio de 2011, o vindeiro sábado 28 de xaneiro terá lugar a asemblea de ampliación desta asociación.

Galicia Confidencial (GC).- Está Galiza co Galego cumprindo as súas expectativas iniciais?
Francisco López (FL).- Estamos a cumprir co calendario de traballo proposto. En Maio de 2011 superamos os 3000 compromisos e recibimos o mandado de organizar o movemento mediante unha asociación que garanta o dereito á educación en galego da cidadanía. O 28 de xaneiro faremos a asemblea da Asociación Galiza co Galego, na que se incorporarán como socios e socias máis de 3.150 persoas. Organizaremos unha Rede de Escola Populares Infantís e tamén unha Cooperativa de Ensino Popular.

sábado, 26 de novembro de 2011

Valentina Formoso: 'A nosa lingua está á espera de que a axudemos a librar de todo ese lastre negativo que lle foron colgando'

Xurxo Salgado entrevista a Valentina Formoso, coordinadora da CGENDL, para Galicia Confidencial:

Hai uns días foi reelixida presidenta da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENL) co principal obxectivo de dignificar o uso do galego e extender o seu uso dentro e fora dos centros de ensino. Asegura que o galego está "nunha situación delicada" e pide á sociedade civil que se mobilice na súa defensa. Sobre Galicia Bilingüe asegura que son "fabas contadas" nos centros.
Galicia Confidencial (GC).- Cales son os principais retos da CGENDL? Valentina Formoso (VF).- O principal reto neste momento é o de ilusionar aos equipos para seguir traballando nunhas situacións moi difíciles coma as que estamos a vivir. E esta ilusión ten que ir acompañada dun novo discurso arredor da promoción do galego, promoción ligada a unha imaxe en positivo da mesma que poidamos estender en todos os centros de ensino, e que poidamos tamén enviar ao resto da sociedade.
Ademais diso queremos manter a nosa pluralidade, algo que nos define. Tamén nos imos esforzar en seguirmos  sumando vontades e  en fomentar o traballo en equipo, para así superar o minifundismo propio deste noso país, minifundismo que tamén lle afecta tamén ao ámbito normalizador. Outros retos que temos pasan por adaptar o traballo normalizador dos equipos á nova etapa que se está a vivir nos centros e mais aos diferentes contextos existentes na sociedade.

domingo, 23 de outubro de 2011

"Torpedean aos medios que propoñen unha información libre e plural na nosa lingua"

entrevista a Henrique Harguindey, en Galicia Confidencial:


Hai uns días, o GC daba conta dunha iniciativa abandeirada por Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Henrique Harguindey Banet e Francisco Pillado a prol da conservación e a difusión do galego nos medios de comunicación.

Unha semana despois da súa presentación, o manifesto publicado na rede xa conta con máis de 3.300 apoios. Galicia Confidencial mantivo unha conversa con Henrique Haguindey para coñecer de primeira man de que se trata esta iniciativa.

Xurxo Salgado. Cal é o obxectivo último deste manifesto?
Henrique Harguindey. A iniciativa xurdíu respondendo a unha necesidade que non fora abordada por colectivos dos que poderías esperalo. De feito, mesmo algún de nós, en actos públicos e mais en privado, temos xa dende hai moitos meses lanzado a idea para ver se era plasmada por quen tiñan estrutura para facelo doadamente. Vímonos obrigados a facer as cousas dun xeito bastante artesanal e voluntarista, mais está claro que a nosa análise e as nosas reclamacións eran compartidas por un amplísimo sector da sociedade galega, que se volcou a respaldalas asinando o escrito masivamente.

X.S. Como e por que xurdiu?
H.H. O obxectivo da iniciativa é acadar nos medios de comunicación privados en Galiza esas tres cousas tan sinxelas e xustas  a) A presenza do galego nun 50% da totalidade do espazo escrito e do tempo da grella de programación; b) A reprodución literal das nosas declaracións e intervencións na lingua que as expresamos; 3)A transcrición literal dos eslógans e textos das pancartas das mobilizacións na súa lingua orixinal. Estas tres reclamacións constitúen un mínimo de respecto para o noso idioma.

Para acadar este obxectivo é preciso que se poña de relevo o amplo apoio social destas reivindicacións, cousa que está á vista. Decorridos dez días da presentación da páxina web, apoiaron xa o escrito coa súa sinatura unhas 3.400 persoas e varios colectivos. E , como se pode ver no listado da páxina, trátase dunha fiel radiografía da sociedade galega. As máis variadas profesións e actividades aparecen alí relacionadas ; penso que serán moi escasas as profesións existentes hoxe no noso país que non estean representadas. E,naturalmente, o que para nós é motivo de enorme satisfacción, hai unha masiva mobilización de persoas do eido do Ensino (en todos os seus niveis) e da Cultura. Un sector que ven sufrindo intensamente -e resistindo heroicamente- unha política de represión da Lingua, da Cultura e da Liberdade.


X.S. Tedes pensado reunirvos cos directores dos medios para plantexar isto?
H.H.Ao se cumprir unha semana da presentación e acadarmos as tres mil sinaturas, remitimos aos directores dos medios un escrito nos que lles transmitiamos as reivindicacións e o apoio social acadado e a nosa vontade da mellor colaboración para acadarmos a normalización do galego neses medios. Remitiamolos á páxina web, que acolle o escrito e á longuísima relación de asinantes. Rogabámoslles que publicasen o noso escrito e mais esa carta ao director, fornecéndolles un teléfono de contacto. Ata o momento non tivemos resposta ningunha, o que non é novo porque os máis deses medios non deran nin mesmo noticia da presentación do escrito en Compostela.
X.S. E cos políticos para levalo ao Parlamento?
H.H. No escrito dicimos que, de os medios continuaren na súa actitude de discriminación lingüística, estudiaremos facer valer os nosos dereitos ante os tribunais de Xustiza e as instancias internacionais pertinentes. Parece desexábel que os milleiros de galegas e galegos que reivindicamos un dereito elemental non teñamos que chegar a ese extremo, mais se for preciso emprenderemos esa vía.

Entendemos que os políticos deben estar atentos en por eles para dar resposta ás necesidades e arelas da sociedade. Esperamos, logo, que recollan e apoien unánimemente estas xustas reivindicacións que xurdiron de xeito espontáneo, plural e apartidario, aínda que, lóxicamente, dentro dos asinantes se poden supoñer todo tipo de ópticas e ideas, e hai asinantes que, con lexitimidade, fan constar a súa adscrición ideolóxica ou partidaria.


X.S. E por que desaparecen medios en galego?
H.H. De maneira particular e persoal opino que a situación dos medios e a lingua en Galiza, cómpre enmarcala no contexto dunha lingua non normalizada. Por iso, no seu día, o Plano de Normalización Lingüistica aprobado unánimemente por todos os grupos do Parlamento de Galiza (si, tamén o PP) prevía unha serie de medidas e axudas (que non son simplemente económicas) imprescindibeis para acadar a viabilidade dos medios en galego. O que acontece é que neste país estánselle a regalar substanciosas cantidades de diñeiro público (é dicir dos nosos impostos) precisamente a certos medios que marxinan o galego, torpedeando (con potentes torpedos) aqueles que se propoñen unha información libre e plural na nosa lingua.

Sobredimensionar a necesaria implicación dos lectores como compradores e subscriptores é non ter en conta que a esquilmada cidadanía está xa a soster económicamente a Lingua, a Cultura e a Liberdade todos os días, mercando libros, cds e discos, asistindo  a funcións de teatro, de cine, música, etc. E que numerosos galegos e galegas están no limiar da pobreza e moitísimos tiveron que reemprender o vello camiño da Emigración.

Naturalmente, a cuestión é moito máis ampla e habería que abordala con vagar.

Desde Galicia Confidencial animamos aos nosos lectores a que apoien este manifesto que atoparan no sitio web http://marxinaciondogalegonosmedios.es