Páginas
xoves, 22 de febreiro de 2024
Ciencia en galego no Día da Lingua Materna
mércores, 12 de xullo de 2023
Explícoche matemáticas 2.0. Edición 2023
Xa choveu desde aquela 1ª edición do concurso no ano 2012. A proba do acerto deste certame é que foi copiado por outros SNL ( ETSE, Facultade de Química, SNL da USC) e que 11 anos despois continúa na fura de diante.
Resulta que a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas resolveu o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 na edición do presente ano 2023. De seguido presentamos os gañadores:
sábado, 1 de xullo de 2023
Vémolo nós
Vémolo nós é un certame do SNL da USC que busca promover a través desta iniciativa a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica.
Na categoría de ‘Divulgación do Coñecemento’, impúxose o traballo de Alejandro Gómez Pazo titulado ‘Con: as dinámicas costeiras e cambio global’. ‘O cronómetro’ de Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín foi o traballo vencedor na categoría ‘Descubrindo a USC’. Finalmente, en ‘A utilidade do galego’, volveu gañar Alejandro Gómez Pazo co traballo ‘A costa galega en galego’.
Como observamos, unha vez máis, a sociedade galega vai nun sentido e a política lingüística da Xunta vén no contrario. Aquí temos o exemplo dun concurso que pula por abrir espazos en galego para a divulgación científica mentres nas consellarías manteñen a prohibición de impartir as clases de materias científicas en galego.
mércores, 8 de xuño de 2022
Premios do II concurso de vídeos de química sostible
Acaban de darse a coñecer os proxectos premiados no II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible, organizados pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística. O primeiro premio foi para "Microextracción Dispersiva Líquido-Líquido", de Pamela Cabarcos Fernández e Iván Álvarez Freire.
"O futuro está no asombroso tesouro agochado nos refugallos!", de María Celeiro Montero, Aly Castillo Zamora e Laura Rubio Lareu, obtivo o segundo premio. Preséntase un traballo de aproveitamento do bagazo
"Química biolóxica ao rescate" foi o vídeo que levou o terceiro premio
xoves, 24 de xuño de 2021
Buscando solucións a pandemias lingüísticas
sábado, 19 de xuño de 2021
Vibrando nas ondas con Xela Arias
Xela nas ondas - IES Plurilingüe Fontexería from Arraianos on Vimeo.
O IES Rosalía de Castro (Santiago) e Arraianos Producións en colaboración co programa Ponte nas Ondas e a RAG e a SXPL convocou un ano máis o Certame Escolar de Podcasts Xosé Mosquera Pérez O vello dos contos. O podcast gañador na modalidade de secundaria está protagonizado polo alumnado de 2º da ESO do IES Fontexería, baixo a coordinación da profesora de galego Olalla Liñares García, e contou tamén coa participación das docentes María Cernadas e María Viturro.
"Vibrando con Xela Arias" é obra do CEIP Mestre Manuel García (Oia). Foi gravado por boa parte dos alumnos e alumnas de 5º curso grazas ao traballo da súa titora, Sofía González Cordero, e o profesor de música, Elías Domínguez Pereira.
Vibrando con Xela - CEIP Mestre Manuel García from Arraianos on Vimeo.
O centro de educación especial Saladino Cortizo fíxose cun premio especial pola peza radiofónica titulada “Xela”, realizada polo alumnado de tránsito á vida adulta, de entre 16 e 21 anos, e gravada pola súa titora, Rebeca Medina.
domingo, 30 de agosto de 2020
Tant como me quedarà
Maxime é un neno de nove anos que participou na edición francesa do concurso "The Voice Kids". Fíxoo cunha canción en catalán, Tant como me quedarà, de Jordi Barré, un artista pertencente á Nova Cançó.
Teñamos presente que facer un papel relevante na televisión dun país tan centralista como o francés, que promove o desprezo a todas as linguas minorizadas, é un éxito duplo.
Vía Vilaweb
domingo, 23 de febreiro de 2020
A quen lle importa?
A gañadora xuvenil do Quero Cantar 2019, Isma Kalo, estreou o pasado 20 de febreiro o videoclip de A quen lle importa?
domingo, 16 de febreiro de 2020
A peor xogada
O grupo A Música das Baleas foi o gañador na categoría infantil do IV Certame de música Quero Cantar convocado pola Deputación da Coruña. Unha parte do premio consiste na elaboración dun vídeoclip coa composición gañadora, A peor xogada. Non podemos dicir outra cousa que lles quedou niquelado.
O grupo formouse a partir do coro do CEIP de Caión, que dirixe o mestre Jose Carballido.
xoves, 11 de xullo de 2019
Enreguéifate 2019
Na canle de Enreguéifate xa podemos ver os participantes desta edición 2019. Este proxecto é unha iniciativa dos concellos de Santiago, Ames e Teo. No certame hai dúas categorías, unha xeral e outra para centros escolares.
domingo, 30 de xuño de 2019
Os premios "Explícoche Matemáticas 2.0". Edición 2019
‘A medición da liña costeira’, foi o traballo presentado pola alumna de 3º da ESO do IES As Bizocas ( O Grove) María Sanmartín Cabanas, e ‘Un mundo rodeado de matemáticas. Trigonometría’, é unha peza de Francisco Estévez e Paula Mourille, estudantes de 4º da ESO no IES Celanova Celso Emilio Ferreiro. Estes foron os audiovisuais premiados o pasado xoves 20/06/19 na 8ª edición do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, organizado pola CNL da Facultade de Matemáticas da USC.
Na categoría de mellor valoración dos usuarios da arañeira o vídeo premiado foi‘Chiquicuriosidades’, realizado por Sara Marco Andrade, Carmen Caeiro Arca e Sofía Caramés Lage, alumnas de 4º de ESO do IES Frei Martín Sarmiento ( Pontevedra.)
Ademais dos premios cos que estaba dotado este concurso, o alumnado galardoado recibiu como agasallo o libro Mate-Glifos, do que xa falamos noutra ocasión.
Parabéns a todos os premiados, e tamén a todos os participantes. Seica así, aos pouquiños, Explícoche Matemáticas 2.0 xa leva xuntado un par de centos de vídeos relatando diversos aspectos das matemáticas.
Un último comentario do que teño que deixar constancia. No que fora un rechío estridente, o secretario xeral de política lingüística participara na pasada entrega de premios. Desta vez non se soubo nada del. Parece que con aquela intervención xa lle chegou. Demasiada dose de matemáticas en galego para quen ten como función principal prohibir as matemáticas en galego.
domingo, 9 de xuño de 2019
I concurso de ilustración científica Ramón Mª Aller
Parabéns pola iniciativa, e a seguir avanzando na ciencia en galego, como se fai decote no blogue Toc-Toc-A-Ciencia
xoves, 11 de outubro de 2018
Explícoche Matemáticas 2.0, edición 2018
Moi especialmente desde a posta en marcha do funesto decreto 79/2010 (o que chaman algúns do plurilingüismo), sabemos que a escola actúa, , como elemento desgaleguizador. Con todo, un grupo de afoutos rapaces elaboraron un material que divulga (en galego) un aspecto das matemáticas e deben recibir o premio do noso recoñecemento. Destacamos algúns deles.
Aarón Vilariño Folgueira, alumno de 4º da ESO do IES Lamas de Abade (Santiago) , foi o premiado na categoría A (2º ciclo da ESO, bacharelato e Formación Profesional) cun gorentoso traballo no que debulla como calcular o tamaño da Terra, experiencia da que demos conta noutras entradas.
Na cateboría B (Universidade), houbo dous premiados. Un deles foi o víedo "Diagramas de Voronói", de María Navarro Martínez e Iria Lago Portela, alumnas de grao de Matemáticas da USC
O outro premio da categoría B foi para "O problema do camiño máis rápido: a cicloide", de Jesús Conde Lago, alumno de doutoramento en Matemáticas da USC. Certamente as aplicacións da cicloide e a súa traxectoria estelar na historia das matemáticas serán sempre fonte de inspiración.
Nesta última moxalidade de alumnado de mestrado ou doutoramento, o xurado acordou conceder un accésit ao vídeo "O teorema da pizza", de Brais Prieto Moure, alumno de doutoramento en Ciencias da Comunicación da USC. Non podo negar que foi o que máis me prestou por levar á excelencia o guión e a realización.
Finalmente, Clara Rey Barona e Laura Álvarez Barbosa, do IES Escolas Proval (Nigrán) demostraron ser as máis populares pois o seu vídeo "Buscando aproximacións do número Pi mediante o método de Arquímedes", foi o máis valorado polos internautas. O título do tema dá pistas sobre o tema que trata.
O dito: parabéns a todos os participantes e agradecemento aos organizadores.
Éxito de participación no concurso de vídeos da USC ‘Explícoche Matemáticas’ (10/10/18) en GCiencia
domingo, 11 de febreiro de 2018
Quero xogar
Este é o videoclip do grupo Os nenos da vella, gañador do primeiro premio na categoría infantil do II Certame de música infatil e xuvenil Quero Cantar. Foi rodado na cidade vella da Coruña baixo o paraugas da Deputación da Coruña.
O grupo musical gañador está formado por Noa (voz e percusión), Mikel (caixón e coros) e Yune (baixo e coros); acompañados de Javi, o seu mestre de música.
luns, 5 de febreiro de 2018
Vindevídeos de Secundaria
Cunha semana de retraso, (pregúntome se era necesario este desprezo polo traballo dos participantes no concurso), a SXPL publica finalmente os vídeos gañadores do certame Vindevídeos. Se hai uns días xa comentabamos o asunto felicitando aos centros de primaria, agora debemos facelo cos de secundaria. Arriba, o vídeo Cantigueando do IES Franciso Asorey (Cambados) [por certo, este foi o meu primeiro destino, alá no século pasado, xusto o ano que o abriron]. Máis abaixo O peque do Coro do Xan Viaño, elaborado polo Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño, (Ferrol)
martes, 24 de outubro de 2017
"Os nenos da vella" e "Máis boas cás patacas"
“Os nenos da vella” é una formación coruñesa formada Noa (voz e percusión), Mikel (caixón e coros) e Yune (baixo e coros), e cuxo nome provén do lugar onde xogan e cantan a diario, pois a totalidade dos integrantes proceden do casco vello da cidade herculina.
No caso de “Máis boas cás patacas”, trátase dunha banda teense integrada por oito rapazas do IES de Cacheiras, no que o talento das voces de Lua, Valeria e Ruth, a guitarra de Ana, o baixo de Sara, o uquelele de Carme, o piano de Cristina e a batería de Candela, seguen as indicacións da súa mestra de música, Matilde, para compór pezas tan fermosas como a que presentaron ao certame “Quero Cantar”.
Vía NósTV
mércores, 4 de outubro de 2017
Ari[t]mar: dupla irmandade galego-portuguesa
Especialmente agradecida é a idea que tiveron de publicar en formato de vídeo-poema as gañadoras do certame poético nun acto de dupla irmandade. Velaquí que o mellor poema portugués Não sei, minha filha... de José Ricardo Nunes foi lido por Belén Regueira:
e o mellor poema galego, O corazón, de María do Cebreiro pódese escoitar na voz de Rui Spranger. Unha feliz iniciativa que conviña seguir divulgando deste orixinal xeito.
xoves, 15 de xuño de 2017
Coa lingua conectas
mércores, 10 de maio de 2017
A piña de Regiomontano
No IES Antón Losada (A Estrada) participamos na edición deste ano no concurso convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC, Explícoche matemáticas 2.0. Facémolo con este vídeo no que rescatamos un problema do século XV. Entre outras cousas, trátase de poñer en evidencia que as matemáticas poden, e deben, ir da man da normalización lingüística, por moito que lles pese aos que defenden o decreto do plurilingüismo e a ideoloxía subxacente de expulsión da lingua galega do ensino do ámbito científico.
Resólvese un problema de optimización tomando como punto de referencia o monumento ao labrego, da parroquia de Lagartóns (A Estrada), erixido no ano 1916 en conmemoración dunha victoria agrarista do ano anterior.
O problema en cuestión é esencialmente o mesmo que propuxo Regiomontano no 1471. Consiste en determinar a distancia á que se ten que situar unha persoa para que o ángulo de visión dunha estua sexa máximo. Cos datos que aportamos (ver Ilustración 1), estamos diante dun típico problema de cáculo de máximos que pode ser resolto polo alumnado de 1º de bacharelato mediante o cálculo de derivadas.
Alternativamente, no vídeo propoñemos unha solución que está ao alcance dun alumno da secundaria obrigatoria pois únicamente bastaría ter en conta que os ángulos que abarcan o mesmo arco SI son iguais (ver Ilustración 2) e que, obviamente calquera ángulo α con vértice nun punto V da recta v é menor que o correspondente ángulo β en Q:
Para obter a solución precisamos trazar unha circunferencia que pase polos puntos superior (S) e inferior (I) da estatua e que sexa tanxente á recta que marca a altura do ollo do observador (v) (ver Ilustración 3). O centro desta circunferencia debe estar na mediatriz m de S e I. Chamémoslle a á distancia entre m e v, sabemos que o raio da circunferencia que nos dará a solución debe ser a .Así a circunferencia de raio a e centro S cortará á recta M no punto H, quen será o centro da circunferencia buscada.
venres, 28 de outubro de 2016
Galaxia Casares
Ao consultarmos o blogue que elaboraron no IES Carlos Casares veremos diversos traballos do alumnado arredor da obra do autor de Vento ferido. Algúns deles son orixinais manualidades inspiradas nos textos de Casares [1, 2, 3] e teñen toda a pinta de pequenas alfaias.
O máis elaborado do material deste proxecto son un par de curtas inspiradas na obra literaria de Casares. Unha delas foi gravada no literario café Badía; na outra, que é a que presento aquí, algúns personaxes do imaxinario de Casares encóntranse na cafetería do instituto, entón....


