Páginas
xoves, 26 de setembro de 2024
mércores, 20 de setembro de 2023
Un patrimonio común
por Víctor Freixanes en La Voz de Galicia:
A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección», di o terceiro punto do artigo 3 da Constitución. Nos puntos 1 e 2 do mesmo artigo dise que «o castelán é a lingua española oficial do Estado, que todos os españois teñen a obriga de coñecela e o dereito de usala, e que as demais linguas españolas serán linguas oficiais nas súas respectivas comunidades autónomas consonte cos seus Estatutos».
domingo, 2 de abril de 2023
Unha lingua para o futuro
por Víctor F. Feixanes en La Voz de Galicia:
Alumnas de secundaria dun instituto da Coruña pregúntanme polo futuro da lingua galega e amósanme a súa preocupación: «por que o idioma perde falantes? Os nosos avós aínda o falan na aldea, pero os nosos pais xa non». Os pais viñeron vivir á cidade contra finais do pasado século, en realidade xa se criaron na cidade, aquí se coñeceron. Elas, as mociñas, criáronse en castelán. Só cando van á aldea, visitar os avós, senten a lingua arredor, e quixeran que as cousas non fosen así. «Como podemos recuperar o galego?», preguntan.
domingo, 23 de xaneiro de 2022
O dioma galego baixo o franquismo
Víctor F. Freixanes, e a secretaria, Margarita Ledo Andión, e mais o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, o director xeral da Editorial Galaxia, Margarita Ledo Andión, a secretaria da RAG e Víctor F. Freixanes, o seu presidente acompañan a Henrique Monteagudo na presentación do libro O dioma galego baixo o franquismo
A prol do galego de Asturias
por Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
No ano 2002, a Real Academia Galega celebrou o Días das Letras en Vilafranca do Bierzo. Lembrabamos a figura e a obra do Padre Martín Sarmiento, que naceu naquela vila en 1695. As autoridades de Vilafranca agasallaron a súa memoria, acolleron os actos que programou a RAG, complementáronos con outras iniciativas e, dende entón, todos os anos compartimos algunha actividade naquelas terras, que politicamente pertencen á comunidade de Castela e León, mais que saben que forman parte dunha irmandade común. En total son quince concellos maioritariamente galegofalantes (Barxas, Cacabelos, Carracedelo, Corullón, Ponte de Domingos Flores…) e outros oito nos que o galego ten algún menor uso. En 1976, os autores do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) percorreron aquela comarca documentando as falas en cinco concellos. Igual se fixo no occidente de Asturias, entre os ríos Eo e Navia, territorio no que o galego ten tamén expresión propia en 18 concellos, algo do que xa falaba Manuel Murguía no século XIX e que Dámaso Alonso en 1943 identificou como «gallego de la Asturias occidental», tamén galego-asturiano, denominación acuñada en toda a lingüística hispánica. O glotónimo eonaviego é un neoloxismo creado a finais dos anos 90 dende o galeguismo lingüístico e promovido despois dende a Academia da Llingua Asturiana, nun afán por distanciarse da memoria común e afirmar unha especie de lingua autónoma entre o galego e o asturiano.
domingo, 5 de setembro de 2021
Nin lubinas nin sardinillas
por Víctor Freixanes en La Voz de Galicia:
Na lingua do país dicimos robaliza, non lubina, e robalos para os de maior tamaño. Dicimos ollomol, non besugo, aínda que ultimamente, por influencia do castelán, algúns teimen en buscar diferenzas entre un e outro (unha penca debaixo do ollo e cousas así); e cando aínda non chegan ao tamaño de adultos chámanse buraces ou panchiños. Os abadexos pequenos son corbelos. As sardiñas, xoubas ou parrochas (na zona da Coruña, principalmente).
domingo, 21 de marzo de 2021
O retrato de Castelao
No ano 1927, primeiro na revista Nós e logo en Alma Gallega (Montevideo), Castelao publica o relato O retrato, que despois agruparía con outros textos no libro Retrincos (1934). Durante a epidemia de gripe do ano 1918, o escritor, daquela xa recoñecido caricaturista e pintor, empregado de Estatística en Pontevedra, trasládase dende a capital da provincia á súa vila natal de Rianxo para atender as demandas dos seus veciños, avivado en parte tamén polo seu pai, que sufrían o que as crónicas denominaban gripe española, soldado ruso, catarro de Nápoles. A peste causou unha altísima mortandade en polo menos tres ou catro vagas sucesivas, que comezaron contra a primavera de 1918 e duraron case tres anos. Fálase de entre 25 e 50 millóns de mortos en Europa, que saía da Gran Guerra. Só na vila de Rianxo morreron nos primeiros meses 108 persoas, e en toda Galicia catorce médicos que atendían os infectados. Dende o Goberno Civil prohibiron que as campás das igrexas tocasen a morto, porque non daban feito, e mais para aliviar no posible a alarma xeral.
domingo, 22 de novembro de 2020
Unha trabe de Carvalho
Ricardo Carvalho Calero entrevistado no programa 'A trabe de ouro' da TVG (1987) from Multimedia on Vimeo.
Estamos no estraño ano das Letras Galegas a Carvalho Calero. Bo momento para lembrar esta entrevista que o actual presidente da Academia lle fixo ao homenaxeado no ano 1987 no programa "A trabe de ouro"
domingo, 22 de decembro de 2019
Precisamos un novo marco para o galego
O Comité de Ministros do Consello de Europa acaba de pronunciarse sobre a situación da lingua galega consonte o espírito da Carta das Linguas Rexionais ou Minoritarias, documento que o Estado español subscribiu no 2001. A tal carta é do ano 1992. Os seus asinantes avogan pola «defensa e promoción de todas as linguas de Europa que carecen de carácter de oficialidade» ou que, aínda tendo tal carácter, estean en manifesta debilidade. Trátase dun pronunciamento de carácter internacional pensado para a protección e o estímulo dos idiomas non oficiais ou parcialmente oficiais nos Estados europeos. O Parlamento español adheriuse a esta carta subscribindo o seus obxectivos máximos. Gobernaba daquela o Partido Popular.
domingo, 22 de setembro de 2019
O Premio Arquímedes rexeita o galego
O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades convoca cada ano o Premio Arquímides, ideado para fomentar entre os universitarios, alumnos de grao ou de master, a investigación científica. Vai pola XVIII edición. Son en total 25 premios con dotación económica, e 4 estadías en centros de investigación. O primeiro premio (premio especial) está dotado con 7.000 euros, hai un segundo premio de 6.000, catro terceiros de 5.000 euros, e varios máis ata un total de 87.000 euros, con cinco distincións tamén para os titores de traballos.
luns, 11 de marzo de 2019
Outra vez as linguas na campaña
Anuncia Pablo Casado, presidente do Partido Popular, unha Lei de Linguas Oficiais para España. Unha Lei de Linguas Oficiais que poña a cada quen no seu sitio, supoñemos que quere dicir.
domingo, 30 de decembro de 2018
Sabela na televisión
O meu amigo Henrique Monteagudo, vello compañeiro de angueiras e atafegos, vén de acceder á cátedra de Sociolingüística da Universidade de Santiago de Compostela cunha liña de investigación sobre a realidade social do galego, o estado actual da lingua entre nós, cuestión na que vén traballando dende hai anos, o que nos permite elaborar unha radiografía cada vez máis exacta non só do presente do idioma, senón do que máis nos preocupa: o seu futuro. Inevitablemente, no debate sae a cuestión de fondo: a perda de falantes, que nos últimos tempos é bastante acelerada. E eu matizo dende esta marea dos domingos da Voz: de que falantes falamos? O que nos preocupa é o crecemento do que o sociolingüista denomina os «desprazados», persoas que reciben a lingua no seu contorno inicial (tradicional) e renuncian a ela polo castelán, galegofalantes que cambian de código, en contraposición aos que algúns denominan «neofalantes» e que o sociolingüística prefire denominar «recuperadores», xente que nace nun contexto castelán e que, polas razóns que sexan, muda de rexistro e asume activamente o galego.
domingo, 18 de novembro de 2018
Ciencia en galego
En novembro de hai oito anos, vésperas do San Martiño, un grupo de doutores, investigadores universitarios, activistas culturais e, sobre todo, profesores de bacharelato acordaron instituír o Día da Ciencia en galego, acolléndose á celebración que dende o ano 2002 promove a Unesco a prol da ciencia ao servizo da paz e o desenvolvemento das sociedades. A idea dos galegos, ademais de asumir os valores da iniciativa internacional, cadraba coa promulgación aquel ano do Decreto 79/2010, tamén chamado decreto do plurilingüismo, desafortunada iniciativa na que se obriga ao profesorado a impartir as aulas de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en castelán. O galego, para as letras e as humanidades. Malia as críticas, o tal decreto segue vixente.
domingo, 7 de outubro de 2018
Necesitamos un horizonte novo
O pasado día 26, Día Europeo das Linguas, presentamos no Concello de Ames os resultados dun estudo de campo sobre a situación da lingua galega nas familias e nos primeiros anos do sistema escolar (infantil e primaria), traballo realizado a partir de achegas do profesorado do CEIP Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño, nas terras de Amaía, a poucosquilómetros de Santiago de Compostela.
domingo, 6 de maio de 2018
21 días co galego
Hoxe escribimos dende o optimismo, dende a alegría de saber que as cousas poden mudar. Ou que podemos axudar a que muden: con intelixencia, vontade e imaxinación. Hai cinco anos, unha profesora do instituto da Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte Patiño, con alumnos de ESO e Bacharelato, botou a andar unha experiencia que xa corre polas redes. Rapaces e rapazas de 15 e 16 anos, moitos deles non galegofalantes, aínda que cunha competencia elemental no uso da lingua, comprométense a vivir tres semanas (21 días) usando decote a lingua galega: nas aulas, cos amigos, coa familia, na vida común, no lecer, dentro e fóra da casa. Tres semanas en galego, reflexionando sobre o que esa práctica significa, as dificultades que atopan, as contradicións, os prexuízos… Ao rematar a xornada, o rapaz ou rapaza conta nun vídeo a súa experiencia nas últimas 24 horas.
domingo, 29 de abril de 2018
Freixanes: "a situación da lingua galega é mala"
Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) é un conversador torrencial e manexa con destreza todos os rexistros. Domina a frase curta, mais tamén a sintaxe máis alambicada. É sempre un escritor, até cando fala. É tamén unha personalidade poliédrica, non reductíbel a un arquetipo. Novelista, ensaísta, xornalista, editor, presidente da Real Academia Galega. Nesta entrevista falamos sobre a iniciativa da RAG a favor da restitución dos apelidos á súa forma orixinaria, galega, mais tamén acerca do estado en que se acha o galego ou a propia institución que el preside, coa inevitábel figura de Ferrín a se recortar no horizonte. "Son partidario das políticas de inmersión lingüística", afirma.
Continúa a me impresionar o edificio da faculdade de Xornalismo, na USC, obra de Álvaro Siza, arquitecto multi-premiado. Si, mais apenas deixou espazo para os despachos dos profesores, verdadeiramente pequechos. "Son como as celas dun mosteiro", brinca Freixanes, cando nos franquea a porta do seu minúsculo gabinete. Case que non hai sitio para as estanterías. É cuarta feira. Cóntolle que Sermos leva uns días a publicar textos, quer no semanario, quer no dixital, sobre o proceso de restitución dos apelidos galegos á súa forma patrimonial e xenuína, a galega. A Real Academia Galega deu un pouco a pistolada de saída a ese debate coa publicación do seu estudo Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización. Damos comezo por aí á conversa.
-Que está a facer a RAG para que o seu traballo sobre os apelidos en galego resulte nunha efectiva recuperación dos patronímicos orixinarios do país?
As cifras do libro galego
O Consello da Cultura Galega acaba de facer públicos unha serie de datos sobre consumos culturais, máis específicamente sobre a produción e consumo do libro galego na última década, en realidade dende o ano 2006, data de aprobación por unanimidade da Lei do Libro e da Lectura no Parlamento de Galicia, ata o ano 2016. Os datos serviron de referencia para os debates que o pasado xoves se celebraron na devandita institución, debates preferentemente de carácter sectorial, nos que participaron editores, libreiros, bibliotecarios, estudosos da edición, distribuidores, creadores, etcétera, mesmo algunhas técnicas da administración. Nada que os que estamos nisto non soubésemos, aínda que cando un observa os gráficos, as cifras, as tendencias da nosa realidade cultural no seu conxunto, imposible virar os ollos para outro lado. O panorama é certamente desalentador. Nos últimos anos, dende o ano 2008 ao 2014, o período mais duro da crise económica, o investimento ou gasto público en cultura diminuíu nun 58,40 por cento.
domingo, 22 de abril de 2018
Manuel Bragado
Hoxe as velas traen un pouco menos de vento. A retirada, «renuncia voluntaria», cese ou como queiramos dicilo, de Manuel Bragado ata hai dous días director e primeiro responsable de Edicións Xerais de Galicia abre un oco certamente importante na cultura do libro galego e na cultura galega en xeral, tan necesitada de azos, pulos estratéxicos, entusiasmos e firmezas. Durante 28 anos o editor vigués foi construíndo e, ao mesmo tempo, reforzando un proxecto que velaí está: no catalogo de títulos, na nómina variada de autores, nas ofertas de risco, na forza dos lectores e, moi especialmente, na proposta educativa, que foi a orixe do nacemento da editorial con Xulián Maure en 1979 (cun libro para o ensino das matemáticas) e que el continuou durante case tres décadas. De todos os que pasamos pola dirección de Xerais (penso agora tamén en Luis Mariño), Bragado foi o que máis tempo botou na ponte do navío. Ímolo botar de falta.
domingo, 4 de marzo de 2018
A lingua galega na mocidade
Andrea ten 15 anos, estuda derradeiro ciclo de secundaria nun colexio concertado en Santiago, gústanlle as ciencias sociais, aínda que non ten decidido cara a onde orientar os seus estudos futuros, no caso de que acceda á universidade, que de seguro accederá. A reflexión que reproduzo é súa, case que literal: «Nacín nunha familia galegofalante. Os meus país e os meus avós falaron e falan galego comigo. Pero cheguei á escola e dende o primeiro momento, xa dende moi pequeniña, decateime de que, na práctica, o galego non contaba, ou contaba ben pouco, nas relacións sociais, na comunicación cos mestres (con algunha excepción), no tempo de recreo no colexio, nos cómics, no cine, na televisión… O mundo, fóra da relación íntima cos meus pais, vivía e desenvolvíase en castelán, e os nenos e as nenas, no colexio, aínda que moitos estaban na miña situación, instalámonos entre nós tamén en castelán, porque era a lingua que mandaba. ¿Que podemos facer para que isto non suceda?».
domingo, 17 de decembro de 2017
A xeración Nós
O 30 de outubro de 1920 saía en Ourense o primeiro número da revista Nós, publicación periódica de pensamento e cultura, monolingüe en galego, que nacía por iniciativa de Vicente Risco (o seu director literario) co apoio entre outros de Castelao (director artístico), Lousada Dieguez, Arturo Noguerol, López Cuevillas, Otero Pedrayo, os máis deles ourensáns, e que certamente marcou unha época, mesmo épocas posteriores, pola significación dos seus colaboradores, novos e vellos, clásicos e contemporáneos, de Galicia e de fóra de Galicia, nun feliz esforzo integrador pola universalización do noso discurso, pola proxección da nosa cultura e pola apertura a outras voces, outras liñas de creación, correntes culturais, disciplinas complementarias que decididamente apostaban pola modermidade.