Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Guadi Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Guadi Galego. Amosar todas as publicacións

venres, 28 de febreiro de 2020

Tecín soia a miña tea




Outro ano máis (2016, 2017, 2018 e 2019), o concello da Estrada presenta o vídeo no que homenaxea a Rosalía de Castro e así celebra o seu día. Un novo acerto e un vídeo marabilloso con música de Guadi Galego sobre o poema Tecín soia a miña tea e unhas imaxes tan ben recollidas que ata lugares tan pouco agraciados como a Rúa da Cultura pola que eu chego todos os días ao traballo, aquí son recollidos con tanta sabiduría que ata parecen fermosos.
A trama é simple e está moi ben traída. Rosalía sae da Casa da Matanza, e despois dun breve paseo por Padrón achégase ás terras estradenses. Na Estrada visita os máis diversos lugares, desde o Pazo de Oca, a ponte de Pontevea ou a Torre de Guimarei. A mensaxe está clara, Rosalía segue estando connosco.
O final do vídeo con Rosalía paseando pola feira ou falando cos rapaces do CEIP Pérez Viondi mentras soan os acordes doutro éxito de Guadi Galego cantando a unha lingua chea de vida é toda unha declaración, unha chamada a seguirmos a estela de Rosalía en todo momento e en todo lugar. Unha chamada a seguir usando a nosa lingua tanto no mundo empresarial como a transmitillo aos nosos nenos.

mércores, 27 de febreiro de 2019

Malaxente, Tecín soia vs. Consellería de Educación


Tecín soia a miña tea, o poema de Rosalía de Castro, musicado por Guadi Galego.




Castellanos de castilla, o poema de Rosalía de Castro por MJ Perez
Mentres, a Consellería de Educación continúa a excluír o Día de Rosalía no apartado de conmemoracións do calendario escolar.
Malaxente: tecín soia a miña tea, e así sigo.

luns, 18 de decembro de 2017

Non é o mesmo: "De igual a igual"



O pasado 25N celebrouse o Día contra a violencia machista. Tamén se fixo nos centros de ensino (aplausos para todos os que programaron algunha actividade de concienciación nesta data) pero, e agora vén a crítica, sei de non poucos casos nos que o galego estivo ausente. Elaboraron carteis, realizaron vídeos, ensaiaron cancións, programaron conferencias... pero en castelán. Noutras palabras, aproveitouse o Día contra a violencia machista para aplicar a violencia lingüicida.
Xa teño comentado nalgunha outra ocasión que se pode establecer un paralelismo entre a situación da muller e o da lingua galega. Nos dous casos hai discriminación e nos dous casos podemos escoitar discursos compensatorios dos supremacistas establecendo idealizacións (da muller/do galego) mentres que, a un tempo, xustifican actitudes marxinadoras.
O vídeo desta entrada representa a boa forma de facer as cousas. Foi o pasado 25N, no meu centro, o IES Antó Losada (A Estrada). A idea partiu de Ruth, a titora de 2º ESO B, quen elaborou a letra para a música de Guadi Galego. O Coro do centro e todo o alumnado que quixo sumarse, xuntouse no vestíbulo e cantou así de ben esta marabilla. Non canso de oíla.

martes, 16 de maio de 2017

1000 nenos cheos de vida


Non podía imaxinar mellor entrada no día previo ao das Letras Galegas. Aquí podemos escoitar a máis de 1.000 nenos cantando a coro en Navantia a canción "Chea de vida" con Guadi Galego e Guille Fernández, dirixidos por Ramón Bermejo.
Todo parte dun curso do CFR de Ferrol "O coro escolar como actividade integradora", alí decidiuse xuntar a máis de 1.000 nenos de centros de ensino de Ferrolterra para estimular a creación de coros escolares a partir do repertorio de músicos galegos actuais.

Por unha lingua chea de vida
por un ensino cheo de vida
por unha mocidade chea de vida
por unha vida chea de música.