Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xavier Senín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xavier Senín. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de setembro de 2014

Apúntome a un bo plan

por Xavier Senín en El Correo Gallego:


HAI dez anos, en setembro de 2004, o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización Lingüística. Un grupo de persoas coñecedoras da situación da lingua galega en cada unha das áreas que se abordaron, xuntáronse para elaborar un documento que se presentou ao Parlamento galego para a súa aprobación. Hai dez anos dirixía os destinos do país o Partido Popular, que desde o goberno tomou a iniciativa dous anos antes, en marzo de 2002, de xuntar as persoas que traballaron na redacción e de presentalo ao exame e aprobación dos representantes lexitimamente elixidos polo pobo. Horas de traballo e de debates das comisións encargadas das distintas áreas permitiron redactar o documento que os parlamentarios converteron en definitivo. Dez anos despois, aquel documento nacido do traballo corporativo e do consenso político aínda está en vigor e ben é que así sexa porque, se nalgunha parte se podería considerar cumprido, moitas das medidas que se propoñen seguen esperando a inquebrantable decisión política de poñelas en marcha. Desde xuño de 1983 en que se aprobou a Lei de normalización lingüística, nunca se chegara a dar un paso tan transcendental para o idioma galego e o documento fixo renacer as esperanzas de que Galicia tivese mil primaveras máis, como quería Cunqueiro.

luns, 4 de xullo de 2011

Carta a Paco Martín

por X. P. Docampo, no Xornal, quen asina esta carta xunto Agustín Fernández Paz, Xavier Senín e Alejandro Tovar Salazar. Na foto aparece Paco Martín retratado para unha das últimas entrevistas do aniquilado Galicia Hoxe.

Noso lembrado amigo, o pasado 25 de xuño a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega rendeuche unha homenaxe na túa terra que ben merecida a tiñas. O “E” que che entregaron conságrate coma un dos creadores máis sobranceiros das nosas letras e comprométete a seguir escribindo nos tempos que andamos, que tan determinantes están a ser para a nosa supervivencia como pobo.
O da teima de escribir vénche de ben lonxe e, ao contrario do que lle pasa á máis da xente, ti comezaches por unha obra mestra, Muxicas no espello, que veu a luz nunha humilde edición que ilustrou o teu amigo da alma Xan Balboa. Conseguiches o que perseguen moitos creadores: captar a esencia das historias. Dicía o teu amigo Carlos Casares que nas Muxicas estaba toda a túa literatura que había vir despois, e seguro que tiña razón. Exerciches o teu labor de mestre con profesionalidade e, en tempos difíciles, fuches dos primeiros en facer cursos de galego para poder aprenderlles aos cativos na súa lingua. E mesmo promoviches e argallaches ti mesmo outros cursos para que os teus compañeiros de profesión adquirisen competencias na lingua de noso.
Sentímonos moi orgullosos polos éxitos do teu Ramón Lamote, sobre todo por facer visible en todo o Estado a literatura que uns poucos amigos e amigas escribiades para os máis novos e conseguir que se falase de nós por aí adiante con admiración. Agora, cando podías gozar da neta e xogar algunha partida cos amigos, volves erguer a bandeira da defensa da lingua que sentes ameazada, coa mesma forza e ilusión de cando eras novo. Abofé que nos sentimos orgullosos, mais en ningún caso sorprendidos, pois sabemos do firme do teu compromiso co país das letras e tamén con este vello territorio de “un paso adiante e outro atrás”, que sentidamente evocan Mini e Mero ao cantar os versos de Díaz Castro.
“A Fiz Vergara Vilariño e, canda el, a todos cantos fan da súa arte mester de galeguidade”, así foi como dedicaches a túa obra Lembranza nova de vellos mesteres, e así tamén é como te vemos nós: coma un deses artesáns que faenan canda o Fiz, coa bandeira limpa e ampla da galeguidade, sen falsas harmonías nin submisas preitesías de ocasión. Recordáchesnolo o sábado: es un home bo e íntegro, que agradece e non esixe, que se sabe parte dun colectivo sen o cal non é. Na homenaxe estabamos xentes de toda cor, talle, rango, idade e condición, e até a febra sensíbel de todos e todas nós chegaron as túas palabras e as túas lembranzas de cando cativo e home novo que se inicia na vida adulta sen renunciar en ningún momento ao seu luguesismo, un concepto, explicáchesnos, oposto ao localismo.
A admiración e cariño que che profesamos, como amigos, como compañeiros do oficio da escrita e coma camiñantes ao teu carón na loita pola nosa lingua e pola defensa do noso ser diferenciado, como deixou dito o nunca esquecido Manuel María, cómpre agora facelos públicos, coa certeza de que nestas palabras ecoa o afecto de todas as persoas que chas querían dicir e non tiveron ocasión.
Moito te queren os teus paisanos, noso amigo! Sabiámolo, é certo; mais reconforta comprobalo unha vez máis. Reconforta e ilusiona que, mesmo neste tempo aciago para as persoas que escriben en galego, a coherencia esperte respecto e mesmo admiración. Tes o recoñecemento franco da veciñanza, das amizades e da familia. Que máis se pode pedir? Tamén ti, Paco, conseguiches ser amado na túa terra