Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto Abalar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto Abalar. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de marzo de 2014

Rosalía 3.0


ROSALíA 3.0 from JOSEAN PAZOS on Vimeo.

Xa ventaba eu que iso do Abalar servía para algo. No CEP Sequelo (Marín) deron cunha aplicación realmente orixinal.
Cunha referencia a esta actividade tamén deixo de actualizar a entrada sobre as celebracións do Día de Rosalía

mércores, 14 de marzo de 2012

Xeometría en galego: a páxina de Paulo Porta

Andaba pola arañeira da rede buscando recursos de matemáticas que me poideran ser de utilidade e fun dar cunha impresionante perla.
Menos mal que existe unha plataforma catalá, Creamat, que si mantén unha ligazón aos contidos aos que me estou a referir: a páxina de Paulo Porta, xa que estrañamente (?),  este portal non está ligado desde o proxecto Abalar, a pesar de que algúns recursos do web foron premiados pola Xunta dentro do programa SIEGA (Sistema de Información da Educación Galega).  Un dos apartados, que levou un premio SIEGA no 2003  trata sobre tanxencias. O outro traballo premiado é un impresionante percorrido polos poliedros e as súas propiedades. Ademais dunha presentación dos poliedros regulares, semiregulares e estrelas, o web ofrécenos arquivos pdf co desenvolvemento plano dunha enorme colección de poliedros e un apartado sobre a teselación do espazo.
Isto non é todo. No web de Paulo Porta tamén temos acceso a 18 demostracións visuais do teorema de Pitágoras.
E aínda hai máis. Case 30 métodos xeométricos para obter a cuadratura do cículo. Trátase, como se pode supoñer, de métodos que aproximan a área do círculo. Entre outras marabillas podemos ver un par de cuadraturas do padre Sarmiento, unha delas cunha aproximación excepcional, que nos daría un valor para  =3,1415926628 (as súas primeiras cifras son =3,141592653589). O método de Sarmiento ofrécenos un método para a obtención da área do cículo equivalente  unha precisión de  con 7 cifras decimais correctas!
Ademais de todo isto a páxina contén outros recursos relacionados co debuxo ou coa obra artística do autor.

martes, 21 de febreiro de 2012

GeoClic

Unha chea de actividades de xeometría. Cómpre divulgar as que temos en galego, porque ademais de ser menos, moitas, entre elas as mellores,  son vetadas pola Consellería de Educación.
Basta un dato: no repositorio de contidos de Abalar hai 14 recursos de matemáticas en galego frente a 221 en castelán.

mércores, 30 de novembro de 2011

Agrega versus Abalar



Presento aquí algúns recursos de matemáticas que se poden atopar mediante a ferramenta Agrega 2, unha plataforma de repositorios de contidos educativos dixitais do MEC. Premendo nas imaxes podemos ter unha idea de como funciona Agrega:  do recurso escollido temos unha  breve descripción. Tamén se pode acceder a unha previsualización do contido ou á súa descarga.
Curiosamente  desde esta plataforma podemos atopar  moitos máis recursos de matemáticas en galego que desde o chiringuito do repositorio Abalar da Xunta.




martes, 1 de marzo de 2011

Abalar e Flocos.tv

por Xoán Costa, no Caderno xeral dal AS-PG:

Consellaría de Educación está a pór en marcha o proxecto Abalar, unha iniciativa que, entre outros obxectivos , pretende ” maximizar o aproveitamento dos recursos” e acadar “o aproveitamento efectivo dos contidos dixitais
Da improvisación con que se está a levar a implantación deste proxecto xa se ten falado moito, así como da falta de perspectivas didácticas e pedagóxicas que o orientan e que ceden o seu espazo ao equipamento en infraestruturas, moito máis rendíbel.
Esta  carencia de perspectivas mesmo se fixo máis evidente estes días, cando, nun momento en que se aduce a necesidade de aforro como unha xustificación para recortar prestacións do sistema, se entregan sen problema, millóns de euros a multinacionais do software  para traducir
os interfaces dos seus programas a galego tendo, como temos, software coas mesmas prestacións libre e en galego ou, cousa aínda máis chamativa, nen siquera se traducen os ODE (obxectos dixitais educativos) que figuran no espazo Abalar. Sabe a Consellaría de Educación da existencia en Extremadura ou en Castilla-La Mancha de ferramentas comoCuadernia ou Constructor, postas a disposición de toda a comunidade educativa para a creación e difusión de materiais educativos dixitais?
A abundancia de recursos dixitais en galego non é moita e en todo o caso non é suficiente para desenvolver os contidos curriculares que os centros educativos han de levar a cabo.
Flocos.tv, viña ocupando para moitos e moitas docentes un espazo único para a presentación ao alumnado de contidos educativos, creativos ou documentais, que agora fica baleiro. E fica baleiro non por falta de usuarios ou por ofrecer recursos inadecuados.
Mais ben fica baleiro por esa constante e ben planificada actitude da Xunta de Galicia, neste caso a través da Consellaría de Cultura, de fechar todos os espazos posíbeis para que a nosa lingua e a nosa cultura, xa non digo que medren senón, simplemente, para que non se asfixien.
Abalar. Haberá que abalar as conciencias dos nosos gobernantes até conseguir que Flocos.tv poda estar de novo presente nas aulas porque os nosos alumnos e as nosas alumnas teñen dereito a coñecer, e a valorar, materiais de valor
educativo contrastado e que en moitos casos foron realizados con fondos da propia Consellaría que agora, como Cronos, devora os seus propios fillos. 

luns, 6 de decembro de 2010

O devalo de Abalar

Adiantóuseme a CIG-ensino, quen acaba de denunciar que o Proxecto Abalar está a ser usado como unha ferramenta máis na campaña de redución da presenza do galego no ensino. Aínda así, vou intentar darlle algunha volta ao asunto. Como a implantación do proxecto Abalar comenza por 5º de primaria e 1º da ESO, centrareime neste último curso aínda que todo o que se comenta, agás as cifras exactas é válido para o outro caso.
Na seguinte táboa contabilízanse o número de unidades didácticas segundo o idioma no que están dispoñibles e que desde o Repositorio de Contidos Educativos do Espazo Abalar, a Consellería de Educación pon a disposición do profesorado para o seu uso nas aulas para 1º da ESO.


Pouco máis hai que engadir para termos unha fotografía do que significa o plurilingüismo para a Consellería de Educación. 
Destaca na táboa o número de unidades de matemáticas. Eis onde está o futuro da lingua no ensino dentro do proxecto Abalar. Se lle preguntáramos á Consellería de Educación as razóns disto contestaríanos que dispoñemos desta gran cantidade en certa medida a que moitas delas proceden do proxecto Descartes do Ministerio de Educación. Mais non nos diría nada que a día de hoxe hai dentro deste recurso 48 unidades en catalán, e tampouco nos informaría de que hai 12 unidades de matemáticas en galego formando parte do mesmo proxecto Descartes. Por que non hai ningunha ligazón desde Abalar a estas unidades? Será polo funesto decreto de plurilingüismo? Será que esta é a razón pola que Abalar se enxerga como un factor claramente desgaleguizador?
Por último, a Consellería de Educación tampouco nos explicaría por que eu teño no ordenador co que estou escribindo este post,  60 unidades didácticas de matemáticas en galego, con licenza creative commons, e que poñelas a disposición de todo o profesorado galego non lle custaría á Consellería máis do que custa abrir só unha aula do proxecto Abalar. Fica claro que non é polos cartos, as razóns son moi outras.
O devalo de Abalar é o mesmo que leva toda a política lingüística deste goberno; do que se trata é de ocultar  e destruir o traballo e o esforzo do profesorado que pulou e pula pola normalización do galego no ensino.

domingo, 19 de setembro de 2010

O plurilingüismo destápase co proxecto ABALAR.

Todos os que puxeron algunha ven un pé no ámbito da normalización no ensino saben que é fundamental tirar da identificación da lingua a normalizar coas novas tecnoloxías. Pola contra, excluir o galego deste ámbito significa actuar contra el, e facelo desde as institucións galegas é unha bofetada a toda a sociedade, un desprezo e un insulto aos valores que nos definen como galegos.
Segundo infomación da propia Xunta o Ministerio de Educación achegou 4 millóns de euros para o proxecto ABALAR, que vai dotar con 15.000 ordenadores portátiles a 300 centros educativos. A Xunta aporta os outros 12 millóns. A cousa vai con retraso, xa comenzou o curso e aínda non se sabe dos ordenadores, polo momento  o pasado día 13, nun instituto de Santiago, houbo unha presentación pública dun modelo de aula para este plan, na que se destapou en que consiste o plurilingüismo deste goberno. Así o explican desde g11.net,  comunidade  para a galeguización da informática:

Para sorpresa das persoas que probaron este modelo de aula, os ordenadores podían empregarse en castelán e tamén en inglés pero non era posíbel facelo en galego, sen que exista razón técnica algunha que poida xustificalo.
É a Consellería de Educación quen define as características que deben cumprir os ordenadores, entre elas as relativas á configuración de lingua. Se a empresa adxudicataria non incluiu o galego nos portátiles das escolas foi porque a Consellaría non lle esixiu facelo.

Para mexar e non botar gota.