Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta El Progreso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta El Progreso. Amosar todas as publicacións

xoves, 24 de outubro de 2024

Beizóns tamén para os neofalantes

 por Fina Casalderrey en El Progreso:

Ninguén en Galicia —nin en ningures— tivo oportunidade de escoller onde nacer: na aldea ou na cidade, en casa humilde ou en rica mansión, nun ambiente de miseria académica ou de fartura intelectual, onde se falaba galego dende o berce ou onde se ignoraba ou mesmo rexeitaba... Nacemos onde a nosa nai nos trouxo ao mundo e, ás veces, tampouco ela puido escoller. Non debemos tomar coma un mérito persoal o feito de que na nosa casa se fale galego de toda a vida; en todo caso, fomos afortunados por recibir ese herdo de maneira natural, sen esforzo extra pola nosa banda.

 

sábado, 1 de xuño de 2019

Sobre a morte do galego

por Miguel Anxo Fernán Vello, en El Progreso:


A escritora e doutora en Lingüística Xeral pola Universidade de Santiago de Compostela, da cal é profesora, Teresa Moure, afirmou recentemente nun artigo xornalístico, con rotundidade e perentoriedade, que o idioma galego está a morrer, e que tal circunstancia é unha “verdade incontroversa”. E case ao mesmo tempo tíñamos noticia de que toda a propaganda electoral da dereita española enviada ao noso país desestima, por falta de uso e con ánimo, nalgúns casos, de claro menosprezo, o “idioma propio de Galicia”, tal como consta expresamente no noso Estatuto de Autonomía.

sábado, 10 de marzo de 2018

O odio ao galego

por Miguel Anxo Fernán Vello en El Progreso:


CONTAN AS crónicas que dúas funcionarias da Delegación da Xunta da cidadede de Lugo se negaron a atender en idioma galego a unha cidadá que lles demandaba unha determinada información, e aínda por riba unha das dúas empregadas públicas, ademais de enxalzar alegremente ao ditador Franco, desexou a morte expresa do idioma no que escribiu don Ánxel Fole: "Pues si se pierde mejor", expresou —con ánimo sepultureiro— a traballadora administrativa do órgano colexiado do Goberno galego, que toma o nome da Xunta do Reino de Galicia creada en 1528.

A menos

por Ramudo, en El Progreso:

Foi no supermercado. Trataba de explicarlle a miña filla a diferenza entre unha mandarina e unha laranxa. A simple vista, non é moita. Un pouco máis grande unha e un pouco máis pequena a outra. Mentres pesaba unha bolsa de kiwis, díxome a froiteira: "Gústame moito que lle fales en galego". Como. Pensei en voz alta. "Si, que lle fales en galego á nena. Agora moi pouca xente o fai". Colleume co pé cambiado. Por un momento quedei calado. Non sabía moi ben que dicir. "É que eu sempre falo en galego. Con ela tamén, claro", resposteille. Sen máis. Gustaríame ter a posibilidade de sacarlle algo máis de brillo ao meu propio comportamento. Dicir que a miña forma de expresarme e de dirixirme á pequena, e tamén aos demais, responde a unha actitude militante no idioma propio, pero o certo é que, polo menos no meu caso, é moito máis sinxelo que todo iso. Falo no mesmo código no que penso, na miña lingua nai. Cando mudo ao castelán, polo que sexa, teño que traducir o que sae do meu propio maxín. Non me costa traballo, pero é unha fala procesada, menos espontánea. "Xa, pero é que moita xente cambia de lingua para falar cos rapaces", insistiu. Deixoume matinando. Non é que non fose consciente de que iso sucede, pero sorprendeume o feito de que sexa algo tan frecuente como para que eu mesmo chamase a atención por non facelo. E máis nun lugar polo que, ao longo do día, ten que pasar moita xente. Unha morea de pais cos seus fillos. Non me gustou ser unha rareza por isto. Mellor sería ser a excepción polo contrario.

martes, 28 de novembro de 2017

Días de imposición

por Marta Veiga, en El Progreso:

O PRIMEIRO traballo que lle entreguei a Carme Hermida mereceu un menos oito. Póñoo en letra, porque así dá a impresión de non ser tan embarazoso. A miña estrea cun suspenso final foi en segundo de carreira. Lingua Galega Oral, outra vez con Carme Hermida. Naquela altura, se estabas feita de material de chapona como era o caso, resultaba o meirande dos dramas. Suspendín galego en xuño. O práctico; no teórico quitei notable (isto escribiuno a chapona). Botei o verán de bolseira no Diario Montañés de Cantabria. Na casa, escoitaba as cintas de A Roda e de Los Tamara de meu pai. Os cassettes de chistes de Farruco. E estudaba listaxes de palabras. Oso e óso. Doce e dóce. Présa e presa. Vai a pola pola póla. Volvín suspender en setembro. Aprobei en terceira convocatoria. Cun suficiente.

xoves, 28 de abril de 2016

O meu Manuel María

por María Xesús Nogueira, en EL Progreso:


SON DÍAS estes de falar de Manuel María nos centros de ensino de Galicia. A súa obra lese, recítase, cántase, interprétase... A celebración da súa palabra polas nenas e os nenos habíalle gustar a quen escribiu tantas páxinas pensando neles. Talvez sexa esa, senón a mellor homenaxe, a máis natural que se lle poida render a unha figura recoñecida pola banda das letras: lela. Seguramente foi o colexio o lugar onde moitas persoas construímos o noso Manuel María particular. O que cimenta a memoria. O que queda. O que subxace a aqueloutro Manuel María que, anos despois, leriamos na vida adulta, estudariamos e mesmo acabariamos explicando na aula. Hai palabras que, lidas, escoitadas e aprendidas, deixan pegadas indelébeis das que, se cadra, tardamos en decatarnos.

domingo, 20 de abril de 2014

Non é xusto, señores e señoras da Academia

por Marica Campo, no xornal El Progreso:


ANDAN XA a circular por aí nomes de posíbeis dedicatarios das Letras Galegas 2015. Por exemplo o ‘Foro E. Peinador’, integrado por nove empresarios, reclámao para Enrique Peinador ou Isidro Parga Pondal. Non dubido dos seus merecementos e do atinado que é recordarnos que a nosa lingua pode e debe estar ligada ao mundo empresarial. Tamén eu o desexo para Fiz Vergara, Xela Arias, Luísa Villalta e Manuel María por citar só as que en vida me foron máis próximas. Porén, señores e señoras académicas, é vergoñento que a estas alturas Don Ricardo Carballo Calero (e tamén don Ricardo Carvalho Calero) non tivese o seu 17 de maio con todo o que isto suporía de exhumación, estudo e publicidade da súa obra, que á fin iso é o que fica despois dos fastos, oficiais e non oficiais, cos que se celebra un autor ou autora de noso.