Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 24 de outubro de 2024

Beizóns tamén para os neofalantes

 por Fina Casalderrey en El Progreso:

Ninguén en Galicia —nin en ningures— tivo oportunidade de escoller onde nacer: na aldea ou na cidade, en casa humilde ou en rica mansión, nun ambiente de miseria académica ou de fartura intelectual, onde se falaba galego dende o berce ou onde se ignoraba ou mesmo rexeitaba... Nacemos onde a nosa nai nos trouxo ao mundo e, ás veces, tampouco ela puido escoller. Non debemos tomar coma un mérito persoal o feito de que na nosa casa se fale galego de toda a vida; en todo caso, fomos afortunados por recibir ese herdo de maneira natural, sen esforzo extra pola nosa banda.

 

 

Penso en quen, coma min, tivo oportunidade de escoitar as primeiras palabras de nomear o mundo na fala galega dende o comezo dos seus días e en quen, por múltiples circunstancias (abondaría con ler 'O idioma galego baixo o franquismo' de Henrique Monteagudo para visualizalas todas), "se foi da lingua" —como diría Yolanda Castaño—. Matino en quen a abandonou e regresou (en 'Nós, os inadaptados' conta Vicente Risco a súa experiencia). Outrosí, houbo quen se achegou á lingua por primeira vez na idade adulta instalándose permanentemente nela co convencemento de quen dá cun achado prodixioso que quere coñecer, preservar e espallar. Por certo, nas miñas visitas a centros atopo con inmigrantes falando nun delicioso galego, que me emociona. Para esas persoas que se achegan para quedaren e para ese profesorado capaz de remar pola lingua en augas pouco favorables vaia a miña gratitude.

 

Na historia da nosa lingua atopamos destacados neofalantes: Ramón Otero Pedraio, poño por caso, foi un deles (explícao en 'Arredor de si'); o propio presidente da RAG, Víctor Freixanes, declarouse como tal en numerosas ocasións; porén, os seus fillos xa foron galegofalantes dende o berce. Velaí o que quero destacar: o compromiso adquirido. As e os neofalantes, en especial os que viñeron a Galicia dende outros lares, precisaron dun esforzo intelectual maior para se mergullaren non só no léxico, senón na fonética da lingua. Con todo, en moreas de casos, dannos exemplo de férrea lealdade; tal é o caso de Marilar Aleixandre, Pere Tobaruela, Mª Dolores Sánchez Palomino... Eu mesma gardo na memoria os duros días finais dunha neofalante abondo coñecida, que chegou a Galicia como licenciada en lingua castelá, á que admirei moito por empeñar a súa vida como ensinante, como escritora, como activista cultural... na defensa do idioma galego, incluso en tempos ben difíciles, ata o estremo de recibir castigo por iso. Na derradeira visita que lle fixen, cando xa non era quen de dominar aquel corpo deteriorado pola cruel enfermidade e polos agresivos tratamentos, díxome en magoado ton íntimo: "Ay, Fina! Perdona que te hable en castellano, es que mi cabeza ya no funciona". Esas palabras de quen, parafraseándoa, nunca lle puxo os cornos a Galicia, sacudíronme as entrañas. Canto mérito engadido, canta gratitude merecen todas estas persoas, galegas de adopción, que fixeron, e fan, desta terra e desta lingua a súa bandeira.

 

 

 

Ben isto a conto dos alarmantes datos que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística. Quero sumarme a esas voces que, dende a RAG, o CCG, a Mesa pola Normalización lanzan un grito, cal Eduard Munch, nun intento de facer reaccionar a sociedade galega en xeral e a quen ten competencias para lle dar a volta á situación: a infancia, a mocidade, a xente adulta abandona a lingua. "Que alarmistas!", din algunhas voces. Son os datos os que provocan esta alarma. O Consello de Europa fixo notar que o decreto de bilingüismo de 2010 entra en contradición coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias ao detectar eivas no compromiso adquirido que derivaron en chamadas de atención.

 

 

Obviando informes e estatísticas, poñan vostedes o oído cando están á porta do colexio, do instituto... agardando pola filla, polo neto... ou nunha consulta médica, na carnicería, na cola do cine, paseando pola rúa... En que lingua se expresa a maioría? Eses son os feitos reais e visibles. Se tivese habelencia abonda, as miñas palabras exercerían de inxección intravenosa directa á intelixencia, á razón e á responsabilidade de todos e de todas nós —por suposto cunha dose múltiple para os nosos gobernantes— que fixese remitir axiña á situación actual. Ademais do castelán, que por fortuna goza de boa saúde, temos unha lingua de noso —fermosa coma todas as linguas— que nos singulariza como pobo e que perde falantes a grandes alancadas. Porén, isto non foi de onte para hoxe, as políticas erradas foron propiciándoo.

 

Malia todo, seguimos a recibir premios nacionais a nivel estatal de diferente índole, a publicar libros de calidade na nosa lingua, a nosa música estase a converter nun fenómeno de masas, o cine galego, o deporte... voan por riba dos tellados do mundo. Non vale, pois, aquilo de: "Total non hai moito que se poida facer, xa". Mentres non consigo ese elixir que mude a dirección do vento, continúo a alimentar a miña esperanza apelando a quen "fai", en presente, produtos de calidade en galego: literatura, música, gastronomía, radio, televisión, publicidade, xornalismo, medicina, pedagoxía (mesmo en diferentes universidades do mundo), cine, contidos nas redes... De nada vale dicir "eu falo galego de toda a vida" se non facemos nada para que as novas xeracións poidan dicir o mesmo. Mentres, beizóns tamén para os neofalantes!

Ningún comentario:

Publicar un comentario