Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 22 de outubro de 2024

Desgaleguización


por Marilar Aleixandre, no Nós Diario: 

Digo arrebolar, arrebolar unha manchea de dicionarios ao decreto de trilingüismo de 2010, esa galdrumada, até esmagalo, até soterralo no mar ou no máis fondo dun pozo peago. Digo orbitais, enerxía, bosóns, osíxeno, números cuánticos, xeometría, insolúbel; palabras prohibidas, pois ese malfadado ukase prohibe ensinar física, química, matemáticas e tecnoloxía en galego, volvendo a tempos anteriores á morte do ditador.

 

Digo asañarse, asañámonos todas as persoas que amamos a lingua galega ao certificar o IGE o 11 de outubro o que levamos tempo advertindo: o galego vai ensumíndose; digo esbagullar, digo escachar a transmisión de nais e pais ás criaturas. Estou desterrida, arrepiada ante a situación da lingua. Digo, como din en Toba, acabouse o empantonar, non se pode perder máis tempo.

 

Estando a lingua ferida, esmangoletada, mostrando a enquisa o devalo de falantes desde o ano 2003, caben poucas dúbidas do fracaso das políticas educativas, e de todas as que teñen relación coa lingua. A cuestión é complexa, mais aínda tendo en conta o papel das representacións sociais, que sitúan o galego nunha xerarquía máis baixa que o castelán, e que poden influír na decisión de non falarlle galego a fillos e fillas, hai moita responsabilidade política. Por que non é posíbel dar todas as aulas en galego ao alumnado que así o escolla, como no País Vasco? Como pode ser que se exclúan das axudas ao galego os medios en galego como Nós Diario? Por que non hai unha política decidida para aumentar a presenza do galego nos medios?

 

Non é tempo de nos apouvigar, de perder o ánimo. Adoecemos por unha sociedade na que a lingua galega sexa contemplada como un tesouro. Por ver as familias escoller libros en galego para as criaturas, malia a pouca presenza da literatura na nosa lingua nas recensións. Por ter un ensino en galego, tamén da física. E non, o devalo non é por causa dos migrantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario