Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 20 de outubro de 2024

'O galego: un tesouro de todos e todas', por José López Campos


 por José López Campos en Nós Diario:

Onte coñecemos o resultado das enquisas elaboradas polo Instituto Galego de Estatística sobre o uso e coñecemento do galego. Son moitas as interpretacións que imos ler e escoitar nos vindeiros días, pero gustaríame que haxa unha idea que prevaleza por riba de todas elas: a lingua é o maior tesouro de todos os galegos e galegas.

 

Para entender os datos debemos lembrar que a nosa sociedade é cada vez máis dinámica por moderna e próspera e nada é igual que hai vinte ou trinta anos. O idioma non é alleo a este proceso de cambio nin aos factores sociais, económicos ou demográficos. Sen embargo, isto non debe supoñer perigos, senón a apertura de novos retos, desafíos e oportunidades para coidar do verdadeiro emblema do que somos como pobo e construír o que queremos ser no futuro.

 

No meu caso téñoo claro. Estou orgulloso de ser un galeguista convencido de que a lingua é o noso maior patrimonio e de que a única forma de coidala é aprendela e usala. Un convencemento que se asenta en que, do mesmo xeito que eu son un galegofalante, fillo de mestre de galego e neno criado no rural que aprendín a amar a lingua desde o berce, aspiro a que outra xente ame o galego aínda que veña doutros sitios e fose criada noutros lugares.

 

Ninguén se apunta a falar unha lingua que está continuamente no debate público ou no medio de controversias partidarias. Por iso temos que liberarnos de imposicións, apropiacións patrióticas ou discursos identitarios e traballar xuntos, como país, para crear un clima amable no que todos poidamos querer a nosa lingua con liberdade para que gañe presenza en todos os ámbitos das nosas vidas.

 

Esta enquisa reflicte que somos unha poboación preparada para preservar este gran tesouro e proxectalo cara o futuro. Non podemos deixar de aproveitar que contamos cos niveis de competencia máis altos de todas as comunidades autónomas con lingua cooficial para impulsar o seu uso social.

 

Practicamente toda a poboación é capaz de comunicarse en galego e aínda así non podemos negar que o seu uso ten que ser máis alto. Os nacidos en Galicia continuamos elixindo maioritariamente a nosa lingua, pero debemos traballar para que as persoas que proveñen do exterior -115.000 nos últimos anos- tamén o elixan.

 

Temos por diante unha realidade para a que debemos planificar novas accións de formación, acompañamento e acollida a unha cultura milenaria que para moitas e moitos resulta totalmente nova. Debemos facelo desde o acordo dos poderes públicos para executar políticas contundentes que axuden a promover o uso do galego entre a mocidade, os novos galegos e os espazos dixitais.

 

O primeiro paso xa está dado coa proposta para acadar un gran pacto pola lingua que nos encamiñe a restablecer o consenso político para que, xuntos, continuemos dando os pasos necesarios cara o futuro dunha lingua que leva connosco centos de anos e que terá no uso que dela fagamos cada un de nós a mellor garantía para o tempo que ha de vir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario