Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 22 de outubro de 2024

Alarma e intervención

 por María López Sández en La Voz de Galicia:

Cando, no ano 1973, o profesor Xesús Alonso Montero publicou o seu Informe Dramático sobre a Lingua Galega, foron moitas as voces que responderon a aquel agoiro. Temíase que actuase de profecía autocumprida, desincentivando a conservación e a transmisión da lingua, e que acelerase o seu esmorecemento e precipitare a súa morte. Obviamente, tamén tiña o potencial de activar o efecto alarma, facendo conscientes a todos os que aman o idioma do reto ao que nos enfrontamos e mobilizando a loita pola preservación do noso ben colectivo máis importante. Este segundo efecto é o que teñen que provocar os datos sobre a evolución do uso do galego nos últimos anos.

 

Que fariamos os galegos e as galegas se puxesen en marcha un proxecto para derrubar a catedral de Santiago? O Obradoiro inzaríase de manifestantes que ateigarían tamén todas as rúas da cidade e defenderiamos as pedras coas nosas mans, e non habería máquina que puidese achegarse. E o mesmo ocorrería co castro de Baroña ou coa muralla de Lugo ou con calquera das xoias arquitectónicas das demais cidades. Pois, ben, o que está en xogo é algo moito máis importante ca calquera deses monumentos. Trátase da nosa meirande creación colectiva, do noso principal sinal de identidade. A nosa mocidade ten dereito a seguir gozando do idioma; mais debe saber, como tamén debemos sabelo os que xa non somos tan novos, que non nos vai saír de balde. Vai ser preciso mobilizarnos, loitar en todas as frontes e co concurso de todas as forzas para asegurarmos o futuro da lingua. Non cabe dúbida, por exemplo, de que urxe derrogar o Decreto 79/2010, que proscribiu o uso do galego no ensino das materias científicas. O propio Consello de Europa fixo notar que o decreto do plurilingüismo entra en contradición coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. E cómpre facer unha aposta pola educación infantil en galego. É aí, nos primeiros anos, cando os nenos establecen os primeiros chanzos da socialización, a lingua na que falan e xogan. A escola debe actuar como un axente galeguizador, e, neste país, a día de hoxe, pais e nais galegofalantes, que viven con ilusión a transmisión da lingua propia aos seus fillos (como alimentan os paxariños as súas crías, de boca a boca, en fermosa metáfora de Marilar Aleixandre), ven como, ao comezar a escolarización, estes a abandonan e establecen o castelán como lingua habitual, se non xa nas interaccións con eles (que tamén acontece decote) cando menos nas que establecen cos seus iguais.

 

Hai que enfrontarse á crueza dos datos: cómpre que nos doia e nos proa, para facermos algo e para esixirmos que se faga. E acollermos cos brazos abertos a quen chega de fóra non implica renunciarmos ao que somos. Quen veña vivir onda nós, entre nós, atopará que se integra realmente cando se mergulla nunha cultura e nunha lingua. Velaí Marilar Aleixandre, que chegou de Madrid e non concibiu ensinar ciencias en Galicia sen facelo en galego, e para iso converteuno na súa lingua de traballo e creación e, con iso, fíxose enteiramente unha das nosas. Para quen se achegue a nós, o galego non debe ser unha carga, senón o mellor dos agasallos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario