Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 24 de outubro de 2024


 por María Xosé Bravo en Nós Diario:

Resulta imposible escapar da necesidade de falar da lingua e das súas (escasas) falantes.

 

As estatísticas do IGE veñen confirmar o que era un temor ben fundado, a desgaleguización da sociedade galega. Desde hai moito xa se viña alertando do declive. Calquera que teña ouvidos xa sabía que non era bo o presente e era inquietante o futuro. E así estamos agora: só 10,7% das persoas entre 5 e 14 anos teñen o galego como lingua materna.

 

Xa o comentei nesta columna máis veces, cómpre virar a tendencia con moita urxencia, aquí non temos todo o tempo do mundo.

 

Cómpre esixir ao Partido Popular que deixe a súa política galegófoba. Falaba estes días o conselleiro de Cultura dun pacto pola lingua e o día anterior rexeitara no Parlamento a necesidade dun compromiso de todas as forzas políticas. Que sucedeu en 24 horas? Caeu do cabalo? Non o semella, mais é verdade que sempre debemos estar dispostas a un gran consenso que nos leve a reverter a tendencia ao sometemento da lingua propia de Galiza.

 

Si, temos que esixir ao PP un cambio profundo, mais tamén ao PSOE que deixe de falar da imposición del gallego. Miña madriña!, fala de imposición o partido que presentou recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade do Parlamento galego.

 

Mais, non debemos esquecer que a nosa historia facémola nós, nas rúas, nas institucións, nos nosos lugares de traballo e lecer, na nosa contorna máis próxima, mais tamén, non o esquezamos, votando. A lingua é empresa de toda a sociedade porque a todas as galegas e galegos compete o seu presente e o seu futuro. Preservar o idioma convértese así no primeiro deber para coa nosa historia, para con nós mesmas, para con Galiza. E, nesta loita, precisamos a intelixencia colectiva do país. Só a forza dun pobo enteiro poderá lograr que o galego sexa un idioma pleno e normal. Non esquezamos que a substitución da lingua propia por outra traída de fóra é sempre consecuencia dun proceso de colonización política.

Ningún comentario:

Publicar un comentario