Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 13 de outubro de 2024

Ciencia en galego

 por Iria Veiga no Nós Diario:

O Consello de Europa insta ao Estado Español a eliminar os atrancos existentes para o ensino de materias científico-técnicas en lingua galega. Sinala ademais moitas outras eivas, como a información e atención sanitaria, o acceso a procesos legais empregando o galego ou a existencia de versión en galego do BOE.

 

Con respecto ao emprego do galego en materias "de ciencias", a importancia radica en que a súa exclusión explícita redunda no status de lingua de segunda categoría, non apta para cuestións relacionadas con aqueles aspectos mellor valorados pola cidadanía, como o progreso e a tecnoloxía, ou considerados como máis difíciles e de maior prestixio intelectual: as matemáticas, a física, etc. Ao vehicular estas materias exclusivamente en español, incídese na diferenza de valor entre ambas linguas. Unha lingua para o futuro, para o progreso e para a ciencia e outra (de menor valor) para as cousas menos importantes como a poesía e a lírica e para falar do pasado.

 

Sobra dicir que non comparto esta visión na que existen coñecementos máis importantes ca outros, nin sequera estou de acordo coa tradicional diferenciación entre "ciencias e letras", pero aínda que moitas de nós non subscribamos esta idea, está presente na poboación de xeito máis ou menos consciente. Só hai que prestar atención a algún dos argumentos para non impartir matemáticas en galego, como que a rapazada ía dicir "catro ao caldeiro" e non ía ser competitiva en empregos de elevado prestixio. Tradución: o galego non é un idioma o suficientemente serio para ocuparse de materias "de verdade" e formar profesionais "de prestixio". Polo mesmo, a decisión política de que certas materias se impartan en español e outras en galego tampouco é casual e persegue exactamente este obxectivo. Asentar a idea, xa presente, de que o español é a lingua seria, competitiva e que mira cara o futuro mentres o galego é unha lingua de menor categoría, asociada ao pasado e cun uso doméstico e no mellor dos casos lírico.

 

Cando as propias institucións vulneran os acordos europeos e teñen que responder publicamente, é difícil pensar que se trata de simple desleixo. Esta decisión, como calquera decisión política, responde a un obxectivo ideolóxico e non a unha escolla casual, como quen tira unha moeda ao aire porque algunha materia hai que escoller e, que casualidade, saíron esas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario