Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 7 de outubro de 2024

Europa esixe máis galego


 por Xoán Antón Pérez Lema, no Nós Diario:

En 1992 a meirande parte dos Estados do Consello de Europa (que definen un perímetro ben máis alargado ca o da Unión Europea) asinaron a "Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias". A definición convencional considera "lingua minoritaria" toda lingua que non fale a meirande parte da poboación dun Estado asinante. Velaí que o galego ou o catalán, que non son linguas minoritarias en Galicia e Catalunya, senón ilexitimamente minorizadas, si fiquen inseridos neste concepto.

 

O Estado Español demorou case dez anos a ratificación deste Tratado interestatal. Xa que logo, dende 2001 a totalidade da normativa protectora desta Carta europea integra o Dereito estatal (segundo o artigo 96 da Constitución, os Tratados interestatais ratificados polo Estado español integran o Dereito propio e non poden ser derrogados ou modificados agás por medio dos procedementos previstos neses mesmos Tratados). Ademais, o Estado Español asumiu a máxima protección da Carta sen reserva ningunha. Velaí que, para alén das recomendacións dos Informes quinquenais do Comité de Ministros do Consello de Europa (non vinculantes, mais si dotadas, como as do Comité de Dereitos Humanos da ONU, de grande "auctoritas") a Carta vincule os Poderes Públicos estatais, autonómicos e locais máis aos tribunais todos. Malia que ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos só o vincule a Convención Europea de Dereitos Fundamentais (CEDH), si é certo que estes informes son susceptíbeis de orientar a súa xurisprudencia na interpretación dos dereitos fundamentais á non discriminación por razón da lingua e ao uso da lingua propia nos procedementos xudiciais, recoñecidos na devandita CEDH.

 

O sexto Informe do Comité de Ministros da Union Europea, a respecto do cumprimento deste Tratado polos Estados asinantes, denuncia varias chatas graves no cumprimento polas autoridades administrativas, lexislativas e xudiciais do Estado Español a respecto desta normativa europea, plenamente acollida no Dereito estatal.

 

A primeira grave denuncia atinxe á liña xurisprudencial do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC), confirmada polo Tribunal Supremo (TS) estatal esixindo un mínimo do 25% no uso da lingua castelá como lingua vehicular nos centros de ensino de Catalunya. Para o Consello de Europa, no máis alto nivel de protección libremente escollido polo Estado Español, non cómpre máis uso vehicular doutras linguas distintas á minoritaria protexida ca o ensino das linguas estatal e alleas ao ámbito do Estado, como o inglés, na propia lingua que se estuda.

 

Dende este principio o Consello denuncia a imposibilidade de usar o galego para a aprendizaxe das Matemáticas, Física e Química na lingua galega, o límite de 50% para o seu uso vehicular e máis a falla real de garantía do seu libre emprego nas redes galegas sanitaria e de benestar e servizos sociais.

 

Común a todo o Estado é a –denunciada polo Consello de Europa– falla de garantías reais dos nosos dereitos lingüísticos nas Administracións de Xustiza e do Estado, de xeito que non se garante o dereito do cidadán galego, catalán ou vasco para que o procedemento administrativo ou xudicial continúe na lingua minoritaria se así o escolle unha persoa interesada.

 

O Goberno asturiano e a Academia da Llingua Asturiana fican claramente desautorizados en cadansúa xestión. O informe europeo considera a unidade lingüística do galego falado na Galicia administrativa, na Seabra, Portelas e Bierzo e na área do Occidente astur, no canto dun isolado concepto de fala eonaviega, que vulnera o dereito dos usuarios asturianos do galego a se integrar no seu propio sistema lingüístico.

 

O informe pon o foco no que lle importa a Europa: protexer as linguas minorizadas, como o galego e o catalán. E constitúe unha emenda á totalidade aos partidos unionistas e axentes sociais supremacistas que negan, quer directa quer indirectamente, os dereitos da cidadanía que quere usar con normalidade as nosas linguas, canda unha dura corrección á ilegal falla de compromiso lingüístico dos Gobernos estatal e galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario