Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta publicidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta publicidade. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de maio de 2021

Papá, mamá: vou falar en galego



Este é o vídeo que montou de divulgou o BNG da Coruña e que leva unha chea de visualizacións nas redes sociais. A min recordoume o anuncio da pizza de Casa Tarradellas, a vos non?
O BNG presentouno  coa seguinte mensaxe:
 
Nas vésperas do Día das Letras Galegas 2021, lanzamos un vídeo coa historia dunha rapaza que se decide a falar galego na nosa cidade. Si, é certo q a lingua perde falantes, mais tamén o é que cada día se incorporan ao seu uso moitas persoas, tamén o é que hai futuro e esperanza! Todos os días hai boas noticias para a normalización da nosa lingua, como a de esta rapaza a tomar a decisión de falar galego na nosa cidade. O asunto clave é que estes impulsos desde abaixo se vexan acompañados pola complicidade das institucións públicas. Infelizmente iso non se está a dar no noso país en relación ao goberno galego, en mans dun gabinete, o de Núñez Feixóo, que é o autor da primeira lexislación na historia da comunidade autónoma que reduciu a presenza da nosa lingua nas aulas. Canto á cidade, se ben timidamente, si que se deron algúns pasos adiante, como a recente aprobación da Ordenanza do Galego, impulsada polo BNG da Coruña, un necesario impulso á normalización do noso idioma cuxo cumprimento loxicamente vixiaremos. En todo caso, claro que queremos galego e querémolo como presente e como futuro; querémolo porque nos fai ser o que somos; querémolo, como di a rapaza no vídeo, “porque si, porque me gosta, porque me peta, porque me sae de dentro, de aquí do fondo... porque teño esperanza! Parte dos argumentos que usa a moza para dar o paso de comeza a falar galego están tirados do texto 18 razóns (desesperadas) para falar galego na Coruña que Antonio M. Fraga escribiu para seu blog O Lugar do Sapo. Obrigad@s por nos permitires o seu uso! Aquí o texto completo.

sábado, 20 de outubro de 2018

Una lingua de premio




A Deputación de Pontevedra presenta nesta peza audiovisual os certames literarios que convocan os concellos da provincia. Unha iniciativa para visibilizar tanto premios como os concellos que os convocan.

martes, 19 de decembro de 2017

Un novo xeito de facer Galicia



Gústame De Vacas, gústame Nova Galega de Danza, de aí que tamén me guste o spot de Vegalsa Eroski. Unha aposta orixinal, innovadora e que se enorgullece, promociona e visibiliza proxectos culturais da terra. Tamén me gusta desta cadea que teña a rotulación en moitos dos seu comercios en galego e que tamén sexa a súa lingua base no seu perfil de facebook
Mágoa (por que sempre ten que haber unha?) que o portal desta cadea de supermercados exclúa o galego, mágoa que a política de rotulación non se estenda a todos os comercios nin a todas as súas publicacións.

Velaquí a carta de presentación desta campaña:
Todos os que formamos a gran familia de Vegalsa-Eroski queremos desexarvos un bo nadal. Gústannos estas festas, e este ano ímolas a celebrar con De Vacas, Nova Galega de Danza e, por suposto, con todos vós.
En Vegalsa-Eroski apostamos pola cultura, por unha creatividade que propoña e cultive novas formas de ser, de facer e de entender Galicia e o mundo.
Únete á festa! #déixatelevar Vegalsa Eroski, un novo xeito de facer Galicia
A ver se fora certo. Espero que apostedes por iso.

venres, 15 de decembro de 2017

Eu coa miña clientela tamén falo galego



Vídeo institucional dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa, convocado polo Concello de Santiago
Bótase moi en falta que a Xunta nunca realizara unha campaña con este aire. Ata este punto chega a exclusión do galego e xa estamos ás portas de que se cumpran os 40 anos desta institución. Son 40 anos virándolle as costas á normalización (agás algunhas honrosas luces do goberno bipartito).

domingo, 5 de xuño de 2016

O anuncio en córnico



Xosé María Lema escribía na tribuna da RAG un artigo sobre o córnico poñendo o acento no enorme abatemento que produce pertencer a unha cultura que deixou perder a súa lingua. Con todo hai un grupo duns 300 resistentes que pulan pola recuperación da lingua da terra.
No ano 2002 o córnico acadara o status oficial de "lingua minoritaria" baixo o paraugas da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), o que esixe dos estados que garanta a aprendizaxe da lingua de todos aqueles que o desexen e ampare o movementos de normalización lingüística. Ata este ano o goberno inglés destinada unha partida orzamentaria de 150.000 libras para financiar políticas lingüísticas de fomento do córnico pero o pasado mes de abril suprimiu estes fondos. A compañía de xeados Kelly´s of Cornwall aproveitou a circunstancia para crear un anuncio no que se potenciaba a calidade do produto co uso da lingua córnica e a un tempo multiplicaba a visibibilidade da reivindicación da dotación orzamentaria para esta lingua.


Losing the Cornish language would kill off part of British culture

xoves, 26 de novembro de 2015

Maltrato da lingua galega no Día contra a Violencia de Xénero

Non é coña, isto é o que veremos estes días no
perfil de twitter da Secretaría Xeral de Igualdade
Hai agravios contra a lingua galega claros e evidentes. Un exemplo disto foi Xunta fixo campañas en castelán (Ahora Galicia conecta contigo, Flores en la carretera,). Tamén temos o caso da campña Agora Galicia máis competitiva, co lema en galego pero co spot publicitario en español. Continuando co espectro de agravios temos o terrible caso de Gal(l)ega 100%, referíndose ao leite galego, no que se escolle o xénero en castelán para facer unha suposta campaña en galego (como na de doazón *da sangue) e co agravante de lle engadir un chafariz de leite/leche que é tamen un españolísimo L que converte Galega en Gallega. 
Finalmente temos casos máis subtís, pero tamén casos de desleixo, ou se se prefire, de desprezo da lingua en campañas da Xunta. Velaí @pulpodelonja, a conta oficial da promoción do Polbo de lonxa, co galego sempre secundarizado, cando non excluído. Temos tamén o caso do incorrecto lema Cómete o mar, ou aqueloutro anuncio contra os incendios no que se declamaba iso de: "preparados, apunten,..., *fuego". Desgraciadamente hai exemplos para todo, incluso para promocións da lingua galega, feitas pola Xunta, e anunciadas en castelán.
Fotograma da campaña da
Secretaría Xeral de Igualdade
Así chegamos ás celebracións do 25-N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. O organismo da Xunta encargado das políticas tendentes a eliminar a discriminación da muller é a Secretaría Xeral de Igualdade. No ano 2012 este departamento metía a zoca co spot Eu son *pilar non que, unha tras outra, varias mulleres repetían "Eu son Pilar", para despois anunciaren todas elas que "as mulleres somos un piar fundamental da economía de Galicia".
Este ano a Secretaría Xeral de Igualdade non traballou nada a xornada do 25-N. Recolleron a campaña do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais ... e Igualdade e difundiron o mesmo vídeo coa voz en off de Pepe Domingo Castaño e Julia Otero. En primeiro lugar, o vídeo contén varias mensaxes escritas, sen verisón en galego. En segundo lugar, a escolla destes dous periodistas é tamén unha escolla de alleamento xa que os dous traballan en medios madrileños e, polo tanto non se El larguero e Carrusel Deportivo, nos que o padronés bruaba anunciado puritos Rey o espléndido "Garvey" ou "Soberano es cosa de hombres",
Fotograma do vídeo do IES
Laxeiro
identifican coa lingua de noso. Seica non había locutores que desenvolven aquí o seu traballo que fosen do gusto da Xunta para poñerlle o parche a esta campaña. Para rematar, pregúntome cal será a mensaxe que quer transmitir a Xunta neste Día contra a Violencia Machista, escollendo como icona a un locutor de programas cargados de retórica machista como
Por todo iso prefiro, sen dúbida ningunha, traballos como os seguintes. Do primeiro saquei este fotograma, máis que nada, para confrontar co da Secretaría Xeral de Igualdade. Se alguén queda mal con esta comparación é porque o merece. Trátase do vídeo que nos chega do IES Laxeiro (Lalín) vía Trafegando Ronseis, cunha longa tradición na celebración do 25-N:



O seguinte vén de Londres, do IES Cañada Blanch, onde demostraron ser bos alumnos de Carlos Blanco:


E o derradeiro, unha curta do IES Poeta Añón (Outes):



xoves, 5 de novembro de 2015

O efecto Gadis

por Marcelino Fernández Mallo, no Galicia Confidencial:

Gadis presenta novo anuncio, unha sorte de acontecemento no país. Coincide a súa emisión co peche das negociacións fallidas para unha candidatura unitaria galega ao Congreso. Algo terá que ver.

venres, 2 de outubro de 2015

Galego 100%

Grazas a unha brincadeira do twitter, por fin temos un logo que identifica o leite galego, e non esa chafallada que argallaron hai catro anos nunha volta máis de estragamento da nosa lingua. E ben se sabe que quen non acredita na nosa lingua, tampouco pode defender o noso campo.
Isto do desprezo da lingua galega nas campañas promovidas pola Xunta xa parece obra dun decreto (o do plurilingüismo, seguramente). Estes días podemos escoitar na radio un par de anuncios ("Quero Galicia" e "futuro de calidade") nos que se fai un uso do "se" que se podería cualificar de chiripitifláutico. Nos últimos tempos podemos lembrar campas como a de "Ahora Galicia conecta contigo" (2010), ,, "O teu sangue é vida, compártea", nomeando ao sangue en feminino, en imitación deturpadora do castelán tal e como agora fan tamén co leite en  "Gal(L)ega 100%" (la sangre, la leche) ; "Cadelín", outro spot en castelán promocionando o emprendemento, "Pulpo de lonja" como a marca de calidade do polbo...
Por certo, o logo que deixei aquí pegado podería aproveitalo a Xunta para algo máis que para o leite, quizais para aplicarllo ao propio goberno.


Máis sobre o tema:

Se é leite, é galego por Francisco Xosé Rei García en Terra e Tempo
Blanca e... en cartón? por Cris Moss no Xornal
Tuneando o "gallega cien por cien"
100% anti-galega
Un erro na marca galega do leite  por Cris Moss no Xornal
Gal(L)ega 100%  por Xavier López López en A Nosa Terra

Leite gordo, leite 100% galego

martes, 23 de xuño de 2015

"En galego non es posible"



Unha chamada ao Banco de Santader convertiuse en spot publicitacio para sensibilizar á cidadanía sobre o estado social da lingua galega e reclamar que as empresas nos antendan na nosa lingua. Neste caso o traballador do Banco de Santander ofrece a posibilidade de atendernos en español, alemán, inglés ou francés, "en galego no es posible".

sábado, 9 de maio de 2015

Premios á publicidade en galego. XXII edición.

A CRTVG e o consello asesor de RTVE en Galicia entregaron os XXII  Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecemento  de empresas e entidades que teñen o atrevemento (e a boa iniciativa) de publicitárense nos medios de comunicación en galego.
Os traballos premiados foron “Galeguesa, a diferenza"  na modalidade de Internet




"Hai cousas que canto menos cambien, mellor" (desenvolvido por BAP&Conde para Larsa), na modalidade de radio;



e "O noso é o noso" (dirixido pola axencia Imaxe para Estrella Galicia), na modalidade de televisión.

martes, 25 de novembro de 2014

Vender e vendérmonos!

por Malores Villanueva, nas Voces de Prolingua:


O galego vende e vendería aínda máis se crésemos no seu valor desposuído dese medo intrínseco, dese discurso de trincheira, desas cancións de derrota que sentimos entoar tantas veces, porque por moi baixiño que as cantaruxemos prenden nos oídos de quen nos rodea.

venres, 14 de novembro de 2014

Q-Q-Q-CH-D



- Canto vive un *pulpo? -pregúntalle o neno ao avó
- O que lle deixen -é a resposta, chea de razón.
Éste é un dos diálogos do último anuncio de Gadis, e tamén é unha das zaragalladas lingüísticas que aparecen no mesmo.
Non hai moito que a RAG ofrecía un comunicado lembrando que polbo é a única forma patrimonial galega. Por iso non creo que os que elaboraron este anuncio escolleran inocentemente unha forma errónea para o seu uso neste audiovisual. Seguramente a súa decisión ten moito que ver coa idea de que se recollían a voz polbo, o público percibiría falta de naturalidade no diálogo. Pero se lembramos esa mesma falta de naturalidade na entonación da campaña 'Se chove, que chova!', non dubidaremos que estamos ante a evidencia dun prexuízo que deste xeito alcanza unha difusión enorme. Un spot tan longo coma éste transmite moitas cousas: optimismo, recoñecemento do amor polos nosos, identificación cunha forma de ser propia,... A mágoa é que tamén envía mensaxes indesexables, e iso é o último que debe facer unha emisión publicitaria.
Noutro momento faise burla das redes sociais, en concreto do facebook:
- Hoxe andan todos: "me gusta", "no me gusta"...
Relevante caso do excluída que anda a lingua galega das novas tecnoloxías. Hai xa moito que se pode ver o muro de facebook en galego pero aos moitos que tiveron que participar na realización do spot non lles debeu chegar a noticia. Algo pasa.
Noutro momento un dos contertulios comenta:
- Os galegos necesitamos un cu-cu-cu-che-de
- O que? -pregunta outro sorprendido
- Un: "qqueres que che diga"
E non será un que-que-que-che-de?. Ao denominar as letras en castelán colócase unha bomba na cerna do discurso xeral que estaba a discorrer en galego. Non é unha cuestión menor pois a un tempo estase desprezando a lingua galega, situándoa como subordinada, e colocando como alternativa de prestixio á que xa goza de todas as ventaxas.
Se só un desta serie de desatinos lingüísticos se cometeran nun anuncio en español, a restra de protestas e portadas de noticiarios non tería fin. Pero como o sufridor destes golpes é o galego, a ninguén lle importa. Así, sen dicilo, rebáixaselle a categoría de lingua a simple fala. Non faltará alguén que xustifique: "a pesar de que vos poñen o anuncio en galego aínda vos arrepoñedes". E o peor é que tal e como anda o panorama ata vai ter o seu quiñón de razón. Velaquí un caso de estudo para os expertos en lóxica de como unha frase pouco atinada deixa de selo en función das circunstancias externas ao significado interno da mesma.
É certo. Estamos diante dun anuncio en galego! Unha rara avis no panorama da mercadotecnia ou da comunicación. Ademais é unha campaña exitosa, con centos de miles de visualizacións e con impacto na cidadanía. A súa forza reside sobre todo en que destaca o orgullo por sermos nós mesmos, por identificar trazos de carácter propios e tratalos con cariño e simpatía.
A empresa á que se lle ofrece esta imaxe de autoafirmación galeguista non é pequena, por iso a campaña publicitaría é todo un exemplo para moitas outros negocios que ata o día de hoxe viven de costas ao galego. Se Gadis o fixo, non hai razón para que calquera outra empresa o faga tamén.
Así, que se me preguntan que me parece a nova campaña do Gadis, eu teño ben clara a resposta:
- Qué queres que che diga?

Non sei se me explico

martes, 15 de xullo de 2014

Eu etiquetados en galego, e ti?


Xa o ano pasado por estas datas se desenvolvera unha campaña cun lema moi semellante: "eu etiquetados en galego". E nunca está de sobras volver a insistir na necesidade dun tecido empresarial comprometido coa nosa lingua. Mágoa das institucións, que non tardan en sumarse ao carro dests iniciativas cando a relidade indícanos que hai 500 disposicións legais, a gran maioría facendo referencia precisamente á obrigatoriedade do etiquetado de produtos en español, porén a Lei do Comercio Interior de Galicia non ten ningunha referencia  á normalización lingüística. Desde o punto de vista empresarial isto é un desprezo directo a estas empresas que sí etiquetan en galego, e desde o punto de vista dos consumidores é un desprezo aos seus dereitos.

luns, 25 de novembro de 2013

#mundiala



O vindeiro 3 de decembro é o Día Internacional do Euskera. O Goberno Vasco puxo en marcha unha campaña desde un novo portal www.mundiala.net animando á cidadanía a enviar un chío co hastag #mundiala co obxectivo de que o euskera ocupe espazos non formais.
No seguinte spot dous xaponeses podemos ver a dous xaponeses que xa hai tres décadas aprenderon a falar en euskera. O anuncio forma parte da campaña #mundiala.
E nós aquí a velas vir. Cun goberno que só chega a producir mentiras querendo colgarse medallas que non lle corresponden no proceso da tradución do Twitter ao galego.



sábado, 13 de xullo de 2013

Leite gordo, leite 100% galego



Por esta nova de Praza Pública cheguei ao vídeo que se presenta aquí: Leite gordo. Os autores foron os da Gentalha do Pichel, quen fixeron as gravacións entre decembro do 2012 e o presente mes de xullo no mercado de Compostela.
Unha boa maneira de avergoñar ao goberno galego, que pula por destrozar e desprezar a lingua (estoume a referir á galega). Comparemos este vídeo coa lamaguenta campaña de GalLega 100 por cen

Máis neste blogue :
Se é leite, é galego por Francisco Xosé Rei García en Terra e Tempo
Blanca e... en cartón? por Cris Moss no Xornal
Tuneando o "gallega cien por cien"
100% anti-galega
Un erro na marca galega do leite  por Cris Moss no Xornal
Gal(L)ega 100%  por Xavier López López en A Nosa Terra

venres, 31 de maio de 2013

Cómete o mar

A Consellería de Medio Rural está cometedo u novo atentado contra a lingua pois vén de iniciar uha campaña co estrafalario lema de "Cómete o mar" [sic]. Por se alguén aínda o dubida, pode visitar o portal ou a páxina de facebook.
As queixas non tardaron en chegar. Mais veremos como desde a Xunta non fan moito caso. Desde que entrou Feijóo no goberno xa se repetiron casos semellantes a estes [Gallega 100%, O teu sague é vida. Compártea, o spot do 8 de marzo "Eu son pilar", "Non sexas cómplice dun crime": preparados, apunten, lume!, Coida Galicia- Carino, a sinalectica "Camino de Santiago", o ataque atrabiliario de Turexpo, os anuncios que se están emitir na RAG "da mel de Galicia", ou mesmo a SXPL deturpando a toponimia, por non falar da publicidade directamente en castelán]
Todas estas iniciativas son, máis que nada, campañas contra a norma e, sobre todo, contra a normalización. Nelas divúlgase a idea de que o galego é unha lingua feble, sen calidade; foméntase a inseguridade lingüística. Unha chea de accións da Xunta na promoción do abadono da lingua.
Pregútome cara onde derivará este camiño que tomou a Xunta, a institución que para os galegos é o primeiro referente da promoción e defensa do galego. Non se trata de que teña que intervir unha feble SXPL pedíndolle de favor  á conselleira de Medio Rural que corrixa a campaña. Estes son os exemplos da política lingüística que desenvolve o goberno: nula transversalidade, nada de respecto nin de coidado polo galego. Pola contra, aínda teremos que escoitar falar a Valentín García de que o decreto para o plurilingüismo non pode cegarnos respecto da política lingüística pois é o único punto de desacordo e que o importante é que non só o ensino, senón no resto dos ámbitos, hai que establecer medidas de apoio e promoción do galego. Xa se ve.
Que será o próximo? : Cómeto, To comes? Te o comes? cómesto?...Mentres, o único que vemos comesto é a normalización.

P.S.:
Pola creatividade galega e a calidade lingüística, da CTNL
Un manifesto pide á Xunta que paralice as campañas con erros lingüísticos. 31/05/2013, Praza Pública
A campaña da Xunta 'Cómete o mar' suscita polémica por non coidar a lingua, 31/05/2013, Sermos Galiza
A CTNL demanda que a Xunta paralice as campañas que descoidan o galego, 31/05/2013, no Sermos Galiza

sábado, 25 de maio de 2013

Labios de Babel



«Inspireime na incrible diversidade de idiomas que a industria da moda, especialmente as modelos, traen á cidade de Nova York. Filmei 50 modelos de todo o mundo dicindo 50 trabalinguas diferentes orixinarios das súas culturas», di Ella Muliarchyk, a autora de Lips of Babel (Labios de Babel), un curioso anuncio publicitario para o portal de moda Motilo
É unha orixinal forma de poñer en evidencia a diversidade lingüística. Os trabalinguas sonj unha boas escolla pois presentan as linguas desde un punto de vista lúdico e simpático, e aínda que o panorama sociolingüístico do arredor é estarrecedor, nunca está de sobra recordar que se temos lingua, non é para maltratala, senón para desfrutar dela.

Vía o lúdico blogue Xogos de lingua

domingo, 21 de abril de 2013

Piares que nos manteñen en pé

por Susana Méndez, no Sermos Galiza:

A Asociación de Medios Publicitarios de España ven de conceder un premio, un AMPE de Prata, á campaña da Xunta “Sen mulleres non hai Galicia”, campaña que o goberno galego puxo en marcha co gallo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. E cando me chegou a noticia, inda que poida resultar estraño, tiven un sentimento de desacougo. Lembrei a campaña, lembrei que falaba das mulleres coma piares de Galiza, mais lembrei que a propia campaña axudaba no traballo emprendido por este goberno do PP de derrube e demolición doutro (un dos máis importantes) dos piares de Galiza: a lingua.

xoves, 13 de decembro de 2012

Consumogustos: 'O noso na nosa'



A presentación deste anuncio no na canle galeguizargalicia.tv infórmanos que a súa finalidade é promover o consumo responsable. Preferir produtos galegos etiquetados na nosa lingua é unha maneira de sermos galegos galeguizados. Elixir establecementos que se identifican coa nosa identidade é unha boa maneira de pedir que se respecte a nosa lingua nas relacións cos clientes. Non sexamos consumidores pasivos e promovamos a galeguización comercial. Respondamos ás propostas que nos fagan en calquera establecemento cun prego rotundo e amable á vez: “Etiquetados en galego, por favor”.
Cómpre que todos, como consumidores e empresarios, nos impliquemos nesta tarefa. Vivamos como galegos galeguizados. Pedimos ás organizacións sociais do País que se sumen a esta campaña do Foro E. Peinador (Irmandade Galega de Adegueiros), divulgando nas redes sociais este promocional. A galeguización de Galicia é posible. Se queremos...podemos.
Ademais do spot a campaña complétase cunha serie de carteis onde 17 personalidades do mundo do espectáculo e da cultura  nos fan unha invitación a sumarnos ao consumo en galego. Alba Nogueira, Amancio Prada, Antón Dobao, Antón Reixa, Clodio González, Ernesto Chao, Henrique Costas, Inma López Silva, Martín Barreiro, Morris, Xosé Manuel Piñeiro, Rosa Álvarez, Rosa Fontaíña, Rubén Riós, Suso de Toro, Uxía Senlle e Villar Janeiro participan nesta campaña de corresponsabilización do uso do galego no consumo. Cada un deles aportou, ademais da súa imaxe, un lema. Puxen aquí o de Suso de Toro porque foi o que máis me gustou: 'O noso na nosa'

domingo, 11 de novembro de 2012

'Galescolas' versus 'Galiñas azuis'. A exclusión do galego en infantil.



Un xa está tan afeito ás ducias de Praza que lle dá a impresión de que as estivo vendo toda a vida. Nesta fin de semana recuperaron unha ducia de spots galegos que non teñen perda. De entre eles escollín o anuncio das Galescolas no se se publicitaba que por fin teriamos a liberdade de acceso ao ensino infantil en galego. Así o recoñecían no 2007 os expertos na segunda avaliación do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), felicitando ao goberno galego especialmente por esta iniciativa.
Unha das primeiras medidas do goberno do PP foi a aniquilación das Galescolas, e non xa o cambio de nome polo de 'Galiñas azuis', senón unha destrución programada e radical dun proxecto integrador fundamentado nos principios da normalización lingüística por outro lingüicida, clasista e enraizado na exclusión social.
Agora, só cinco anos despois, o anuncio habería que velo ao revés (non: corrixo),  moito peor que ao revés. O 97% dos centros de infantil das cidades exclúen o galego das súas aulas, precisamente onde o entorno deses nenos é o máis refractario á transmisión interxeneracional do galego. O ataque ao primeiro paso a favor da liberdade do uso do galego no ensino levounos a un ensino en branco e negro. Así o certifica o terceiro informe do comité de expertos do CELRM.
E un pregúntase: é isto o que queren realmente os galegos se nen tan siquera o aproban en Estrasburgo?