Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Rosa Méndez Fonte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rosa Méndez Fonte. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de novembro de 2010

"Hai que dicilo: é unha inxustiza"

 artigo de Fernando Franjo, no Galicia Hoxe:

Cultura concédelle 35.000 € a Rosalía e 350.000 € a Cela

"Non podemos quedar ca­lados. Hai que dicilo. É unha inxustiza". Abertas, moi abertas están as feridas na Fun­dación Rosalía de Castro de Padrón, e isto ocorre por mor da recente concesión dunha subvención de 350.000 por parte da Consellería de Cultura á veciña Fun­dación Camilo José Cela.
Horas despois da home­naxe recibida polo escrito­ra galega no Instituto da Muller de Madrid, desde o centro cultural da Ma­tanza confirmaban onte a súa sorpresa. "Nós re­cibimos 35.000 euros da Consellería de Cultura en dúas fraccións, unha vía convenio e outra por adqui­sición de bibliografía rosa­liana", aínda que especificaron que reciben unha axuda a maiores procedente de Política Lingüística.
A directiva do centro rosaliano quixo deixar claro desde un principio que tras esta reivindicación non hai nada contra a súa veciña, a Fundación de Iria Flavia, pero que aínda supondo que se tratase de dous escri­tores iguais ¿por que esta diferenza? Falan, neste sentido, dun agravio comparativo da Conse­llería de Cultura no as­pecto máis vulnerable: no mantemento da insti­tución e na difusión da mesma, aínda que, afortuna­damente, a institución non arrastra débedas e man­tense ó día en persoal e proovedores.
"Hai que pensar que es­tamos falando de dez ve­ces máis. Creo que Galicia ten unha débeda con Rosalía, que xa a a tivo en vida. Logo da súa morte si foi canonizada e moi querida polo pobo pero as institucións creo que realmente teñen que facer algo máis", sinalaron desde A Matanza.
Neste sentido, as miñas fontes non ocultaron a súa sorpresa "Rosalía é to­do un símbolo da Galicia plural, pense como pense e crea o que crea, que merece axuda e protección, se­ non non pode sosterse".
Ademais das distin­tas achegas dos patróns, as inxeccións económicas proceden do produto da venda de en­tradas, de xeito evidente insu­ficiente, xa que son moitas as persoas que acceden ó centro de forma gratuíta. Rosalía de Cas­tro, por engádega, non cobra dereitos de autor nin de imaxe porque están cadudados hai moitos anos. O que se fai na Matanza é labor de conservación da casa e conservar a súa memoria e a súa biografía e difundir a súa obra.
A proba diso é que a fundación rexistrou a petición dunha escritora de repercusión internacio­nal que está escribindo un libro sobre a casa-museo dos escritores españois. Entre elas vai tratar dúas mulleres: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.
No DOG do pasado día 8, saía a concesión dde 355.000 euros á Fundación de Cela para os gastos de perso­al. Esa partida outórgase nunha adenda ó convenio de colaboración entre Consellería de Cul­tura e fundación.
Apoio da Deputación da Coruña
A Fundación Rosalía de Castro conta cunha xeren­te que se encarga de levar adiante a parte administrativa; dúas empregadas, e unha encargada de lim­peza. Hai unha praza vacante (despediuse voluntariamente) que sería precisa para atender correctamente as ins­talacións.
Os escola­res de menos de 6 non ­pagan, os de máis de 6 anos, pagan 1 euro; os grupos 1,2 €; e as en­tradas individuais. 1,5 €. Abre os domingos. Luns, pechado. A fundación está aberta todo o ano e ten unha media de tres actividades por mes.
A Deputación da Co­ruña achegou 30.000 euros, que actualmente se empregan sobre todo para gastos de mantemento.

luns, 7 de xuño de 2010

“Ou loitamos polo noso idioma ou quedaremos exentos de significado”

Entrevista no Galicia Hoxe a Rosa Méndez Fonte. Extraemos a parte da entrevista que ten que ver coa lingua. Para ler a entrevista completa, preme na ligazón.

Rosa Méndez  é especialista en Patrimonio e Sociedade, e doutora pola Universidade da Coruña. Tras anos dedicada exclusivamente á investigación, os dous últimos na Universidade Fernando Pessoa (Porto), no momento actual compaxina esta coa docencia en Educación Secundaria (IES Ollos Grandes-Lugo). Os seus traballos profundan no patrimonio (histórico, artístico, etnolóxico e da memoria) e a súa relación coa sociedade, do mesmo modo que presta tamén especial atención ao desenvolvemento da historia do patrimonio arquitectónico de Galicia. É autora de varios libros, coordinadora doutros e posúe tamén numerosos artigos en revistas especializadas e publicacións colectivas. Proximamente, presentará a obra A conservación dos monumentos arquitectónicos en Galicia (1840-1940), que obtivo o "Premio Humanidades da Real Academia de Doutores e o Concepción Arenal" de Humanidades-2009, convocado pola Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol.

Rosa, a recente aprobación do novo Decreto polo goberno do PP, substituíndo o anterior de Normalización Lingüística, nunca chegou a aplicarse na súa totalidade pola reticencia de moitos docentes e pola desgana xeral da administración. Así, o idioma propio e natural da nación galega chegou a situacións de alarma vermella, co castelán instalado en todos os medios de comunicación, provocando unha diglosia maldita, auto-odio, etc. Agora coa aprobación deste disparate, a situación do galego empeora. Na miña opinión, o máis, o máis normal e sensato, non é outra cousa, e dada a situación dramática e a perda de falantes do noso idioma sería a descrinación positiva a favor do noso idioma. Calquera lingüista ou sociolingüista que se teña por tal así debe entendelo, o demais son contos de trepas e lingüicidas enmascarados. Cal é, Rosa, a túa reflexión a propósito desta miña non curta pregunta exposición?
Existe unha realidade cultural na que a lingua conforma algúns dos seus principais significados, e quen –a estas alturas!– non o entende así está a amosar unha grande e profunda ignorancia. Se un territorio, una historia común e unha lingua son os piares fundamentais sobre os que se asenta unha cultura, o feito de remoer calquera deles pode levar consigo un desequilibrio de difícil solución a medio prazo. Por outra banda, unha sente certa fatiga ao andar reivindicando e defendendo a nosa lingua, coma se fose unha peza de museo ou un obxecto valioso –que o é– ao que hai que protexer de mans inexpertas ou interesadas que puideran vir destruílo. Aínda que si, no fondo, o problema esta aí, ante nós, e ou loitamos polo noso ou podemos quedar exentos do que máis nos significa. En canto ao problema educativo –que non hai tal, xa que son os menos os que amosan reticencias–, atopámonos ante dúas realidades ben diferenciadas, dependendo da área territorial á que nos refiramos: rapaces que falan e escriben o galego con total normalidade e outros que só se achegan a el nos centros de ensino. E en ambos os casos compétenos a nós, os docentes, guialos cara á corrección linguística. Fóra das aulas serán seran eles mesmos os que, libremente, utilicen ou non o galego. Mais, en modo algún, debemos detraerlles a oportunidade de coñecelo e poder elixir. Todo isto sen tensións –que non existen– nin crispacións estrañas, produto, ás máis das veces, de formulacións ideolóxicas nos que a carga política ocupa lugares fundamentais. En síntese, estou falando de normalizar o que xa debería ser normal: o coñecemento e estudo do galego, en Galicia.

Segundo as estadísticas que cheguei a ler, aumentou o número de lectores/lectoras, pero estraña e curiosamente descende o número de falantes. Como se pode entender isto?
É difícil de argumentar, si, aínda que non tanto de comprender. Penso que, no fondo, existe un convencemento xeneralizado de que estamos ante unha lingua que nos define e estanos a dotar dunha calidade identitaria ben diferenciada. É dicir, galegos e galegas sentímonos orgullosos da nosa lingua e de canto esta supón para a nosa cultura, mais, por outra banda, a nosa realidade é a que é: un mundo grandemente castelanizado por causa, fundamentalmente, dos medios de comunicación. O fenómeno da globalización non nos é alleo, e a primeira sombra que nos proxecta vén da man do castelán. Non somos unha illa, e a nosa situación con respecto a ese idioma é moi feble; outra cousa é o nivel de compromiso que poidamos ter con este o noso "mundo esencial", ou dito doutro modo, coa nosa primeira e primordial identidade. Certamente, se nos deixamos levar pola presión que nos arrodea e non poñemos nada da nosa parte, polo menos quen teña conciencia do problema no que estamos inmersos, non é difícil que en dúas xeracións a nosa lingua remate nunha vitrina sonora do Museo do Pobo Galego. Cousa nada desexable, agardo, para ninguén.

Non só o idioma sofre as turradas da barbarie do imperio, do capitalismo, senón que os recursos naturais da nación galega mesmo como a paisaxe ou terminoloxía ambiental é sistemáticamente espoliada e destruída en ben do capital. Establece a túa opinión respecto desta miña breve exposición?
Dicía nun principio que o territorio era unha parte fundamental da cultura; recorda como reaccionou Galicia cando o Prestige. A terra doe, sen dúbida, e cando é espoliada ou aldraxada o pobo sae ás rúas, de xeito natural, na súa defensa. Por outra banda, somos o que nos arrodea. Un medio deteriorado é a mostra palpable dunha cultura deteriorada. Non basta cunha vivenda axeitada ás nosas preferencias; as rúas, o eido rural, o litoral... son tamén a nosa grande vivenda, e o seu aspecto debe correr parello con esa calidade que buscamos nese outro espazo máis íntimo. Por outra banda, Galicia non se pode permitir, de ningún modo, un medio deteriorado, nin tampouco poñérllelo en bandexa ós especuladores, que os hai tamén aquí, como en todas as partes. E aí deben estar as diferentes administracións, tanto poñendo en marcha unha férrea lexislación como prestándolle minuciosa atención ao cumprimento desta. Nisto hai que ser radical e as medidas para tomar exemplificantes e disuasorias, co fin de protexer o que é un patrimonio común.