Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta memoria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta memoria. Amosar todas as publicacións

domingo, 14 de abril de 2019

Roteiro polo cemiterio de San Francisco (Ourense)



Hai un ano Alfonso Vázquez Monxardín guiaba un roteiro polo cemiterio de San Francisco, situado nas abas do Montealegre. Tratábase dunha das actividades programadas pola Fundación Otero Pedrayo. O vídeo non ten outro mérito que o dun certificado dixital da celebración dese roteiro. Con todo, se un accede a este wikiloc creado polo propio Monxardín, comprobará que o paseo paga a pena.


Powered by Wikiloc


Cun ano de atraso fun dar ata este camposanto. O estado de abandono e descoido é a primeira e a última impresión que levei do percorrido. Unha mágoa enorme que un lugar cheo de memoria galeguista e inzado dun rebumbio de tumbas fermosas, se é que tal adxectivo pode acompañar a tal outro substantivo.
No wikiloc de Monxardín hai información abonda sobre a localización e a descrición das personaxes. Con todo, vou deixar por aquí o percorrido que fixen eu, máis modesto, pero que dá para invitar a calquera a que repita a experiencia. A seguinte lista de fotos pode ser guía para un percorrido polo cemiterio e pode axudar a identificar as tumbas xa que, dentro dese estado de desleixo, non hai ningún tipo de indicación que nos permita facelo se non é confiando na propia pericia.

Monumento aos fusilados na Guerra Civil

Florentino López Cuevillas

Valentín Lamas Carvajal

Ramón Otero Pedrayo

Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey)

Rodolfo Prada

Xaquín Lorenzo Fernández (Xocas)

Eduardo Blanco Amor

Para finalizar o percorrido, moi preto da entrada, tamén descansa a pobre Asunción,  muller ourensá, asasinada por unha ex-parella súa o venres santo de 1891, que lle disparou ao vela acompañada doutro home. Cada 25 de novembro, na celebración do Día contra a violencia machista, fáiselle unha ofrenda floral.

xoves, 4 de abril de 2019

Día da Poesía con Memoria

A biblioteca do IES Antón Losada (A Estrada) organizou diversas actividades na honra dos poetas que foron vítimas da guerra do 1936 entre as que destacamos a lectura e divulgación destes poemas sobre a represión


xoves, 18 de maio de 2017

Memoria da represión lingüística: Luz Fandiño



Luz Fandiño fala de máis cousas, pero especialmente, e na primeira parte do vídeo preséntanos as súas lembranzas sobre a represión lingüística. 
Esta entrevista tráeme á memoria aquela outra das Candongas do Quirombo para o documental A memoria da lingua


venres, 15 de xaneiro de 2016

Avoas de Muxía

Avoas de Muxía from Proxecto Buserana4 on Vimeo.

O Proxecto Buserana é un proxecto elaborado no 2009 en Muxía que tiña como obxectivo a salvagarda e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial do concello. O sabor deste traballo é semellante ao doutros, como ese magnífico Eu son... elaborado no IES de Curtis do que falamos hai algunhas semanas. Nesta ocasión contamos cun vídeo no que as propias mulleres de Muxía que naceron nas primeiras décadas do século XX relatan as súas experiencias vitais.
A recuperación desta memoria forma parte do coñecemento necesario do estado social actual. Todas estas mulleres falaban galego. Hoxe en día posiblemente algunhas das súas netas reneguen do galego. Esta película pode ser un bo xarope para ese mal.
Mágoa que o son e a imaxe non estean coordinados.

mércores, 2 de decembro de 2015

Eu son...



Algunhas veces aparece por algún dos blogroll que teño por aquí á dereita algunha cousa fóra do común. Este é hoxe o caso.
Nestes días non foron poucas as referencias que, con motivo do seu pasamento, houbo a Neira Vilas así que non sería de estrañar que esta do IES de Curtis, unha máis, se me pasara. E sería unha enorme perda.
A publicación comenza así:

A exposición Eu son… naceu cun dobre obxectivo: por unha banda pretendía render homenaxe a Memorias dun neno labrego, obra singular na historia das nosas letras e, por outra, ofrecer un tributo aos nosos antergos, a todas aquelas persoas que teceron coas súas vidas os nosos presentes.
As súas 118 páxinas son unha restra de perlas nas que se recupera a memoria e o orgullo dos nosos antepasados, das súas aldeas, dos seus soños, da emigración, da dictadura,.... Un exemplo a imitar.

martes, 26 de agosto de 2014

Alexandre Bóveda detrás dunha porta de aluminio

por Xosé González Martínez no Faro de Vigo:

Todos o anos, o día 17 de agosto celébrase o Día da Galicia Mártir dedicado á lembranza da memoria de Alexandre Bóveda. O acto realizase ao pé da rotonda que hai nun extremo da ponte da Barca, xa en territorio do Concello de Poio, no camiño de subida á Caeira. Hai ben anos que se erixíu alí un monumento que dá conta do lugar onde foi vilmente asasinado.