Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta o Cartafol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta o Cartafol. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de xuño de 2012

Usos lingüísticos na USC

Os datos sobre a lingua na que se redactaron as teses de doutoramento da USC no ano 2011 están recollidos do Cartafol, revista dixital do Servizo de Normalización Lingüística desta universidade.
Tal e como se indica no gráfico son os seguintes: castelán  60,75 %, inglés 19,41%, galego 12,65%, portugués 6,76%, e un resto insignificante do 0,43%  para outros idiomas. Neste uso a lingua galega leva movéndose entre un 8% e un 14% desde hai 20 anos e parece que chegou ao seu teito. Como aspecto positivo podemos destacar que se confirma unha consolidación no uso do galego para a elaboración de teses arredor da cifra dun 12%. E aínda que a maioría delas corresponden a estudos de humanidades, non deixa de haber teses en galego no ámbito científico. Para establecer un alicerce forte que permitira unha presenza máis consistente do galego nos estudos de investigación científicos compría reverter o antes posible a actual situación do ensino nas etapas inferiores cun decreto do plurilingüismo que couta unha imprescindible expansión do galego ao tempo que se desliga do prestixio social que acarrexan a ciencia e a tecnoloxía. Pola contra o inglés case duplica as súas cifras neste estudo cun ascenso espectacular nos tres últimos anos.
Para unha demorada reflexión conviña que se analizaran estes datos en comparación cos obtidos no estudo da lingua de uso na docencia na USC. Neste caso o castelán tamén se destaca cun 69%, o galego chega a un 27% e o inglés queda nun 1,82%. Estes resultados son moi semellantes aos da lingua empregada pra os traballos de fin de grao: 68% en castelán e 32% en galego. Finalmente, os mellores resultados para a nosa lingua déronse nos traballos de fin de máster, onde se alcanzou unha porcentaxe do 41% , aínda que sempre por detrás do castelán cun 55%. Neste caso o inglés quedou nun 2%. Aínda que os datos deste último parágrafo non son exactos porque non se tiña referencia de todos os traballos, como recollen os resultados de máis do 95% do total do traballos presentados, son con toda seguridade moi próximos á cifra real.
Resumindo. A proporción de uso do castelán e o galego na USC é de 3 a 1. Eis o desequilibrio que unha SXPL que esconde a cabeza baixo terra non se atreverá a afrontar.

martes, 12 de xullo de 2011

«Perder unha lingua é case peor que perder unha especie»

Miguel Rodríguez Fernández entrevista a  Francisco Díaz-Fierros para o Cartafol da USC:

Francisco Díaz-Fierros é catedrático en Edafoloxía e Química Agrícola da USC. A súa meritoria carreira como docente e investigador neste eido está acompañada dun teimudo compromiso co idioma e coa nosa cultura, que o levaron no ano 2002 a ingresar como académico na Real Academia Galega e a coordinar a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega. O profesor Díaz-Fierros desvélanos as súas impresións a respecto da situación do galego no mundo da ciencia e apunta as posibilidades que ten o galego para facerse espazo neste mundo.


Vostede é un home de ciencias e académico da RAG. En que pode contribuír a perspectiva dun científico á lingua?
A ciencia é un dos piares da Real Academia Galega, que sempre entendeu, dende a súa fundación, que era un valor cultural importante da nosa época e que non podía manterse allea a esa realidade. Por iso, dende que se fundou tivo científicos no seu corpo. Cando eu entrei, en 2002, o único que fixen foi encher a vacante que quedara trala morte de científicos anteriores, mantendo así ese vínculo entre ciencia e galego tan necesario. 

Como valora a progresión entre os usos que actualmente se lle dan ao galego na ciencia e aquel ideal do Seminario de Estudos Galegos, que era un ideal concreto con apartados específicos?
O Seminario de Estudos Galegos foi a primeira institución que decidiu que o galego non é só unha lingua popular e de literatura, senón que tamén é quen de expresar calquera tipo de contido cultural ou científico. Dende daquela mudaron moitas cousas e, en especial, mudou o papel da ciencia na sociedade. Daquela non había unha evidencia tan clara coma hoxe da importancia das tecnoloxías na nosa vida e a comunidade de científicos non era tan ampla coma agora. 
Pero o cambio substancial tivo que ver coa hexemonía que a partir dos anos oitenta acadou o inglés no campo científico en todo o mundo. Nos anos setenta, co espírito da transición, produciuse unha especie de novo renacer galeguista; moitos científicos do sector agrario, pesqueiro ou biolóxico comprometéronse co idioma, e mesmo impulsaron publicacións científicas especializadas en galego. Mais daquela non existía a enorme presión que existe hoxe en día sobre os científicos á hora de posuíren un bo currículo, un currículo que se compón en gran medida pola participación en publicacións que se valoran se están escritas en inglés. 

Cre que na actualidade, malia estas presións, rexorde o compromiso coa lingua por parte das novas fornadas de científicos?
Coido que si e ademais están a incidir no ámbito da ciencia onde o galego ten máis posibilidades, a divulgación. Publicar en galego investigación especializada xa é unha batalla case perdida. No ensino acadouse moito terreo e gañouse unha situación de estabilidade, especialmente no ensino medio. Na Universidade aínda queda, iso si, moito por facer, sobre todo se queremos chegar ás situacións como a que se vive en Cataluña, onde o 70% das horas clases na universidade son en catalán. Mais precisamente por iso é importante que esta comunidade de científicos galegos se comprometa co idioma, porque o labor do profesor na aula poda axudar moito a mellorar os usos do galego na ciencia en xeral.

É o profesorado, logo, o responsable desta situación?
Principalmente, os profesores; os alumnos, máis secundariamente. Se os docentes tiveramos máis compromiso poderiamos conseguir mellorar a situación. Isto tampouco é sinxelo se temos en conta a presión da que falabamos antes, que case obriga, se queres facer unha carreira investigadora, a darlle prioridade ao inglés na publicación dos traballos. E o estudantado xa foi máis receptivo ca hoxe en día. Téñenme marchado estudantes de clases de materias optativas que eu imparto, con poucos alumnos, porque as clases as dou en galego; e non porque sexan de fóra de Galicia...

Referiuse antes á necesidade de afianzar a presenza do galego no ámbito da divulgación. É un problema de canles específicas?
Hai bos divulgadores da ciencia e bos espazos de divulgación, como os museos científicos, como os da Coruña, que se pasaron ao galego. É un terreo onde o galego non está mal, se o comparamos con outros territorios, pero aínda así hai problemas. Non se trata só da inexistencia dunha canle, tamén ten moito que ver cos contidos. Os investigadores non saben pre-dixerir os resultados das investigacións para que logo os divulgadores poidan dispoñer dese material. Máis que de canles, o problema é a falla de alta divulgación, a que deben realizar os propios investigadores porque coñecen ben o seu traballo e poden rebaixarse a expoñelo dunha maneira sinxela. Isto, que se está facendo mellor en Cataluña ou Valencia, deberiámolo intentar aquí. 

Como podemos conseguilo?
Primeiro, valorando nos currículos o traballo de divulgación. Segundo, creando plataformas, por entes públicos ou privados, que recollan información sobre o que se está investigando no país e fagan unha pre-dixestión, unha recolección da produción científica para que os divulgadores saiban o que se está a investigar en Galicia. Iso si, cómpre facelo dende a obxectividade, porque cando se len os comunicados de prensa da Universidade parece que estamos inventando cousas todos os días e a realidade non é así. 

Ante a comunidade científica, un traballo en galego pode ter menos prestixio?
En divulgación, non. Esa barreira idiomática existe máis no traballo especializado pero na divulgación científica está superado.

Parécelle un problema a inexistencia de manuais de ciencias en galego na Universidade?

Elaborar e, sobre todo, manter un manual científico é caro e complicado, e os grandes manuais que se están a empregar na Universidade renóvanse máis ou menos cada catro ou cinco anos. Daquela, manter unha liña editorial de manuais en galego implica unha grande dificultade e custos importantes. Normalizar o galego nos manuais científicos é tarefa complicada. Porén, creo que o espazo que pode e debe ocupar o galego é o dos materiais de apoio na nosa lingua. 

En 1978, xunto co profesor Antón Santamarina, diferenciou os usos de chan, solo terra. O descoñecemento da terminoloxía técnica en galego é unha pexa máis para o emprego da nosa lingua na ciencia?
En absoluto. Nas linguas próximas o 70% dos termos científicos son comúns, así que iso non é un problema. Debemos ser precisos e rigorosos co noso capital cultural idiomático; poñer como escusa o vocabulario específico científico en galego é un absurdo. 

Na súa traxectoria como docente impartiu clase en Cataluña e noutros lugares do estado con lingua propia. En comparación co contexto científico galego cales son as principias diferenzas que percibiu?
O uso do idioma propio na docencia universitaria, sobre todo en Cataluña, é o máis salientable. Aló os profesorado emprega con moita maior frecuencia o catalán, mentres que aquí o uso do galego nas carreiras científicas anda polo 10%. En cuestión de textos e publicacións tamén hai unha maior normalización do catalán, pero a grandes riscos non se escapan desa presión do inglés que a nós tamén nos afecta tanto.
 
É comparable a defensa da diversidade ambiental coa defensa da diversidade lingüística?
Hai uns aspectos biolóxicos vinculados á linguaxe, xa que é o mecanismo de expresión dunha especie. Pero aínda así o idioma, ao meu ver, ten unha importancia maior, xa que é un valor cultural dunha riqueza indubidable. Un signo que pertence e identifica a unha comunidade humana. Eu atreveríame a dicir que perder unha lingua é case peor que perder unha especie, pois con ela vaise parte da historia e da pegada que un país deixou na historia. 

En Galiza a desprotección do medio natural e do patrimonio lingüístico semellan ir parellas. É cousa de que este pobo non valora o seu ou tamén inflúe ese falso progreso da economía de mercado?

As dúas cousas. Coa actual concepción de progreso estase a prexudicar a todos aqueles elementos ou valores intanxibles que non implican un beneficio económico inmediato. De todos os xeitos, comezan a emerxer movementos que pretenden precisamente poñer en valor todos eses intanxibles que o mercado deixa de lado e que son unha riqueza que non podemos perder. E por suposto, tamén afecta o coidado que cada pobo teña do seu. Hai comunidades que protexen o seu medio natural, o seu patrimonio cultural e o seu idioma. Isto en Galicia aínda é unha materia pendente. 

A mestura do moderno e do tradicional que se produce no terreo agrario, poderíase aplicar tamén á lingua?
Non me gusta moito a comparación co modelo agrario; o idioma ten que ser algo máis, non pode ser un reduto, debe enchoupar a toda a sociedade. Aínda que comece impulsado por pequenos grupos, co idioma temos que pretender gañar á maioría. Malia que, segundo os datos, a tendencia na sociedade é a de abandonar o monolingüismo en galego e castelán e converxer nun bilingüismo, no que haxa competencias semellantes entre galego e castelán, a nosa lingua ten que servir para manternos ligados ao noso país, á nosa terra.
 

xoves, 2 de xuño de 2011

No ILG posicionámonos contra o Decreto pois "podería parecer que 'quen cala, consente'"

Miguel Rodríguez Fernández entrevista a Rosario Álvarez,  directora do ILG, no Cartafol da USC. Na última pregunta faise referencia ao escrito enviado polo ILG no mes de xaneiro do 2010, rexeitando as bases do decreto. Tamén se fala do Atlas Lingüístico, das normativas e de prexuízos.


Rosario Álvarez é a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), que neste 2011 celebra o corenta aniversario da súa creación. Case medio século de traballo e investigación pola lingua galega imprescindibles para coñecermos mellor o elemento máis sensible da nosa identidade: o galego. Neste entrevista a actual directora do ILG falaranos do traballo desenvolvido nestes 40 anos e dos retos presentes e futuros deste instituto de investigación.


Van aló 40 anos dende que se creaba en Compostela o Instituto da Lingua Galega. Como mudou o ILG ao longo de case medio século de existencia?

Mudou moito como consecuencia dun proceso de consolidación: asentouse como un espazo referente de investigación e mellorou cuantitativa e cualitativamente. Ampliamos o número de membros e diversificamos as figuras profesionais que traballan no instituto, xa que partimos dun núcleo de media ducia aló por 1971 e agora andamos polos 70 membros. Ademais melloramos tamén as infraestruturas. O ILG creouse nun faiado da Facultade de Historia que pertencía ao Departamento de Filoloxía Románica, e logo de pasarmos por Mazarelos, dende o ano 84 ocupamos a casa de López Ferreiro. Esta mellora das infraestruturas redundou nunha mellora do traballo realizado e ademais supuxo o recoñecemento por parte da USC do labor levado adiante polo ILG.

Está todo feito ou aínda queda moito por investigar?

Queda moitísimo! Oxalá puideramos dicir que estamos preto de ter todo investigado, pero o traballo de tipo filolóxico ou humanístico non remata nunca. De todos os xeitos cómpre facer un balance positivo, porque todo o coñecemento que temos da realidade do galego e da súa historia era inimaxinable hai 40 anos. Os que estamos no ILG pode ser que non o percibamos tan ben, mais os que están fóra e o ven con outra perspectiva, asómbranse da capacidade de facer algo que noutras sociedades se tardou dous séculos en conseguir. Non debemos ser fachendosos, pero é así.

Cal das súas áreas de investigación tivo un maior desenvolvemento ao longo destes anos?

Non creo que poida mencionar só unha área concreta, a nós interésanos todo. Somos un centro de referencia en xeografía lingüística e un exemplo diso é o Atlas Lingüístico, sen o cal o proceso de estandarización sería moi diferente. Para elaboralo foi preciso un traballo de campo que fai que hoxe teñamos 8000 gravacións de falantes. Eu non coñezo ningún outro centro de investigación con esta cantidade de material. Outra liña fundamental é a investigación do galego medieval, tanto no tratamento dos datos lingüísticos como na edición de textos, que se ve reflectida a través do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG). Outra das áreas importantes é a onomástica, cuxos traballos están moi vencellados ás orixes do Instituto. Por suposto tamén debemos salientar o traballo de estandarización da gramática, no que cooperamos coa Real Academia Galega, que é a responsable última de aprobar as normas.

En que novos proxectos se está a traballar dende o ILG arestora?

Un deles é o proxecto do Tesouro de Léxico Patrimonial, feito a partir das enquisas de falantes. Con el pretendemos xuntar todo o léxico que temos na nosa base de datos, extraído de gravacións, teses, memorias de licenciatura… Deste xeito imos ofrecer a posibilidade de localizar onde se di cada unha das variantes en Galicia, Portugal e Brasil. É un proxecto moi ambicioso, que ideamos nós e no que está traballando xa o comité galego, o comité portugués, que conta en Coimbra e Lisboa con nove investigadores, e unha rede brasileira de 49 investigadores distribuídos por todas as rexións de Brasil. Interésanos coñecer cales son os vías de penetración do galego no Brasil porque hai palabras empregadas aló que pensan que teñen orixe amerindia e realmente son galegas ou do norte de Portugal.
Estamos traballando tamén no Atlas Prosódico, como parte do proxecto chamado Atlas Multimedia Prosódico de Espazo Románico, no que participan diferentes comités europeos; os comités galego e portugués colaboran para investigar as semellanzas e diferenzas entre a entoación galega e portuguesa. Ademais, aproveitamos a información deste Atlas Prosódico para facer estudos de variación lingüística, de dialectometría. Así, aplicamos os datos do Atlas nunha serie de programas de xeito que reflicten sobre o mapa cales son os puntos de Galicia onde existe maior ou menor similitude atendendo a determinadas variables.
Dentro da sección de sociolingüística están traballando no proceso de codificación do galego dos dous últimos séculos, pero sobre todo do século XX. E finalmente, tamén estamos a desenvolver o dicionario histórico ou odicionario de dicionarios. Son, realmente, moitos proxectos en curso.

Cales son os grandes retos que debe afrontar o ILG de cara ao futuro?

Son moitos os proxectos en curso que hai que rematar. O que pretendemos é dar un salto importante a medio-longo prazo na divulgación dos resultados das nosas investigacións, mellorando o aproveitamento das novas tecnoloxías. Estar á vangarda tecnolóxica foi algo que distinguiu sempre o ILG.

Para parta destas investigacións os propios falantes son a fonte principal. De feito, tedes recollidos testemuños de falantes de case a metade das 3.400 parroquias do país. A mingua do galego nalgunhas zonas dificulta ese traballo de investigación das falas?
Non, o problema para este tipo de investiación non é a perda de falantes, senón que a sociedade mudou moito económica e culturalmente. Hai trinta ou corenta anos, cando comezamos as enquisas polos anos 70, non había un televisor en cada casa. Era moi fácil atopar o informante ideal, máis illado do resto do mundo e cunha vida social máis endogámica, que mantiña os trazos dialectais propios da zona, e agora, esa figura do falante sen contaminar, xa non existe practicamente. De todos os xeitos iso non é un problema para a lingua, xa que os idioma sempre mudan co tempo, e xa ao longo da historia déronse procesos de superioridade dunha variedades dialectais sobre outras. Simplemente, son manías de dialectólogo.

Parte do voso traballo está orientado a coñecer a realidade da lingua e das súas variedades. A diversidade que hai dentro do galego enriquece a nosa lingua? Ponse en valor ou menosprézase?

Por suposto, a variación lingüística é unha riqueza, un valor. Por unha banda,  o feito de que haxa variantes da lingua implica un grao importante de viveza, de instalación social, e por outra banda, cantas máis variantes coñeza alguén para dicir o mesmo, máis destreza ha ter para usar esa lingua.

Socialmente sobre as linguas minorizadas sempre cae unha especie de acusación minusvalorativa, realmente porque as linguas minorizadas están en proceso de estandarización. Mais o certo é que os galegofalantes tenden a pensar que o español é aquilo que está no libro de texto e non se dan conta de que, se en lugar de vivir en Chantada vivisen en Cuenca, tamén habería diferenza entre o que falan e o estándar.

Algunha xente de a pé di que a normativa do galego anda cambiando cada pouco, o cal lles serve de xustificación para non falalo. A que se debe este tipo de impresións que non se dan tanto sobre castelán ou outros idiomas?

Eu creo que se xoga con esa mentira para alimentar os discursos contra o galego. Quen di que non fala galego porque cambia a normativa continuamente podía, logo, quedar nas Bases do ano 1976! Alegan unha escusa inaceptable. O español acaba de cambiar a norma panhispánica e ninguén rachou as vestiduras. Cando eu estudaba, a forma verbal española dio levaba til e antes de rematar os estudos eliminara o til. Ninguén se queixou nin insinuou deixar o castelán por iso. A grafía é unha convención e se non podemos cambiala, apañados estamos.

Cal foi a maior achega que lle fixo á lingua e á sociedade o Instituto logo destes 40 anos?

A contribución ao proceso de estandarización e, polo tanto, a elaboración do Atlas Lingüístico Galego.

Esta estandarización sempre deu lugar á polémica e parece que aínda non se chegou a un consenso total. É posible normalizar unha lingua mentres exista división no ámbito da normativa?

Os problemas dificultan todo, xa sexa na normalización ou na asociación de veciños. A existencia de problemas no tema da normativa axuda ademais a crear unha atmosfera de «nin eles mesmos se estenden» que alimenta esas campañas de desprestixio contra o noso idioma. Houbo momentos nos que a polémica foi dura e deixou moitas feridas e moitos feridos polo camiño, pero en canto miramos ao redor vemos que estes conflitos son habituais. Non houbo procesos de estandarización limpos, sen discusións durante séculos. Pola banda que nos toca, esta polémica creouse cos círculos lusistas e hoxe en día é na lusofonía onde tamén están tendo un conflito coma o noso, pois chegaron a un acordo ortográfico con moitos problemas de configuración que está dando lugar a divisións; a reforma non está sendo doada e se non saen as cousas como deberan, pódese crear unha fractura entre o portugués do Brasil e o portugués europeo. Nos procesos de estandarización do catalán e o italiano tamén pasou algo polo estilo, así que o problema normativo non é algo que teñamos só os galegos, como moita xente pensa.

O ILG non acostuma tomar posicionamento en cuestións de carácter político ou institucional. Porén si que o fixo no caso do Decreto do plurilingüismo. Por que?

Non acostumamos saír á escena política porque o noso cometido é outro,  mais isto non quere dicir que sexamos indiferentes: traballamos nunha liña que deixa inequivocamente clara a nosa posición co galego. Naquel momento había unha contestación social moi forte e cremos axeitado fixar posición aínda que só fose excepcionalmente; onda non, podería parecer que «quen cala consente».

venres, 6 de maio de 2011

"Se a un neno queremos ensinarlle que o galego vale para todo, hai que predicar co exemplo"

Miguel Rodríguez Fernández entrevista para O Cartafol a María Crespo, estudante da Escola de Formación do Profesorado de Lugo, quen vén de ser a gañadora do premio á  Calidade e Excelencia Lingüística cun traballo sobre mediadas tradicionais en Vilalba:

Gañaches o premio por un traballo sobre as unidades tradicionais de medida en Vilalba. Requiriría dun traballo de documentación intenso…
Pois si, porque as fontes non eran as habituais: non puiden botar man de Internet ou de libros, porque non hai moita bibliografía sobre o tema. Máis ben tiven que preguntar ás fontes directas que sabían do tema e elas non só me daban información senón que tamén me fornecían o nome doutras persoas que me poderían informar. Foi un traballo de investigación que requiriu esforzo.

Cal cres que foi a clave para gañares este premio?

Pois realmente non o sei. Cinguinme ás bases do concurso por completo, empreguei un galego normativo, intentei empregar unha redacción o máis amena posible e tampouco  era un traballo moi extenso, xa que o mínimo eran 10 páxinas e eu fíxeno de 20. 

Que cres que habería que facer para dar a coñecer mellor aos estudantes iniciativas coma os Premios á calidade?
Eu souben deles ao ver un cartaz informativo dos premios. Logo comenteillo á profesora da materia para a cal facía o traballo e animoume a participar. Ademais de con carteis informativos e folletos, cómpre sobre todo que os profesores e profesoras o anuncien e inviten a participar aos alumnos.

Cres que socialmente se considera que un traballo en galego ten menos prestixio que un traballo en castelán ou inglés?
Hai xente que opina que o galego non vale para todo e que é un idioma que debe quedar cinguido a usos máis populares ou menos importantes; iso vémolo no día a día, cando hai xente galegofalante que cambia de idioma dependendo do contexto. Hai que valorar o noso, respectando o de fóra, pero a nosa lingua vale para todo, dende as matemáticas á literatura ou á investigación, e non temos por que cambiala.

Na Universidade a porcentaxe de galego nas aulas aínda é algo reducida en comparación co castelán. A que cres que se debe?
Eu creo que principalmente a unha falta de conciencia por parte dos docentes; coñezo casos de profesores que no seu ámbito privado falan galego e de cara aos alumnos cambian ao castelán. Teñen unha serie de prexuízos e fáltalles concienciarse con esta cuestión. Se non o defenden eles dende as aulas, que son profesores galegos, ninguén o vai facer.

Ademais deste tipo de incentivos, como os Premios á Calidade e á Excelencia Lingüística, que outras medidas cres que se poderían levar a cabo para aumentar os usos do galego?
É unha pregunta complicada. Habería miles de medidas para levar a cabo porque aínda queda moito por facer.  De todos os xeitos creo que hai que centrar a actuación nos docentes, xa que eles son os que se dirixen a grandes grupos de estudantes, mellorando os incentivos para que empreguen máis o galego nas aulas; creo que é a clave.

Como estudante sentiches algunha vez que tiñas que facer un esforzo a maiores para poder recibir unha formación en galego?
Por sorte, no centro en que estudo a meirande parte dos profesores imparten a súa docencia en galego. Pero, evidentemente, quen reciba todos os apuntamentos en castelán vai ter que facer un esforzo a maiores para asimilar a materia no noso idioma.

Estudas para ser profesora de educación primaria e vas ter que traballar cunhas novas xeracións que, segundo as estatísticas, falan menos galego. Que pode achegar o mundo da educación?
O mellor é predicar co exemplo. Se a un neno queremos ensinarlle que o galego vale para todo, temos que facelo coa practica, demostrándolle que as matemáticas poden darse en galego, igual que a literatura, a historia...
Os mestres na educación infantil e primaria son como un pai ou unha nai para os rapaces. A familia e a escola son os dous ámbitos que un rapaz toma como referencia e dependendo do que alí vexa e aprenda, adoptará uns comportamentos ou outros. Se se lle dá a entender que só podemos usar o galego para unhas cousas e non para outras, estámoslle metendo prexuízos na cabeza.

Hai que di que aos rapaces se lles impón o galego nas escola. Ti que opinas diso?
Non hai tal imposición e, por desgraza, o galego segue estando en inferioridade de condicións con respecto ao castelán. Non hai máis que vivir no mundo real como para comprobalo. O castelán está en todas as partes, dende as tendas até os medios de comunicación. E moitos pais galegofalantes diríxense aos fillos en español porque pensan que é unha lingua que vale máis que o galego. Así é que logo os fillos van á escola empregando o castelán. Ese tamén é un mecanismo de impoñer outro idioma fronte ao galego.
Debería haber mais iniciativas para normalizar o noso idioma porque non ten sentido que en Galicia o galego sexa unha lingua de segunda cando é a lingua propia de aquí. 

mércores, 6 de abril de 2011

«Dicir que o galego non vale para o mundo da ciencia é unha parvada»

Entrevista a Jaime Gómez Márquez, no Cartafol Dixital:

Jaime Gómez Márquez é catedrático en Bioquímica e Bioloxía Molecular na Facultade de Bioloxía da USC. Acaba de publicarse o Dicionario de Bioloxía: galego-castelán-inglés, do que foi coordinador e un dos principais impulsores. O dicionario é froito dun traballo interdisciplinario entre biólogos e filólogos, apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Termigal, e parte dunha iniciativa xurdida hai oito anos na Facultade de Bioloxía co fin de deseñar unha ferramenta útil tanto no ensino coma na investigación e a divulgación da Bioloxía. Nesta entrevista o profesor Gómez Márquez fálanos da publicación e sobre a situación do galego no mundo das ciencias e da investigación.



Vostede foi un dos impulsores do Dicionario de Bioloxía galego-castelán-inglés. Críao necesario?
Eu entendo que si, porque estamos nunha comunidade na que se falan dous idiomas, galego e castelán, mentres que no mundo da ciencia emprégase o inglés como lingua internacional. Polo tanto, era necesario un proxecto deste tipo, que presentase os termos biolóxicos nas tres linguas.
A quen se dirixe preferentemente este Dicionario?
Principalmente ao mundo do ensino secundario e do universitario, xa que é alí onde pode ter un maior interese xa que se fai uso desta terminoloxía con máis frecuencia. De todos os xeitos o dicionario está dirixido a toda as persoas con interese na Bioloxía.
Que fai máis útil e atractivo o Dicionario: que divulga a terminoloxía en galego, as definicións na nosa lingua ou ofrecer as equivalencias en tres linguas (galego, castelán e inglés)?
Todo é importante. É necesario ter unha terminoloxía propia da Bioloxía en galego, xa que así axudamos a normalizar o idioma nun campo do saber no que o galego non se emprega con frecuencia, mentres que, por outra banda, tamén é importante saber das equivalencias destes termos en castelán e en inglés, pois esta última é a lingua internacional, especialmente no mundo científico, e as revistas especializadas publícanse neste idioma.
Que formación en idiomas deberían recibir os graduados/as en Bioloxía da USC, tendo en conta as saídas laborais e que a maioría acaban  traballando en Galicia? 
Deberían recibir formación nos tres idiomas que inclúe este dicionario por unha cuestión moi sinxela: en Galicia fálanse dous idiomas, o galego e o castelán, e no mundo da ciencia, a nivel internacional, a lingua que se emprega é o inglés. Polo tanto é preciso que os estudantes reciban formación nos tres idiomas, pero especialmente en inglés, que é do que menos habilidades se adoita ter.

Un traballo de investigación en galego ten menos prestixio que un traballo en castelán ou inglés?
A importancia dun traballo non vén dada pola lingua en que está escrito, sexa inglés, castelán ou galego. O problema é que se eu fago undescubrimento sobre o xenoma e o publico nunha revista galega, ese traballo está condenado a que non se coñeza no mundo, igual que se se fai en chinés ou en francés. A razón de publicar en inglés ten unha motivación dobre: porque é o idioma universal que todo o mundo entende e porque as revistas especializadas mais importantes do mundo son en inglés, o cal non impide que traballos de divulgación ou máis locais que se publiquen en galego. Sen unha formación en inglés sólida non poderemos comprender moitos dos traballos que se publican nas revistas de referencia do mundo científico e, por outra banda, tampouco poderemos publicar traballos que transcendan as fronteiras. Hoxe en día, independentemente de que nos pareza mellor ou peor, o inglés é a lingua internacional e se queremos interactuar co mundo científico doutros países, temos que saber inglés.
É posible que o alto nivel de compromiso coa investigación distorsione a visión do PDI en relación ás necesidades formativas de idiomas dos titulados/as?
Non o creo. É perfectamente compatible usar o galego na Universidade coa necesidade de transmitir en inglés o resultado das nosas investigacións. Non creo que hoxe en día ningún galego/a teña problemas para manexar o galego no mundo da Bioloxía ou noutros campos en xeral. Se non o emprega, será porque non quere.
Hai profesores que din non empregar o galego na docencia por falta de terminoloxía no noso idioma. Contribuirá o Dicionario a solucionar esta eiva?
Eu tampouco penso que os profesores non dean as clases en galego por falta de terminoloxía, polo menos no mundo da Bioloxía. Se non o fan será porque non queren ou porque non se senten cómodos, xa que os termos en galego que se empregan teñen unha grande similitude cos do castelán. De todos os xeitos o dicionario si que axuda a fomentar o galego neste campo do saber; pero aínda queda moito por facer. Temos que seguir afondando nesta liña, aumentando o número de termos e complementando este traballo. Non é un punto final senón un punto de inicio.
Co paso da licenciatura ao grao en Bioloxía, o galego medrou na docencia do do 2,90% ao 15,72%. 
Sinceramente, dubido de que Boloña afecte en nada, xa que non implica unha potenciación do galego nin moito menos. Teño que dicir que me sorprende un cambio tan brusco, até o punto de que non creo moito neses datos. En caso de que sexa así, o cambio é para ben. Se cadra, responde á cada vez maior sensibilización que a xente ten co galego. Co paso do tempo irase mellorando.
En que beneficia aos biólogos do futuro titulárense cun maior coñecemento transversal da nosa lingua na Bioloxía?
En tanto que se está formando como un biólogo en Galicia, entendo que a formación na nosa lingua é beneficiosa porque vaino ter que empregar en diversos ámbitos da sociedade, incluído cos estudantes en caso de que imparta clases no futuro. Para min, o importante non é a  lingua na que se impartan os conceptos senón que eses conceptos se transmitan de xeito que sexan comprensibles.
Que lle diría un catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular a quen opina que o galego non vale para as ciencias?
Pois simplemente diríalle que  é unha parvada. O galego vale para absolutamente todo, dende a Historia ata a Bioloxía. Non hai linguas que non vallan para nada e parece mentira que ese tipo de prexuízos non desaparecesen por completo co paso dos anos. Outra cousa é que no mundo da investigación, onde un traballo non perde valor por estar en galego ou en francés, pero tense que publicar en inglés, o idioma internacional no mundo da ciencia.

venres, 4 de marzo de 2011

"Se os galegos lle queren ao galego, pode superar todas as barrreiras que lle poñan"

entrevista realizada por Miguel Rodríguez Fernández pra o Cartafol:


Anik Nandi chegou a Galicia hai dous anos procedente da India. Nada máis asentarse na nosa terra xa se esforzou en mudar o seu bengalí polo galego e en coñecer a nosa historia e a nosa cultura. Di que coñecer un pobo sen coñecer a súa lingua é como coñecer unha persoa sen coñecer a súa alma. Colaborador do ILG e estudante de doutoramento do Departamento de Filoloxía Hispánica, Anik fálanos nesta entrevista da realidade lingüística da India, das súas semellanzas co Estado español e das súas impresións sobre Galicia e o galego.

O día 21 de febreiro celébrase en todo o mundo o Día da lingua materna. Cal é a túa? 
A historia do 21 de febreiro é interesante. Eu son falante de bengalí. Precisamente o día 21 de febreiro conmemórase a loita de Bangladesh contra Paquistán pola defensa da súa identidade cultural, xa que antes Bangladesh chamábase Paquistán Oriental. Os bengalís de Bangladesh e os da India falamos o mesmo idioma e temos boa relación. O noso é o sexto idioma do mundo, fálano 280 millóns de persoas. É unha lingua bastante potente.

Na India fálase preto de 3. 372 linguas, entre elas o hindi, que é a lingua oficial de todo o Estado, e o inglés. Como se organiza toda esta variedade lingüística?
A realidade lingüística da India é complexa. Segundo o censo de 1991 temos 3.372 linguas maternas, das cales 1.572 están rexistradas e as restantes 1.796 están agrupadas como «outras linguas». Con todo, o censo de 2001 reduciu todas estas linguas maternas a 122, que se clasifican en dous grupos: o das 22 linguas oficiais e o das 100 linguas non oficiais. De todos os xeitos existe unha xerarquía entre elas. En primeiro lugar sitúanse o hindi, a lingua oficial a nivel federal, e o inglés, a lingua asociada do estado. Aínda que o inglés é oficialmente unha lingua minoritaria polo seu número de falantes, inclúese aquí polo estatus e o valor económico que posúe a nivel nacional e internacional. Non hai que esquecer que a India foi colonia inglesa durante moito tempo.
Nun segundo plano aparecen as 21 linguas cooficiais dos diferentes estados, como o bengalí en Bengala Occidental. A continuación veñen as linguas e dialectos non recoñecidos no capítulo oitavo da Constitución: os 65 dialectos recoñecidos das linguas cooficiais; despois as 100 linguas minoritarias e os seus 149 dialectos. Finalmente, veñen as linguas que teñen menos de dez mil falantes, que se clasifican como linguas non recoñecidas, xa que o censo do goberno da India só conta as linguas que teñen máis de dez mil falantes. A realidade lingüística é complexa e a súa regulación tamén o é.

Hai semellanzas na situación lingüística da India e do Estado español?
Si, España é unha pequena India. No Estado español a variedade lingüística salta á vista en Galicia e Cataluña, por exemplo, pero tamén a podemos ver dentro da propia Galicia ou Cataluña. Hai pouco un estudo de sociolingüística en Cataluña desvelou que en Barcelona se falan preto de 300 idiomas. Ademais a Constitución de 1978 tamén recoñece, como na India, o plurilingüismo a nivel estatal. Hai un certo paralelismo.

Na India valórase a pluralidade lingüística como algo enriquecedor ou máis ben hai un afán uniformizador? 
Considérase algo enriquecedor. O modelo lingüístico trilingüe na educación, que leva vixente dende os últimos 30 anos, en principio ten en mente preservar o multilingüismo, aínda que está demostrando non funcionar moi ben. O problema deste modelo de trilingüismo é que se nun dos estados da India se fala cinco idiomas, os nenos cando chegan á escola o que atopan é a lingua oficial do estado, pero non a súa lingua nai. Entón pasan 3 ou 4 anos intentando entendela para logo estudala. Aí temos que facer un cambio total na política lingüística na educación.

Cal é o modelo lingüístico das universidades hindús?

Polo xeral todos os traballos fanse en inglés, a non ser que traballes especificamente nunha lingua. Se estudas sobre bengalí, tes que empregar o bengalí por cuestións de lóxica. Pero podemos dicir que o inglés é a lingua principal no ámbito universitario.

Desde hai dous anos resides en Galicia. Traballas nun grupo de investigación e fas a túa tese sobre...

A tese é unha análise de sociolingüística comparada. O meu traballo basicamente consiste en analizar a situación dos neofalantes no caso das linguas minoritarias da India. Para isto apóiome precisamente no caso do galego como un exemplo interesante á hora de analizar este fenómeno dos neofalantes.

No mundo académico da India tense coñecemento da lingua galega? Que imaxe ten?
Desgraciadamente, non. Eu son o primeiro que escribiu un artigo nunha universidade de Nova Delhi sobre o galego. Ese mesmo ano outra persoa doutra universidade india escribiu outro artigo referido ao galego pero máis orientado á súa relación co portugués. O meu foi máis sociolingüístico. O meu artigo foi o primeiro paso para dar a coñecer o galego na India.

Viñeches expresamente a descubrir o galego ou foi o galego quen te descubriu a ti? Como foi o teu primeiro contacto coa lingua galega?
Eu só sabía o nome do idioma de Galicia. No centro no que comecei a aprender español tardei seis meses en saber que había máis linguas no estado. De todos os xeitos, cando vin só sabía que España era un estado plurilingüe, que había varias linguas e que unha delas denominaba a zona noroeste e marcaba a súa identidade.

Sorprendeute a situación do galego?
Sorprendeume bastante. Entrei en contacto con Galicia e a súa cultura en Ourense, que foi a cidade onde vivín nun comezo. Aínda que nas aldeas do redor se empregaba moito o galego, na cidade case todo o mundo falaba castelán, non tanto os máis maiores. Sorprendeume ver como moita xente nova ten prexuízos cara á súa lingua. É difícil de entender para alguén coma min que vén de Bengala, onde todos falamos bengalí precisamente por ser o noso idioma.

Para que lle serve o galego a alguén da India?
Eu teño a teoría de que as linguas non teñen que servir. Se meus pais non serven, eu non os vou deixar. A lingua haina que amar e non se pode deixar. Eu estou estudando a túa cultura e non vou poder estudala se non aprendo tamén o voso idioma. Sen galego non se pode estudar sobre Galicia.

Como sociolingüista, como valoras a situación do galego?
É unha lingua con moito futuro e moita historia. É unha cuestión de actitude que medre e eu sempre penso que ten moito futuro. Está medrando economicamente, cada vez a estuda máis xente, incluso moitos que somos de fóra. Se os galegos lle queren ao galego, pode superar todas as barreiras que se lle poñan.