Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta X. L. Rodríguez Pardo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta X. L. Rodríguez Pardo. Amosar todas as publicacións

luns, 4 de xullo de 2011

'Galicia Hoxe', e tamén mañá?

por X. L. Rodríguez Pardo, no Xornal:

Hai poucos días enterámonos da morte do xornal Galicia Hoxe e, quéirase ou non, un lembra case todos os tempos do nacemento de El Correo Gallego e, logo, daquel seu fillo galego que se chamou La Noche, todo xunguido á dirección do noso gran amigo, e mestre en tantas cousas, que se chamou Borobó aínda que o seu nome fose o de Raimundo García Domínguez. Mais claro é: aquel tempo xa pasou e o que primeiramente se chamou O Correo Galego, fillo de La Noche, logo pasou a ser o Galicia hoxe, que acaba de morrer de fame, por non ter cartos para seguirse editando.
Até aquí poida ser que pouco máis se podería dicir, a non ser a mágoa que a súa desaparición produce en xeral e, moito máis, a todos aqueles que temos plena conciencia de que para conservar a nosa lingua, unha das maiores axudas que poidamos ter é precisamente a da educación e a existencia de medios de comunicación a lo menos, podendo ser, en galego enteiro; agradecendo aqueles outros que, ademais do castelán, tamén usan en boa medida o galego, coma fai o actual no que se publica este artigo, baixo do título en galego: Xornal e tamén sen título en lingua o vello El Correo Gallego, ao cal hai que lle agradecer sempre o moito que loitou a favor da nosa terra, coa lingua e a literatura galegas como elementos básicos e, logo, todos os demais, coa política cecais en primeiro termo.
De todo isto temos que facer unha acusación clara contra da actual Xunta de Galicia que, sen axudar nunca, deixou morrer aínda hai pouco o semanario A Nosa Terra e agora o Galicia Hoxe, permitíndose dicir, como acaba de facelo o seu presidente, que “o galeguismo do século XXI ha de ser global”, deixando morrer os medios de comunicación coma os citados que tiñan coma principal obxectivo o do uso corrente da nosa lingua e como tiña de facer a Xunta de Galicia en todas as súas actividades, cando menos para cumprir a obriga xenérica que contén o actual Estatuto de Autonomía, no seu artigo 5 ao dicir que “a lingua propia de Galicia é o galego”, obrigando ao goberno, coma tal “poder público” que, a potenciaren “o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa”. Onda se compre este mandato coa morte de Galicia Hoxe? Non debemos esquecer que non nos atopamos diante da defensa puramente empresarial dun medio de comunicación, senón na defensa do galego e se tamén perdemos aquí xa logo haberá que chorarmos pola nosa lingua.

domingo, 1 de maio de 2011

PEdagoxía do galego

artigo imprescindible asinado por X. L. Rodríguez Pardo no Xornal:


Cáseque como remate da extraordinaria conferencia que nos ditou o Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, don Carlos Varela, fíxonos o conferenciante unha referencia á pedagoxía social do idioma e á súa necesidade, como básica, para a mantenza e o desenvolvemento necesario do galego ante o pobo.
Nesta idea, básica como dixo o zeñor Varela, atópase un estes días coa nova dun Proxecto de lei que acaba de presentar e defender no Parlamento de Galicia o partido gobernante a data de hoxe no noso país, proxecto de lei que, aínda por riba, seica chaman de Convivencia, sen que se saiba de que convivencia se trata xa que, polo que parece, resulta que se trata de manter o predominio, –non a igualdade–, do castelán por riba do galego, xa que, según di a propia letrada da Xunta de Galicia no seu informe, no tal proxecto de lei hai “inseguridade xurídica” e un “grao de inseguridade moi grande”. E, como xa se apuntou no remate da conferencia de Varela, e leva dito en varias ocasións o asinante da presente opinión, o idioma galego precisa de axudas especiais polo que, a chamada Convivencia Lingüística, non pode quedar tan só nas mans do país, xa que a súa obriga non é a de pospoñer a un segundo plano o galego, dentro dun bilingüismo falso, senón, por forza, a de soster o idioma pese aos ataques que contra el se organizan cada pouco en tódolos sitios.
Por iso, correspóndelle á administración galega, non só a defensa do idioma castelán, que tamén, aínda que a quen lle tocaría ese papel habería de ser á administración do Estado, mais, sobre de todo, a defensa e reforzamento especial do galego porque, coma di a nosa Constitución no seu preámbulo, hai que protexer especialmente as “súas linguas” e, moi en especial, as distintas modalidades lingüísticas coma un “obxecto de especial respecto e protección”. Se, logo disto, pasamos á nosa terra, atopamos no Estatuto de Autonomía, art. 5, que “a lingua propia de Galicia é o galego” e ademais, que “os poderes públicos de Galicia … potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa…”. Coido que non se pode facer mais que, seguindo a tese do señor Varela, adicarse a facer unha forte e verdadeira “pedagoxía social” con respecto ao galego. O da convivencia lingüística co castelán é outra cousa que, dende logo, non merece unha lei do Parlamento de Galicia.

domingo, 24 de abril de 2011

A lingua galega

por X. L. Rodríguez Pardo, no Xornal:


Non podemos deixar de poñer enriba da táboa, agora que comezan os actos electorais das moitas listas que se presentan para rexer os concellos de Galicia, que un dos asuntos básicos nestas eleccións –e en todas–, acó, é o da nosa lingua e, polo tanto, debemos saber o que quer facer cada lista electoral no seu concello, gañe ou non as eleccións correspondentes.
Porque, teño que facer unha proposta para o mellor desenvolvemento da nosa lingua na Coruña e, deste xeito, engadirlle ao nome do centro comercial que se remata de inaugurar o nome da “terra” e, polo tanto, pasaría a se chamar “A Terra do Marineda City”, co cal xa teríamos o “trilingüismo” e, polo tanto, esqueceríamonos de que ate de agora tan só se usou o castelán en toda a propaganda comercial que se lle fixo.
E xa que falamos de toponomia non podemos esquecernos dun topónimo que fixo sona no concello da Coruña, como é o de “A Grela”, o cal non fai máis que arrombar coa nosa lingua e inventar unha nova que ninguén coñece. Todos sabemos o que é un “grelo”, mais ninguén sabe o que poida ser unha “grela”, o que non pasa se lle damos o seu nome que é o de “agrela”, ou sexa, unha agra pequena, coma eran as agras que arrodeaban A Coruña cando se lle pasou chamar “Agrela” a esa agra que agora escriben como “A Grela”.
Todo isto vén a conto destas eleccións municipais xa que, como primeira obriga da lista que saia elexida en cada concello, deberá se poñer a da suxección á Lei de Normalización Lingüística e a de lle darmos á lingua galega, basicamente nos concellos, o trato especial que, tanto na Constitución coma no noso Estatuto, se lle recoñece á nosa lingua.
Conste, de todos xeitos, que non se pode pechar a campaña electoral nin, polo tanto, o quefacer das listas electorais no tema da lingua galega, mais, o que si hai que apuntar é a obriga de tódolos concellos na Galicia de se poñer a, cando menos, pensar se unha organización político-territorial chamada “Comunidade Autónoma” pode deixar que cada concello vaia por onde queira, sexa Área Metropolitana ou como se lle queiran chamar ás actuacións dos concellosmentres as deputacións van pola súa, deixándolle ao goberno de todos eles, ou sexa, ao goberno que sae do Parlamento galego, coma se fora o goberno dun asilo de incapacitados ou cousa así. É necesario e urxente facer ver a cada lista para gobernar os concellos que o todo que os abrangue se chama Galicia.

domingo, 23 de xaneiro de 2011

Lingua e autonomía

por  X. L. Rodríguez Pardo, avogado,  no Xornal:


Dende logo, á vista do xeito de gobernar que ten o goberno galego de agora, calquera pensaría que non nos atopamos nun intre de crise económica da envergadura do que temos neste tempo xa que, de primeiras, foi o follón da lingua e o seu ensino e uso na Galicia e agora, por se fora pouco, atopámonos con que o señor Aznar mandou traballar contra das autonomías e, polo tanto, a Xunta e os seus compoñentes adícanse a pregoar en contra da España autonómica e, polo tanto, en contra da autonomía galega.
Claro é que, no partido de onde proveñen, xa non é de agora a súa posta en entredito do Estado autonómico e non hai que esquecer que xa o señor Fraga ideou a Administración Única, á que tan só lle fallaba chamala polo seu nome, así considerada, de Administración do Estado madrileño xa que, deste xeito, podíase consolidar a idea do centralismo puro e duro, gobernando nese mundo creado arredor de Madrid que abrangue as chamadas autonomías e que, polo tanto, converte estas nunha especie de concellos.
Mais falando da lingua, co que escomezamos antes, temos para lle botar aos animais na corte todo canto se poida obter da valoración do escándalo que armaron dúas senadoras do PP e logo, tamén, o propio presidente do partido cando afirmou, coma se tal cousa, que non é normal o uso dos idiomas cooficiais, o galego tamén, polo tanto, nos debates da Cámara do Senado, xa que as linguas non deben servir para crear problemas e o mellor xeito de eliminalos, e isto xa é unha conclusión miña, sería o de eliminar, na España, todas as linguas nela existentes, deixando unha soa: o castelán, craro é.
Máis adiante, se iso funcionase, posibelmente pasara a se chamar madrileño por en vez de español, deixando o nome de español para os países da América, e outros así, que precisan, como pasa na Bolivia, con 36 linguas cooficiais, un único idioma e non poden facer cooficiais todas as linguas indíxenas.
Por certo que unha das senadoras que rexeitou o uso do galego no Senado o pasado día 18 leva tempo de abondo nesa Cámara para ter un amplo coñecemento do por que ese recoñecemento da nosa lingua nesa Cámara non supón, en ningún caso, refugar o español senón, pola contra, darlle un grao de recoñecemento baseado, precisamente, na cooficialidade que a Constitución establece para salvar as linguas minoritarias, o cal si é un traballo ben feito, como acostuma a facer a Cámara Alta.

domingo, 9 de xaneiro de 2011

O ‘catrilingüismo’

por X.L. Rodriguez Pardo, no Xornal:


Nesta pequena distracción do comezo de ano teño de encetar remesando un saúdo e o agradecemento que, como galego, teño de marcar ben a fondo a propósito da noticia que se publicou recentemente encol da Sesión no Senado na que, conxuntamente co castelán, tamén se falou en galego.
Non hai dúbida de que, do mesmo xeito que co galego, ha pasar co catalán e co euskera, mantendo sempre o castelán cooficialmente con cada unha das linguas que se empreguen, co cal, e de acordo co papel que a Constitución lle da ao Senado cando nos di que “é a Cámara de representación territorial” e, polo tanto, alí teñen cabida, en igualdade de condicións, as catro linguas, cooficiais co castelán, en cadanseu territorio no que se falen.
E así, como o feito de se falaren, ao fin, na “Cámara de representación territorial” as catro linguas propias do Estado Español tamén teño que lembrar, con noxo e desprezo, a nova aventura que isa orgaización seudo-política chamada Galicia Bilingüe remata de levar adiante por medio da carta que a súa presidenta lle mandou ao presidente da Real Academia Española, berrándolle pola súa intervención en cato á valía dos topónimos na “lingua propia” de cada autonomía.
Pois que, cando chegamos eiquí, atopámonos de novo co repetido e rexeitado ataque contra da nosa lingua, escomenzando pola toponimia oficial da nosa terra e, ao tempo, queréndoa cambiar pola toponimia, nalgúns casos castelanizada e noutros casos nin iso, que se adoita oficializar á marxe do órgano político de representatividade do pobo que quen a pode facer oficial.
Porque algo do que tanto Galicia Bilingüe coma outros organismos non se lembran nunca, nin lle queren dar contido, é o claro texto do artigo 2 da Constitución cando fala do patrimonio cultural das linguas na España e que esa riqueza “será obxecto de especial respecto e protección”. Do mesmo xeito que, logo, no Estatuto de Autonomía, no seu artigo 5, se nos di que “os poderes públicos (...) potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa”. Non en vano, polo tanto, desprezar o valor da toponimia oficial, tamén para o seu uso oficial, pois, falando, cada un faino coma lle peta, e, deste xeito, o “Sobrado dos Monxes”, ou “A Coruña”, ou “Sanxenxo”… –e así poderiamos seguir– non poidan pasar a ser o “Desván de los Monjes”, “La Coruña”, ou Sangenjo”, segundo lle pete á organización seudo-política que sexa.

domingo, 31 de outubro de 2010

Samaín e a lingua

por X. L. Rodríguez Pardo, avogado,  no Xornal:

Onte rematou en Santiago O Camiño Pola Lingua que viña traballado pola organización Queremos Galego e que, tal como se fora o Samaín e non o Santo do día 1 nin, moito menos, o Defunto do día 2 de novembro, rematou e celebrouse no día 30 de outubro.
Agora resta por sabermos se tamén o Excelentísimo Señor Benedicto XVI, que chega o vindeiro día 6 polo que se sabe, fará tamén un anaquiño do Camiño Pola Lingua, aínda que tan só sexa dende Lavacolla a Santiago e, dese xeito, borrarase para sempre aquel “fala en cristián”, (mellor, como se dicía polos que preferían outra lingua diferente, “muchacho, habla en cristiano”), e logo, aos que mantiñan a lingua da casa, dos pais e dos avós, caíalles a maldición relixiosa por non falaren en castelán.
Tamén o Papa podería, agora, en pro da memoria histórica, resucitar o galego que foi condeado e poñelo,tódolos días en todas as igrexas de Galicia (que nalgunhas xa se vén facer), mais non na percura dese bilingüismo tocado cun armonio que tan só vai dirixido a rematar coa nosa lingua.
É de suliñar tamén, e podo dicir que vai contra do Samaín e de todo o que isto supón para os galegos, como pobo con amplas raiceiras chegadas do norte da Europa, a quen debemos poñer un altar e facerlle saúdos populares cada remate do mes de outubro e non só os cativos nas escolas ou pola casa e na compaña doutros nenos; senón, por riba de todo, os pais que manteñen a nosa lingua, coma o que é no Estatuto aínda vixente: “A lingua propia de Galicia”.
Por certo que, neste Camiño Pola Lingua e do que non fala ren o goberno galego, ou Xunta de Galicia, cómpre salientar esa convocatoria que se remata de facer, para falaren das súas cousas da autonomía, aos presidentes dun lote de comunidades autónomas, ficando sen invitación para a súa asistencia o Presidente do goberno de España.
E posíbel que, sen que se dixera ou comentara cousa algunha aos que non son membros da Xunta, no que se ande a traballar sexa nunha cativa “indepencia” a respecto do uniformismo estatal, collendo o Camiño Pola Nación do que, polo de agora non se sabe mais e, polo tanto, non sabemos se a o remate nos atoparemos cun claro federalismo que tan só precise o seu recoñecemento na maioría do pobo español.
Se así for, poida que llo debamos a Samaín e, pois, debemos procurarlle tamén un especial xacobeo de agora en adiante. Todo isto non pode esquecer o agradecemento do Papa por falarnos algo en galego.