Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta dialectoloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dialectoloxía. Amosar todas as publicacións

sábado, 20 de febreiro de 2021

Cheghín e flipín



A primeira persoa do pretérito perfecto dos verbos da primeira conxugación remata en -ÍN, segundo a fala do Grove. Con moito desenfado explícase no vídeo recollido da páxina de facebook Entroido do Grove, dependente da Concellería de Cultura dese concello.

 

luns, 27 de maio de 2019

3, 4, 5, 6 pasos para falar o galego de ...




Nesta pequena peza audiovisual explícanse as principais características diferenciadoras da fala ourensá. Forma parte do proxecto ...3 ,4 , 5, 6 pasos para falar o galego de..., argallado polo alumnado de lingua galega da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense, coas profesoras Reyes Rodríguez e Ana Iglesias detrás de todo o proceso. Ademais este vídeo é só un dos 9 que se elaboraron en total.
Velaquí os audiovisuais desta iniciativa:

As propostas do Departamento de Filoloxía Galega, Portuguesa e Latina da Universidade de Vigo pódense seguir na conta de Twitter @GalegoVigo, Facebook Filgalport UVigo ou Instagram Filgalport

martes, 29 de xaneiro de 2019

En Tomiño dise así



Volvemos outra vez a recoller outra perla dos 21 días en galego (e máis) pois desta vez chéganos do IES Alonso Ríos (Tomiño) un audiovisual que ben podería colocarse como un elo máis daquela cadea que comenzara co vídeo Ghalego de Rianxo e continuara co Eu digo... de Ribadeo.

xoves, 21 de setembro de 2017

FRONTESPO: documentación lingüística da fronteira portuguesa


Antonio Lorenzo, veciño de Sela (Arbo) relata moi ben tanto os seus xuízos como prexuízos lingüísticos. Van algúns exemplos: "aquí falamos unha mezcla co portugués, como vasoira",  que o futuro do galego "no rural non ten duda, pero tendo en conta por onde nos levan as autoridades [...] aí véxoo difícil [...] aínda que hai moita xente nova que fala galego, incluso xente preparada que fala galego e que nos dan moitas veces exemplo a xente que vai a Vigo unha semana e vén falando o castelán", "eu o galego que falo é malo, e escribilo non teño puñetera idea, [...] falábalo na casa pero no colexio falabas o castellano"
Este vídeo é unha mostra do material que podemos atopar en FRONTESPO un proxecto da Universidade de Alcalá de Henares de documentación lingüística por toda a fronteira portuguesa. Nas canles de vídeos que manteñen en Vimeo ou no You Tube podemos consultar moitas entrevistas sobre distintos temas: vida familiar, tradicional, relacións coas vilas veciñas, festas,... e tamén, como acabamos de comprobar, a lingua. Penso que se trata dun material do que se lle pode sacar moito proveito didáctico. Podemos seguir as súas novidades desde as contas que manteñen en Twitter ou Facebook.




Francisco e Lola, son de Rubiás (Calvos de Randín) comentan como na outra beira da raia á "taza" chámanlle "cunca" e no canto de "cuchara"din "culler". Aínda que recoñece que lle chama culler "á de botar a sopa ou o caldo". Os netos están en Cataluña, e "de pasar o verán aquí chegan alá falando palabras en galego".




Lola de Pitões das Junias (Montealegre), do distrito de Vila Real, cóntanos que os veciños do norte mesturan portugués e español, sen recoñecer njn principio a existencia do galego. Mais recoñece que cando lle falan en galego enténdeos mellor que cando lle falan en castelán.




Nemesio é de Castromil (Hermisende), na provincia de Zamora di que fala un "chapurreado do galego". Tamén nos conta, con algo de risa que indica que non comparte a actitude, que cando os portugueses van a Hermisende non falan o portugués, nin o galego, falan o castelán!. Nemesio sempre fala en galego, agás cando van ao médico, a Zamora.




Luis Morais, de Moimenta (Vinhais), no distrito de Braganza. Cando lle preguntan como falan cos galegos contesta "meio galego, meio espanhol". Mais, cando se lle insiste en se hai diferenzas entre o galego e o castelán confirma que o galego é moi semellante ao portugués mentres que "o castellano é un bocado diferente". Tamén se lle pregunta polas distintas variedades de portugués e no relato destas comparacións chega a facer referencia ao mirandés. Luís é quen de diferenciar os sotaques das aldeas veciñas, porén entende que en Braganza falan coma el.

mércores, 31 de maio de 2017

“O Paraíso são os outros”



Excelente idea, excelente texto. Neste vídeo poderemos escoitar unha colección de voces de distintos lugares domundo falando todos, co seu acento, na lingua portuguesa.
Recollo o fundamental da presentación do vídeo, promovido por Porto Editora para celebrar o Día da Lingua Portuguesa:

A Porto Editora alia-se a projeto de Miguel Gonçalves Mendes para assinalar Dia da Língua Portuguesa e da Cultura na CPLP.Para assinalar o Dia da Língua Portuguesa e da Cultura na CPLP, que se comemorou o 5 de maio, a Porto Editora aliou-se ao realizador Miguel Gonçalves Mendes na publicação de Sotaques, um vídeo que celebra a diversidade da língua portuguesa no mundo através da leitura de O Paraíso são os outros, de Valter Hugo Mãe.Nesta leitura de O Paraíso são os outros encontramos pessoas de Cochim, Goa, Damão, Diu, Macau e outras, a que mais tarde, e já em Lisboa, se juntaram diferentes sotaques de pessoas provenientes de países africanos de língua portuguesa, de Timor-Leste, do Brasil e várias zonas de Portugal.

luns, 29 de maio de 2017

Pronúncias do norte



Dialectoloxía á portuguesa. Estamos afeitos a centrármonos nas diferencias dialectais da nosa linguas, por iso resulta curioso e aleccionador escoitar as referencias aos falares do portugués da rexión norte, a máis próxima á nosa, tamén lingüísticamente. Teñamos en conta que a Romania era un contínuo, que calquera mensaxe podía transmitirse dunha punta a outra de Europa.
Vía  Ciberdúvidas da Língua Portuguesa

xoves, 4 de maio de 2017

Seis pasos para falar malpicán



En outubro do 2014 divulgábase pola arañeira dixital un vídeo argallado en terras rianxeiras, Ghalegho. Isto foi a inspiración para que uns espilidos rapaces de Ribadeo, producisen unha resposta, Eu digo..., inzada de orgullo pola diversidade dialectolóxica do galego, e cargada tamén de valores sociolingüísticos marabillosamente explicados.
Como non hai dous sen tres, chega agora Seis pasos para falar malpicán, audiovisual elaborado polo alumnado do IES Urbano Lugrís (Malpica), un vídeo entretido, moi claro, e moi ben estruturado.

mércores, 27 de abril de 2016

VI volume do Atlas Lingüístico Galego



O 13 de abril presentouse o VI tomo do Atlas Lingüístico Galego, centrado nas variedades xeográficas da lingua vencelladas, directa ou indirectamente, coa terra como espazo natural e coas plantas e árbores. Se recollo hoxe a nova é porque batín con este vídeo de Nós TV no que entrevistan ao coodinador deste ciclópeo proxecto, Francisco Fernández Rei, no que explica moi claramente as características principais, tanto deste tomo, como dos futuros ou do conxunto do Atlas Lingüístico.
Máis información nesta nota do ILG


sábado, 16 de abril de 2016

A rosa dos ventos catalana



Imaxinades a Santiago Pemán, Martín Barreiro e Ana Celia participando nun vídeo de promoción da lingua argallado pola Mesa ou por ProLingua? Isto é o que sucede neste audiovisual promocional, pero con homes e mulleres do tempo cataláns.
Trátase de divulgar un acto que a Plataforma per la Llengua programou para o vindeiro 24 de abril nunha praza barcelonesa. Alí formarán unha rosa dos ventos, e cada un dos participantes, na súa variedade dialectal, proclamará un berro pola lingua común a todos eles.
Velaquí as distintas variedades das que se queren enorgullecer neste acto: septentrional, central, nord occidental, valenciá, menorquí, mallorquí, evissenc i formenterer e finalmente o alguerés. propio dunha comarca do occidente de Sardeña.
Isto tróuxome ao primeiro lugar da memoria un vídeo de enorgullecemento da nosa fala das Rías Baixas, Ghalegho, que ao pouco foi contestado por outro chegado de Ribadeo, Eu falo.
Poco despois, a CGENDL, puxera en funcionamento unha campaña, Presume de Galego, na que se invitaba á mocidade a iso, a presumir de ben que falan, e da súa propia e distintiva fonética.

sábado, 13 de febreiro de 2016

Os acentos

por Manuel Gago, en La Voz de Galicia:
Hoxe, durante un xantar co neurobiólogo Xurxo Mariño -unha das mentes científicas máis brillantes que temos no país- falabamos de como a linguaxe se relaciona coa estrutura interna do noso cerebro e como a lingua na que aprendemos a falar condiciona, de algún xeito, a forma na que vemos o mundo. Da gramática, que é o asunto evidente cando falamos da estrutura profunda dunha lingua, acabamos por pasar ao tema dos acentos. Xa saben, eses pequenos sotaques que todos temos e que permiten que os nosos amigos nos poidan imitar nos aniversarios.

mércores, 5 de novembro de 2014

Eu digo... (contestación ao vídeo 'Ghalegho')



Uns rapaces de Rianxo divulgaran este seu vídeo hai un par de semanas con enorme éxito. Pero había algo nel que lles proeu a outros de Ribadeo. Así que, velaquí a súa contestación. Tanto uns coma outros, todos orgullosos da nosa lingua. E todos orgullosos deles.

martes, 4 de novembro de 2014

A lingua estándar

por Helena Villar Janeiro, en El Correo Gallego:


A MAIORÍA dos falantes de Galicia expresábanse nos seus dialectos e nas súas variantes. Eran analfabetos na lingua que falaban, por incapaces de lela e escribila. É doado rastrear as fontes das súas aprendizaxes máis formais, pois cambian de idioma en contextos non habituais, por exemplo, para repasar unha conta. "Tres por siete veintuno y me llevo dos". Aínda hoxe, sábese en que lingua están alfabetizando un escolar pedíndolle que conte os dedos da man. Son aprendizaxes enraízadas nunha poboación que non adoitaba usar a súa fala con quen consideraba máis culto e facíao nunha lingua estándar allea á súa vida, que aprendía na escola, nas igrexas e nos escasos medios de comunicación que tiña ao seu alcance. Crían parecer máis lidos e importantes cando utilizaban unha lingua distinta á que falaban coa súa xente, coa súa veciñanza e na maioría do seu trato cos que lles eran iguais.

domingo, 20 de xaneiro de 2013

O galego urbano, ese (case) descoñecido

por Xosé Manuel Sánchez Rei en Terra e Tempo:

A literatura especializada leva ponderado que o idioma galego se escoita nas vilas grandes e nas cidades moito menos que no mundo rural, ao paso que tamén ten subliñado que tales entidades populacionais foron en moitas ocasións centros de españolización. Isto corresponde a unha situación detectada xa en épocas pasadas con relativa facilidade, como ben o demostra o feito de que o presbítero Saco Arce, nun artigo intitulado “Poesía gallega contemporánea. Sus defectos más comunes” e dado a lume en 1876 na publicación El Heraldo Gallego, deixase claro que as urbes eran núcleos que favorecían a hibridación lingüística: constatou na lingua da altura que achaban “grande acogida en el lenguaje usual de las poblaciones próximas á las ciudades […] ‘aconsexar, cuchera […] güerta, sépea, puñia, haiga’, etc., en lugar de las formas legítimas ‘consellar o aconsellar, culler […], horta, saiba ó sábea, puña, haxa’”. A día de hoxe, a situación devalou, en primeiro lugar, para unha aínda maior presenza do español, até ao extremo de o galego presentar graves carencias de utilización nos ambientes citadinos; os informes do MSL así o recollen, nos cales se sinala que as localidades en que menos se emprega o noso idioma corresponden ás cidades de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, ao paso que onde máis se ouve é na localidades de Lugo ou Ourense. E en segundo lugar, evoluíu tamén para unha maior mestura ou barbarización da lingua, moito máis acusada agora que nos tempos en que o clérigo de Toén facía esas atinadas observacións.