Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta #cienciaengalego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #cienciaengalego. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de maio de 2026

O galego, lingua de ciencia


por María Xosé Bravo, no Nós Diario:

O Consello da Cultura Galega vén de facer público un estudo sobre a divulgación científica en galego nas redes sociais no que constata unha diminución da lingua galega no ecosistema dixital. A divulgación científica é unha tarefa de grande importancia, é unha parte fundamental da investigación para que a ciencia non se quede exclusivamente nese mundo especializado e o coñecemento científico poida transcender, influír sobre a opinión pública e logre impacto na cidadanía. Cada vez máis a comunidade investigadora é consciente desa necesidade de achegar a ciencia ao público non especializado para que este poida autorresponsabilizarse e tomar decisións informadas que, a medio ou longo prazo, van afectar directa ou indirectamente ao seu benestar; falemos de saúde, medioambiente ou mobilidade.

mércores, 28 de xaneiro de 2026

Ciencia en galego: desexos e propósitos para o ano novo

 


Leonor Parcero no Nós Diario:


Aínda se pode dicir feliz ano novo? Supoño que si, tendo en conta que é a primeira vez que me dirixo a vós neste 2026. Como moitas, imaxino que empezo o ano un pouco inquieta, algo pesimista, especialmente polo que está a acontecer fóra das nosas fronteiras, nun contexto global de conflitos interminables, de desgaste democrático. Pensar en propósitos de ano novo, máis alá da esfera estritamente individual, e formular desexos científicos colectivos non é tarefa sinxela, mais non é imposible. Podemos comezar por propoñer cambiar ou mellorar pequenas cousas que si están da nosa man e coas que podemos marcar a diferenza. Ir tomando decisións realistas e asumibles, como seguir normalizando o galego na ciencia.

venres, 25 de abril de 2025

Un país coa súa lingua. Sanidade, ciencia e servizos sociais

 

 Nova xornada sobre a normalización lingüística organizada polo Consello da Cultura.

A utilización do idioma galego é esencial para a prestación dunha atención sanitaria e social de calidade. Esta mesa centrarase en propoñer accións para garantir a súa presenza na sanidade, nos servizos sociais e na investigación científica. Ademais, promoverase a busca de solucións para mellorar a atención na lingua propia, aumentar os materiais e recursos dispoñibles e favorecer a formación do persoal sanitario e asistencial. Tamén se formularán propostas para fortalecer o uso do galego na divulgación e na produción científica, co obxectivo fundamental de obter medidas concretas que aseguren o galego como lingua de comunicación nos ámbitos da saúde e da ciencia.

mércores, 30 de outubro de 2024

A lingua galega, ingresada de urxencias


 por Marilar Aleixandre no dixital O Salto:

O solo galego é demasiado acedo para preservar fósiles: ósos e cunchas desfanse. Porén, diríase que o proxecto dalgúns é que a l

 

mércores, 16 de outubro de 2024

STEM galega


por Manuel Bragado no Nós Diario:

A pesar de que non se realizou avaliación anual ningunha, prevista na disposición adicional quinta do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo, que tronzou o consenso acadado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), todos os datos coinciden en que dende a súa entrada en vigor o coñecemento e uso do galego minguou no alumnado do ensino non universitario, impedindo que ao remate do período obrigatorio contase con idéntica competencia en ambas as dúas linguas cooficiais. Modelo de plurilingüismo que prescribiu a imposibilidade de empregar, dende o inicio da Primaria, o galego como lingua vehicular das matemáticas e do resto das materias científicas e tecnolóxicas, coincidindo coa posta en marcha do modelo STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), enfoque curricular interdisciplinario orientado á resolución de problemas prácticos. Aberración educativa que as expertas do Consello de Europa acaban de reclamar fose emendada pola Xunta de Galicia de forma inmediata coa intención de que se cumpra coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

domingo, 13 de outubro de 2024

Ciencia en galego

 por Iria Veiga no Nós Diario:

O Consello de Europa insta ao Estado Español a eliminar os atrancos existentes para o ensino de materias científico-técnicas en lingua galega. Sinala ademais moitas outras eivas, como a información e atención sanitaria, o acceso a procesos legais empregando o galego ou a existencia de versión en galego do BOE.

 

venres, 11 de outubro de 2024

Saca a lingua que levas dentro ... pero sen restricións


 A Consellaría de Lingua da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaron unha campaña baixo o lema "Saca a lingua que levas dentro". Para poñer en evidencia a hipocrisía da medida, así como para continuar denunciando a prohibición do uso do galego, déixolles por aquí unha nova versión dos carteis da campaña.

xoves, 22 de febreiro de 2024

Ciencia en galego no Día da Lingua Materna

 

Este vídeo de Diego Luís Ojea, alumno do IES Pintor Colmeiro (Silleda) foi o gañador do concurso Petiscos de ciencia convocado pola USC no que premian vídeos de ciencia en galego. Unha feliz coincidencia quixo que se o acto de entrega de premios fose precisamente no Día da Lingua Materna, tamén o día en que o PP veta o uso do galego no Senado. Non debe ser unha coincidencia pois tamén é o PP o que prohíbe o uso da lingua galega nas clases de ciencias, de aí que aínda sexa máis pertinente e necesaria a existencia deste concurso.
O segundo premio foi para Nuria Castro González, Alejandra Chamorro García e Xiomara Silva Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín. Velaquí o tedes:

sábado, 1 de xullo de 2023

Vémolo nós

Vémolo nós é un certame do SNL da USC que busca promover a través desta iniciativa a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica. 

Na categoría de ‘Divulgación do Coñecemento’, impúxose o traballo de Alejandro Gómez Pazo titulado ‘Con: as dinámicas costeiras e cambio global’. ‘O cronómetro’ de Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín foi o traballo vencedor na categoría ‘Descubrindo a USC’. Finalmente, en ‘A utilidade do galego’, volveu gañar Alejandro Gómez Pazo co traballo ‘A costa galega en galego’. 

Como observamos, unha vez máis, a sociedade galega vai nun sentido e a política lingüística da Xunta vén no contrario. Aquí temos o exemplo dun concurso que pula por abrir espazos en galego para a divulgación científica mentres nas consellarías manteñen a prohibición de impartir as clases de materias científicas en galego.


mércores, 28 de xuño de 2023

Como a política lingüística do PP destrúe o galego

Na manifestación de onte en Santiago de Compostela contra o desmantelamento do Ensino Público paseou esta pancarta que pon en evidencia a política lingüística do PP

martes, 6 de xuño de 2023

O meteorito de Traspena


Sempre é dificil presentar un vídeo longo coma este, de máis dunha hora. Neste caso a dificultade é moito menor porque a primeira media hora é unha exposición moi clara, feita polo profesor da USC Manuel Andrade, dos estudos realizados arredor do meteorito de Traspena, chamado así porque caeu nese lugar do concello de Baralla o 18 de xaneiro do 2021. A exposición merecer ser destacada como un gorentoso recurso didáctico. 
Esta acto foi a presentación realizada o 13/01/2023, do anaco maior do meteorito que se exhibirá no Museo de Historia Natural da USC. Ademais do xa nomeado Manuel Andrade Baliño, profesor da Área de Astronomía e Astrofísica da USC, interviñeron o rector, Antonio López, o vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, do director do Museo de Historia Natural, Marcos A. González González e o director do Observatorio Astronómico 'Ramón María Aller' da USC, José A. Pérez Docobo.

Na prensa
Investigadores da USC debullan a orixe do meteorito que no 2021 iluminou o ceo de Galicia: un evento que sucede cada 700 anos, Praza Pública (24/10/2022)

venres, 31 de marzo de 2023

As calculadoras prohibidas

 

Por fin temos un modelo de calculadora que permite traballar coa súa configuración en galego. Onte presentábaa CASIO na Facultade de Matemáticas da USC. Na presentación estaban representantes CASIO, François Vilaprinyó e Elou Bernal, o presidente de AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática), Julio Taboada e a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón. Pero tamén estaba Valentín García, o Secretario Xeral de Política Lingüística.

Pregúntome que facía alí este último. No portal da Xunta dise que actuaba como representante da Consellaría de Educación, a mesma que mantén unha liña ideolóxica de exclusión do galego no ensino mediante o mantemento e defensa dun decreto que prohíbe o uso do galego precisamente nas materias científicas. En concreto o artigo 13.1 do decreto 79/2010 di que 

"artigo 13.1. Os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia."

Isto significa que nas aulas de Matemáticas, de Física e de Tecnoloxía estaría prohibido desa calculadora. 

Como habería que cualificar a unha persoa, Valentín García, que acude como vedete principal ao acto de presentación da calculadora que el mesmo prohíbe.

venres, 27 de xaneiro de 2023

Divulgando ciencia en galego


Fátima Barros, estudante de Medicina na USC, abordou o papel das redes sociais como canle de divulgación científica: a ciencia en galego como ferramenta de normalización lingüística. Outro vídeo máis da CTNL nesa magnífica iniciativa que é LGx15

luns, 5 de decembro de 2022

Ciencia en galego no IES do Milladoiro


A finais do pasado mes de novembro o Club de Ciencia do IES do Milladoiro realizou uns obradoiros experimentais, nos que os seus integrantes (rapaces e rapazas de 2º ESO, 3º ESO, 4º ESO e 1º Bacharelato) explicaron aos alumnos dos dous primeiros cursos algúns experimentos

venres, 4 de novembro de 2022

Mes da Ciencia Sen Galego

Chegou o mes de novembro, e con el a posta en funcionamento dun novo capítulo do lavado de cara da Consellaría de Cultura e da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) fronte a unha decidida política educativa de redución do galego. A denominación do invento é Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Para iso montaron un acto para maior gloria de Anxo Lorenzo, director xeral de cultura, e Valentín García, secretario xeral de política lingüística. Na nota de prensa emitida pola Xunta destacan as palabras deste último:

 “O mes de novembro é o momento en que chamamos a atención sobre os recursos con que contamos para divulgar ciencia en galego, pero o uso destes materiais e creación de actividades no noso idioma pode e debe continuar todo o ano, nos centros educativos e nas casas”.

Quizais deberiamos lembrar que o funesto decreto 79/2010, que contou cunha grande oposición de toda a comunidade educativa, di que " "Os materiais e libros de texto de cada materia [científica] estarán redactados en [castelán]". Como consecuencia disto a escaseza de materiais en galego nestas materias é total. Como isto é un agravio tan grande para a cidadanía, estes políticos adican todos os seus esforzos a presentarse diante nosa coma se fosen xusto o contrario do que son cando deberían estar esforzándose en garantir a existencia de materiais científicos (e de toda clase) en lingua galega. Gaban o uso de recursos inexistentes en galego porque van promover o uso de recursos en castelán (os únicos existentes) para despois divulgalos coma se fixeran algo pola normalización. A hipocrisía alcanzou o seu nivel top.

As declaracións de Anxo Lorenzo xa están noutro plano espazo-temporal pois asevera que a importancia da iniciativa que presentan axuda a 

“dar a coñecer e prestixiar a ciencia e as tecnoloxías” 

Pregúntome se cómpre prestixiar a ciencia e as tecnoloxías, acaso están desprestixidadas. Destaquemos que non fai referencia ningunha á lingua, pois como xa ten demostrado reiteradamente, iso non vai con el. Pois sendo así deberían retitular a iniciativa que debería pasar a chamarse Mes da Ciencia Sen Galego nas Bibliotecas. Pola miña parte propoño levar a cabo outra semellante o mes de decembro, o Mes da Ciencia Sen Galego nas Aulas para lembrar a todo o mundo a prohibición que pesa sobre o ensino en galego (e só en galego) das Matemáticas, a Física e Química e a Tecnoloxía.


Se lle damos un repaso ás actividades que nos ofrece a Xunta, baixo o cualificativo de galego, non veremos nada de galego. Por exemplo anúnciase un Festival da canción científica CSIC Visión cando, se imos á fonte limpa, o CSIC (organismo refractario ao galego, por certo), que atopamos? Pois si, un Festival de la cancíón científicia CSIC Visión. A ciencia en galego está en castelán. E nin tan siquera fixeron unha versión en galego do cartel que anuncia o despropósito. 

Outra das actividades de promoción do galego (teñamos sempre presente que a SXPL é un dos entes que sustentan todo o tinglado ) é o obradoiro Deseñando o noso escudo familiar, coa Delegación do CSIC en Galicia. Segundo o CSIC trátase do *taller Diseñando nuestro escudo familiar Outra vez, na portada da Xunta aparece o galego, na realidade, volve a converterse en español.

Máis?, pois si. Segundo informa a Xunta, programouse un contacontos sobre o cómic E que rico sabe o mar!. Resulta que o cómic é Y que rico sabe el mar! 

Como mostra do dano que están a facer estas políticas de proscripción da nosa lingua, recollo unha das propostas que, sengundo a Xunta, van "sensibilizar aos rapaces sobre a necesidade de uso do galego na literatura científica". Copio e pego:

Con motivo da Semana da Ciencia o alumnado de 4º da ESO preparou cartelería relacionada co libro de lectura obrigada "El diablo de los números". Deste xeito, cada cartel expoñía un concepto matemático ou curiosidade para dar a coñecer á comunidade educativa e divulgar así dun xeito visual o mundo das matemáticas, empregando ademais a lingua galega en troques do habitual castelán.

Se o noso obxectivo é a normalización, aquí hai algo que non se está a facer ben. Quizais o obxectivo sexa outro.

mércores, 8 de xuño de 2022

Premios do II concurso de vídeos de química sostible

 

Acaban de darse a coñecer os proxectos premiados no II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible, organizados pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística. O primeiro premio foi para "Microextracción Dispersiva Líquido-Líquido", de Pamela Cabarcos Fernández e Iván Álvarez Freire.

   

"O futuro está no asombroso tesouro agochado nos refugallos!", de María Celeiro Montero, Aly Castillo Zamora e Laura Rubio Lareu, obtivo o segundo premio. Preséntase un traballo de aproveitamento do bagazo

 

 

"Química biolóxica ao rescate" foi o vídeo que levou o  terceiro premio

sábado, 14 de maio de 2022

Petiscos de ciencia

"Petiscos de ciencia" é un concurso de vídeos de divulgación científica da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC que tivo a primeira convocatoria este ano.Trátase dun concurso semellante a "Explícoche matemáticas 2.0" da CNL da Facultade de Matemáticas.

O primeiro premio foi para este vídeo de Irene González Calvo e Raquel González Calvo, coordinadas por María José Mato Castro, do IES  Adormideras (A Coruña)

O segundo premio foi para de Manuel Villaverde Framil, coordinado por Manuel Vázquez Mourazos, do IES Arcebispo Xelmirez I (Santiago de Compostela)


luns, 20 de decembro de 2021

Curso de Química do grupo CienciaNOSA da USC

O grupo CienciaNOSA da Universidade de Santiago de Compostela vén de presentar o primeiro MOOC (acrónimo en inglés de Massive Online Open Course) en lingua galega. Trátase dun curso aberto de química en liña a partir dun enfoque experimental, baseado principalmente en prácticas de laboratorio. Todo o material do curso está en aberto a través do portal funil.gal. Hai un prazo ata o 20 de decembro para rexistrarse e cursar gratuitamente a primeira edición do curso, que se celebrará durante xaneiro e febreiro de 2022.

Lembramos que desde a propia páxina do proxecto funil, ou no propio You Tube, podemos ter acceso a unha ampla colección de vídeos sobre prácticas de química

venres, 17 de decembro de 2021

Reivindicación da ciencia en galego no IES de Chapela

 

O Curso pasado no IES de Chapela (Redondela), xa elaboraran unha serie de vídeos para reivindicar o uso do galego no ensino das materias científicas. Este ano volveron bater no cravo cunha restra de gorentosos vídeos nos que nos explican as propiedades máis importantes da faixa de Möebius, preséntanos un piano de froitas, unha falacia xeométrica, un truco para adiviñar unha ficha de dominó, unha lámpada de lava e un xogo no que despois dunha suma enorme obteremos o número presentado ao principio do mesmo.

mércores, 27 de outubro de 2021

Dous vídeos sobre Jocelyn Bell

 Jocelyn Bell é unha astrofísica norteirlandesa que descubriu o primeiro radiosinal dun púlsar, unha estrela de neutróns que se forma pola explosión dunha supernova, Estivo o pasado 21/10/2021 na Coruña para dar unha conferencia no XXIV Contreso Estatal de Astronomía

AstroXabi aproveitou a ocasión para facerlle unha pequena entrevista na que, en poucos minutos se nos ofrece un completo perfil da astrónoma


Ademais Martin Pawley subtitulou o seguinte documental sobre Jocelyn Bell realizado para o New York Times no que aprenderemos como se chegou ao descubrimento dos púlsares e como este avance foi premiado co Nóbel, pero o premio non llo concederon a Jocelyn, senón unicamente ao seu director de tese. Unha mostra dos mecanismos sociais de discriminación da muller, paralelos aos de discriminación de linguas como a nosa. Nunca sobra lembrar que o ensino en galego das ciencias en secundaria está prohibido. Non hai ningún obstáculo para ensinar as matemáticas ou a física en castelán ou incluso en inglés.