por Henrique del Bosque Zapata, no Nós Diario:
Un dos trazos que me resulta máis repugnante do nacionalismo supremacista español é ese odio que destila contra o noso idioma e esa xustificación cínica do xenocidio lingüístico. E non creo esaxerar! O lingüicidio, xenocidio lingüístico ou glotofaxia é o proceso político e social polo que a lingua dunha determinada cultura desaparece, parcial ou totalmente, por mor da influencia directa e coercitiva doutra cultura que impón a súa lingua. O profesor Moreno Cabrera definiuno como aquela actividade etnicida realizada co obxectivo de que unha determinada lingua deixe de falarse, relegando ou prohibindo o uso da mesma, e que adoita facerse mediante a forza. Cumpriría engadir, ademais, que negar ou mentir sobre o uso da violencia, simbólica e física, fai parte da dinámica destes procesos de opresión co fin de presentar a asimilación forzosa coma un resultado espontáneo, natural e consentido. E, con certeza, no Reino de España acádanse niveis delirantes na mentira sobre o feito da violenta imposición histórica do castelán.