Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta recurso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recurso. Amosar todas as publicacións

domingo, 27 de abril de 2025

Universo Cantigas

 

Acaba de publicarse Universo Cantigas I. Cantigas de Amor, unha obra que recolle a edición das 704 cantigas de amor galego-portuguesas transmitidas polos cancioneiros medievais. O  texto crítico de cada cantiga vai acompañado dunha paráfrase en galego actual, ademais da indicación das fontes manuscritas, das edicións anteriores existentes e dun código QR que liga cada poema coa súa edición dixital completa na web Universo Cantigas. En datas próximas, sairá o segundo volume, coas Cantigas de Amigo.

A obra é froito dun intenso labor de investigación filolóxica iniciado en 2010, que ten por obxectivo fixar un texto crítico das 1680 cantigas galego-portuguesas que se conservan na actualidade. O financiamento ministerial dos sucesivos proxectos permitiu a creación dunha plataforma dixital, Universo Cantigas,  de acceso libre na que se pode consultar a edición completa de cada composición.



martes, 14 de setembro de 2021

Axendas para o curso 2020-2021


Os comezos de curso inaugúranse cunha axenda que nos axuda a organizar as complexas tarefas do ensino. Desta volta recomendamos a que nos achega Aulas Galegas, cunha moi completa lista de PDF listos para imprimir e fermosamente ilustrados por Viky Rivadulla.

Unha segunda alternativa é este caderno escolar de Nerea Seijoso


xoves, 30 de abril de 2020

30 propostas de música en galego actual que tes que coñecer



Para coñecermos máis (a) música en galego actual velaquí unha selección de 30 grupos/artistas de todos os estilos, especialmente pensada para xente moza feita por Nel Vidal. Ademais do vídeo temos en Edupuzle unha proposta para traballalo, unha ruleta de palabras en Educaplay e, como non! un Kahoot!
Unha actividade gorentosa e moi, moi completa.



mércores, 11 de marzo de 2020

Retallos de matemáticas: un portal de matemáticas en galego

Un portal para as matemáticas en galego



Velaquí está, Retallos de matemáticas, un portal para as matemáticas en galego. A publicación do funesto decreto 79/2010, de expulsión do galego no ensino non universitario, foi o máis grave ataque á normalización dos últimos 40 anos. Unha das consecuencias do mesmo foi a prohibición de edición e uso de materiais en galego nas matemáticas. Como resultado temos una xeración con máis prexuízos e menor estima e coñecemento da lingua galega.

Con todo, a pesar das prohibicións, a resistencia social mantense e faise patente en toda unha serie de prácticas, documentos e recursos. Este portal quere ser unha porta aberta a todas as achegas ás matemáticas en galego. Por iso, se hai erros ou faltas, agradécese calquera contribución para ir mellorando o portal.


As súas seccións son:
  • Publicacións Todo comenzou porque en novembro publicara unha entrada neste mesmo blogue na que recollía algunhas reflexións sobre a lectura científica en galego xunto cunha recompilación de todo o material de matemáticas que coñecía que se publicara na nosa lingua durante os últimos 20 anos. Na miña fachenda pensei que a información podería ser útil polo que consideraba unha mágoa que ficase nun blogue, nunha entrada que vai desaparecendo nos cavorcos da publicación. Esta foi a motivación que me levou a crear o portal. Nesta sección engadinlle un apartado adicado a revistas de matemáticas.
  • Material didáctico. Na páxina principal desta sección hai unidades didácticas (U.D.) adicadas á historia das matemáticas así como un par de referencias a exposicións. Hai ademais tres subseccións con U.D. de Primaria, Secundaria e Universidade.
  • Non creo que haxa que explicar o que se recolle en Vídeos. Só un apunte: comparado con linguas próximas, a cantidade de vídeos en galego sobrte matemáticas é ridícula.
  • Na rede pódense atopar portais con recursos de matemáticas, así como unha sección de blogues
  • No apartado Normalización  hai campañas e referencias ao uso social das matemáticas na nosa lingua. Inclúese unha sección de Terminoloxía, pois o uso dunha lingua de calidade é un presuposto previo de calquera actuación normalizadora.
Espero que a alguén, algunha vez, lle sexa útil.

xoves, 5 de setembro de 2019

Axenda e calendario escolar

Co comenzo do curso cómpre que fagamos procuremos materiais para facilitarmos a súa organización: axendas e calendarios escolares.
De axendas, que eu saiba, pouco hai onde escoller. Só temos a editada por Bahía, Xa puiden comprobar en anos anteriores que falta en moitas librerías polo que, de non ser por unha conciencia militante, obríganche a coller unha en español (a famosa imposición)
Co cese de actividades da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización  dexamos de ter á nosa disposición os calendarios que elaboraban ao comenzo de cada curso. Por fortuna Nova Escola Galega responsabilizouse este ano desa tarefa,ofrecéndonos o seguinte material:

 Ademais ofrécese a descarga de arquivos de Excel co calendario e a temporalización
No lado escuro volvemos a comprobar que á Consellería de Educación, con todo o seu presuposto e toda a súa capacidade, non foi quen de fornecer ao mundo educativo dunha versión propia destes materiais. Este desleixo únicamente beneficia a que o oco se ocupe con materiais en español. Volve a quedar claro que o anunciado Plan de dinamización da lingua galega na mocidade quedou nun foguete mollado. A política lingüística que pon en funcionamento a Xunta, na súa compoñente mediática difúndese como promotora do galego, mais na práctica vemos que pola súa constante inacción só beneficia a imposición do castelán.

mércores, 24 de abril de 2019

Novidades no bUSCatermos



Xa hai máis de 6 anos que se puxo a andar o bUSCatermos, o portal da USC que nos facilita a procura terminolóxica. Mais, se agora volvemos a traelo aquí é porque hai algunhas novidades. A súa apariencia gráfica continúa a ser a mesma, porén despois de introucir algún termo, poden desenvolverse varias capas de información. Especialmente podemos acceder a información específica do termo en distintas linguas. Ademais mellorouse a posibilidade de enviar comentarios ou achegas sobre os termos consultados premendo en no vocablo opina, e agora ofértase a posibilidade de compartir a ficha correspondente á voz coa que esteamos traballando; velaquí o exemplo de desvío padrón.
Quizais o mellor sexa ver este vídeo no que se nos explica todo isto con completa claridade.

martes, 23 de abril de 2019

Roteiro literario medieval por Santiago

Roteiro Virtual da Lírica Medieval
Farto da machacona enxurada de zudre dos medios de comunicación gabando as excelencias turísticas das procesións relixiosas, por fin unha nova digna de todas as gabanzas e que, esta si, realmente pode aproveitarse tanto didáctica como turísticamente. Presentouse onte no concello de Santiago o Roteiro Virtual da Lírica Medieval, un espazo no que 20 autores e 30 composicións permiten que fagamos un percorrido a través dun fermoso mapa artístico de Santiago elaborado por María Meijide. Tamén se nos ofrece información sobre os trobadores, os textos, así como vídeos dos lugares relacionados cos mesmos.
Este portal é o resultado da colaboración do concello de Santiago para visibilizar parte dunha proposta froito de investigacións de anos do Grupo GRAALL da USC. Presúmese que este portal será ampliado e actualizado. Non estaría mal que a oferta turística e cultural da cidade se completara con este recurso, ofrecendo un roteiro, xa non virutal, pola cidade vella.
Velaquí un exemplo dun proxecto sacado adiante por un concello, que engrandece a lingua galega, e no que no que non ten participación ningunha a erma Rede de Dinamización Lingüística.

venres, 12 de abril de 2019

Lingua e sociedade. Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña


A principios de mes Martín Vázquez e Rubén Moralejo, da Universidade de Vigo, presentaron 
"Lingua e sociedade. Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña"  no que contaron co apoio da Universidade e a Deputación. Os resultados do traballo poden consultarse no portal Lingua e sociedade que permite unha navegación por múltiples camiños.
Remexendo no portal atoparemos referencias sobre a alternancia de códigos, a desgaleguización, a lingua na educación, a normativización da lingua, a minorización, a política lingüística, a normalizacióntransmisión interxeracional, as ideoloxías lingüísticas ou a variación lingüística. 
En cada un destes apartados temos textos explicativos, así como vídeos nos que algún veciño relata algunha opinión ou historia que ilustra o tema. Tamén hai varios mapas e gráficos que explican as características da poboación, ben galega, ben moañesa, arredor dalgún tópico sociolingüístico. Por exemplo, o seguinte gráfico revela moi claramente cal é o estarrecedor panorama da lingua nas escolas de Infantil de Primaria no concello de Moaña. Pode alguén, que non sexa un radical inimigo da lingua galega, defender o funesto decreto 79/2010, de exclusión do galego na escola?


Lingua habitual do alumnado de Infantil e Primaria de Moaña
Este outro gráfico recórdanos o do que explica a política lingüística da Xunta, pois é prácticamente igual a este que aparecía no informe Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016 (RAG, 2016)

Uso das linguas en Galicia segundo idade


En conclusión, abriuse un novo recurso educativo/informativo/divulgativo no que podemos botar un ollo para enxergar cales son os principais conceptos que se empregan na sociolingüística, así como unha boa serie de datos e recursos para entender mellor o panorama galego en relación coa normalización, comenzando polo feito de que a palabra está prohibida nos cenáculos do poder.

domingo, 14 de outubro de 2018

Recursos sobre Domingo Fontán



Coa designación de Domingo Fontán como Científico Galego 2018 por parte da Real Academia das Ciencias de Galicia (RAGC), incrementouse a divulgación e o interese por este matemático do XIX. Ademais da revista da RAGC especialmente centrada na figura de Fontán, (portal, PDF) e o vídeo que abre esta entrada, o Consello da Cultura Galega publicou unha unidade didáctica.
Todas estas achegas súmanse ao diverso material que podemos recoller pola arañeira da rede. Velaquí se recollen algúns deses recursos.


Xeral

Artigos


Blogues


Vídeos


Libros
  • Pensamento matemático en Galicia, Edicións do Castro (1992), autor: Ricardo Moreno Castillo. Ten un capítulo adicado a Domingo Fontán.
  • 13 matemáticos galegos, Grupo Anaya (2004), autor: Ricardo Moreno Castillo. Ten un capítulo adicado a Domingo Fontán.
  • Fontán, Editorial Galaxia 2015, autor: Marcos Calveiro. IX Premio Narrativa Breve Repsol 2015. Novela biográfica con moita información, case podería pasar por un ensaio sobre a vida de Domingo Fontán.
  • A parroquia galega a partir da “Carta Geométrica de Galicia”, Minerva (repositorio institucional da USC) (2015), tese de doutoramento de María del Carmen Álvarez Monterroso
  • Carta Geométrica de Galicia 1817-2017, Teófilo comunicación (2017)
Revistas

Carta Xeométrica

martes, 11 de outubro de 2016

O xardín das linguas bifurcadas

Foto do Queens Museum
Queens é o máis grande dos cinco distritos que compoñen a cidade de Nova York. Ten unha poboación de 2.300.000 habitantes e estímase que falan case 500 linguas das que moitas están en vías de extinción. Este é o tema que a artista Mariam Ghani desenvolveu nun proxecto que é a un tempo un mural que se pode ver no Queens Museum e un mapa interactivo accesible nesta ligazón.
A elaboración deste proxecto bebe en distintas fontes. Unha delas á a locución inglesa “s/he speaks with a forked tongue”que fai referencia a quen fala cun dobre sentido. Cando nos referimos á expresión "lingua bífida" pensamos na lingua das serpes. Ademais de estar partida en dous, unha outra característica do órgano destes animais é a de estar en continuo movemento. Mariam Ghani transpón a idea de movemento ao do cambio continuo de lingua propio dos inmigrantes, así a ofrece a locución con outro significado. Os inmigrantes viven nun mundo que se move continuamente entre dúas linguas, a súa propia e a do lugar no que residen. Especial atención merecen as linguas que corren perigo de morte. Mariam Ghani identificou 59 delas en Queens e a elas fai referencia este proxecto, nunha  homenaxe aos procesos de revitalización e do despertar da conciencia política que precisan.
No mundo fálanse unhas 6000 linguas. Segundo a UNESCO hai máis de 2500 en perigo de extinción., 574 deles en estado crítico. En contraposición a un triste panorama de uniformización a artista reclama que o futuro non está escrito. Así sucedía no conto de Borges "El jardín de los senderos que se bifurcan", de onde recolle o título e o concepto fundamental do proxecto "O xardín das linguas bifurcadas".
Retallo do mapa
Se alguén con certos coñecementos matemáticos ve a obra, seguro que pensa nos diagramas de Voronoi. Para quen non os coñeza, o artigo Voronoi no Courel, é unha excelente introdución ao tema. Pois efectivamente, estes diagramas foron unha fonte e inspiración da artista á hora de confeccionar a obra. E está ben dicir inspiración porque de ningunha maneira o resultado pode tomarse como unha teselación de Voronoi. Basta ver que algunha fronteira entre dúas rexións non é un segmento recto, senón unha liña quebrada, imposible nun diagrama de Voronoi stricto sensu.
As matemáticas foron empregadas na confección do mapa noutro sentido. Para determinar a área correspondente a cada unha das rexións do mapa utilizouse unha fórmula:
$$e\cdot ln\left( p \right) $$
onde e representa o número que o Ethnologue lle outorga á vitalidade da lingua. É unha cantidade entre 0 e 10. O 0 asignaríaselle a unha lingua de uso internacional e o 10 significa que a lingua está morta. p indícanos o número total de falantes que se estima ten a lingua. Na fórmula emprégase o seu logaritmo neperiano, quizais para ter un número máis manexable. As 59 linguas representadas no xardín de Mariam van do livoniano (con 5 falantes) ao guaraní (case 5 millóns de falantes). Ao calcularlle o logaritmo neperiano o rango oscila  entre o 1.61 e o 15.42. A fórmula usada non parece ter ningún significado claro. Trátase do produto de dous números, onde o primeiro crece a medida que empeora a vitalidade da lingua e o segundo crece co número de falantes da mesma. Teñamos presente que para obter o número e da escala do Ethnologue tivo que terse en conta o segundo parámetro.
As cores de cada polígono foron escollidas segundo un criterio de xenética das linguas. Aquelas linguas próximas estarán próximas na paleta de cores. Por exemplo, o ladino e o romanche aparecen en tonalidades de laranxa. Unha lingua como purépecha, sen parentesco coñecido con ningunha outra, como o euskera, aparece en cor grisácea.
Cando accedemos ao mapa interactivo podemos ver información sobre cada unha das 59 linguas recollidas neste proxecto: a familia lingüística á que pertence, os lugares nos que se fala, o número de falantes, o seu número de vitalidade do Ethnologue, un barrio de Queens no que se fala esa lingua e un recurso audiovisual da mesma, normalmente un vídeo.  Por exemplo, no caso da lingua istrio-romanesa e nalgún outro, tivo que conformarse cunha ligazón a un portal con audios . Un bonito xardín para visitar.

xoves, 12 de maio de 2016

Moito máis Manuel María

Manuel María xornalista
Antonte o Colexo Profesional de Xornalistas de Galicia presentaba conxuntamente coa RAG e a SXPL unha alfaia sobre Manuel María: o web 'Manuel María xornalista'. O máis destacable deste portal é unha escolma de máis de 30 artigos xornalísticos do escritor publicados entre os anos 1978 e 1992.

365 días para Manuel María
Cabeceira do blogue 365 dñias para Manuel María
365 días para Manuel María é un blogue adicado en exclusiva ao protagonista do Día das Letras deste ano.
Nel podemos acceder a unha chea de poemas que, ademais de etiquetas habituais sobre os temas ou títulos en relación co poema (como lingua ou fala), tamén poden consultarse por ano de publicación.

Roteiros Manuel María
Así, en plural. O primeiro é un roteiro para facer en coche pola Terra Chá (son 170 km).
Neste mapa, tirado de Loli Romasanta, temos marcados os puntos de interese a percorrer.



E no seguinte vídeo temos un percorrido visual do roteiro



Unha segunda alternativa é un paseo por Monforte de Lemos, a vila na se se asenta Manuel María a partir do ano 1957 e na que reside a maior parte da súa vida. Alí abriría a súa librería


https://www.edu.xunta.es/centros/cafi/aulavirtual2/pluginfile.php/33027/mod_resource/content/0/MMM.pdf

Máis Manuel María
Web da CGEDNL adicado a Manuel María
As novas e programas que emitea TVG adicados a Manuel María poden seguirse aquí
Pero se alguén busca recursos sobre este autor, o mellor é que consulte no web da Coordinadora Galega de ENDL, que coma sempre, é o lugar de referencia nestes asuntos

luns, 18 de xaneiro de 2016

Cantigas de Santa María

Noutra ocasión fixéramos neste blogue referencia a un portal, o das Cantigas Medievais Galego-Portuguesas, que nos ofrece múltiples posibilidades de consulta. Nesta ocasión recollemos algúns recursos da areñeira referentes ás Cantigas de Santa María.
Podemos comenzar a andaina co portal de Cantigas de Santa María for singers, un portal que nos proporciona as 427 cantigas a partir dun índice numérico a partir da edición de Mettmann (1986-1989). As peculiaridades desta recompilación están en que nos ofrece a posibilidade de acceder a unha trsanscrición fonética das cantigas ou á separación silábica. Tamén nos mostra as partituras musicais de cada cantiga. O título do portal non engana.
Un segundo e gorentoso chanzo represéntao o portal da Universidade de Oxford, The Centre for the Study of the Cantigas de Santa Maria, creado no 2005 a partir de dous proxectos de investigación. Un deles centrado en elaborar unha base de datos sobre as Cantigas de Santa María e o outro en elaborar unha nova edición crítica. En moitas das súas páxinas a información é bilingüe (inglés-galego)
Existen catro manuscritos das Cantigas de Santa María. Podemos acceder a unha dixitalización do exemplar da Biblioteca Capitular de Toledo. Outros dous consérvanse no Escorial. Tamén hai un exemplar en Florencia pero lamentablemente sen a transcrición musical.
Como podemos observar, estas alfaias literarias, escritas en galego medieval, non están en Galicia. Fixemos referencia a dous portais británicos, a outro da Universidade Nova de Lisboa e incluso poderíamos ligar a un en xaponés. Non é que na terra non haxa quen teña interese na recuperación e dignificación da nosa historia, especialmente da nosa lingua na época medieval, pero está claro que algo falta.

martes, 6 de outubro de 2015

X é xe

Se non hai tanto nos chegaba a boa nova de que o tradutor Gaio, ferramenta que estaba reservada en exclusiva para os servizos administrativos, se poñía a disposición pública na arañeira, agora chéganos outra noticia que saudamos con ledicia. O Dicionario da pronuncia da lingua galega, con máis de 66.000 ficheiros sonoros, está xa accesible en formato aberto no Repositorio de Software Libre da Xunta. Isto trouxo de novo ao primeiro plano da actualidade a ferramenta elaborada polo ILG, que pode consultarse nesta dirección e que tamén pode utilizarse desde o dicionario da RAG.
Postos a usar estas ferramentas e min dóuseme por ver que pasaba se no Dicionario de pronuncia introducía "x". Velaquí a resposta:
Si, é "xe", aínda que o mellor é premer e escoitalo. Ese é o nome polo que o profesorado de matemáticas nos debemos referir á variable máis usada, de presenza cotiá nas nosas aulas. No curso 2012-13 a Comisión de Normalización da Facultade de Matemáticas da USC puxera en marcha unha campaña denominada precisamente así: "Chámalle xe", sabendo do potencial normativizador se a mensaxe tiña éxito entre o gremio de docentes das matemáticas. Claro que os zunantes prefiren arrasar con todas as posibilidades que signifique máis galego e prefiren, con moito, expulsar fóra do ámbito da normalización a todo o profesorado de ciencias. Do que trata, xa que logo, é de poñer impedimentos ao uso do galego e á súa necesaria normalización. Do que se trata é de reducir a súa presenza, de atallar a transmisión interxeneracional, de colocar muros e pechar camiños. Máis unha simple incógnita, repetida ducias de veces en cada aula de matemáticas, en centos de aulas, está a bater acotío contra eses muros da vegoña. Velaí un berro de liberación: "x é xe"

martes, 20 de xaneiro de 2015

A Biblioteca Virtual e a nova aposta polo científico

por Fernando Moreiras, nas Voces de Prolingua:

A Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos é ben coñecida por ofrecer desde hai máis dunha década, de xeito gratuíto e a través de internet, unha chea de obras literarias traducidas á nosa lingua. Pero este ano, como novidade, decidimos saír da nosa zona de confort e facer unha incursión nun eido que destaca por unha moi reducida presenza do galego e que, desde o noso punto de vista, require un esforzo de normalización: o mundo da ciencia.
Nun principio pensamos na tradución de textos científicos clave e incorporalos en BiVir xunto coas demais obras; mais concluímos que estas traducións non chegarían a un público moi amplo e optamos por enfocar a cuestión cun obxectivo moi distinto: dirixírmonos aos galegos máis novos, encararmos a ciencia desde a base e facermos traducións de divulgación científica. Pero os tempos cambiaron moito, e o labor divulgativo que antes adoitaba facerse a través de libros ou revistas agora trasladouse a internet, e ten un enorme predicamento tanto nas webs de distintas institucións como en canles independentes de YouTube. Aí poderiamos chegar aos científicos do futuro, no medio que lles resulta máis natural, coa frescura e axilidade que buscan, e transmitíndolles a mensaxe de que o galego tamén é unha lingua para a investigación e a tecnoloxía.
Por iso demos inicio a unha serie de subtitulacións de vídeos divulgativos de moi distintas características: ciencias puras, ciencias da vida, ciencias sociais; temas moi serios e cousas moi curiosas, mais sempre con rigor e afán didáctico. O proxecto aínda está dando os seus primeiros pasos, mais xa podedes ver unha pequena mostra do que aspiramos a ofrecer na seguinte ligazón: http://tradutoresgalegos.com/documentos/videos.htm
Se tedes conta en YouTube e configurades o galego como idioma por defecto, os subtítulos xa aparecerán de forma automática nas vosas pantallas; se non é o caso, abonda con que fagades clic na pequena icona da engrenaxe e elixades a opción «Galego» no menú de subtítulos. Con isto xa podedes empezar a descubrir novos mundos dun xeito divertido e na nosa lingua.

venres, 12 de decembro de 2014

Criaturas nº 0



Trátase dunha revista especializada en literatura infantil e xuvenil (LIX), chámase Criaturas. Soubemos dela por este avance de Montse Dopico, e despois polo anuncio que facía unha das súas colaboradoras do seu nacemento. De hoxe en diante acompañarame na marxe dereita deste blogue, no apartado de recursos,  a ligazón a esta revista.
Unha desas noticias que dá alegria compartir.

domingo, 26 de outubro de 2014

Cartas de Ken Keirades a Ben Cho Shey e outros documentos. Recompilación en Tabeirós Montes

Este venres 24/10/14 presentouse na Estrada a apertura dun cartafol dixital dentro do web de Tabeirós Montes con documentos de  Manuel García Barros (Ken Keirades) dos que se destacan 35 cartas que éste mantivo con Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho Shey) por seren unha mostra da dignidade na resistencia cultural antifranquista. O período desta correspondencia abrangue de 1956 a 1969. A recompilación total dos documentos que se puxeron a disposición dos internautas supera os 200 elementos.
Comenzou o acto coa presentación por parte de Xoán Carlos Garrido como o fornecedor do material que se estaba a divulgar e xestor da páxina na que se aloxa toda a documentación. De seguido Clara Iglesias explicou os temas tratados nas cartas que Ken Keirades lle escribiu a Ben Cho Shey. Diferenciou tres bloques principais: un deles sobre lecturas e opinións de García Barros sobre as novidades editoriais, outro das súas relacións co galeguismo do interior (Galaxia e RAG), e unha última sobre temas máis persoais arredor da labranza, a casa e a familia.
A última intervención foi levada por David Otero quen fixo un repaso polo resto da documentación que de Ken Keirades: anotacións, cartas non enviadas, reflexións,...
Un exemplo pode ser este texto de Ken Keirades, 'Xa que son  académico', no que nos ofrece unha crítica demoledora do uso que os membros da Academia facían (ou máis ben deixaban de facer) do galego:
“Xa que son académico, anque aínda me custe traballo crelo, coido ter que ir pensando na maneira de facer algo que poida corresponder dalgún xeito ao feito ese de o ser.Non teño aínda o regramento nin me vale o selo de oficio por ter o lema en latín, idioma que descoñezo, apesares de habelo practicado bastante en tempos lonxanos axudando a misa os domingos e días de novena cando o sancristán me deixaba, pois había que contar coa súa venia. Pero tampouco coido necesario para comprender que o obxecto e fins da nosa Academia serán, terán que ser, o depuramento e fixación da lingua galega, que é a nosa, a de todos os galegos, quéirase ou non, anque haxa desleigados que a repudien, “imbéciles e escuros” que dixo Pondal. E velar polo seu prestixio e expandimento ata conseguir que non haxa ningún nado na Terra, ou fillo de quen o fose, que deixe de falala.


Non quixera deixar de poñer por escrito o primeiro que pensei cando comencei a escribir esta entrada. Con algo de maldade imaxinei nos problemas que tería Ramón Nicolás se un día quixera escoller só un manuscrito de Ken Keirades para a súa colección do Caderno da crítica.

Ofrenda lírica.
Para completar o acto tamén se presentou a gravación que X. R. Fernández Oxea lle fixo á súa filla Isabel con motivo da súa primeira comunión  con poemas de Xosé Mª Álvarez Blázquez, Fermín Bouza Brey, Ramón Cabanillas, Ricardo Carballo Calero, Augusto Casas, Xosé Díaz Jácome, Avelino Gómez Ledo, Ánxel Xoán, Ramón Otero Pedrayo, Victoriano Taibo, Celso Emilio Ferreiro e o propio Ben Cho Shey, Jesús Carballeira López e Anisia Miranda. Esta ofrenda lírica podemos escoitala no portal de Tabeirós Montes.


Un Manuel García Barros moi completo.
Non son éstes os únicos recursos que nos ofrece a Asociación Cultural Vagalumes sobre García Barros. A colección sobre o autor é moitísimo máis completa. Ademais dunha biografía hai vídeos con actos de homenaxe, documentos, fotos, e arquivos diversos  sobre un congreso arredor de Ken Keirades celebrado na Estrada no ano 1992 ou libros sobre a súa figura.

Teño a completa seguridade de que non será, nin con moito, ésta a última vez que teña que facer referencia ao portal Tabeirós Montes pois se non é pouco ao que se fixo referencia aquí, a cantidade de documentos que xa hai recompilados é como para ter este web ben á vista no escritorio do computador.

sábado, 13 de setembro de 2014

Axendas escolares 14/15

Onte informabamos neste mesmo espazo dunha proposta de axenda escolar galega pensada para o alumnado. Hoxe quixera lembrar que xa hai varias semanas que temos ao noso alcance o calendario escolar elaborado pola Coordinadora Galega de ENDL para o curso 14/15. Ademais de documentos en formato PDF podemos descargar arquivos Excel con diversos formatos que nos poden facilitar a organización do curso escolar.
Outra iniciativa a destacar neste mesmo ámbito é a da Coordinadora Galega de ENDL de Redondela que en colaboración co SNL do concello, e desde hai varios anos, distribúen entre o alumnado un total de 1900 axendas escolares en galego.
Velaquí o último exemplo destes tres oasis no deserto.

venres, 12 de setembro de 2014

Axenda escolar galega


O feito de que cando imos a unha papelería a mercarlle ao noso fillo unha axenda escolar para o curso nos sexa imposible atopar unha en galego pon en evidencia o mal que funciona a política lingüística en Galicia. 
Os galegos que non renunciamos a selo vivimos nunha reserva, e para un acto tan simple como o de adquirir produtos na nosa lingua non nos queda outra que recurrer a un proxecto como éste que se presenta aquí, de Terra de seu, e solicitar a reserva dun exemplar con varios meses de adianto.

martes, 6 de maio de 2014

Materiais Díaz Castro

Por quinto ano consecutivo a Coordinadora Galega de ENDL achéganos un completísimo portal con recursos, actividades e noticias sobre a figura homenaxeada no Día das Letras. Lembremos que xa o fixo así nos anos 2010 ( Uxío Novoneyra) , 2011 (Lois Pereiro) , 2012 (Valentín Paz Andrade) e 2013 (Roberto Vidal Bolaño).
A estrutura do portal segue as mesmas directices que a de edicións pasadas: desde a páxina principal do portal podemos acceder a distintos recursos ordenados coas etiquetas: Materiais didácticos, Para saber máis, Bibliografía, Ligazóns, Audiovisual, Actividades dos centros, Arredor de Díaz Castro.
Todo este material, xunto coa peneira de materiais feita  Botóns, son os mellores puntos de achegamento a Díaz Castro.

sábado, 25 de xaneiro de 2014

Palabras sobre Europa

Grazas a unha anotación de Xano Cebreiro sei deste mapa interactivo que, introducindo unha palabra en inglés nos ofrece a tradución a diversas linguas europeas sobre un mapa.
Tal e como se pode comprobar eu fixen unha proba coa primeira palabra que me pasou pola cabeza.
Segundo o portal Vilaweb a ferramenta móstranos é un bo recurso para detectar as diferencias léxicas e as familias lingüísticas do continente.
Cómpre ter en conta que as traducións realízanse mediante Google Translate, polo que hai moitas linguas que non aparecen na aplicación.