Desde o 2017 a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas celebra unha xornada no mes de novembro destinada a estudantes de grao/máster co fin de divulgar a investigación matemática. É Habelas Hainas. Trátase dunha serie de presentacións curtas, duns 20 minutos, ao estilo das Ted talks.
Sempre tiveron a boa idea de gravar as sesións en vídeo, pero a mala decisión de colgar os resultados nunha plataforma de vídeos da USC sustentada co fenecido Flash Player. De aí que, cando menos polo momento, as dúas primeiras xornadas fiquen tras o muro da obsolescencia dixital.
Agora a edición do pasado 26 de novembro 2020 témola na canle de You Tube da Facultade de Matemáticas. Dalgunhas conferencias hai dúas versións, procurei recoller aquí a que ofrece unha mellor visualización e son.
A xornada comezou con Existimos e... somos únicos?, por Jorge Rodríguez López . Seguro que algunha vez oíches falar do teorema do punto fixo
De seguido Ana Suárez Gamarra trata unha teima miña: a Carta Xeométrica de Domingo Fontán coa conferencia Seguindo os pasos de Fontán. na que presenta un traballo sobre o cálculo da altitude no famoso mapa.
Rodrigo Mariño Villar, baixo o título Rebozarse na lama . A súa intervención dou pé a algunha intervención sobre as posibilidades do traballo de investigación e as oportunidades dos programas de doutoramento, se as houbera.
Co título Un complemento ortogonal, Daniel Cao Labora tratou da relación entre as matemáticas e a música
Maribel Borrajo García falou sobre a validez e fiabilidade das probas diagnósticas con E se patentamos unha moeda como proba diagnóstica?
A xornada rematou con Bourbaki, o matemático poldavo, por Jesús Conde Lago quen, como é evidente polo título, tratou sobre ese gran matemático, existira ou non.
Nos anos anteriores xa nos chegaron diversos e moi orixinais calendarios do IES Chano Piñeiro (Forcarei) (2018: ano de Forcarei, 2019: ano de Cerdedo, 2020: ano do Lérez). Desta volta as lendas de Terra de montes son as protagonistas dun calendario que se nos presenta en vídeo.
Un gran traballo de posta en valor do entorno no que vive o alumnado que acude ao centro.
Velaquí o resultado da política lingüística da Xunta, e de España. Os reporteiros da cadea La Sexta fixeron o experimento de pedirlle a tradución ao galego de varias frases a rapaces da Coruña. O resultado foi un desastre total. Hai algún mozo galego que coñeza palabras de uso tan común como "maceira" ou "porco"?
O descoñecemento total da nosa lingua por parte das novas xeracións no que o funesto decreto contra o uso do galego no ensino ten moita culpa. Pois, que viva o Xacobeo!
Procurando materiais para animar ao uso do noso idioma, dei co vídeo de Miguel López, médico de familia (El Salto TV). Sempre o uso, paréceme valiosísimo. Este logroñés demostra non só que o galego é útil e que calquera que teña vontade pode falalo, senón que mesmo nos di que cómpre falar no mesmo idioma có doente para atendelo como é debido.
Xa van alá once anos (e un día) desde que fixera a primeira entrada deste blogue. Un total de 4780 entradas publicadas das que 139 foron as do ano 2020, o que indica unha diminunción importante con respecto a outros anos.
O número de visitas aproxímanse ás 710.000, o que fai un total dunhas 80.000 neste último ano.
Na parte dereita do blogue hai un blogroll de 'Ciencia' con 65 ligazóns e outro titulado 'A miña lista de blogues' con outras 732 con referencias de blogues de normalización ou ben de bibliotecas escolares. Máis abaixo hai unha lista de 482 etiquetas xerais das que as máis frecuentes son
Quizais alguén enxerque nesta lista a razón de que Anxo Lorenzo, o precursor do funesto decreto de prohibición de galego no ensino, me teña bloqueado no seu Twitter. Por outra banda, está claro que 'Alberto Núñez Feijóo' fai referencia á mesma persoa que 'Feijoo', polo que este tería que ser o 3º na lista. Aínda hai outra lista de etiquetas, esta última centrada en lugares e que comencei a elaborar hai relativamente pouco tempo polo que só ten 152 referencias. Velaquí as máis frecuentes:
Nesta nova noite de Reis volvo a sentarme diante da pantalla para escribir estas palabras. Desta vez fixen un cambio que case ninguén notará con respecto a outros anos. Resulta que o camelo que me acompaña como identidade agora mira cara o outro lado; mira cara adiante e aí xa está avistando un futuro prometedor no que os nosos fillos recibirán, por fin, as clases de matemáticas en galego. Será o comenzo dunha nova era na que, por fin, comenzaremos a dar pasos cara a normalización.