Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Rubén Pardiñas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rubén Pardiñas. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de decembro de 2013

'Fronteiras', un documental, dous documentais, tres documentais.



Non é a primeira vez que recollo este documental realizado no 2007 por Rubén Pardiñas, Fronteiras. Se repito é por varias razóns. Unha, que veño de ver recollido un apunte sobre el no blogue Trafegando Ronseis. Outra, que ao fío desta achega fun remexer no caixón desta Carta Xeométrica onde hai xa 42 meses falaba deste mesmo marabilloso documental e resulta que o vídeo desaparecera por completo. Cousas da ultrarápida obsolescencia tecnolóxica.
Hai outro, tamén marabilloso, documental realizado no 2006 titulado Fronteiras que trata dos problemas territoriais e identitarios da zona asturiana.
Para continuar co tema, hai ben bouco deixei por aquí A terceira póla, outro traballo de Rubén Pardiñas. Neste caso datado no 2008 e como indica no subtítulo, un recanto da fala galega en Extremadura.










mércores, 5 de setembro de 2012

Fragas, pazos, linguas

Un gozo ler a alguén que fala da normalización e con termos acaídos. Por Rubén Pardiñas en Praza Pública:
Antonte escoiteino de novo, en Lapamán, a un homiño bastante alporizado que co seu discurso estridente rachaba coa apracible dinámica dunha mañá na praia: “O tema non son as linguas, son os falantes. O español non está en perigo, claro que non; tanta política de normalización lingüística o que fai é impedir que poidamos exercer os nosos dereitos, por exemplo á hora de escolarizar aos nosos fillos na lingua que elixamos”, dicía nun galego do Morrazo bastante bo. Decateime axiña da vitalidade dun argumento que eu imaxinaba afundido xa na prehistoria de UPyD. Pois resulta que non, que callou ben. E se aínda abrolla entre primas de risco, rescates, subas do IVE e recortes varios, non é aventurado pensar que dificilmente nos abandonará. Cómpre, iso si, cuestionar o que non deixa de ser un slogan exitoso.

sábado, 7 de agosto de 2010

Fronteiras, marabilloso documental

Gustoume o artigo do Galicia Hoxe, Cinco anos en branco, no que se denuncia que o ensino de galego segue tendo dificultades no Bierzo. O colectivo Fala Ceibe do Bierzo informou onte que recibiran diversas queixas polas dificultades á hora de solicitar o ensino desta materia ou de ter información. A dirección dun centro escolar, subliñan, mesmo lles manifestou aos proxenitores dun alumno interesado polo galego "que era un idioma moi difícil".. Desde hai anos Fala Ceibe reclama a elaboración e execución dunha campaña institucional sobre a promoción do ensino da lingua galega no Bierzo. O que reclaman de novo é unha campaña institucional a través dos medios de comunicación, de cartelería específica e folletos para informar os bercianos dos seus dereitos.
Para ilustrar esta nova púxenme a remexer na arañeira da rede e atopei esta marabilla: Fronteiras, un vídeo realizado por Rubén Pardiñas no 2007. Son 57 minutos, e nesta época de verán na que non hai nada que ver na televisión, é unha moi boa forma de disfrutar do lecer.
A cuestión principal que Fronteiras presenta é que aínda que as fronteiras administrativas xa están fixadas e poucos as discuten, os límites culturais son difusos e están no centro do debate, tanto para os intelectuais como para a xente que vive entre dúas terras. Segundo Rubén Pardiñas"Sen tomar partido por ningunha opción, nós queremos reflectir ese debate".