Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta relixión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta relixión. Amosar todas as publicacións

martes, 3 de xuño de 2025

A Biblia.gal

 A Biblia.gal é o austero portal desde o que a Editorial Sept ofrece a versión on-line do libro sagrado dos cristiáns. A editorial publicara por primeira vez a Biblia na nosa lingua no 1989. A tradución fixérase con moito rigor, a partir das fontes orixinais, non a partir da versión noutras linguas. De aí que o documento tivese unha calidade extraordinaria. 

Posteriormente no ano 2022 actualizouse cunha revisión lingüística por un grupo filólogos. Esta última versión é que agora se pon a disposición libre desde o portal que se presenta estes días.

A publicación tamén se pode descargar en PDF desde aquí

A Galilpedia ten máis información sobre a historia das traducións da Biblia ao galego.

Con todo, o fundamental neste punto é que a Igrexa sempre foi un vector de desgaleguización. De pouco serve ter unha moi boa edición da Biblia se a lingua de relación ou da liturxia segue a ser o castelán. Hai un informe do Consello da Cultura que trata, en parte, este tema: Receptividade do galego na liturxia


luns, 3 de abril de 2023

A santa subvención

 
A Cofradía de la Santa Cruz da Estrada recibe anualmente xenerosas subvencións, tanto do Concello como da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Basta un pequeno paseo polo perfil de facebook da organización para comprobar que a pretendida normalización é un completo fracaso. O galego só aparece, e daquela maneira, forzado nos impresos xenerosamente subvencionados. Ano tras ano a SXPL desvía fondos públicos para pagar a extravagancias relixiosas dun grupo de veciños refractarios á lingua galega. O desleixo e desprezo pola lingua pódese ver no recorte do cartel no que anuncian as súas actividades. 

"Misa de COFRADES, acto de incorpoarción de nuevos cofrades y simpatizantes"

Nisto consisten as subvencións da SXPL á normalización. No desvío de cartos públicos a amiguiños que, por outra parte, son inimigos declarados da lingua galega. Velaquí, espida, a política lingüística do PP.

martes, 26 de xaneiro de 2016

A normalización lingüística e as dereitas galegas

por Xesús Alonso Montero en La Voz de Galicia

Por leigo que sexa un en materias de normalización, calquera sabe que normalizar un idioma nun determinado territorio non unilingüe equivale a crear as condicións para que ese idioma sexa normal en todos os usos e rexistros dos distintos estamentos sociais e en todos os ámbitos xeográficos e administrativos. Un idioma que non recupere unha gran parte deses espazos sociais e profesionais é un idioma de moi problemático futuro; de aí que o compromiso e o empeño dos pedagogos da causa idiomática consideren normal un acto de lingua cando, emítase onde se emita, non crea problemas de estimación no emisor nin de estimación e comprensión no receptor. Como estamos -e estaremos durante tempo- nunha sociedade de clases, o galego será un idioma normalizado, normal, cando un rexistrador de Pontevedra, sexa alcalde ou non do país, fale en galego con seus fillos e coa súa empregada do fogar e tamén, no casino ou na praza de touros, cos seus colegas de profesión; tamén será síntoma de normalidade que a condesa de Pazos Outos gabe ou critique o comportamento da súa empregada en galego e esta, no mesmo idioma, reivindique unha mellora do seu breve salario: síntoma, obviamente, de normalidade lingüística, non doutra cousa. Agora ben, cal é, hoxe por hoxe, en Galicia, o idioma habitual das condesas e dos rexistradores e doutros homes e mulleres inscribibles neste universo socioeconómico e cultural? De aí que os pedagogos da causa idiomática digan e repitan que estamos lonxe da normalidade, razón pola cal hai, en institutos, concellos, facultades, etcétera, comisións de normalización lingüística. Normalizadores e pedagogos saben moi ben que, hoxe por hoxe, en determinados sectores da dereita farturenta -ou, simplemente, acomodada- a praxe lingüística exercítase, dentro e fóra do fogar, en castelán, mesmo nos fogares onde os fillos, alumnos ou exalumnos dun instituto, leron e estudaron a Rosalía, Castelao e Celso Emilio, e moitos deles serían capaces de conversaren en galego enxebre, incluso con infinitivo conxugado.