A Biblia.gal é o austero portal desde o que a Editorial Sept ofrece a versión on-line do libro sagrado dos cristiáns. A editorial publicara por primeira vez a Biblia na nosa lingua no 1989. A tradución fixérase con moito rigor, a partir das fontes orixinais, non a partir da versión noutras linguas. De aí que o documento tivese unha calidade extraordinaria.
Posteriormente no ano 2022 actualizouse cunha revisión lingüística por un grupo filólogos. Esta última versión é que agora se pon a disposición libre desde o portal que se presenta estes días.
A publicación tamén se pode descargar en PDF desde aquí
A Galilpedia ten máis información sobre a historia das traducións da Biblia ao galego.
Con todo, o fundamental neste punto é que a Igrexa sempre foi un vector de desgaleguización. De pouco serve ter unha moi boa edición da Biblia se a lingua de relación ou da liturxia segue a ser o castelán. Hai un informe do Consello da Cultura que trata, en parte, este tema: Receptividade do galego na liturxia
A AGPTI manifesta a súa decepción coas novas ordes para a concesión de axudas á tradución de obras literarias. Malia incorporaren cambios significativos reclamados polas asociacións do sector, recuncan en erros xa advertidos e sinalados no pasado e desatinan no enfoque necesario para que as axudas sexan coherentes e útiles para a realidade do sector.
Nos máis de vinte e cinco anos que levo traballando como intérprete, nunca deixa de sorprenderme o desprezo que pode amosarse polo noso traballo. Os últimos días, ao fío do acto de xustiza que constitúe "permitir" o uso de todas as linguas oficiais no Parlamento, superouse o nivel.
Velaquí un exemplo do que podería aprender a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Hoxe é o Día do Libro. No IES Chano Piñeiro (Forcarei) o Equipo de Normalización en colaboración coa Biblioteca do centro e o Club de Lectura poñen o foco na importancia de dispoñermos de traducións na nosa lingua. Escolleron 32 clásicos da literatura universal e puxéronlle cara aos seus autores co fin de difundir a idea de que os clásicos clásicos están vivos e animar á súa lectura en galego. Recollo as palabras da presentación deste proxecto no blogue do ENDL do centro:
Sen ningunha dúbida, en galego estamos no mundo e a través da nosa lingua podemos acceder ás grandes obras da literatura universal.
Para enxergar todo o traballo que hai detrás, un par de exemplos das moitas entradas que cargaron nos seus perfís de facebook e de twitter, aínda que isto non foi todo, pois tamén tiveron un concurso, unha exposición de carteis,...
Velaquí o famoso vídeo de TEDed sobre o triángulo de Pascal con subtítulos en galego.
A cousa empezou nos XXI Encontros para a normalización lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega. Alí Xusto Rodríguez explicou como funcionaba o proxecto de tradución de vídeos TED.
O proceso de aprendizaxe de uso da plataforma de tradución é simple. Basta con seguir os pasos indicados nesta serie de vídeos.
A ventaxa principal deste tipo de traballo, penso eu, é a simplicidade de todo o proceso. O peor é que para que se publique unha tradución é que hai que agardar a que outro tradutor, nun principio máis experto, che revise o traballo e non sempre vai haber alguén do outro lado da arañeira de internet mirando a ver o que fas. Cumpriría ter un grupo de traballo organizado para sacar adiante tanto as traducións feitas e sen publicar, como as que vaian chegando.
Unha dificultade engadida, segundo me pareceu ver, é que na primeira tradución gozas dunha serie de ventaxas que xa non se dan nas seguintes (agás que soltes a xarda). Ademais de facer a tradución, hai que colocar cada secuencia dentro dun intervalo de tempo. A primeira vez podes usar a temporalización doutro idioma. Non poder seguir facéndoo nas seguintes é unha carga de traballo engadida, e non pequena.
Con todo, no momento da publiación desta entrada, xa hai unhas 300 traducións ao galego.
Grazas ao traballo de Xusto Rodríguez temos a posibilidade de seguir esta charla da profesora Carme Junyent en galego.
Unha das principais ideas sobre as que xira esta conferencia é a que se adianta no título. Para que unha lingua morra cómpre que antes pase por un procreso de bilingüismo social. A oportunidade para salvar as linguas en proceso de morte (ou substitución, como queiramos dicilo) consiste na convivencia nun espazo plirilingüe.
Entre algunhas das alfaias que podemos seguir neste vídeo está a convicción de que a consideración que actualmente lle estamos dando ao inglés é un engano en múltiples sentidos. Tamén consideraría un avance que o castelán non fose obrigatorio no ensino pois sería unha porta aberta a ese plurilingüismo que propugna.
Pódese acceder a unha recompilación de todas as traducións do TED ao galego nesta ligazón.
De seguido, xunto cunha invitación a seguir a charla completa, copio-pego a introdución do TED a esta conferencia.
A nosa tradición sociolingüística parte do suposto de que as sociedades máis homoxéneas garanten a supervivencia das linguas. Se nos fixamos nas comunidades que, a pesar de que tiveron as mesmas presións ca outras, conservaron a lingua, a maioría teñen en común o feito de seren sociedades onde conviven moitas linguas e/ou cuxos membros son moi plurilingües. Se queremos preservar a diversidade lingüística debemos promover o plurilingüismo e non o bilingüismo social.
Carme Junyent naceu en Masquefa (Anoia) en 1955. É profesora titular de lingüística xeral na Universidade de Barcelona. Directora do Grupo de Estudo de Linguas Ameazadas. É membro de Honra da Cátedra UNESCO do Patrimonio Lingüístico Mundial. Autora de máis de 20 libros, entre eles «Les llengües d’Àfrica» (1986), «Vida i mort de les llengües» (1992), «El libro de las lenguas» (2010), «El rol de les llengües dels alumnes a l’escola» (2012) e «Escoles a la frontera» (2016). Dirixiu o inventario das linguas que se falan en Cataluña e comisariou diversas exposicións sobre as linguas dos cataláns.
Esta charla procede dun evento TEDx, que usa o formato das Conferencias TED, pero que foi organizado independentemente por unha comunidade local. Máis información en https://www.ted.com/tedx
Velaquí un novo vídeo TED subtitulado en galego polos mantedores do blogue Televisión IES de Beade, do IES de Beade (Vigo). Se sempre é unha boa recomendación non perdelo de vista por traducións de vídeos como o presente, desta vez hai que sumarlle unha moi boa apreciación na presentación deste vídeo facendo un chamamento a seguir as recomendacións de Lýdia Machová para ver se así
moitos galegos aprenden por fin a falar o que para moitos deles é a lingua máis difícil do mundo: a galega.