Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xoán Costa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xoán Costa. Amosar todas as publicacións

sábado, 25 de xullo de 2026

Actualizar o diagnóstico

 


por Xoán Costa, no Nós Diario:


O pasado 15 de xullo, 141 aniversario da morte de Rosalía, coincidiron dous feitos arredor da lingua galega. A Xunta presentou a actualización do seu Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e Galiza Cultura, unha reedición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza. A coincidencia convida á reflexión: cincuenta anos despois, o libro segue a ofrecer o diagnóstico que o Plan evita asumir.


En 1976 Francisco Rodríguez non buscou novas respostas. Cambiou o foco da análise. O galego non retrocedía por unha evolución espontánea, senón por unha relación histórica de dominación. Se o problema fose individual, abondarían campañas de sensibilización; como é estrutural, cómpre transformar as relacións de poder.


Desde a década de 1980, a política lingüística autonómica escolleu outro diagnóstico: concibe as linguas nun equilibrio administrábel, non nunha desigualdade que cumpra corrixir. O Plan Xeral de 2004 xa partía dese marco. O de agora repite o xesto. O propio conselleiro xa avisou de que o decreto que limita o galego no ensino non se toca. Sábese ben cal é o problema, porén elíxese non resolvelo.


Actualizar un plan é doado. Actualizar o diagnóstico exixe unha análise rigorosa que, ao que parece, a Xunta non está disposta a asumir. Rosalía, se cadra, xa o sabía cando chamou a non desertar da bandeira levantada.

sábado, 18 de abril de 2026

Orgullo e prexuízo

 


editorial por Xoán Costa, no Nós Diario:

"Somos orgullosamente bilingües", dixo Alfonso Rueda no Parlamento. A frase soa ben, mais importa perguntarse quen é ese "somos", que significa realmente ser "bilingües" e de onde vén tanta fachenda. Ese "somos" dá por común o que non é, xa que na Galiza unhas persoas poden viver sempre en castelán sen obstáculos e outras atopan trabas constantes para usar o galego, mesmo onde debería estar garantido. Non é unha vivencia compartida, é unha desigualdade imposta.

sábado, 16 de novembro de 2024

A lingua que nos fai ser


 editorial do Nós Diario asinado por Xoán Costa:

Así é o título da publicación que se vai distribuír con Nós Diario o próximo día 16. Un título que concibe o galego como esencia, como existencia. Díxoo Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma” e díxoo Carvalho Calero en certeira aseveración que sitúa a lingua como o primeiro e fundamental dos elementos identificadores da nosa identidade: “Galiza existe desde que existe o galego”.

 

venres, 24 de maio de 2024

O cuco e a política lingüística


 Editorial do Nós Diario, por Xoán Costa: 

O 6 de marzo de 2004 morre Luísa Villalta. O cuco segue no cubil. En maio as Letras festexan Xaquín Lorenzo, etnógrafo, bon coñecedor do refraneiro. O cuco sae do cubil. O 21 de setembro dese ano o Parlamento galego aproba o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL). O cuco xa marchara, mais seica o seu cantar soara falso, porque a falso soa ás veces. E quince veces cantou desde que a plana maior do PP, con Rueda á fronte, apoiou aquela manifestación de Compostela pedindo menos galego; e catorce desde que o DOG prohibiu as matemáticas en galego. O cumprimento do PXNL, que tampouco era ningún manifesto vangardista, fica aí, a escoitar cantar o cuco. E dixemos: “Quen do cuco fía, ou é moi burro ou cucar ansía”. Cucar, enganar, mofar, burlar, aparentar, que o mesmo significan. Até maio de 2024. O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude cuca no Parlamento: é momento de “iniciar xuntos un gran pacto pola lingua” di. Que cucada!!!

 

martes, 10 de febreiro de 2015

Con Pondal o 8F

por Xoán Costa, no Sermos Galiza:

Millares de persoas percorren a cidade. Desde a Porta Faxeira até a Praza da Quintana, pasando pola Porta da Mámoa. Millares de persoas a defenderen, a defendermos o dereito a vivirmos na “nobre e harmoniosa fala de Breogán”.

venres, 5 de setembro de 2014

Toponimia celestial

por Xoán Costa, no Sermos Galiza:

Hai poucos días,viaxando pola estrada PO-260 en dirección a Vila de Cruces, observei, á miña esquerda, un indicador apuntando para un denominado santuario de Hoy-Vas. Diferentes sinais reguladores do tránsito impedían poder determe e facer fotografía mais un, que xa ten certa experiencia sobre a deturpación que de todo o noso teñen feito, e seguen a facer, os poderes públicos e privados, políticos e militares, económicos e relixiosos, ficou, con todo, algo sorprendido perante tal advocación relixiosa e fixo o propósito de, en canto chegar á casa, consultar a orixe de tan estraña denominación, recorrendo aos infalíbeis buscadores da internet.

sábado, 7 de xuño de 2014

A bandeira ergueita

por Xoán Costa, no Sermos Galiza

Vilar Ponte sitúa como un elemento estratéxico para o nacionalismo nacente a necesidade de contar con medios de comunicación escritos en galego, centrados na Galiza e para a Galiza. Considera este feito tan transcendental como dotar o país de escolas e fai un chamamento a colaborar economicamente no mantemento do medio, aínda nacente.

xoves, 10 de abril de 2014

*O Ágora *no Agra? Que di *o acta?

por Xoán Costa no Sermos Galiza:


O día 4 de abril, escribía no Faro de Vigo X.L Méndez Ferrín “O pasado 1 de abril ouvinlle unhas declaración públicas á Secretaria de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades. Falaba esta señora das deficiencias educativas que se aprezan "en nuestros aulas". Así mesmo dixo.”

mércores, 18 de decembro de 2013

martes, 27 de novembro de 2012

Feijóo sen tenza

por Xoán Costa, en Sermos Galiza:

Feijóo fica sen tenza neste monte comunal que é a lingua. No comezo da lexislatura que agora remata manifestou que o galego sería unha das súas prioridades.

domingo, 18 de decembro de 2011

Carta ao Valedor do Pobo

por Xoán Costa, en Terra e Tempo:

Sr V. do P.
Santiago de Compostela
Estimado Señor,
Espero que ao recibo da presente goce de boa saúde, prezado ben do que, polo de agora, eu tamén desfruto.
Pois saberá que por aquí se comenta, con fonda preocupación, a súa resolución de 3 de novembro, día de Santo Gaudioso de Tarazona, bispo que chegou a santo pola súa absoluta convicción da inutilidade das crenzas arrianas e polo seu empeño en se desfacer delas.

venres, 27 de maio de 2011

Aniversario da aprobación do Decreto de Plurilingüismo




Como por mor das leas internas a aprobación do funesto decreto de plurlingüismo, inicialmente prevista para despois do día das letras (20/05/2010), se retrasou unha semana, é hoxe (27/05/2011)  cando se cumpre un ano da súa data de posta en marcha polo Consello da Xunta. 
Para facer unha análise do que significa esta aprobación eu quédome con este debate, celebrado un mes antes, dentro do marco das XX Xornadas de lingua e literatura, que aínda que ten referencias á situación que se vivía naqueles momentos, é do máis lúcido que nunca se ten dito sobre o decreto que tan negras consecuencias está tendo no desartellamento da normalización e os usos da nosa lingua.
 Intervén Anxo Louzao (CIG-Ensino), Carlos Callón (Mesa pola normalización lingüística), Román Landín (Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística) e Xoán Costa (Presidente da AS-PG).

mércores, 18 de maio de 2011

O corazón ateigado de esperanza e os ollos postos no porvir da nai Terra

por  Xoán Costa, en Terra e Tempo:

Un certo sentimento de desencanto político e a vixencia de problemáticas denunciadas polas Irmandades permite establecer un elo de conexión entre elas e as vindeiras eleccións municipais do vinte e dous de maio.

O 18 de maio de 1916, fai exactamente hoxe noventa e cinco anos, Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron  unhas vinte persoas, e na que se acordou a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala  que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza, e nomeouse a Antón Vilar Ponte como primeiro Conselleiro. A exemplo desta, axiña se constituíron diferentes agrupacións por todo o país de xeito que, apenas dous anos máis tarde, se puido celebrar en Lugo a  I Asemblea Nazonalista que contou coa asistencia de dezaseis agrupacións locais. Desta Asemblea saíu o "Manifesto Nazonalista", considerado como a base común de todos os programas do nacionalismo galego. Neste manifesto Galiza é definida como nación, e se ben nel se enfrontan problemas políticos como o recoñecemento da igualdade de dereitos das mulleres, non se abordan cuestións como a participación electoral nin se clarifican as preferencias por unha ou outra forma de goberno, circunstancia que favorece que un sector das Irmandades adopte, de cara ás eleccións de 1918 e 1919, posicións apoliticistas, abstencionistas ou mesmo agresivas coa clase política.

As circunstancias sociopolíticas da Galiza de 2011 nada teñen a ver coas do tempo dasIrmandades, mais, curiosamente, un certo sentimento de desencanto político na clase media e a vixencia de algúns dos plantexamentos do programa das Irmandades fai que podamos establecer un elo de conexión entre aquelas e as vindeiras eleccións municipais do vinte e dous de maio.

No Manifesto de Lugo (1918), no que se pretende aportar solucións que interesen á vida nacional de Galiza, apóstase por reformas administrativas que haberían de afectar,de se levaren a cabo, á vida municipal; pola supresión das Deputacións provinciais, pola intervención do poder político na ordenación do sistema financeiro ou pola ordenación urbanística, rural ou urbana, asuntos que, como estes días podemos comprobar, son actualidade nos programas electorais e están presentes na imprensa. 


O outro aspecto a que nos referíamos, ese desencanto, esas posicións apoliticistas, abstencionistas ou mesmo agresivas coa clase política que hoxe se dan en certos sectores da poboación non están movidos, loxicamente, polas mesmas razóns que á altura de 1919, en que o debate se centraba, por dicilo brevemente, na decisión do nacionalismo de participar ou non nos procesos electorais. A cuestión hoxe é máis ben a desvalorización a que o sistema somete os movementos políticos, asociativos ou sindicais  comprometidos coa problemática social. Estes movementos son presentados perante o opinión pública como inoperantes, antigos, cando non anticuados, e innecesarios fronte ás novas formas en que o individualismo e a non pertenza a un grupo se presenta como a garantía da eficacia, da liberdade e do progreso. Claro está que hai forzas políticas e sindicais que se prestan gozosas para esta confusión, nunha cerimonia que vai das declaracións contundentes á sinatura máis submisa de recortes e dereitos sociais. De aí que para moitas persoas que, sen dúbida, acreditan na posibilidade dunha transformación social a través da participación democrática, resulte decepcionante comprobar este "todo vale" por uns votos, non só por parte de opcións pasaxeiras e úteis ao sistema (que tanto abundan sempre e se incrementan nunhas eleccións municipais) e que non dubidan en apropiarse de referencias e valores logrados con moito esforzo, senón tamén por parte de opcións que se autodefinen como a garantía mesma do Estado. Estas actitudes de servilismo, de falta de compromiso social, de atender só intereses individuais, cría decepción entre os votantes que optan por seren reticentes con todas as opcións políticas, acudindo á xustificación fácil de "todos son iguais" ou, noutros casos, afondando no pesimismo abstencionista, sen caeren na conta de que esa é a opción preferida polo sistema: lograr unha maioría silenciosa que non sexa capaz de o cuestionar de forma organizada.

Mais, afortunadamente, contamos coa posibilidade de facer fronte a estas extravagancias do sistema e podemos dar o noso voto á opción política que, con rigor, aposte por modelos económicos onde a persoa sexa o primeiro nun modelo non especulativo; á opción que prime a solvencia das persoas fronte á solvencia do sistema bancario; á opción que valore, defenda e utilice con orgullo a nosa lingua e considere os valores da nosa cultura. Utilizar esta posibilidade correctamente para poñela ao servizo da transformación social de Galiza depende só de nós, dos electores e das electoras. Porque os resultados do vinte e dous de maio, serán, queiramos ou non, utilizados polas forzas estatais para reforzar os seus enfrontamentos e afianzar as súas políticas que, como é sabido, non pasan por situar a Galiza no centro das súas preocupacións.

Nos derradeiros anos vense insistindo moito na necesidade de reforzar a política municipal, por ser a máis próxima aos cidadáns e ás cidadás. Na Galiza, ademais, temos a posibilidade de, a través das políticas municipais, e "c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra" como di o ideario das Irmandades que hoxe fai noventa e cinco anos, crearmos conciencia nacional, facermos país, de termos futuro.

Porque en nós están todas as alternativas, en nós todo o futuro. Imos deixar pasar esta posibilidade?

martes, 1 de marzo de 2011

Abalar e Flocos.tv

por Xoán Costa, no Caderno xeral dal AS-PG:

Consellaría de Educación está a pór en marcha o proxecto Abalar, unha iniciativa que, entre outros obxectivos , pretende ” maximizar o aproveitamento dos recursos” e acadar “o aproveitamento efectivo dos contidos dixitais
Da improvisación con que se está a levar a implantación deste proxecto xa se ten falado moito, así como da falta de perspectivas didácticas e pedagóxicas que o orientan e que ceden o seu espazo ao equipamento en infraestruturas, moito máis rendíbel.
Esta  carencia de perspectivas mesmo se fixo máis evidente estes días, cando, nun momento en que se aduce a necesidade de aforro como unha xustificación para recortar prestacións do sistema, se entregan sen problema, millóns de euros a multinacionais do software  para traducir
os interfaces dos seus programas a galego tendo, como temos, software coas mesmas prestacións libre e en galego ou, cousa aínda máis chamativa, nen siquera se traducen os ODE (obxectos dixitais educativos) que figuran no espazo Abalar. Sabe a Consellaría de Educación da existencia en Extremadura ou en Castilla-La Mancha de ferramentas comoCuadernia ou Constructor, postas a disposición de toda a comunidade educativa para a creación e difusión de materiais educativos dixitais?
A abundancia de recursos dixitais en galego non é moita e en todo o caso non é suficiente para desenvolver os contidos curriculares que os centros educativos han de levar a cabo.
Flocos.tv, viña ocupando para moitos e moitas docentes un espazo único para a presentación ao alumnado de contidos educativos, creativos ou documentais, que agora fica baleiro. E fica baleiro non por falta de usuarios ou por ofrecer recursos inadecuados.
Mais ben fica baleiro por esa constante e ben planificada actitude da Xunta de Galicia, neste caso a través da Consellaría de Cultura, de fechar todos os espazos posíbeis para que a nosa lingua e a nosa cultura, xa non digo que medren senón, simplemente, para que non se asfixien.
Abalar. Haberá que abalar as conciencias dos nosos gobernantes até conseguir que Flocos.tv poda estar de novo presente nas aulas porque os nosos alumnos e as nosas alumnas teñen dereito a coñecer, e a valorar, materiais de valor
educativo contrastado e que en moitos casos foron realizados con fondos da propia Consellaría que agora, como Cronos, devora os seus propios fillos. 

luns, 29 de novembro de 2010

Monolingüismo

Xa osmaba eu que a achega de Henrique Monteagudo traería respostas. Vai a primeira, por Xoán Costa, desde o Caderno Xeral da AS-PG:

Non sei por que, dun tempo a esta parte, xeneralizouse a idea de que abrir debates -non importa o tema nin o espazo - é algo necesario socialmente e case inherente ao propio comportamento democrático. Mesmo hai quen pensa que é posíbel debater en estado de ideoloxía pura, nun universo anterior ao Big Bang,  sen condicionantes externas que terxiversen o fío da argumentación.
Mais nada máis enganoso.
E cando eses debates se establecen sobre sinais de identidade como a lingua a cousa nace xa de por si desnaturalizada pois o propio uso dunha ou outra terminoloxía, dun ou outro concepto, dun ou outro punto de partida, condiciona o posicionamento dos debates e, polo tanto, os resultados.
 E ademais confunde.
Recentes informes sobre o futuro do galego sitúanse neste contexto de abrir debates sen máis e de crear confusión. Primeiro porque parten da idea de que os actuais discursos normalizadores, e non estamos a nos referir aos discursos oficiais senón xustamente a aqueles que levan anos traballando na restauración de usos do galego, están caducos, non serven por estaren ligados a ideoloxías algo pasadas de moda, cousa moi lonxe da realidade. Outra cousa é que non se teñan logrado o cento por cento dos obxectivos propostos, mais iso non invalida nin avellenta os discursos nin as propostas.


Por outra parte, a pretensión, ou as propostas, de alcanzar a competencia comunicativa en galego e castelán o conxunto da poboación, especialmente a través do sistema educativo, é algo tan fóra da realidade como aquelas propostas do Partido Popular, gobernando Don Manuel Fraga, que falaba de bilingüismo harmónico e que o Señor Feijoo transformou en bilingüismo cordial. O sistema educativo é unha ferramenta importantísima para a consolidación da competencia lingüística, sobre todo en contextos en que a lingua do sistema educativo é continuación da lingua ambiental, mais en contextos diglósicos o sistema educativo só representa unha pequena parte das posibilidades de restauración lingüística, se ben ten todas as posibilidades para a adquisición de competencia.
Estes debates de que falamos, difundidos en informes e redes sociais, pretenderían de dar carta de normalidade a políticas lingüísticas bilingüistas partindo da idea de que se a totalidade dos e das galegofalantes son bilingües, isto é somos individuos capaces de falarmos en galego e en castelán, tamén a totalidade dos casteláns falantes en Galiza deberán ser capaces de falaren en galego ou en castelán indistintamente. Fermosa teoría, mais na práctica o que condiciona o uso dunha lingua é o contexto e na sociedade galega actual os contextos están perfectamente delimitados e inclinados cada vez máis a favor do español. Porque vivimos nunha situación de conflito lingüístico -aínda que o termo poda parecer anticuado e contrario á cordialidade- e a diglosia, no seu significado clásico, funciona de maneira eficaz. A este respecto, podería pór un pequeno exemplo. Recentemente estiven ingresado no CHUAC nun servizo onde as enfermeiras (eran todas mulleres menos dous homes) falaban perfectamente galego e español. Son polo tanto un paradigma de competencia bilingüe. Mais cal é o uso das dúas linguas? Cos doentes de máis idade falan galego ou español dependendo de cal sexa a lingua do doente e con aqueles de menos idade, aínda que sempre lles falamos en galego, falaban invariablemente en español. Que é o que leva a esta situación? Obviamente os prexuízos lingüísticos propios de toda situación diglósica.
E aí é onde deben actuar primeiramente as políticas normalizadores, en marcar contextos de uso para o galego. Porque é evidente que, sobre todo a través do sistema educativo, podemos conseguir, nun espazo de tempo maior ou menor, que a totalidade da poboación de Galiza sexa competente en galego e en español. Mais pensar que de aí derivará unha situación en que se usarían indistintamente en calquera contexto unha ou outra lingua é pensar que podemos alcanzar a liña do horizonte. E é que, e perdoen a comparanza, para os falantes a lingua é como a relixión. Poderíamos pensar nunha sociedade ideal en que todas as persoas coñecesen, poñamos por caso, os principios cristiáns e musulmáns. O coñecemento de ambas as relixións seguramente aportaría concordia e respecto dos dereitos de cada quen, mais á hora do culto, á hora da práctica, cada persoa acreditaría no seu deus como o único verdadeiro. O mesmo sucede coa lingua.
Concordo con quen pensa debemos anovar o discurso sobre a lingua, mais utilizando o termo anovar  co significado da cultura agrícola,  mais dubido que a solución para o futuro do galego como lingua sexa aceptarmos a solución bilingüe, chámese este bilingüísmo harmónico, cordial ou restitutivo. Prefiro pensar nunha Galiza  maioritariamente monolingüe en galego, seguindo a tradición do galeguismo e acreditar que  Galiza ou é monolingüe en galego ou non será Galiza tal como a coñecemos e, algúns, a desexamos. Será outra cousa.

mércores, 26 de maio de 2010

Decreto 79

por Xoán Costa, no caderno xeral da AS-PG
Hai cifras que adquiren especial significado nas nosas vidas, e a outras a memoria transpórtanos unha e outra vez, cunha insistencia que mesmo dá medo. Cifras que son referentes supersticiosos, relixiosos, eróticos, históricos etc. Acaba de se publicar o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e só ler Decreto 79 rexorden en min episodios dun tempo pasado, de hai máis de trinta anos. Non podo deixar de o asociar con aquel Decreto, chamado de Bilingüísmo, promulgado en xullo de 1979 nacido como resposta ao previsto nai Lei Xeral de Educación de 1970 e nos documentos ideolóxicos que a sustentaban. Por sermos herdeiros daquel contexto e daquela situación, non debemos esquecer que nos debates que se deron nas Cortes, con Antonio Rosón - despois Presidente da Xunta- comeza a falarse da necesidade de introducir no sistema educativo o aprendizado das "linguas maternas" para desde aí aprender mellor o castelán. É o tempo, tamén, en que comeza a abandonarse o termo español e pasa a falarse de “castellano”. Aquel Decreto do 79 serviu de instrumento legal para iniciar unha persecución do elemento que debía ser legalizado, isto é, o ensino en galego. Non por casualidade o apartado 2 do artigo 3 condicionaba esta posibilidade “a la lengua materna de la población escolar” e “ a las opciones manifestadas por los padres de los alumnos a quienes afecte”
Desde aquela, e xa van anos, nin o ferrete da lingua materna nin a espada do dereito dos pais foron tan partidista e ideoloxicamente utilizados como alicerce da política lingüística da Administración como o foron na elaboración do Decreto que agora o DOG fai norma, mais, proba de que aquela filosofía nunca foi desbotada e se mantivo hibernada, móstrao con total evidencia a conduta da actual Administración, cun Presidente máis preocupado en intereses alleos que nos propios de Galiza.
Un proceder que leva a practicar a lexislación preventiva, xa que non de outro modo se pode entender que, despois de todas as análises e estudos que demostran a precaria situación do galego, moitas delas avaladas por quen ostenta a máxima representación en materia de Política Lingüística, se poda argumentar, como se fai na exposición de motivos do Decreto, que o Decreto 124/2007, que se derroga, ao non establecer o número mínimo de materias impartidas en lingua castelá “podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía”. Claro que si, o mesmo argumento polo que se eliminaban os xudeus: poderían chegar a contaminar a raza aria.
Agora xa temos Decreto.
Decreto 79.
Un Decreto que utiliza a sociolingüística de modo perverso, que procura xustificación na enxurrada da forza dos votos do Partido Popular (cando xa sabemos que foron menos que os da oposición) nas elección de marzo de 2009.
79. Unha cifra para a memoria que agora nos transporta cara o 24 de agosto do ano 79 en tres cidades itálicas. Como un novo Vesuvio este Decreto 79 ameaza o noso dereito a existir, a vivir en galego e pretende converter a nosa lingua nun parque arquelóxico no que os turistas admirarán a gloria do seu pasado.
Mais non ha de ser así xa que o volcán verdadeiro é o que desde hai un ano sae á rúa, en erupcións cada vez mais fortes. Ríos de lava que sepultarán as intencións lingüicidas de quen agora nos goberna, de quen en palabras de Novoneyra, só loitou contra o seu pobo.