Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Ames. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ames. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de decembro de 2025

Promover o galego dende o local. Ames

 


"Promover o galego dende o local" é unha produción de Nós Televisión que aborda as diversas iniciativas de promoción da lingua galega se levan a cabo desde o Concello de Ames. 

A peza conta coas voces do alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta, de Henrique Monteagudo, Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Julio de la Iglesia, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, Carmen Porto, Ana Belén Paz, Pilar Villaverde, María Cebey, Carlota Mera, Rosa Moreiras ou o alcalde de Ames, Blas García.

domingo, 2 de abril de 2023

Unha lingua para o futuro

 por Víctor F. Feixanes en La Voz de Galicia:

Alumnas de secundaria dun instituto da Coruña pregúntanme polo futuro da lingua galega e amósanme a súa preocupación: «por que o idioma perde falantes? Os nosos avós aínda o falan na aldea, pero os nosos pais xa non». Os pais viñeron vivir á cidade contra finais do pasado século, en realidade xa se criaron na cidade, aquí se coñeceron. Elas, as mociñas, criáronse en castelán. Só cando van á aldea, visitar os avós, senten a lingua arredor, e quixeran que as cousas non fosen así. «Como podemos recuperar o galego?», preguntan.

 

luns, 27 de marzo de 2023

Modo galego, actívao

 
A experiencia de 21 días de compromiso lingüístico é unha das accións promovidas pola Real Academia Galega e o Concello de Ames no marco do programa 'Modo galego, actívao'. A iniciativa contou coa participación entre finais de febreiro e o mes de marzo de 2023 de preto de 3000 nenos e nenas das escolas de infantil e primaria do municipio máis poboado da zona periurbana de Santiago de Compostela. 
 A proposta que consistiu en animar os cativos e cativas a se expresar en galego dentro e fóra das aulas, contando coa implicación do profesorado e o monitorado das actividades complementarias de xestión municipal, e apelando tamén á complicidade das familias. 
 'Modo galego, actívao!' continuará ao longo do curso con novas actividades para abordar distintos aspectos nos contextos de socialización infantil.
Vía RAG

mércores, 13 de abril de 2022

Aquí medra a lingua: Alianzas necesarias

Cuarta entrega da serie do Consello da Cultura Galega Aquí medra a lingua.

Nesta ocasión visitamos o  CEIP Barouta de Ames foi un dos centros que participou do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, unha investigación da Real Academia da Galega que encendeu todas as alarmas sobre o uso do galego entre a infancia e a xuventude. No caso de Barouta, aínda que o galego segue a ser a lingua materna de parte do alumnado, a desgaleguización é tamén unha realidade e por isos eguen colaborando coa RAG para redeseñar o seu Plan de Dinamización Lingüística e atender aos desafíos que establecen os novos datos.

venres, 8 de outubro de 2021

Un extracto do mapa da lingua escolar en Ames

A Academia Galega e o Concello de Ames veñen de publicar un estudo sobre o estado da lingua no ámbito escolar nese concello. A principal conclusión é que o acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados ata o momento, centrados maioritariamente na adolescencia. 
Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolinguística da RAG afirma que

[a escola] É hostil, non proporciona aos rapaces e rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolveren as súas competencias e capacidades comunicativas na súa propia lingua, senón que provoca a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran esas competencias”  
Non é por sinalar, pero é imposible non ver aquí os efectos do funesto decreto 79/2010 de exclusión do galego no ensino non universitario, difundido goebbelainamente como "de plurilingüismo".
Vou recoller unicamente un extracto do Mapa escolar de Ames, e como a min me gustan as gráficas, vouno ilustrar/traducir cunha gráfica que mostra como o sistema escolar vai reducindo o uso do galego ata practicamente a irrelevancia. 

Velaquí o extracto da páxina 295 que explica o gráfico anterior:
O indicador de uso do galego nos escolares amesáns no primeiro ciclo de Infantil é dun 32,4%; coa entrada no segundo ciclo de Infantil a presenza do gale-go redúcese a un 21,1%; a dinámica continúa na mesma dirección coa entrada en Primaria (15,6%); esta tendencia estabilízase no segundo e terceiro ciclo de Primaria (13,6% e 14,6% respectivamente), e volve a poñerse en funcionamento coa entrada na Secundaria (11,4%). De aí a transcendencia para o comportamento lingüístico destes momentos e o tipo de adaptación á situación que se faga neles.
O resultado destas tendencias é que os e as galegofalantes acaban adoptando maioritariamente o castelán para relacionarse cos seus pares, mesmo no caso de que manteñan o galego coa familia. Emporiso, estas condutas, prolongadas no tempo, poden rematar por provocar un abandono xeral das prácticas en galego mesmo no interior do núcleo familiar. Así e todo, esas prácticas lingüísticas non son irreversibles, pola contra, son susceptibles de ser revertidas noutro momento biográfico. A maiores, comprobouse a existencia de factores protectores relacionados coa xestión lingüística familiar, coas características cognitivas, emocionais, cognitivas e lingüísticas do alumnado, coa política lingüística do centro educativo ou co contexto sociolingüístico próximo. 

luns, 18 de novembro de 2019

O galego, ese recurso poderoso



Vídeo-testemuño dunha parella criada na exclusión da lingua galega, pero que a recupera para os seus fillos. Un novo audiovisual dese gran proxecto que é Apego, neste caso coa colaboración do SNL do concello de Ames.
Está claro que todo aquelo que funciona na normalización, todo o que se fai con fundamentos sociolingüísticos e con cariño pola lingua está sempre fóra da rede tecida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este vídeo ten moito máis valor que todo o realizado frustrada Rede de Dinamización que, desde a súa creación ata o día de hoxe só de adicou ao autobombo, esquecéndose por completo do seu presunto obxectivo, a normalización.

xoves, 11 de xullo de 2019

Enreguéifate 2019



Na canle de Enreguéifate xa podemos ver os participantes desta edición 2019. Este proxecto é unha iniciativa dos concellos de Santiago, Ames e Teo. No certame hai dúas categorías, unha xeral e outra para centros escolares.

xoves, 14 de febreiro de 2019

Rosalía tamén é nosa





Rosalía tamén é nosa #RosalíaTaménÉNosa
Mil aplausos para esta iniciativa do Concello de Ames para encher as redes sociais de vídeos rosalianos. A min recórdame outra proposta ben gorentosa do SNL da Facultade de Matemáticas da USC: Explícoche matemáticas 2.0 (concurso de vídeos onde o 2.0 fai referencia á duración dos mesmos)

Participa seguindo estes pasos:
1.-Comparte este vídeo co cancelo #RosalíaTaménÉNosa
2.-Grava o teu propio vídeo (2 minutos como máximo) cun texto de Rosalía (ou para Rosalía).
3.-Comparte o teu vídeo nas redes sociais (Facebook e Instagram) co cancelo #RosalíaTaménÉNosa
4.-Se queres que o compartamos na rede do concello, envíanolo, xunto coa autorización para publicalo, a normalizacion@concellodeames.gal

sábado, 9 de febreiro de 2019

#galegoempresas




#galegoempresas é unha plataforma dos concellos de Santiago, Ames e Teo que achega información sobre os negocios que ofrecen produtos e servizos en galego. Ademais serán doados de identificar mediante un logo como o que se presenta no portal desta campaña. Este portal funciona como buscador de empresas que ofrecen os seus servizos en galego e permite tamén ás empresas inscribirse no listado.
Unha excelente iniciativa dos SNL dos concellos de Santiago, Ames e Teo.