Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Moncho Paz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Moncho Paz. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de outubro de 2021

Fálalle galego


por Moncho Paz en Nós Diario: 

En pleno debate sobre o estado da autonomía, e cando se fan trinta e oito anos da entrada en vigor da lei de normalización lingüística de Galicia, o último estudo da Real Academia Galega constata unha realidade denunciada nos últimos tempos dende diferentes ámbitos: o efecto de substitución lingüística que exerce o sistema educativo nos menores e, en particular, sobre aqueles que se incorporan á escola falando en galego e o abandonan progresivamente a medida que avanzan de etapa. Dende 1983, cando entrou en vigor a devandita norma, tivemos tempo dabondo para avanzar no uso progresivo da lingua nos distintos eidos, en sintonía co espírito da norma e o esforzo construtivo de recuperación da nosa personalidade colectiva; pero lamentablemente non é así.

 

sábado, 11 de decembro de 2010

Unha educación que está conxelada

por Moncho Paz, xornalista, no Xornal:


O outrora admirado –e ago-ra desnortado– Fernando Savater, coa súa tendencia actual a facer declaracións grandilocuentes, afirmaba esta semana que “en España temos case 17 Estados e iso é unha multiplicación moi grande”. Permítanme que discrepe ante esta idea oportunista para cuestionar o Estado das autonomías. O filósofo vasco fixo estas declaracións no 32 aniversario da Constitución española, un evento que cada 6 de ­decembro provoca un estado de gracia nos nosos políticos, que de súpeto superan a permanente crispación e incluso son capaces de pactar, aínda que só sexa unha tregua de poucos días.
Vivimos nun tempo no que calquera asunto sirve para polemizar, dende a folga ilegal dos controladores aéreos ata as filtracións de Wikileaks e a detención de Assange. Non sei se alguén cae na conta de que a actitude pueril da caste política vai en detrimento da nosa imaxe exterior, en caída libre e moi deteriorada, nun proceso paralelo ao que experimenta a figura de Zapatero, que perde credibilidade cada día que pasa.
Deberiamos estar preocupados logo da publicación do último informe Pisa, elaborado pola Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) a partir dos datos obtidos en 65 estados de todo o mundo, entre eles o español, que segue a estar nas mesmas posicións dende hai dez anos. Como conclusión, dicir que non melloramos en materia educativa e tampouco acadamos a media internacional. Isto si é un motivo máis que suficiente para abrir un debate serio, ante a conxelación que padece o dereito á educación garantido pola Constitución.
Pero seguimos a perder tempo con teimas artificiais e valeiras de contido, como é o caso do decreto do plurilingüismo en Galicia. A pesar do esforzo por explicar esta medida á sociedade, ninguén fai referencia ao feito de que non contemple o portugués como segundo idioma, algo que é posible noutras comunidades como Extremadura. O idioma luso, o sétimo máis falado do mundo –con 240 millóns de persoas– e a súa raíz común co galego permitiría que os máis novos tiveran a oportunidade de coñecer a lingua irmá, abríndolles posibilidades de desenvolvemento profesional en economías emerxentes como Brasil e outros países.