Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta versus. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta versus. Amosar todas as publicacións

martes, 20 de xaneiro de 2026

LGx15. Un bo médico ou un médico galegofalante


O título é provocador. Máis se pensamos que a disxunción "ou" é excluínte. Miguel López Pueyo é rioxano e leva vivindo con nós 10 anos. 
Cales son os problemas da sanidade? Política lingüística vs. política sanitaria.

 

mércores, 2 de novembro de 2022

A escola non é cousa de xuíces

Campaña de Omnium para defender unha escola fronte aos ataques da xudicatura. A escola debeser creada polos seus membros e non se deben tolerar intrusións dunha caste negacionista como a da xustiza.

En Galicia o asunto, coma sempre, é moito máis grave. Fronte a un caso ben claro de conculcación da lei, o funesto decreto do plurilingüismo atenta contra unha implantación progresiva do galego no ensino. O TSXG desprezando por completo o mandato popular, nin tivo en conta esta esixencia cando foi recorrido o citado decreto. Aínda estamos agardando a que se pronuncien as instancias europeas, en contestación á reclamación da RAG. Mentres levamos 12 anos de regresión na implantación da lingua no ámbito educativo. 

mércores, 1 de setembro de 2021

"Coma todo, un idioma aniquílase a base de non utilizalo"


A Secretaría Xeral de Política Lingïuística (SXPL) anunciou que o vindeiro venres 3 de setembro a música en lingua galega chega ao Festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 grazas ao apoio da Xunta. O que esconderon foi que o festival programou actividades durante 33 días entre o 14 de xullo e o 9 de setembro. Na linguaxe habitual dos comunicados da Xunta isto significa que só o 3% das actuacións serán na nosa lingua. Usando a súa terminoloxía poderíamos dicir que o 97% do festival Go! GO Zo! Xacobeo 21-22 excluíu o galego co apoio da Xunta.
Como certificación de que o desprezo á lingua galega é estrutural dentro do goberno galego, basta pasear pola páxina do festival. O primeiro que me chamou a atención foi que en distintos formatos, e na versión suspostamente galega, os meses apareceran sempre en castelán. Os vídeos encargados para difundir os eventos tamén se esqueceron do galego. Velaquí a mostra:


Coma sempre, a aniquilación do galego e da normalización difúndese con descarada propaganda como se foso todo o contario. Son reveladoras as palabras de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística afirmando que isto

É unha forma de usar a nosa lingua dun xeito lúdico, natural e sen medo a trabucarse. Coma todo, un idioma apréndese a base de utilizalo” 

Moi interesante a última afirmación, que explica por que desde esa mesma SXPL defenden a prohibición das aulas en galego en infantil e moitas das materias do ensino non universitario, especialmente as de carácter científico. Non sei se cómpre traducir o que significan;

"Coma todo, un idioma aniquílase a base de non utilizalo"

sábado, 3 de xullo de 2021

Foanpas e Jon Amil vs. Valentín García


No momento da publicación desta entrada a iniciativa de FOANPAS (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e comarca) titulada "Mes da lingua" leva xa cargados 65 vídeos. Trátase de pezas audiovisuais curtiñas nas que alguén nos convida a falarmos en galego. Pode seguirse co cancelo #verandalingua.
Xa había tempo que tiña ganas de compartir esta iniciativa pero cando vin o vídeo de Jon Amil xa non tiña desculpa. Este vídeo recordoume a intervención de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística,  nunha comparececia na comisión parlamentar de finais do mes de abril pasado na que como resposta a unha interpelación da deputada do BNG Mercedes Queixas Zas, declara que a liña fundamental da súa actuación sería a do uso do galego nas novas tecnoloxías. Desde aquela ata o día de hoxe non volvemos a saber nada sobre o asunto. Mentres, un tal Jon Amil, con este vídeo xa fixo moito máis polo galego que Valentín García en todo o tempo que leva detentando o cargo.

mércores, 12 de febreiro de 2020

Mediacamentos vs. virus para o galego

Falar galego é saudábel é a campaña que A Mesa e o Grupo de Normalización do estudantado de Mecicina presentaron onte ante os medios e ao presidente do Parlamento. A campaña ten sobrada xustificación, basta atendermos ao dato que destacaba Nós Diario: o 41% dos galego-falantes cambian de lingua cando entran na consulta dun médico.
Sabemos que o mal está aí pero ninguén, ata hoxe, deu un mínimo paso na súa identificación nin procurou ningún avance na normalización da sanidade. Destaca a inacción da Secretaría Xeral de Política Lingüística que leva 10 ano sen facer ningunha campaña de sensibilización ou promoción do uso do galego, xa non no ámbito sanitario, senón de ningún tipo. Desde aquel "En galego, e logo!" do ano 2007, que, por certo, non era alá unha campaña nada redonda, quedamos completamente orfos dunha imaxe de apoio da Xunta ao uso da nosa lingua. Pola contra tivemos, e temos, unha boa manchea de agravios por parte dos gobernantes que, comenzando polo principio, renegan do galego cada vez máis nas súas intervencións públicas. Fronte a este triste devalo o secretario xeral de política lingüística non só non dimite, o cal sería a única saída digna, senón que cala ou, o que aínda é peor, xustifica. Pois para iso é para o que está, e non para o que se supón para o que debería estar un detentor de tal cargo.
As consecuencias deste panorama caen, como paus, sobre nós, os galegos que aínda nos mantemos na nosa lingua. Por poñer só un exemplo, destes mesmos días e dentro do mundo sanitario, resulta que o Colexio de Farmacéuticos da Coruña tamén lanzaron unha campaña, desta vez contra o galego. Estou a falar do que promocionan como "Siempre con receta", un título máis propio para os usuarios das famacias de Albacete ou de Mendoza, na Arxentina, que para os veciños de Corcubión ou de Ribeira.
Teñan presente, señores farmacéuticos, que cando se dialoga coa sociedade, faise moito máis que falar do bo ou mal uso das receitas pois, queírano ou non o queiran, tamén se dá exemplo do uso ou do desprezo da lingua da xente. Os farmacéuticos da Coruña apostaron por este segundo camiño, compría que algún médico lles receitase un pouco de respecto, e coidados da lingua que parecen descoñecer.

xoves, 29 de agosto de 2019

O último neno que fala galego en Portocubelo



Excelente curta realizada pola Asociación Cultural Canle, de Lira (Carnota). Por seguir centrando xeográficamente este audiovisual, comentar que Portocubelo é un lugar da parroquia de Lira que conta actualmente cuns 60 veciños.
Seguramente dos evento que organiza esta asociación o Festórreo é o de maior repercusión. Xa levan algúns anos tirando del. Non ten data fixa. Tanto se celbra no mes de xullo como no de agosto. Nesta edición do 2019 apostaron por rirse un pouco da marca FEST e promoveron o Cabaseira FEST.
Para pasalo ben e non deixar de reflexionar elaboraron esta marabillosa curta, na que se denuncia precisamente a exclusión do galego ás capas máis novas da sociedade. Outra vez volvermos a ver o baleiro dese presunto programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, (SXPL)  o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.
Ata o de agora fixeron moito máis os da Asociación Cultural a Canle que a SXPL. Basta ver o vídeo e comparar coa trangallada desta Xunta empeñada nun proceder mafioso de desprestixio da lingua. (Que pareza que foi un accidente).

sábado, 30 de marzo de 2019

Ana Peleteiro versus Feijóo






Arderon as redes sociais con esta curta e agarimosa defensa da lingua galega realizada pola deportista Ana Peleteiro nun programa de televisión. Por que foi? Seguramente pola sinxeleza da mensaxe, o sentimento posto nela, e a confesión de que ela mesma se avergoñara de usar o galego, mesmo de ser galega, pero que se sobrepuxera a estes prexuízos.
Quen non se sobrepuxo, quen si se avergoña de usar o galego, mesmo de ser galego é Feijóo. Lembremos a felicitación que lle fixo a esta atleta hai unhas poucas semanas.

xoves, 6 de decembro de 2018

3.3 vs 0.0


O alumnado de 2º da ESO do IES Dionisio Gamallo (Ribadeo) elaborou este vídeo co impulso do profesor Suso Acevedo .
Vén moi a conto o vídeo nesta data na que a Constitución española fai 40 anos. No seu artigo 3.3  dise que:
A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.
Estamos ante o único punto da Constitución que podería sustentar un proceso de normalización, se se quixera, claro. Por iso está moi ben traído este audiovisual, sobre todo porque non se queda na declamación do artigo, senón que recolle cal é a realidade: unha enorme restra de titulares de prensa nos que se certifica que o 3.3 non se cumpre. Parece como se do artigo 3 só interesara o 3.1, o que determina a oficialidade do castelán, e o dereito de usalo e o deber de coñecelo. Non hai ningún artigo constitucional que predique nada do galego velaí colocada a primeira pedra da desigualdade.
Quizais por iso a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) anda estes días celebrando a Constitución, cando non celebrou, por exemplo o PXNL. Faino publicando unha unidade didáctica aínda que a tal Constitución non fala da lingua galega, só o fai da española. O panfletiño este fala de liberdades, por ningures se ve a liberdade de uso da lingua galega. Tamén fala de deberes, e os do emprego do galego tampouco aparecen. Por último, nin tan siquera aparece o artigo 3.3, o único do que unha entidade como a SXPL podería tirar partido para xustificar a edición do panfletiño. Así esta publicación, no relativo á normalización, é algo así como un deses anuncios de cervexa sen alcol.  Velaquí unha unidade didáctica 0.0, cun 0% de galego, como é habitual na SXPL. 
Este ano e con este vídeo xa fixeron moito máis pola lingua estes rapaces de 2º da ESO de Ribadeo que a SXPL

mércores, 12 de setembro de 2018

Agasallos doces vs. agasallos envelenados


Os rapaciños que nazan en Poio durante este ano recibirán un agasallo para a concienciación dos pais na transmisión da lingua galega. A cesta de benvida está composta por dous libros, un dudú e unha bolsa para a merenda. Un pasiño máis que dá, nesta ocasión, o concello de Poio e que nos recorda a caixa de Apego, chea de boas iniciativas e de compromiso e amor pola lingua.
Caixa de benvida de Apego
Da banda contraria está o nefasto caso da caixa finlandesa da Xunta  que se fixo tristemente famosa polo agravio ao galego que significaba que contivese un CD con cantigas de berce en castelán
Foi unha mostra máis da mestura de cinismo e mentira dunha Xunta galegófoba que divulgaba o agasallo "como un cedé de nanas cantadas en galego e un libro tamén escrito no idioma propio da comunidade".
Isto de manipular e mentir faise co obxectivo de desgaleguizar parte máis sensible da sociedade, a dos nenos. Preténdese aniquilar o futuro da lingua, piar fundamental da sociedade galega. Facer caso destes enganos argallados polos radicais que dirixen a política lingüística da Xunta estanos a levar a situacións de verdadeira alarma. Pensemos que só un 18% dos rapaces aprende a falar na lingua da terra. Cales son as razóns para esta deriva? A resposta acharémola na prohibición do ensino en galego en moitas materias, no desleixo nas políticas normalizadoras, no rexeitamento das iniciativas polo avance nos dereitos lingüísticos , e sobre todo nos CDs que manda a Xunta aos pais que acaban de ter un neno.

martes, 31 de outubro de 2017

Violencia contra o galego

A subdelegación do goberno de Pontevedra convocou o "I concurso de dibujo y relato contra la violencia de género" en colaboración coa Consellería de Educación, que lle enviou a todos os centros con alumnado da ESO e FP da provincia unha invitación a participar xunto coas bases do concurso.
Como se pode comprobar, a convocatoria está feita exclusivamente en castelán, e nas bases, tamén exclusivamente en castelán, non se indica que poidan presentarse traballos en galego.
Outra vez máis, outro pau á lingua galega, nesta ocasión perpetrado pola subdelegación do goberno de Pontevedra e co apoio da Consellería de Educación. Xa podo adiantar cal vai ser a postura da SXPL, a de achantar, calar ou, en todo caso xustificar este novo agravio ao galego. A nós, aos contribuíntes tócanos pagar esta subordinación da lingua galega nunha nova barrabasada os organismos oficiais.

mércores, 30 de novembro de 2016

Youtubeiras vs. Rede de Dinamización Lingüística


YOUTUBEIR@S, Concurso de vídeos na Rede from Illa Bufarda on Vimeo.

Youtubeir@s  nace coa vontade de fomentar a creación de vídeos en galego, tanto de opinión (vídeo-opinarmos) como videotitoriais (vídeo-facermos), para a súa difusión en Internet. As bases explícanse neste mesmo vídeo que compartimos aquí. Ademais ofrécese a posibilidade de formación para a vídeocreación.
Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos a Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; ademais das universidades galegas. Cada vez que se pon en funcionamento unha destas propostas faise máis evidente o contraste coa inanición da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A posta en escea das Youtubeir@s é alegre, enérxica, a toda cor. Pola contra, na RDL só atopamos tristes PDFs baleiros completamente de contido. Se desde Youtubeir@s se proxecta unha imaxe dunha sociedade dinámica e activa, paradoxalmente a chamada Rede de Dinamización susténtase nun tipo de organización pesada, inamovible e anticuada e que se dirixe a unha socidade que comparte os mesmos adxectivos. A RDL quer retratarse como un ente para a formación permanente (sic) cando hai 5 anos que non convoca ningún tipo de actividade formativa. O bo criterio das Youtubeir@s fixo que non se nos presentaran como un simple concurso audiovisual, senón que na xenética do mesmo está a formación na videocreación.
En definitiva, a escura  RDL está sustentada co orzamento da política lingüística da Xunta e resulta ser máis ben un elemento de freo á normalización, mentres que as Youtubeir@s que revalorizan a lingua co achegamento ás TIC, tiveron que traballar cun complexo entramado de SNL de entidades locais e universidades para financiar un proxecto ilusionante e cheo de luz.

luns, 7 de novembro de 2016

Arrolos de Rianxo vs. chirimbolos da Xunta



Na parte positiva
Ao ver que o IES Félix Muriel (Rianxo) vai colaborar cun proxecto iniciado polo concello chamado Arrolos de Rianxo, tiven un flash de memoria que me lembrou que lera algo sobre o asunto no Sermos. Trátase de identificar a aqueles veciños que teñan coñecemento destas cancións de berce para gravalos e divulgalos polas redes sociais. Con esta finalidade Arrolos de Rianxo abriu unha conta de facebook e outra de twitter.
O vindeiro ano preténdes publicar un CD co material recollido. Polo momento podemos acceder a un listado de gravacións na plataforma soundcloud.
Arrolos de Rianxo ten un precedente nunha das iniciativas de Apego, un programa colectivo parido pola CTNL, para formentar a transmisión interxeneracional do galego.

Na parte negativa
Sacada de aquí
Este verán os medios afíns ao réxime fixeron noticia dun plan de dinamización da natalidade que comenzaría por unha cesta de benvida para os bebés, que a pesar de ser únicamente un contedor cutre de material de propaganda , acabou divulgándose como se en realidade fose a famosa caixa finlandesa. Xa desde o principio houbo quen avisou de non era outra cousa que un foguete electoral. Pero o peor do seu contido explicóunolo Nel Vidal neste artigo. A caixa inclúe un CD  con cinco cancións de berce en castelán. Isto é o agasallo da Xunta nunha Galicia na que menos do 10% dos rapaciños dan os seus primeiros pasos en galego. Está clara cal é a dirección da política lingüística. Moita gabanza e lavado de cara diante das cámaras e unha toma de decisións dunha xenreira e un radicalismo propios do Ku Kux Klan.

martes, 13 de setembro de 2016

Londres está aberta ao galego vs. PP pechado ao galego



Os empregrados da empresa pública declaman nas súas respectivas linguas o lema da campaña do Metro. Unha das empregadas é galega e utilizou a nosa lingua na campaña. Velaí que neste espazo publicitario Londres se abreu ao galego
Non sucede o mesmo coa campaña do PP para as eleccións ao Parlamento do vindeiro 25-S. Nas cidades e nas redes sociais podemos ver carteis deste partido nos que refusan a lingua galega. Velaquí un exemplo que explicita cal é a política lingüística que apoia este partido. Ademais este anuncio é dobremente ilustrativo xa que nel se fai negación explícita da identidade galega.


Por certo, quen siga algo da campaña comprobará o baixísimo nivel de galego que se emprega, cando se emprega. Xa que estamos co PP, sobra comentar que as intervencións de Feijóo son famosas pola disparatada colocación dos pronomes, pero non só por iso. Nesta ocasión o PP apostou por facer máis visible a súa posición antinomalizadora. Cada vez o seu carácter supremacista é máis explícito. Se en anteriores campañas renegaban da lingua en moitos mitins, agora suben un chanzo máis e nesta podemos ver carteis e referencias nas contas oficiais do partido nas que abandonan a lingua galega. Creo firmemente que é unha decisión tomada conscientemente e que ten como obxectivo seguir reforzando o ataque ao galego. Así cada vez vemos un PP máis pechado á nosa lingua, que cada vez é menos a súa, se que o foi algunha vez nalgunha medida.
Esta nova actitude vese acrecentada cun completo desleixo, mesmo burla, cando fan uso do galego. Vai un chío do PP coruñés como exemplo:

xoves, 24 de decembro de 2015

Nadal vs. nada

Web da CGENDL adicada ao nadal
Cando se achegan as datas do nadal póñense en movemento unha serie de iniciativas normalizadoras que teñen por obxectivo galeguizar todo o que se move arredor destas festas. A cousa non é fácil xa que o nivel de afastamento da lingua, especialmente no mundo comercial, é cada vez maior. Con todo, nin a CGENDL, nin A Mesa, nin a CTNL deixan de achegarnos novas propostas todos os anos.
A Coordinadora Galega de ENDL volveu a traernos a súa recompilación de recursos para celebrarmos o nadal en galego: cancións, contos, refrán, concursos,.... unha chea de materiais para usar e divulgar desde as aulas.
A iniciativa Abertos ao galego, promovida pola Mesa, achéganos un ano tras outro unha boa monlla de oportunidades para margullarse nun consumo responsable coa nosa lingua:



Pola súa parte a CTNL ten en funcionamento unha proposta ben intersante, unha plataforma virtual chea de posibilidades de compra en galego. Trátase de Agasallo.eu, que este ano mesmo ofrece a posibilidade de crearmos un catálogo personalizado como este que fixen eu collendo algúns produtos ao chou.



De todo este panorama o máis rechamante é a enorme ausencia da Xunta. A Dirección Xeral de Comercio está muda fronte a todas estas iniciativas. Pola súa banda non existe ningunha campaña, ningún tipo de acción que intente tinxir de galego un sector, o comercial,  que se desenvolve fóra dos prarámetros normalizadores (nota aparte: significativamente a Xunta eliminou toda referencia á normalización de toda a súa política).
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL)  anunciou no primeiro trimestre deste ano que se estaba a desenvolver un presunto Plan de dinamización (non de normalización) da lingua galega no tecido económico. Polo que podemos comprobar, a cousa quedouse en presunto. De consultarmos as novas dos dous últimos meses do propio portal da SXPL, non veremos nin unha soa referencia a este (insisto) presunto Plan. Se o contas por aí fóra non cho cren. O certo é que a Xunta non fixo nada para impulsar  este nadal o comercio en galego. Pero é que tampouco o fixo o nadal anterior, nin o outro, ... e así durante todos os anos de goberno de Feijóo.

domingo, 20 de setembro de 2015

Recompilación do caso da Feira do moble

Onte inaugurouse a 29ª Feira do Moble de Galicia. Un bo momento para divulgar esta imaxe que difundía ProLingua dun antes/despois da denuncia que se fixo pola exclusión do galego tanto en carteis como en sinais anunciadores do evento. Afortunadamente os responsables da Feira entraron en razón.
Demóstrase así que é fundamental denunciar, non calar a boca, frente aos que degradan e fan de menos a nosa lingua.


Móvete critica la cartelería promocional de la Feira do Moble, por estar en castellano y por su diseño, 20/08/15, no Faro de Vigo
ProLingua lamenta a “regresión do galego” na Feira de Moble da Estrada,25/08/15, no Sermos Galiza
ProLingua denuncia "agravio" contra el gallego y pide la retirada de la cartelería de la Feira do Moble, 25/08/15, no Faro de Vigo
ProLingua pide que se suspenda la difusión de la cartelería de la cita en español, 25/08/15, titular interior en La Voz de Galicia
O BNG levará ao Parlamento Galego os incomprimentos coa Lei de Normalización Lingüística por aprte da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, 25/08/15, do blogue do BNG
La Feira do Moble atribuye a un error el cartel difundido en español, 26/08/15, en La Voz de Galicia
La fundación atribuye a un error los carteles en castellano de la Feira do Moble y los retira, 26/08/15, no Faro de Vigo

mércores, 2 de setembro de 2015

Feijóo vs. Koshikawa

Da TVG
Era visto, seguro que xa lle sucedeu máis veces, pero por fin se fai público e distribuíble pola arañeira de internet.
Feijóo ten un encontro cun representante do estranxeiro, neste caso tratouse do embaixador Kazuhiko Koshikawa. Como o presidente galego despreza a lingua galega, non fala en galego. Como o presidente galego despreza aos galegos, na súa mente alleeira, non se dirixe a eles. Como entende que a nosa lingua é de segunda categoría, expatría o galego aos caborcos de ningures. Pero desta vez recollérono as cámaras e, a pesar de todos os filtros, poidemos ver pola TVG unha noticia ben distista á que nos contaban. Falaban Feijóo e Kazuhiko Koshikawa.
O diálogo, pouco máis ou menos foi o seguinte:
-Espero que as relacións que xurdan destes camiños se traduzan nun maior entendemento e amizade entre españois e xaponeses- dixo Kazuhiko Koshikawa.
-Tengo el compromiso con el príncipe Naruhito de remitirle pimientos de padrón a palacio, y en consecuencia yo le voy a dar traslado de unas bolsas de esos pimientos - comentou Feijóo. Non estou facendo broma, óese ben no vídeo da TVG.



Isto faime lembrar unha ocasión na que Bruce Sprinsgsteen tivo un concerto en Santiago e que La Voz de Galicia poñía como titular que o cantante norteamericano se dirixira en galego ao público. Cantas veces foi Rajoy a facerse a foto a Soutomaior? Dixo nalgunha ocasión algunha palabra en galego?
Entón, cal é a política lingüística que podemos esperar?

P.D.: Xa hai quen elaborou un vídeo co asunto:


sábado, 5 de abril de 2014

Ana Pontón vs. Valentín García. As contratacións do profesorado Celga 2014



Grazas á canle de vídeos O Hóreo do BNG, podemos seguir completa a intervención do pasado 03/04/14 da deputada do BNG Ana Pontón así como as respostas dadas polo secretario xeral de política lingüística sobre a polémica e escurantista contratación de profesorado para impartir os cursos Celga deste ano.
Na primeira intervención do secretario xeral podemos ver únicamente unha penosa lectura dun guión. Porén na segunda podemos ver como despreza o problema por ser "laboral", e non "lingüístico" cun argumentario que claramente parte de disociar a lingua da sociedade cando, por moito que se manipule desde o poder, é ben evidente que a cuestión social da lingua ten enraizados os seus problemas (e as súas solucións) na política que se realice. Valentín García, nunha actitude prepotente chegou a ameazar con privatizar os cursos Celga.
Hai xa dous anos a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) xa denunciara a precariedade dos traballadores que impartían os cursos e as eivas que tiña a (falta) de planificación destes cursos. Para solucionar estes problemas remitíralle un plan de mellora á SXPL que foi absolutamente desprezado.
Este mesmo ano a CTNL volvera a denunciar a falta de planificación, solicitando a anulación da convocatoria 2014. Desde a SXPL non volveron a facer caso.
Agora o problema rebentou por mor dunha sentenza que ditamina que se estaba facer unha contratación sen garantías laborais. A resposta da SXPL foi a represión sindical. Para rematala, empeñáronse en continuar cos cursos Celga contratando de forma nepotista e escurantista ao profesorado deste ano. Precisamente esta forma de contratación caciquil é do que evita falar nesta nota de prensa a Consellería de Educación nun novo ataque ao traballo sindical.

A 1ª resposta de Valentín García
A 2ª intervención de Ana Pontón
A 2ª resposta de Valentín García

Máis información:
Lingua precaria
Profesorado colaborador

venres, 28 de marzo de 2014

Rosalía vs. Cela

Hai algunhas ideas presentes nesa nube que é a ideoloxía social que sempre aparecen para atacar as propostas normalizadoras. Quen non ten oído, repetida unha e mil veces, a matrácola de que o galego nos sae caro ou que está (ultra)subvencioado? Pois ben, como se fomenta este prexuízo?
No seguinte exemplo veremos como a Consellería de Educación promove sibilinamente a falsa idea de que gastamos os cartos que nos faltan en actividades que teñen que ver coa lingua galega, porén o castelán sáenos gratis.
Se repasamos as notas de prensa que emitiu a Consellería de Educación sobre a Fundación Rosalía, agás un par ([1] e [2]) de presentacións ás que fan referencia pola presenza do político de turno, comprobaremos que procuran obsesivamente informarnos das cantidades que se lles asigna á entidade:

15/07/13:   A Consellería asinou este ano un convenio coa entidade [Fundación Rosalía de Castro] por un importe de 60.000 euros
07/01/14: A Consellería de Cultura e Educación investiu 200.000 euros na rehabilitación da casa onde viviu a poetisa galega os derradeiros anos da súa vida. [Fundación Rosalía de Castro] 
22/03/14: Xesús Vázquez Abad asinou un novo convenio de colaboración coa entidade [Fundación Rosalía de Castro] que inclúe un orzamento de 26.000 euros destinados á difusión, estudo e conservación da obra de Rosalía de Castro

Pola contra, as noticias sobre a Fundación Camilo José Cela non teñen ningunha referencia aos custes que xeneran. Tamén chama a atención que a cantidade de anuncios relativos ás actividades da Funcación Cela sexa máis do dobre que as que atopamos nas notas da Consellería de Educación facendo mención da Fundación Rosalía, sobre todo nun momento en que a actividade social arredor da obra da escritora de Padrón foi enorme. Posiblemente isto teña moito que ver cunha toma de postura política: a de minimizar a función de Rosalía de Castro na sociedade galega; lembremos que esta mesma consellería retirou do "Calendario do Libro e da Lectura 2014", negouse a asumir no 2013 a conmemoración do Día de Rosalía, vetado xa o ano anterior polo goberno da Xunta.


04/07/13: Cultura e Educación, a través da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, presenta a exposición `La Ría de Vigo, en Imágenes’, e inaugura o horario de verán no Museo de Iria Flavia [sen referencia económica]
01/08/13: A Consellería de Cultura e Educación pon en marcha unha campaña para incentivar aos peregrinos a que se acheguen á fundación Camilo José Cela de Padrón [sen referencia económica]
12/09/13: Cultura e Educación a través da Fundación Pública Galega Camilo José Cela amplía ata finais de setembro a exposición “La Ría de Vigo, en imágenes” [sen referencia económica]
14/10/13: Cultura e educación a través da Fundación Pública Galega Camilo José Cela abre as súas portas a profesorado e monitores de tempo libre [sen referencia económica]
15/10/13: A Fundación Pública Galega Camilo José Cela celebra o tricentenario da Real Academia Española a través da mostra “Unas barbas en la Academia, la RAE en el legado de Camilo José cela”[sen referencia económica]
23/12/13: Cultura e Educación organiza unha nova edición do talleres de Nadal para familias na Fundación Pública Galega Camilo José Cela [sen referencia económica]
17/01/14:   Programación Escolar 2013-2014 da Fundación Pública Galega Camilo José Cela. [sen referncia económica]
14/02/14: Cultura e Educación a través da Fundación Cela leva preto de 60 obras de pintura española contemporánea da colección da institución padronesa ao sexto edificio do Museo de Pontevedra [Sen referencia económica]
24/01/04: III Concurso de Microrrelatos Fundación Camilo José Cela. [Sen referencia económica]
27/02/14: Cultura e Educación afonda na vinculación de Camilo José Cela co cine a través da exposición ‘CJC, un novelista na pantalla’ [Sen referencia económica]
21/02/14:Cultura e Educación conmemora o centenario da obra “Platero y yo” cunha exposición monográfica. [sobre esta e outras actividades gratuítas]
17/01/14: Cultura e Educación recorda ao nobel Camilo José Cela no XII aniversario do seu pasamento a través do concurso de microrelatos da súa fundación [sen referencia económica]

Apenas temos noticia das fraudes cometidas pola Fundación Camilo José Cela, pero podemos seguir lendo novas recientes sobre a curiosa donación que o ex-director da Fundación fixo  a un museo de automóviles de Salamanca dun Jaguar S-Type que pertencera a Cela.
Non sabemos a cantidade total dos cartos que a Xunta, as deputacións e o Concello de Padrón, destinan  a unha fundación que practica a exclusión do galego. Sabemos que, convenios a parte, a cifra anda polos 332.294 €. Céntimo a céntimo, sacado do peto dos galegos para promover a ultra-instalación do español nunha terra cada vez máis necesitada de Rosalía.


domingo, 26 de xaneiro de 2014

O castelán lingua de pobres en Estados Unidos



Buscando material sobre os prexuízos lingüísticos volvín ao que, penso, é a canle de You Tube de Xosé María Moreno, do IES Beade (Vigo), autor doutro vídeo que trataba o famoso caso da concursante de Gran Hermano no 2011 mediante unha excelente comparación entre o auto-odio por razón de lingua co que ten as súas causas na cor da pel.
Así atopei este marabilloso documento audiovisual no que se recolle a situación do castelán nos Estados Unidos como lingua minorizada e se fan unhas reflexións moi ben trabadas sobre a situación do galego face precisamente, o castelán.

O vídeo preséntase con estas palabras:
De como unha lingua normalizada e maioritaria pode ser minorizada. Comparativa entre a situación do castelán en Estado Unidos e a doutras linguas coma a galega dentro do seu propio territorio.

luns, 9 de decembro de 2013

Unha lingua para xogar e outra para desprezar



Moi oportuno este alegre vídeo elaborado pola Direcció General de Política Lingüística catalana, xusto cando chega a época das compras do nadal. Desde os xogos de lápis e papel aos que nos chegan pola vía das últimas tecnoloxías, pasando polos clásicos xogos de mesa, o protagonista do vídeo, o 'Ç' lévanos de paseo por unha xornada de aventuras e diversión. E que é o que temos desde a nosa Secretaría Xeral de Política Lingüística? A resposta é Nada na Rede: un refrito do feito en edicións anteriores, pero nada, absolutamente nada novo.
O vídeo ademáis forma parte da celebración do 'Centenari de les Normes Ortogràfiques', un conxunto de 24 normas aprobadas hai 100 anos polo l’Institut d’Estudis Catalans. Este mesmo ano cúmpríronse 10 da promulgación da actual normativa galega. E nin a RAG nin o goberno galego tiveron a ben celebrar ningún tipo de acto para dignificar a norma que une a todos os galegos na escrita. Isto demostra ata que punto as institucións desprezan aquilo que é a súa propia razón de ser.