Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Entevista. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Entevista. Amosar todas as publicacións

luns, 1 de novembro de 2010

“Dubido de que Feijóo saiba que a súa política lingüística camiña cara ao fracaso”

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Xosé Antón Laxe Martiñán, voceiro da plataforma A saia da Carolina en Galego. Reproducimos aquí parte da entrevista do Galicia Hoxe:

Xosé Antón Laxe Martiñán naceu no barrio obreiro de Mariñamansa (Ourense, 1976). É militante das Redes Escarlata e forma parte da súa xunta directiva. Participa menos do que lle gustaría en Prolingua;en Marín é voceiro da Plataforma cívica A saia da Carolina en galego.

Política lingüística en particular e en abondosas liñas xerais; e para non minguarche espazo, cal é a reflexión que ti podes facer a propósito do presente e mesmo do pasado máis recente… A nosa lingua, principal sinal identitario corre o risco de ser engolido polo etnocentristo lingüófobo, polo auto-odio manifesto de grupos como Galicia Bilingüe, polos colonizados e autocolonizados, e unha morea de cualificativos que ti mesmo poderás engadir a esta miña breve introdución, mesmo poderás ampliar ou restrinxir… Serve, Antón…?
Eu estou con B. Brecht, tamén penso que as palabras máis sinxelas abondan, pero dentro da longa cadea de erros o máis grave, ao meu ver e fuxindo de dogmatismos estériles, é a falta de transmisión do idioma, que en moitos casos xa ocupa varias xeracións. De primeiras non parece achacable ao goberno de quenda: cadaquén escolle o que estima mellor para as fillas, o que considera que lles ofrecerá unha vida máis fácil –sempre falando en termos de baixa economía-, pero non é así. En calquera país dependente dun poder foráneo, sexa este político e/ou económico, as necesidades primarias –comida, teito, roupa...- ocupan o 95% do tempo de cada día. Xa o montaron así. Despois veñen outras preocupacións, coma a transmisión do idioma. A primeira ocupación de calquera goberno realmente interesado polo futuro do idioma debería ser actuar sobre as causas que levan a unha nai ou un pai a mudar a lingua do país por unha lingua estranxeira cando se dirixe aos fillos. Por aí debería empezar calquera política lingüística en Galicia, pero o turbocapitalismo está máis ocupado no exhibicionismo.
De momento só un nivel maior de autogoberno, e non o que temos, de cuxos actuais gobernantes a meu xuízo, ben pouco poderemos agardar, digo, sería alomenos un pequeno sinapismo para aqueloutrar ou medio arranxar o estado da cuestión?
Eu penso que calquera teito competencial dentro dun réxime que nos obrigue a tributar para un sistema que non enzoufa as mans na terra, sexa Compostela, Madrid ou Bruxelas, é prexudicial a longo ou curto prazo. As interpretacións preferentes do sistema encoran e obrigan, é preciso escoller entre o Banco Mundial ou a creación do mundo. Recordo aquel groso comisario de pesca europeo que, a carón de Fraga, papaba percebes con fruición e o seu sorriso de piraña mentres fendía a unlla no animaliño. De que maneira mellorou a vida dos mariñeiros dende entón?
Se o anterior status de Normalización Lingüística era ben de mínimos e aínda por riba incumprido como ben sei e sabemos todos, cal o desembarco que nos agarda con este ambigüo e non tanto, descarado Decretazo… Cara a onde imos ou nos queren facer ir?
Ben, eu non son o presidente da Deputación de Pontevedra e non teño por que mentir sobre a política que Fraga aplicou en materia lingüística para "adecentarlle" con premios o pasado fascista e liquidacionista co noso idioma. Dubido de que Feijóo, como bo pupilo, saiba que a súa política lingüística camiña cara a outro fracaso; sabe, iso si, cara a onde camiña el e non lle trema o pulso á hora de sacrificar calquera cousa, mesmo aquilo que como pobo nos fai únicos/as no mundo, a prol da boa saúde da súa conta bancaria e dun egocentrismo enfermizo. A pregunta é: o que nós chamamos fracaso é o que eles chaman éxito? Non me cabe a menor dúbida. A lección evidente é que calquera mostra de españolismo implica unha acción furibundamente antigaleguista.
A análise que podemos facer non debe ir inserida dentro a situación de falla de liberdades, como nación sen estado, negado e negada, aínda polos propios/as colonizados incognitivos da súa situación que aínda acoden contentos aos distintos matadoiros e campos de exterminio auspiciados pola democracia burguesa, a globalización da miseria,e o estado de benestar que poxecta a barbarie capitalista… Non si?
En palabras lidas no último Nietzsche editado polo profesor Francisco Sampedro (Laiovento 2001), a clase de filosofía que se escolle responde e depende da clase de persoa que un resulta ser, o que sitúa a cada individuo como responsable primeiro e último da arquitectura axiolóxica da súa propia existencia e da concepción do mundo próximo que a rodea. Isto, sexa como for, supón un insuprimíble grao de decisionismo respecto á propia moral. Alén disto, eu penso que o auto-odio non crea vergoña ou ocultación respecto á cultura e lingua propias, senón que reforza estas tendencias, o que facilita a substitución: en definitiva, que non hai auto-odio, senón individuos autolesivos que facilitan o traballo do colonizador. Aqueles elementos contra os que xa advertía Castelao. Despois de Erasmo, todo isto explícao moi ben Lou Reed nunha das últimas cancións daquel disco branco de 1981...
É flagrante de grao de imcumprimento da ambigüa Constitución española, mesmo polos seus abandeirados principais que se lles enche a boca ao falaren dela. A medianeira luz, calquera que non sexa un xuntaletras, aloulado ou estulto, ignorancia que excede a calquera realidade, á primeira lectura da chamada "Carta Magna", atopáse con gravísimas contradicións nos termos. Non hai máis que fixarse ou ler moitas das disparatadas "sentenzas" da maxistratura estatal como autonómica. Aquí Isaac, xa que ti vendes - enténdeme ben-, a túa forza de traballo nun xulgado "periférico" da nación negada, como paradoxo case esperpéntico –dito sexa con infinito respecto para inocencia crente, se é que existe en verdade-, digo que esoutro día cando a xura, promesa, ou toma de posesión ou "investidura" do novos ministros, nos xornais vin unfa foto do novo ministro de traballo e no atril un exemplar da Constitución e mesmo un notorio crucifixo que como de todos/as é sabido correspóndese maioritariamente á relixión CAR, cuxo máximo representando de aquí a pouco virá a Galicia en "olor de multitudes" e un gasto disparatado que pagaremos "relixiosamente" todos e todas, como lle pagamos ao capitalismo que representan o gran Botín e esoutro lingoreteiro apelidado Díaz Ferrán, que agora deixa o cargo ben fornecido. Reflexiona, por favor, verbo desta miña exposición, Antón; queres; é o Estado aconfesional como indica repito, a Constitución?
Ao rego dos exemplos que pos poderíanse enumerar algunhas ducias máis, pero penso que xa estivemos peor. Malia Sarah Palin como a nova María Magdalena nesa pseudocruzada que veñen de poñer en marcha nos EEUU, malia a campaña evanxelizadora que estes días ocupa horarios de prime time na tele, malia Ratzinger e o famoso xe por defecto na declaración da renda, os fans de Epicuro gañan terreo nos últimos
tempos.
O confederalismo ou federalismo ás enxoitas, podería representar algo máis en beneficio das nación negadas?
Podería. Todo depende de se estamos a falar dunha meta ou dun punto de partida.
Din que se le máis ca antes en galego, iso non é o que sabemos da voz das editoriais galegas, dos colexios relixiosos concertados, etc. A realidade é moito máis crúa… Non hai demanda, sobreviven con moitas difilcultades os xornais que fan nobre bandeira do noso idioma, GH, e non é ningún "piropo", é un exemplo de dignidade, e non porque un está nesta casa, non señor, pero é un paradigma de liberdade de expresión… A mala intención fascista, seino, non compartillará o que digo. Ao galego hai que esgazalo, é a consina do etnocentrismo, da barbarie lingüófoba. O orgullo de ser e vivir en galego, non embaza os nosos claros sentimentos cara a outras culturas e linguas. Cal é, despois desta non breve reflexión, cal é xa que logo a túa resposta, Antón?
Ben, o vieiro ou o extravío que sexamos quen de organizar dende Galicia cos vimbios que nos dá a máis completa presenza intelectual da nosa historia vai abrindo portas de intensidade desacostumada e emocionante. A decisión é cousa nosa e a consecuencia rentuará en nosoutros/as mentres o vehículo sexa o idioma galego. Hai que completar unha determinación e hai que facelo advertindo que non hai recúa. Eu non me deito facéndolle campaña ao negacionismo nin quero esquecer os nomes das cousas: rincha, feixe, cortadoría... fan parte dese mapa dos sentimentos que se estende ata onde o "o" latino de portum diptonga en "ue".

luns, 20 de setembro de 2010

“Sen a lingua seriamos monicreques que dormen no faiado da Historia”

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Alfonso Costa, no Galicia Hoxe. Premer na ligazón para a entrevista completa.

Alfonso Costa Beiro (Noia, A Coruña, 1943) realizou en Xaén a súa primeira exposición en 1967. Dende entón, as súas mostras sucedéronse por toda España e no estranxeiro, sobre todo, en Suíza, Francia e Alemaña. Ilustracións, murais, cadros, gravados. En todos está presente o seu expresionismo lírico, figurativo e abstracto. O mito, o onirismo, a evocación e a ideación están presentes nas súas obras a través de perspectivas infinitas tocadas polo azoute do lírico.
O sinal identitario principal da cultura galega é, sen dúbida, a lingua, que o actual goberno do PP co seu miserábel "Decretazo", que agora queren "aliviar" e cinicamente "consensuar" cos demais grupos con representación parlamentaria, e con palabras que non garanten nada, despois desa desfeita? Cal é, xa que logo, a túa postura ou actitude diante desta transgresión e agresión aos piares da nosa cultura nacional?
O idioma é máis importante que a arte, e mesmo que as institucións. Cada palabra nosa trae a historia dos que nos precederon. Mentres exista a nosa lingua existimos como pobo, do contrario estamos abocados a ser unha va ilusión, monicreques inanimados que dormen no faiado da Historia. A nosa nula autoestima fainos quedar sempre como por debaixo dos demais e isto é lástima porque os nosos e nosas creadores, en todos os ámbitos, están á altura das máis importantes manifestacións do mundo. Sentírmonos orgullosos do noso idioma é, a todas luces, máis beneficioso para o conxunto do país que non andar gabando o de fóra, só por ser de fóra, en detrimento do que nos é propio.

luns, 6 de setembro de 2010

"A barbarie existe, eo que é peor, normalizada"

Manuel Vidal Villaverde, coas súas preguntas curtiñas, entrevista a Eva Veiga, no Galicia Hoxe. Deixo aquí un anaco da entrevista, para vela completa, premer na ligazón.
Eva Veiga (1961, Ombre-Pontedeume. A Coruña). Xornalista e poeta.No 1985 comeza a traballar na Televisión de Galicia onde desenvolve unha polifacética e intensa actividade profesional, sobre todo, na dirección e presentación de programas culturais.
Na actualidade, colabora na escrita de artigos con diversas revistas e xornais e tamén en programas de radio.
[...]
A estas alturas xa ninguén pon en dúbida o intento de liquidación e polo tanto morte do idioma nacional de Galicia, só os "rudos e ignorantes", lingüicidas, galegófobos, xentes pateticamente mergulladas no auto-odio, colonizados e autocolonizados, pretenden facer do idioma galego unha andrómena de museo metafísico. Máis que ignorancia –que si existe– eu falaría de totalitarismo burgués, barbarie capitalista, e descoñecemento por mor dun analfabetismo funcional máis que emocional, que desgraciadamente se dá entre os libertos e os escravos sen conciencia da súa condictio, algo esencial para súa liberación. A hipótese dun xefe de planta nun matadoiro multinacional é, por evidente estolidez oposta ao que digo, e o mesmo acontece nun catedrático ou profesor de universidade, IES, etc. A educación para a liberdade non deixa de ser cal un anuncio de lavavaixelas ou hamburguesas dunha recoñecida multinacional ianquí. "A barbarie como principio", podería ser o título dun próximo libro meu. Cal sería a túa resposta a esta miña reflexión?
A barbarie existe e o que é peor, normalizada. O que máis semella importar neste sentido é que sexa legal e economicamente beneficiosa para os que teñen ou andan a coller a tixola polo mango. Non hai máis que prender o aparello da televisión para decatármonos de que vivimos instalados nunha terrible demencia que se propaga especialmente a través dunha espuria manipulación da linguaxe. Porque o uso da lingua nunca é inocente. Tampouco o dunha lingua ou outra. E velaí o que pasa co galego. O autodesprezo é, sen dúbida, unha patoloxía que tratan psicólogos e psiquiatras. Unha comisión de expertos nesta materia non lle viría mal a este país afeito a honrar o alleo e desprezar o propio, o que supón que non levantaremos cabeza a nivel político nin social nin económico: é todo iso é cultura ou incultura. Existe –fundamental– o asunto clasista, de alienación; pero, coido que tamén de preguiza intelectual, de desleixo. Aínda sabendo que desenvolver unha cultura propia vai supoñer un beneficio en todos os ámbitos para toda a comunidade, pois non nos peta, porque iso supón un pequeno esforzo que non estamos dispostos a facer, sobre todo se aparece alguén con poder e falacias para convencernos non só da inutilidade senón mesmo da inconveniencia desa tarefa. Non se coñece un pobo que se deixe suicidar desta maneira. Hai comunidades que se esforzan por poñer en valor trazos diferenciadores que mesmo inventan porque, entre outras razóns, entenden que nun mundo globalizado só es alguén se tes algo distinto que achegar e compartir. A espiritualidade profunda dun pobo radica na súa lingua. Non hai monumento máis importante que ese. O interesado abandono do noso idioma é un síntoma máis dos tempos que corren, do triunfo da mediocridade fronte á procura da excelencia.
[...]

martes, 24 de agosto de 2010

Entrevista versus entrevista

No suposto medio de comunicación chamedo La Voz de Galicia, o 3 deste mesmo mes fixéronlle unha entrevista  a Pedro Gil quen foi alumno meu durante os dous últimos anos. O motivo da entrevista, xa o comentei neste mesmo blogue, era porque Pedro participara na "Ruta Quetzal 2010", e a razón pola que eu comentei o caso foi porque a entrevista aparecía completamente en castelán e eu nunca lle oín falar a Pedro nesa lingua. Depois había de confirmarmo o propio Pedro, a entrevista fixéranlla en galego e mesmo me falou da súa sorpresa ao ver traducidas as súas palabras na prensa. Non creo que haxa que insistir na política de La Voz a respecto da lingua galega, cunha redacción en galego do 3,55% das novas segundo o informe do CCG.
Onte aparecía nese mesmo periódico unha entrevista a Jesús Vázquez Abad, conselleiro de educación. É coñecido públicamente o desprezo e o desleixo deste señor a respecto do galego, e se usa esta língua é só por oportunismo político. Son moitas as entrevistas concedidas por este señor a cadeas locais,  íntegramente en castelán e que están na rede ao alcance de quen sexan quen de soportalas. Jesús Vázquez é tamén un dos máximos responsables da aprobación do funesto decreto 79/2010 para reducir o uso do galego no ensino non universitario.
Pois o curioso é que nese medio que lle vira as costas ao galego, a entrevista ao conselleiro que despreza a nosa lingua aparece en galego. Porén a entrevista ao meu alumno, amante do galego, aparece traducida ao castelán.
Será que a do conselleiro tamén está traducida?

luns, 19 de xullo de 2010

"Non é casual que a Xunta elimine no ensino a palabra normalización"

Entrevista a Emilio Xosé Insua, en Galicia Hoxe:
Doutor en Filoloxía Galega pola Universidade compostelá, cunha tese sobre a figura de Antón Villar Ponte (2002), traballa actualmente como profesor de Lingua e Literatura no IES A Basella, en Vilanova de Arousa. Socio fundador e directivo do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, socio da entidade ecoloxista Verdegaia, membro da plataforma ProLingua e integrante do Grupo Etnográfico Mascato (Cambados). Poñente en diversos simposios e co-autor de libros de texto de bacharelato, tomou parte na elaboración de volumes colectivos como Literatura Galega. Século XX (A Nosa Terra, 2001), Historia da Literatura Galega (A Nosa Terra/AS-PG) e Cento vinte e cinco anos de teatro en galego (Ed. Galaxia /Xunta de Galicia, 2007).
Preparou, asemade, diversas edicións críticas e estudos da poesía do escritor manchego-viveirés Prados Ledesma e do teatro de Antón Villar Ponte para a Universidade da Coruña e para a Biblioteca 120 e recibiu os premios Irmandiños (Moeche, 1996, accésit), por un estudo sobre o xornal Galicia da Irmandade da Fala de Ferrol, e o Ramón Piñeiro de Ensaio Breve (Centro Ramón Piñeiro, Santiago, 2004), polo traballo Antón e Ramón Villar Ponte: unha irmandade alén do sangue.
En colaboración con Carlos Nuevo Cal, foi distinguido asemade en dúas edicións do premio Ánxel Fole (El Progreso/Fundación Caixa Galicia): en 2002, polo ensaio O primeiro Antón Villar Ponte; e máis en 2009, por Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal (no prelo). É autor, igualmente, dos estudos Sobre O Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte (Universidade da Coruña, 2005), Antón Villar Ponte e a Academia Galega (Edicións do Cumio, 2006) e Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo) (Seminario Terra de Viveiro, 2010). Como poeta, alén de ter participado na experiencia da editora Letras de Cal, escribiu os libros Devalar das esperas (Espiral Maior, 1995) e Acontece ás veces a ternura (Espiral Maior, 2005. Premio Prados Ledesma do Concello de Viveiro).
Emilio; acaba de se facer pública a sentenza do TC español, verbo do Estatut catalá recorrido, naturalmente, polo PP. Para tal tribunal, a Constitución española "no conoce otra nación que no sea la española". Os termos de nacionalidade histórica, e nación catalá, só serven cal trebello ou lilaila para entreter o muiñeiro máis que ao muíño, dúas ambigüidades sen vínculo ou valor xurídico. O Estado español cabo de todo non acepta outra nación que non sexa España, os/as demais, con idioma incluído, son iluminacións paisaxísticas e delirios lingüísticos da periferia española, que enreda para se constituír e mesmo esixir o que sempre foron e Castela devida en España negan, como negan as nacións de Euskadi, Catalunya e Galicia ou Galiza. Dende o punto de vista da interpretatio do Dereito constitucional non deixa de ser confusa tanto a Constitución como o ditame, porque lingüisticamente falando, mesmo en filoloxía, como en semioloxía, o sintagma "nacionalidade histórica" ignoramos tanto significado como significante, aparellos lingüísticos que o Dereito sui generis non considera, é dicir, que a "Constitución non coñece outra nación cá española", xa é un envurullo ou arañeira, non si?
Vou comezar por che citar a Castelao: "O problema interno de Hespaña non terá solución antramentres os políticos sigan usando, adrede, verbas impropias, pois o seu modo de confundir a Nación co Estado non se debe a iñorancia senón a táitica perversa". O sarillo do Estatut, como en definitiva todo o problema da arquitectura política e territorial do actual Reino de España, ten un nó gordiano último, que é a negativa ao recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, isto é, a negativa a facer principio constituínte o feito, para min innegábel, da existencia de varios suxeitos políticos colectivos, de varios pobos en definitiva, que poden e deben articular a súa unidade desde presupostos distintos ao histórico uniformismo centralista típico dos Estado-Nación. Cito novamente a Castelao: "O sistema de Estatutos autonómicos é inadecuado e até ofensivo para os cataláns, galegos e vascos. Galiza, como Cataluña i Euzkadi, é unha nación, e, por conseguinte, ten dereito a federarse con outros povos igoaes a ela; e non recoñecerlle o dereito de autodetermiñación- inclusive para vivir con absoluta independencia– será sempre un acto tiránico e antiliberal". A manifestación do pasado sábado en Barcelona, en todo caso, non ofrece dúbida sobre o inmenso grao de conciencia e de dignidade nacionais do pobo catalán e representa, ao meu ver, a acta de defunción da actual "autonomía estatutaria" como marco válido e operante, cando menos para Cataluña. E se o proceso de converxencia e aposta polas vías exclusivamente pacíficas e políticas da esquerda abertzale vasca vai adiante, non ha tardar en producirse en Euskal Herria un novo escenario político que redunde no mesmo cuestionamento. O triste é constatar o atrás que ficamos os galegos nos movementos desta partida…
Así, pódese desprender, que o galego, o catalán e o éuscaro son linguas vehiculares que non poden ser iguais ao castelán, que se lle pode impoñer á xente, pero nunca os idiomas propios de cada unha das nacións que constitúen o Estado español.
Hai moitos anos que está denunciada e perfectamente analizada a asimetría legal entre os idiomas peninsulares consagrada na actual Constitución, con todo o que isto implica. Por outra banda, resulta evidente, na perspectiva actual, a ofensiva ideolóxica, legal e política que se está levando a cabo desde certos sectores para recluír de novo as linguas non castelás á categoría de "curiosidades folclóricas", "saberes inútiles", "pezas de museo" ou "restos dun pasado a superar". Non é casual que a actual Xunta, entre outras moitas agresións, elimine no decreto sobre linguas no ensino a palabra "normalización", como tampouco o é que se empregue en defensa da supremacía do castelán unha etiqueta, a de "lengua común", que nin está recollida no texto constitucional nin responde á realidade obxectiva, posto que moitos cidadáns do Estado temos lingua propia e común distinta ao castelán. No fondo, o que se está dirimindo neste instante é a lexitimidade dos pobos con lingua propia a promover unha mudanza no estatus, historicamente marxinado, desas linguas, ou o que é o mesmo, asistimos ao enésimo intento de consagrar, pola vía dos feitos, mais tamén de iure, a idea da inferioridade e subalternidade do galego perante o castelán.
Tampouco a Constitución non recoñece posibilidade dunha República laica e socialista, nin o dereito a autodeterminación dos pobos que constitúen España. Así, digo eu, como se pode entender ou conxugar monarquía e democracia.
Se o que me preguntas é que penso da monarquía, contéstoche que me parece un auténtico anacronismo histórico que cómpre superar, tanto pola súa natureza radicalmente antidemocrática (expresión histórica do privilexio hereditario), como pola súa funcionalidade simbólica e política, claro herdo do propio franquismo. O meu corazón é, neste senso, decididamente republicano, como tamén o é laicista.
O franquismo enterrouse definitivamente no ano 1975 ou 76, ou pervive cal recidiva perversa na unidade inquebrantábel da Patria española?
Desde a etapa dos gobernos de Aznar, vía FAES e "Brunete mediática", todo o arsenal ideolóxico que nutriu a ditadura franquista foi "tuneado" e "posto ao día" para cumprir a función de ariete contra os tímidos avances que se lograran nas décadas anteriores tocante ao recoñecemento da pluralidade nacional e idiomática do Estado español. O problema non é tanto, penso, a existencia de sectores "nostálxicos" da pasada ditadura, como a actividade de poderosos voceiros mediáticos, instancias políticas e amplos segmentos sociais ("progresía" incluída) que asumen con "naturalidade" e espallan acotío a versión "moderna" do que, se ben o analizas, non son máis que os principios fundamentais que daban sustento ao franquismo… Abondaría con berrar nunha das concentracións futboleiras rexistradas estes días atrás España una, grande y libre ou Arriba España! para decatarse que escaso grao de prevención ou rexeitamento suscitarían esas emblemáticas e tráxicas consignas… 
Que destino lle agarda ao noso próximo –supoño– Estatuto?
Dada a correlación de forzas no actual Parlamento galego e vista a ideoloxía dominante neste intre na dirección do PPdG, non teño moi claro que vaia haber novo Estatuto galego nesta lexislatura. E se o proceso de reforma estatutaria se pon en marcha, sospeito que a orientación resultante final poida ser en moitos aspectos mesmo regresiva. Oxalá estea trabucado.
A lingua galega submetida aos colonizadores, e aos autocolonizados, á perversidade da diglosia, non atravesa por momentos case dramáticos e moito máis co disparate do "decreto" do goberno do PP co traballo e aquiescencia dos "independentes", galegófobos e catro gatos lingüicidas?
O momento que vive o idioma é, efectivamente, moi delicado. A perda de uso nas novas xeracións e a residualidade crecente nos ámbitos urbanos e a escasa presenza en moi diversas áreas da vida social están aí, como síntomas sangrantes e premonitorios dun futuro estarrecedor, se non o remediamos. Hai unha parte de causalidade e responsabilidade de que sexa así na actitude deses sectores que ti sinalas, claro que si, que non fan ultimamente máis que traducir no DOG toda a súa galegofobia, a súa mentalidade señoriteira e prexuizosa, a súa falta de verdadeiro afecto cordial pola Terra. Mais o problema vén de moi atrás, afecta a amplísimas capas de poboación (sumidas nun profundo autoodio e nunha non menos triste falta de referentes culturais propios) e ten unhas raigañas moi complexas e poderosas, que non se solventan nin con consignas resistencialistas nin con simples apelos ao voluntarismo individual. Necesitamos, pola parte que nos toca, facer moita pedagoxía social aínda sobre a lingua, desde todos os foros posíbeis, romper os círculos en que moitas veces nos enviciamos e construír un espazo cívico verdadeiramente amplo, plural, autónomo e apartidario para traballar con eficacia e sen exclusións a prol da normalización.
Daquela, xa que logo, e cecais reiterativamente, Galicia ten significado para ti como nación…?
Eu non sei pensar Galiza se non é como pobo, como nación de seu, como comunidade humana da que me sinto afectivamente parte e que ao longo da historia amasa e constrúe unha lingua propia, unha cultura de seu, unha identidade orixinal e unha vontade colectiva de ser, moi pacífica, moi traballadora, moi lucidamente "relativista", talvez humildosa de máis, pero ao mesmo tempo moi digna e, en determinadas conxunturas históricas críticas, até insubornábel. Eu desa Galiza son e nesa Galiza creo, sen necesidade de ser "anti" ninguén.
A literatura galega, malia todo, vive un momento de esplendor…?
Non sei se "esplendor" é o termo axeitado. Que hai sobrada calidade, pluralidade e interese en moito do que se escribe en galego é un feito evidente. Mais que existe un cortocircuíto case permanente entre esa produción cualitativamente relevante e amplas capas da poboación destinataria ou lectora, tamén. E nesa contradición nos movemos. Temos unha literatura madura, fértil, potente, mais nunha sociedade que, por unhas ou por outras razóns, non a ampara, non a recibe ou non a valoriza como sería de desexar.
A crítica, o ensaio e a poesía son áreas propias de Emilio Xosé?
Agora mesmo, todo o que escribo oriéntase á crítica, á divulgación e ao ensaio. A poesía téñoa case completamente abandonada e outros xéneros, sinceramente, non me tentan. O último libro que escribín, que acaba de publicarse da man do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, leva por título Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo). É unha monografía que combina a perspectiva da historia local co compromiso polo idioma, pois entra de cheo no debate sobre a restauración da auténtica toponimia galega.
Algunha xeira soñaches cunha Galicia independente, socialista, solidaria e internacionalista?
Algún dos atributos que propós merecerían un moito de matización ou de concreción. Digamos que soño cunha Galiza orgullosa de si propia, máis xusta e igualitaria do que hoxe, sustentábel ecoloxicamente e aberta ao mundo.
Con cal dos teus libros estás máis satisfeito?
Non me arrepinto de ningún, o que xa vale algo, non si? A serio, pola carga de investigación que ten, sinalaríache o estudo Sobre O Mariscal, editado na Biblioteca F. Pillado da Universidade coruñesa, mentres que pola intensidade emotiva con que o escribín e pola acollida que tivo nalgúns lectores, Acontece ás veces a ternura, un dos dous libros de poesía que me publicou o amigo Fernán Vello en Espiral Maior.
Hai algún libro ou lectura á que adoitas retornar?
O meu libro de cabeceira, desde hai moitos anos, é Follas Novas. Rosalía é unha escritora oceánica, inmensa, extraordinaria. Fala desde unha tan radical autenticidade humana e humanista, tan conmovedora e poderosa, que me parece unha fonte inesgotábel de pracer e de saber literario, estético, intelectual e filosófico. De xeito máis puntual, non abandonou a miña mesa de traballo esta última tempada o volume 55 mentiras sobre a lingua galega, editado por ProLingua. Resulta un bo vademecum para moverse con criterio no medio do debate ao que vimos asistindo desde a entrada en San Caetano das hostes galegófobas.
A liberdade é un soño inalcanzábel?
Non sei se inalcanzábel; en todo caso, absolutamente irrenunciábel.
Que retrato poderías facer do tempo?
É unha ferida que canto máis nos doe, en realidade máis nos alimenta. Por exemplo, podía ser o apupo que entre a néboa chama por nós para lembrarnos que certos mares xa os navegamos.
É a felicidade soño imposíbel?
Concibida como un estado permanente, ataráxico ou nirvánico, probabelmente si. Sentida como esa luzada que penetra ás veces o espírito ou como esa caricia que te reconcilia coa beleza da vida, é un sentimento moito máis habitual do que tendemos a crer ou recoñecer. Aínda onte mesmo veu visitarme na praia da Lanzada, vendo xogar entre risos o meu fillo Santiago coas ondas do mar… 
O teatro é unha alternativa á verdade que queremos vivir e non podemos?
O teatro é un artificio con que disfrazamos a vida para poder poñela núa diante dos ollos, unha marabillosa escola en que aprendemos a mirar máis alá, por riba e por baixo das aparencias.
O Quixote non é un libro contra España e mesmo quen o mellor o definiu non foi outro que o poeta español León Felipe: Aún cabalga por La Mancha la sombra triste de Don Quijote. Hai unha España intransixente e fascista que nós-outros aborrecemos?
Hai esa España, claro que si, e nin che conto por Europa adiante o que están a inzar ideoloxías desa mesma ralea. A que praguea contra os familiares dos republicanos paseados que reivindican poder recoller as súas cinzas alí onde foron asasinados. A que se parapeta en palabras como "vida", "moral" ou "familia" para negar o dereito de cadaquén a construír a súa existencia en liberdade. A que considera unha agresión que falemos unha lingua distinta á súa. A que trata como "ilegais" seres humanos que foxen sen papeis da pobreza. A que envolve na palabra "liberdade" o privilexio de clase, a supremacía económica, a inxustiza social.
Cómpre rematar coa barbarie capitalista?
A resposta é si, mais as verdadeiras e transcendentes preguntas son cómo acabar con esa barbarie e para construír qué clase de sociedade alternativa.
Marx está vivo e vixente?
Marx é unha figura intelectual imprescindíbel e moita da utillaxe analítica e terminolóxica que nos deixou en herdo funciona de marabilla: a ver como comprendemos, se non, toda esta inmensa crise capitalista en que estamos inmersos… O que morreu de Marx, case que diría afortunadamente, foi a escolástica dogmática en que moitos aparatich partidarios, galegos tamén, quixeron converter o seu pensamento, esencialmente vivo, creativo e dialéctico.

xoves, 8 de xullo de 2010

"O que nós non fagamos pola nosa lingua agora, ninguén o vai facer por nós"

Isabel G. Couso entrevista a Carlos Callón, en Vieiros. Nesta web inclúen un vídeo.
Cando se cumpren oito anos dende que asumise a presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón (Ribeira, 1978) lamenta que a existencia desta organización siga a ser necesaria. Até Vieiros vén a presentarnos "En castellano no hay problema", o seu último libro, no que compila artigos datados entre 1997 e a actualidade, publicados en diferentes medios de comunicación como A Nosa Terra, Galicia Hoxe, Xornal, El Correo Gallego ou o propio Vieiros. Logo de dous meses nas librarías, o libro xa ocupa o terceiro posto entre os máis vendidos na categoría de non ficción e chega a quenda dunha nosa entrevista: "Non chegades tarde, aínda falta por chamarme a TVG", chancea Callón. No texto ofrécenos "retallos para construír a autodefensa da lingua" nun momento no que, alerta, poderiamos chegar até un "punto de non retorno" orquestrado polo Goberno e liderado por un "converso" como Anxo Lorenzo. Coa premisa clara de que a Política Lingüística debería aspirar a non facer falta, fai un chamado en positivo a actuar: non en van a nosa historia facémola nós.

Vieiros: 'En castellano no hay problema' é ante todo un título provocador. Como xorde?

O título final, que é retranqueiro, sae dunha votación no meu blog e vese que a xente optou polo máis irónico. É un encabezamento que funciona coa capa, na que se ve unha imaxe do Pórtico da Gloria na que aparece un monstro turrándolle da lingua a un condenado: parece que é o monstro o que está dicindo iso de "En castellano no hay problema". É un convite un pouco falso que nos leva á reflexión: non hai problema para vivir en castelán en Galiza e ademais ninguén defende que se creen obstáculos ou que se recorten dereitos individuais aos castelanfalantes. É que ás veces véndesenos iso: que os que participamos de organizacións como a Mesa somos seres diabólicos, como se quixésemos que os que falan castelán tivesen algún tipo de sanción, algo que nunca ninguén que defendese o galego propuxo. Para vivir en castelán en Galiza non hai problema, porén para vivir en galego, na lingua propia, si que o hai. Polo tanto reflexionemos todas e todos se esta situación pode continuar.

Este libro conta con esta dobre vertente: dunha banda a análise e doutra a reivindicación. Reparando no primeiro apartado, Cres que hai algún motivo para sermos optimistas?
Todos os estudos indican que a situación do galego é moi preocupante; mesmo xa o indicaban antes de que Alberto Núñez Feijoo fose nomeado presidente da Xunta. Realmente os estudos alertan de que o galego está a piques de entrar nun punto de non retorno. Eu creo que malia esa situación preocupante, sabemos que hai vimbios para facer o cesto da súa recuperación e da súa revitalización. Se ben esta situación crítica do galego é anterior ao actual Goberno, o PPdeG tende a acelerar esa caída: quere que ese case-punto de non retorno sexa un punto de non retorno real; que o galego sexa realmente unha lingua residual e, polo tanto, inútil en Galiza; unha sociedade que non estea cohesionada a través da súa lingua e da súa cultura, unha sociedade sen memoria histórica de seu. Eles atacan a lingua porque o que queren é que a sociedade galega, que Galiza, deixe de existir como tal.

A figura máis representativa da política lingüística do Goberno é Anxo Lorenzo, unha persoa que ademais procede dun ámbito universitario significado na defensa do galego. Que balance fas do seu papel?
Cando o nomearon, xa dixemos dende a Mesa pola Normalización Lingüística que ía ser o verdugo do galego. O problema non é quen vaia desenvolver esa política, non é de nomes, o problema é que haxa persoas dispostas a desmantelar a oficialidade do galego. No caso de Lorenzo vemos que el é unha persoa que asinou varios informes de sociolingüística e, por tanto, é consciente do dano que está a facer. Cando o ficha Núñez Feijoo o que pretende é que sexa unha ponte para conseguir que o PSdeG entrase nese pacto mortal para desmantelar a oficialidade do galego e deixar só ao BNG na defensa da lingua e tentar facer cambios aínda moito máis bruscos dos que están facendo na actualidade. Despois, o seu papel dá vergoña allea a nivel ético, porque é a persoa que executa o ataque contra a nosa lingua; e tamén a nivel intelectual. Cal é o criterio polo que o ano antes escribía un artigo criticando todo o que agora fai? Depende a túa opinión intelectual dos euros que hai enriba da mesa? A nivel intelectual dá vergoña. Ás veces non hai nada peor que un converso.

Cales consideras que deben ser as políticas efectivas a prol do galego que debe asumir o Goberno?
O que ten que perseguir é simplemente intentar que o galego se utilice e que os galegos sexan conscientes dos seus dereitos. Son dous obxectivos ben claros. Dunha banda, todas as campañas, convenios ou subvencións asinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística deben ir dirixidos a intentar introducir a galegos en todos os ámbitos, sexa en telefonía móbil, sexa apoiando os medios de comunicación en galego, sexa apoiando que haxa máis materiais pedagóxicos na nosa lingua... E da outra banda, realizar campañas que se dirixan a que a cidadanía sexa consciente de que temos unha lingua propia e animar á lealdade lingüística: teñen que levar unha mensaxe clara, pedagóxica... Esas dúas cousas tan básicas é o que debería facer a Secretaría Xeral de Política Lingüística, tería que aspirar a morrer de éxito, a aspirar a non facer falta. Non hai que inventar nada novo: cóllase o Plan de Normalización da Lingua Galega, véxanse as medias que estipula que foron acordadas por todas e todos e fágase o posíbel para que se cumpra.

Nos últimos meses a protesta dos colectivos que defenden o galego centrouse no eido do ensino. Non é necesaria unha defensa máis global da nosa lingua?
Temos que tentar abranguer todos os ámbitos e responder cando xorden agresións importantes, como persoas que son despedidas por falar en galego ou que non conseguen un posto de traballo porque se presentan falando galego... son situacións que seguen a producirse e precisan unha resposta. Tamén atendemos a outras demandas en materia de sanidade ou nos ámbitos públicos, mais doutra banda, temos que ter en conta que os nosos recursos son limitados, tanto a nivel económico como humano. Temos que atender as prioridades e no ámbito educativo a capacidade de lanzar ataques por parte da Xunta é inmenso. O ensino é unha condición non suficiente, pero necesaria para a normalización dunha lingua. Non hai ningún proceso de recuperación dunha lingua na que o ensino non xogase un papel importante, e agora está sendo fortemente atacado o seu papel normalizador.

A Mesa pola Normalización que ti presides foi cuestionada e acusada de recibir cuantiosas axudas do bipartito. Houbo certo intento de silenciar a defensa do galego?
Houbo unha campaña orquestrada, a máis feroz que padeceu a Mesa nos seus case 25 anos de historia. Mesmo nós tamén animamos a que acudisen aos Tribunais se consideraban que había algún tipo de irregularidade, pero non a houbo. Na páxina web da Xunta pódese observar todos os convenios asinados e as subvencións recibidas e pódense facer as contas dos cartos que recibiu a Mesa pola Normalización Lingüística para desenvolver accións en defensa do galego. Quixeron dar a sensación pouco menos de que isto era unha organización mafiosa: facían a suma de todo sen explicar como se repartían aqueles cartos, obviaban que se adicaban na súa maior parte ao Correlingua ou o voluntariado de activación lingüística.

É posíbel que este posicionamento da Xunta contrario ao galego estea a actuar como revulsivo e teña algún efecto positivo na defensa da lingua?
Obriga a decantarse, si. Antes había unha parte importante da sociedade sensiblizada coa lingua, pero anestesiada. Agora retiran a carauta e comezan as patadas e xa non quedan dúbidas. Hai prohibicións, limitacións da nosa lingua e moita xente vese obrigada a sacar a cabeza da terra e ver o que acontece. Vémolo na participación da xente, que mesmo no fala galego, e participa nas manifestacións. É esa mensaxe de "yo no hablo gallego, pero quiero que se defienda", un pensamento que rompe os esquemas que tiña preparados o PPdeG e que é positivo. No libro cito a frase de Manuel Fernández Blanco que di que estes ataques poden producir o paso da burocratización da lingua á libidinización da lingua. É dicir, pasar do concepto de lingua entendido como un elemento de mérito para entregar nun papeliño á lingua como elemento de unión, como elemento de desexo.

Todos estes colectivos xurdidos nos últimos anos en defensa do galego, demostran unha acción conxunta ou poden reflectir posicionamentos encontrados malia buscar un mesmo fin?
Son de natureza diferente. Por exemplo, a Mesa como organización social é máis antiga e agora mesmo é a que aglutina a máis persoas de xeito individual. Ao seu tempo, promove a Plataforma Queremos Galego que é unha plataforma de entidades. Despois hai outras organizacións a nivel individual, cada unha coa súa natureza, coas súas liñas de acción un pouco diferentes... pero realmente une. Na manifestación do 17 de maio estivo absolutamente todo o mundo.

Outras voces como por exemplo o Foro Peinador apelan a promover accións para incentivar o uso do galego, mais evitando o enfrontamento político. Como presidente da Mesa, que opinas?
Nós non procuramos ningún tipo de enfrontamento. Iso é repetir consignas do enemigo: crer a caricatura que fan de ti e repetila, pero xogar coa terminoloxía do inimigo non serve de nada. A Mesa procura enfrontamento cando defende a unha persoa despois de ser despedida por falar galego? Que facemos? Dicímoslle a esa persoa que agache a cabeza e vaia para casa? O problema é que o conflito lingüístico evidénciase cando se di que non ante unha situación de discriminación do noso idioma. Apostar pola vida da nosa cultura e da nosa lingua obrígache a iso, ao conflito.

Cal é o futuro que lle agarda ao galego a curto e medio prazo? Es optimista?
Eu aí apelaría á canción da Matraca Perversa: a nosa historia facémola nós. Vai depender de todas e todos nós espremer esa historia. Non podemos pechar os ollos a esa realidade: continúa habendo discriminacións para poder utilizar a nosa lingua que, ademais, se agudizan cos actuais ataques do presidente da Xunta. Doutra banda os datos son elocuentes: o galego é a lingua que máis falantes perde no Estado Español. Esta é a realidade: unha situación negativa. Agora ben, tamén temos moitos elementos para decatarmos de que podemos facer a historia da revitalización, da recuperación e da extensión social do noso idioma. Vémolo nas manifestacións de Queremos Galego, no feito da pluralidade da súa participación, nas persoas que se están atrevendo a falar en galego. Iso non nos debe levar a un optimismo exacerbado, pero si nos indica que podemos percorrer un camiño claro de revitalización do galego, que a historia non está escrita xa e a batalla non está perdida. Temos que ser conscientes de que estamos nunha encrucillada histórica, senón o galego poderá morrer pola nosa inacción. O que nós non fagamos pola nosa lingua agora, ninguén o vai facer por nós.

mércores, 7 de xullo de 2010

D´xeito peitea e fala con xeito

entrevista a María Xosé Loira García, do salón de peiteado D´Xeito en Marín.Na Nosa Terra:
Dende a súa apertura no ano 2002 ten toda a rotulación e información dos servizos que presta en galego. Polo seu compromiso a prol da normalización lingüística no ámbito dos servizos Queremos Galego Marín premiou a este negocio recentemente coa 'Lingua de Ouro'.
Dende cando usa o galego no seu negocio?
Dende que abrín o salón de peiteado no ano 2002.
Por que tomou esta decisión?
Por nada en particular. Son galegofalante de toda a vida, o galego é a miña lingua materna e coa que mellor me expreso, por iso busquei para o meu negocio un nome galego, curto e relacionado co mundo dos peiteados, e, D'Xeito axeitábase ao que eu buscaba. Tamén tiña moi claro que non quería facer a rotulación exterior en galego e o resto en castelán porque non me parece coherente.

Chamou a atención entre a súa clientela este detalle?
Non. Aceptouno todo o mundo como algo natural. Marín é unha vila pequena na que se fala bastante en galego e a xente non lle dá importancia a estas cousas que deberían estar normalizadas.

Ten vantaxes ou inconvenientes 'venderse' en galego?
Nin unha cousa nin outra. Todo depende do contorno no que cada quen vive e se criou. Eu son de Cadrelo, un lugar da parroquia de Santo Tomé de Piñeiro, no que sempre falamos en galego. O que si é certo é que tiven problemas coas empresas de rotulación porque non escriben ben os textos e nomes en galego. Tiven que estar moi pendente porque xa non é a primeira vez que meten a pata. Creo que o problema é que moita xente fala galego pero non o escribe.

Recentemente recibiu a premio Lingua de Ouro de mans de Queremos Galego Marín. Sorprendeuna este recoñecemento?
Bastante. Para min foi unha sorpresa que me agradou moito. Despois de tantos anos tendo toda a rotulación e toda a información dos servizos que prestamos en galego agradecín moito este recoñecemento.

luns, 31 de maio de 2010

O único assisado em tais circunstâncias é a discriminaçom positiva.

Entrevista a Carlos Velasco Souto, historiador, no Galicia Hoxe
Carlos Fco. Velasco Souto (Tomeza, Pontevedra, 1958) é doutor em Geografia e História pola Universidade de Santiago de Compostela e professor titular de História Contemporânea na Universidade da Corunha. Investigador especializado em temas de história social da Galiza é autor de vários livros e numerosos artigos em revistas especializadas. As suas obras de mais relevo som: A sociedade galega da Restauración na obra literária de Pardo Bazán (1875-1900), Pontevedra, Gáficas Portela, S. L., 1987; Agitacións campesinas na Galiza do século XIX, Santiago, Eds. Laiovento, 1995; Labregos Insubmissos, Santiago, Eds. Laiovento 2000; Galiza na II República, Vigo, Eds. A Nosa Terra, 2000; O Agrarismo Galego, Santiago, Eds. Laiovento, 2002; 1936 Represión e Alzamento militar en Galiza, Vigo, Eds. A Nosa Terra, 2006. Em colaboraçom com outros autores tem publicado La Compañía de Tranvías de A Coruña (1876-2005). Redes de transporte local, Madrid, 2006.
No âmbito da reconstruçom da nossa memória histórica democrática publicou recentemente A represión franquista en Oleiros (1936-1950), Oleiros, Ed. Trifolium, 2008; e assimesmo colaborou no volume colectivo A fuxida do Portiño. Historia, memoria e vítimas, Vigo, Eds. A Nosa Terra, 2009.

Carlos, ti cres que o franquismo está totalmente desaparecido ou pola contra aínda subxace o veleno fascista nos "herdeiros que agora, sen enrubecer, se autocualifican de demócratas… Cal a respecto desta miña pregunta é a túa resposta ou reflexión?
O franquismo é vivo e bem vivo. É claro que subjaz esse veleno de que falas na ultra-direita espanhola neofascista virada democrata de toda a vida. Tenho para mim que o PP nom é mais que fascismo reciclado. Nom há mais que ver como fachendeiam com o seu aquel de presunta "superioridade", negando-se a qualquer revisom do passado antidemocrático de que procedem. Mas tampouco tenhem problema em quitar a máscara quando cómpre, por exemplo apoiando e promovendo canalhadas de puro corte criminoso com a guerra de Iraq, colaborando no assassinato de milhons de pessoas indefesas.

O franquismo perseguíu asañadamente o galeguismo, o idioma nacional galego, e os seus herdeiros vernizados de "modernidade" aínda o seguen perseguindo, non hai máis que ver o "Decretazo" deste goberno do PP, naturalmente español, que é unha vergoña, un ataque frontal ao galego propio do auto-odio, e dos lingüicidas. Concordas con esta miña breve reflexión?
Cuido que o PP (organizaçom à que adoito referir-me como os fascistas) está a exteriorizar neste ponto os complexos e auto-ódio próprios de um sector muito amplo da sociedade galega. Só que agravados agora pola imposiçom de um ultra-nacionalismo espanhol cavernário e excluinte com forte peso na sua direcçom de Madrid, que é a que ordena agir desse jeito a Feijóo e os seus. Estes, como bons cipaios, obedecem, mas provavelmente nom se teriam metido de seu em semelhante lieira.

Co "Decretazo", por máis que diga Anxo Lorenzo, ese "raro independente" secretario xeral de Política Lingüística, perpetúase a diglosia. Eu entendo que dada a situación actual do galego, e aínda así non deixará de ser difícil, o normal sería a discriminación positiva a favor do galego, claro, con esta paridade o Decreto do PP. Paréceme un disparate sen pés nin cabeza, un rexoubeo, algo propio da estolidez ou ignorancia. Cal é a túa opinión, Carlos?
Coincido inteiramente contigo. O único assisado em tais circunstâncias é a discriminaçom positiva.

O trilingüismo, nunha situación como a nosa, cheira a disparate, non che parece?
A disparate total. Nom conheço precedente nengum por aí fora. A mais, a quem se lhe ocorre dar à língua própria o mesmo tratamento que a umha estrangeira? Que se deixem de moê-la; o único que interessa a esses senhores é salvaguardar o predomínio do castelhano (única língua, aliás, que muitos dos seus mentores sabem falar, caterva de ignorantes!)
Cambiemos o terzo. Falemos da nosa historia máis recente. Teño diante de min A represión franquista en Oleiros (1936-1950). O teu libro libéranos e aclara moitos baleiros, moitas arañeiras, en calquera caso aínda quedan episodios que peneirar, non si?
Muitos, sim. Ainda bem que já imos tendo um conhecimento cabal de todo esse período… Mas ficam por reconstruir muitas histórias e muitos dramas particulares e colectivos; e nom digamos responsabilidades culposas.
A entrevista continúa no Galicia Hoxe tratando este último tema.

“A esperanza para o galego é o pobo, non os políticos”

Entrevista a Xosé María Álvarez Cáccamo, no Xornal de Galicia.
Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) reúne na súa última obra, Feijóo, o galego e nós, artigos publicados na prensa galega entre xaneiro de 2009 e marzo de 2010. Todos, entre os que se inclúen varios de Xornal, serven para colaborar na “acción popular de intervención” contra a política que o PP de Feijóo exerce contra o galego.
Cal é o obxectivo da obra?
Contribuír, xuntamente con outros libros dunha liña semellante, coa sociedade civil que está respostando contra o ataque de Feijóo e o seu Goberno contra a nosa lingua. A idea é contribuír a esa actitude civil de resposta a unha agresión. Este é un libro de intervención, pero con valores literarios porque colaboran sinaturas moi importantes do país. Hai un nivel literario moi alto.
Só quedan autores e a sociedade civil na defensa do galego?
É que cada vez confío menos nos políticos, que lle vou facer! Cada vez creo máis na forza da sociedade civil, do pobo. Non me sinto representado polo PP, pero tamén desconfío do panorama político na dereita e tamén na esquerda deste mundo occidental capitalista. Creo máis na xente, e os escritores e intelectuais formamos parte deste colectivo. Esta é a miña confianza, a miña esperanza.
Esta resposta cívico-literaria ten precedentes noutros lugares?
Imaxino que ao longo da historia, as vangardas e a sociedade civil actúan contra a imposición colonialista, contra a glotofaxia da que fala Xosé Manuel Beiras. En Cataluña están nunha situación semellante, aínda que non tan dramática coma a nosa, pero están tamén porque a estratexia do PP esténdese a toda España; hai unha misión recentralizadora. Iso si, alí os defensores da lingua son máis, evidentemente.
No ámbito da lingua, quen nos dese ser Cataluña...
Nalgúns aspectos si, pero somos quen somos. Eu tampouco teño complexo de ser galego, temos unha historia diferente e témolo máis difícil. Se cadra, nese sentido, temos máis mérito ca eles. Nós non contamos co apoio da burguesía, agás certos sectores ilustrados.
Falta o consenso arredor da lingua que si hai en gran parte da política catalá?
Por sorte, parece que en Galicia tamén se chegou a un consenso das forzas progresistas e que o PSOE está disposto a apoiar a defensa da lingua, pero xa veremos como actúa no futuro.
Foi ese o grande erro das forzas progresistas?
Si, efectivamente, e creo que o bipartito estaba un pouco coutado por esa falta de cohesión co PSOE en relación coa lingua. Actuaron, na miña opinión, con excesiva prudencia na normalización, na loita política pola normalización do idioma.
Nos artigos do libro insístese moito na perversión dos termos ao falar do galego.
O concepto de liberdade está a ser usado pola dereita nos últimos tempos cunha enorme deportividade, debe ser unha consigna que teñen. Teñen unha visión da liberdade certamente curiosa e ácrata; queren liberdade para non cumprir as leis. Tamén falan de imposición e ese concepto, aplicado ao uso do galego nas aulas, é cínico porque saben perfectamente cal é a situación nos centros. Ademais, as leis hai que impoñelas, non hai outro xeito. Ou non é imposición o control de alcoholemia? E a Lei de Costas? Desgrazadamente, o galego por vía de imposición legal non conseguiu o seu obxectivo durante os catro anos do bipartito e mesmo está a recuar... É falso, é mentira ese diagnóstico da imposición do galego nas aulas.
Tamén se desprestixia a inmersión.
A inmersión non é máis que unha proposta pedagóxica, pero utilízana como sinónimo de afogamento. Eles mesmos, desde a Xunta, propoñen a inmersión en inglés, bolsas para Inglaterra... O cinismo, neste caso, é escandaloso.
No entanto, ese discurso calou.
A verdade é que si logran convencer e enganar a boa parte da sociedade, que está desinformada. Ademais, coinciden moitos medios de comunicación neste labor de desinformación ou de información nesgada. Falta cultura política e conciencia crítica. Logo de 40 anos de ditadura, hai boa parte da sociedade que non adquiriu condutas democráticas; aínda hai moita censura e moitos medos.
Tamén se critica a relevancia que se lle deu a un grupo minoritario como Galicia Bilingüe.
Os medios que lle deron cancha a Galicia Bilingüe (GB) están na mesma banda ideolóxica do PP e na práctica funcionan como GB. Chámanse bilingües ou reciben subvencións por escribir en galego e non o usan ou fano en cantidades ridículas. É o bilingüismo do monolingüismo. Claro que son bilingües, bilingües para elixir entre castelán e español. É algo esperpéntica a situación de GB e case dramático o eco que se lle deu na prensa a unha manifestación ridícula, pero tráxica, porque alí estaba tamén a Falange.
Hai quen di que o de GB é unha estratexia perfectamente planificada polo PP.
É tan perversa a política profesional... Non sei se hai unha estratexia, pero o que si é verdade é que soa a película de cinema negro, de espionaxe. Non o acabo de entender.
Non hai risco de que a mobilización a favor do galego acabe decaendo no futuro?
As mobilizacións próximas no tempo desgastan, así que haberá que ir distanciándoas entre si e ensaiar outros métodos. O que si creo é que hai unha porcentaxe moi importante, non sei se numericamente pero si desde o punto de vista da conciencia de país, que non está disposta a ceder. Baixará o número, pero non a intensidade e a conciencia. Hai tamén moitos castelanfalantes que están alporizados con este proceso de desprezo da lingua que promove Feijóo.
Na lingua, estabamos mellor con Fraga?
A min dáme moita rabia concederlle algo a Fraga, pero a súa estratexia, desde a perspectiva da dereita franquista, foi máis intelixente. Soubo ocupar o espazo do galeguismo moderado, ou rexionalismo, e gañou militantes. Feijóo está conseguindo o contrario, alporizando a xente do seu propio partido que ten unha relación moi natural co galego. O que pasa é que son tempos distintos e en España hai outra estratexia, como desterrar o Estado das Autonomías. É unha volta á recentralización, á unidade de España. Escápaseme a onde quere chegar este señor; se cadra a Madrid, iso é o que din.
A postura de Feijóo pode ser comprensible, pero a de Anxo Lorenzo...
Eu iso xa si que non o podo comprender. A única explicación para entender o de Anxo Lorenzo é a ambición, a ambición de colocarse nun cargo político de importancia en Política Lingüística. Unha ambición desmedida e enfermiza porque é alguén que é capaz de mudar da noite para a mañá, xa non a súa posición política, senón as súas teses profesionais como sociolingüista. Eu creo que cavou o seu propio oco negro para o futuro, porque cando regrese á Universidade, levará enriba unha lousa de desprestixio profesional absoluta. Non podo entender esa reviravolta como consecuencia da ambición. A ambición non é negativa, pero cando a ambición é de tal intensidade que chega a perturbar a túa propia visión da realidade, hai que cualificala como enfermiza e perigosa para el e para os demais, para os que confiaron no seu traballo.
Está o galego en perigo de extinción?
Non teño ningunha dúbida. Os meus alumnos non falan galego, ningún. En Vigo os cativos non falan galego, é evidente. Antes, polo menos falaban galego cos profesores na aula, pero agora resulta que se lles outorga absoluta liberdade para falar o que queiran. En que falan? Pois o castelán. A loita pola normalización do galego no ensino é urxentísima, pero non suficiente.
Pero na escola é clave.
É clave, sobre todo na etapa infantil, onde a desprotección do galego é absoluta. Que a Xunta decida a partir dos informes do centro a lingua maioritaria é perverso. Que lingua van elixir os pais desgaleguizados que falan entre eles en galego e se dirixen aos cativos en castelán? Non sempre a resposta dos pais será auténtica porque estará contaminada por esta deriva consolidada politicamente do galego como lingua de paletos e o castelán como lingua fina e de éxito. Este é o espírito do decreto.

sábado, 29 de maio de 2010

'O pacto pola lingua chámase Plan de Normalización’


Entrevista a Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, na Nosa Terra:
Carlos Callón (Ribeira, 1978) preside a Mesa pola Normalización Lingüística e participa na plataforma Queremos Galego. Profesor de Lingua e Literatura, vén de publicar o libro 'En castellano no hay problema' (Xerais, 2010), compilación de traballos sobre a situación do galego e as discriminacións que aínda padecen os falantes.
Un título que pretende provocar... unha reflexión.
Polo menos que pretende chamar a atención. Non desexamos que a xente que fala castelán teña dificultades para vivir nese idioma, mais tamén queremos poder vivir en galego, esa é a verdadeira igualdade.
No libro conta que o titular da súa primeira entrevista foi: “Me enternece ver a los niños hablar en gallego”. Avanzaríamos desde 1995?
Lamentabelmente, os medios seguen a reproducir en castelán entrevistas de persoas que se expresaron en galego. A presenza do noso idioma a nivel mediático é menor desde 1995. É certo que hai televisións locais que empregan o galego e que hai unha segunda canle da TVG na televisión dixital terrestre, mais o número de emisoras en español multiplicouse.
Ao longo do texto desliza numerosas discriminacións. Aumentan, diminúen ou se manteñen?
As discriminacións mantéñense, mais mellora a conciencia lingüística da poboación para opoñerse a elas. É positivo. No libro relato un caso dun cidadán que se queixa nun hospital porque non o entenden. Un exemplo que recollen todos os medios, mais trátase dun inglés. Se os periódicos tamén recollesen as discriminacións ao galego, encherían páxinas e páxinas todos os días.
Nun dos primeiros artigos propón un Acordo Nacional sobre a Lingua, como Feixóo.
Ese artigo é de 2002, un momento no que se percibía a necesidade de novos pasos cara un acordo que era posíbel. Tras esa proposta da Mesa redactouse o Plano de Normalización Lingüística, que se aprobou por unanimidade en 2004, apoiado por todos. O acordo que pide agora Feixóo xa existe, chámase Plano de Normalización. El participou nese proceso e agora non o aplica porque o consenso que propón é para matar o galego. Non quere dialogar, non recibe a Queremos Galego, anunciou que non vai ceder en aspectos como o decreto ou no coñecemento do galego na función pública. Non pide un pacto, pide unha adhesión.
Por outra banda, a toponimia deturpada está a desaparecer e contamos cunha normativa de consenso.
Aí si houbo un avance pero tardamos lustros despois de aprobar a Lei de Normalización en 1983 e a deturpación continúa desde a Administración central.

venres, 14 de maio de 2010

Sobre o tema da lingua, veñen tempos de compromiso

Onte estivo no noso centro Xoán Carlos Garrido ofrecéndonos un vídeo e unha conferencia sobre o mesmo. Nese vídeo había imaxes dunha manifestación en apoio dun mestre do colexio do Foxo.Hoxe acabamos de atopar unha entrevista a
Afonso Castro, o profesor expedientado no 1980 polo delito de impartir clases en galego, na revista do IES Ribeira do Louro do ano pasado.
Reproducímola íntegramente como complemento á xornada de onte.



Entrevista a Afonso Castro, profesor de Ciencias Sociais en Adultos, expedientado en 1980 por impartir as súas clases en galego O 13 de febreiro deste ano, o noso profesor Afonso Castro recibiu unha homenaxe no Teatro Principal da Estrada polo seu compromiso coa lingua galega no ensino en momentos moi duros da transición política, cando era mestre no CEIP O Foxo, no concello da Estrada. No acto presentouse a película documental de Xoán Carlos Garrido: Breve historia do ensino estradense (“A derradeira lección do mestre”) e salientouse o labor deste escolante que arriscou a súa carreira profesional por reivindicar o dereito a un ensino en galego. Órbita quixo estar co noso homenaxeado, e máis nun momento decisivo coma o presente, no que se quere cuestionar o uso vehicular da nosa lingua nos centros educativos.
REDACCIÓN
Como definirías a situación da nosa lingua na sociedade galega de 1980?
Pois lamentablemente en moitos aspectos, dun xeito semellante á de hoxe. O galego non estaba na realidade social nunha situación de igualdade co castelán. A nosa realidade lingüística era a de diglosia. O castelán ocupaba (e ocupa) os espazos de maior relevancia na estrutura socio-económica, nos medios de   comunicación de masas (radio, prensa, televisión), no cine, no comercio, na igrexa… Polo tanto, cumpría (e cómpre) a defensa da normalización do idioma galego, que debería ser para todos os que traballamos na educación, e para os galegos en xeral, un tema prioritario.
Cal era a ambiente político que se respiraba?
Eran os primeiros tempos dunha democracia que sucedía ao réxime ditatorial de Franco. Moitos viamos con ollos críticos que non se optase por unha ruptura co réxime anterior, senón por unha reforma propiciada por políticos moi vencellados coa situación anterior, e que coutaba as nosas aspiracións republicanas e de posible autodeterminación para Galiza.
Pódesnos falar da túa situación profesional?
Exercía os meus primeiros anos de docencia como mestre especialista en Ciencias Sociais, no colexio do Foxo, un centro educativo típico do rural galego, no que se concentraran as distintas escolas unitarias da zona. No contorno, os alumnos e os pais expresábanse totalmente en galego.
Podíanse impartir as clases en galego?
Non. O uso da lingua galega estaba prohibido nas escolas. O 20 de xullo de 1979 publícase o chamado Decreto de bilingüismo, pero este regulaba de forma moi escasa a incorporación da lingua galega ao sistema
educativo: no E.X.B., 3 horas semanais para o galego como materia e 22 horas en castelán para o resto das áreas.
Cal foi a túa actuación persoal?
Comezar a impartir as clases de Ciencias Sociais en galego, en coherencia cos prinpais referentes  pedagóxicos do noso país (Frei Martín Sarmiento, Viqueira, as galescolas de 1924 a 1930, algunhas escolas da emigración) e internacionais, como Paulo Freire ou as propias recomendacións da UNESCO.
Que consecucias tivo a túa decisión de defender o uso da nosa lingua?
A escasa normativa legal permitía que os pais puideran denunciar aos profesionais da educación que impartiran as clases en galego. No meu caso uns pais denunciáronme e sucedéronse as presións de certos grupos de poderes sociais ocultos.
Recibiches moitos apoios na túa decisión?
Recibín. A resposta social queda reflectida nunha importante manisfestación o 16 de marzo de 1980 na vila da Estrada, no que milleiros de galegos de toda Galiza defendemos o dereito irrenunciable ao uso do noso idioma e o NON a aquel Decreto, chamado de bilingüismo, pero que discriminaba enormemente á nosa lingua.
Como se resolveu o conflito?
Diante da miña negativa a dar as clases de sociais en castelán, a inspección educativa propúxome que impartira eu a materia de lingua galega, e acabei aceptando.
Que aconteceu nos anos posteriores?
As cousas continuaron moi complicadas para nós fundamentalmente ata a aparición do Decreto 247/1995, que introduciu na educación secundaria obrigatoria a área de Ciencias Sociais (Xeografía e Historia) en  galego, e que supuxo un alivio para os especialistas desta materia, xa que por fin se recoñecía o dereito a  impartir esta disciplina no idioma propio.
Que che parece o último Decreto sobre o uso do galego (124/2007) que agora se quere derrogar?
Ese Decreto paréceme un avance, xa que o único que pretende é que se chegue polo menos a un reparto igualitario no uso dos dous idiomas oficiais do país. Querer derrogalo é querer voltar outra vez a situcións
de manifesto desequilibrio. O sistema debe garantir que os nenos, unha vez que acaben a educación  secundaria, teñan unha boa competencia lingüística tanto en galego como en castelán.
Falar neste caso de liberdade para aprender ben unha lingua e non a outra, e querer utilizar os pais neste tema, paréceme un disparate.
Comparto a interrogante retranqueira que se expuxo na recente Semana Galega de Filosofía sobre a educación: “O novo Goberno separará o alumnado en función dos que queiran aprender a multiplicar pero non a restar? Ou haberá que lles preguntar aos pais se lles parece ben que a capital de Francia sexa París?"
Por favor, sexamos serios. A verdade é que pensei que todo isto xa estaba superado, pero en fin..., vexo que veñen novos tempos de loita e compromiso.

domingo, 9 de maio de 2010

A última físgoa.2

No Galicia Hoxe de onte facían unha pequena reportaxe sobre o último filtro polo que ten que pasar o pre-decretazo (lembremos que ata o momento non pasou con éxito ningún, no entanto continúa adiante). Trátase do ditame, non vinculante, do Consello Consultivo. Hoxe nese mesmo medio fanlle unha entrevista a Teresa Conde-Pumpido, a súa presidenta, e nós deixamos aquí o anaco da entrevista que ten que ver co decretazo.

Preside un organismo descoñecido para a cidadanía pero fun­damental para que as adminis­tracións redacten normas que se axusten á legalidade. Teresa Conde-Pumpido leva xa dous anos á fronte do Consello Consultivo de Galicia, cargo ó que chegou tras abandonar o seu posto de maxis­trada no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A próxima semana o Consello desvelará a súa opinión sobre un dos proxec­tose máis polémicos do Executivo de Feijóo, o Decreto do Plurilingüísmo e Teresa Conde-Pumpido fala dalgunhas das dúbidas do organismo consultivo.

Como vai o ditame sobre a legalidade do decreto do pluril­ingüismo?

O proxecto de ditame entregouno o relator o mércores e convoquei o pleno para o luns e ese día o discutiremos.

En que sentido vai?

Hai un proxecto, pero xa ver­emos se estamos de acordo ou non estamos de acordo. Hai cousas que antes xa fomos prediscutindo, hai moitos puntos de vista xa veremos.

Dubidades da legalidade dalgún punto concreto? Falouse da consulta ós pais ou da po­sibilidade de que os alumnos usen a lingua que queiran na aula.

Hai en varios puntos nos que hai dúbidas. Pero ás veces temos dúbidas e finalmente chegamos á conclusión de que non é legal, e outras temos dúbidas pero iso non quere dicir que sexa ilegal. Ata o mércores non acaba o prazo para entregrar o ditame. Se acabamos o luns pois mellor, pero se a situación se prolonga ou hai que facer reformas, temos ese pequeno lapsus para poder entregalo dentro de prazo.

Adoitan facer caso as administracións dos ditames do Consello ou elixen o que máis lles convén politicamente?

Á fin e ao cabo, salvo en cousas moi excepcionais, os nosos di­tames non son vinculantes. Pero fannos bastante caso, son ­con­scientes de que somos un órgano independente que damos un con­sello no que nós cremos como xuristas que é acertado le­galmente. En momentos determi­nados prima a posición política e se cadra como en dereito tam­én hai moitas visións, poida que sexamos nós os que non estamos acertados.

sábado, 8 de maio de 2010

O decretazo é lamentábel

O da foto non para, declaracións ao Xornal de Galicia, en Vieiros destacan a presentación do seu libro En castellano no hay problema, e tamén o que reproducimos aquí, unha entrevista a Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, en Galicia Hoxe

O presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, acaba de reunir os seus artigos dos últimos anos no libro En castellano no hay problema (Xerais), que presentará mañá ás 19.00 horas na Feira do Libro de Santiago con Pilar García Negro, profesora da UDC e Caetano Díaz, director de GALICIA HOXE, xornal no que vén publicando os seus artigos dende 2008.

Dis no prólogo que é importante que cada falante se active e reclame o seu dereito a vivir en galego. ¿Falta mobilización social?

Nos últimos tempos, e especialmente desde a entrada na presidencia da Xunta de Núñez Feijóo, hai un crecemento visíbel da consciencia lingüística. O aumento da agresividade contra o noso idioma supuxo unha resposta social que, se a logramos afianzar, pode ser o comezo do proceso de revitalización real do galego. Hoxe hai máis xente consciente de que os falantes de galego tamén deberiamos ter os mesmos dereitos lingüísticos que as persoas que falan en castelán e máis xente disposta a moverse para que a lingua galega viva e perviva. Agora ben, ben sei que queda moito camiño por andar e que a todos os galegos e a todas as galegas nos toca decidir o futuro do noso idioma e da nosa cultura.

¿O mito da "imposición" do galego danou a súa consideración social?

A idea da imposición forma parte do argumentario habitual cando os grupos máis poderosos e reaccionarios queren evitar a igualdade social, non só no tema da lingua. Presentan o mundo ao revés, aos oprimidos como opresores. Por exemplo, se se aspira a que as mulleres e os homes teñan os mesmos dereitos, desde o machismo farase ver que as mulleres ocupan todos os lugares de poder... cando a realidade é que unha muller segue a ter máis difícil o acceso a un posto de traballo cualificado e cobra menos que un home. Non é ese o mesmo esquema da "imposición del gallego"? Non hai igualdade xurídica para quen utiliza o galego, mais desde os altofalantes do poder véndesenos outra realidade: todo está en galego, a xente non ten acceso á información en castelán...

Un dos argumentos que usan os detractores da Mesa é que a asocien ó BNG, ¿que opinas sobre a vinculación do nacionalismo co galego?

A Mesa é unha asociación apartidaria e, aínda que non imos negar que a maioría dos seus membros probabelmente sexan nacionalistas, ten afiliadas e afiliados que militan nos tres partidos con representación parlamentaria ou noutras formacións políticas con representantes a nivel municipal ou, tamén, claro, en ningunha. A Mesa ten vocación de casa común de todas as persoas que teñan sensibilidade polo idioma galego e aspira á unanimidade social na súa defensa, por iso promove e coordina Queremos Galego, a cuxas chamadas asiste toda a sociedade galega organizada excepto o PP, que se autoexclúe. Moitas veces acúsase de "politizar" ou "apropiarse" da lingua a quen a defende. É algo que fai decote o presidente da Xunta. A ver se Núñez Feijóo se aplica o conto e se "apropia" un pouquiño do galego! Convidado está!

A poucos días para que se celebre o 17 de Maio, é necesario repensar o Día das Letras? E a RAG?

Penso que é bo que se consolide que o Día das Letras sexa unha xornada para saírmos á rúa, celebrarmos que temos unha lingua propia e mobilizármonos na súa defensa. Agora a cuestión é vermos se somos quen de consolidar aspectos que se foron corrixindo nos últimos anos. A RAG ten moitas cousas aínda por mellorar, mais está a ollos vista que se encontra nun dos mellores momentos da súa historia. Hai un antes e un despois da valente defensa do galego que realizou Xosé Ramón Barreiro diante do propio presidente da Xunta. Esta centenaria entidade ten catro retos a curto prazo: consolidar o seu aplaudido papel institucional de defensa do galego, abrirse e fomentar as relacións co sistema lingüístico ao que pertencemos (non me refiro só a nivel de estándar, que tamén), garantir unha representación plural das voces que conforman a cultura galega e corrixir de forma urxente a infrarrepresentación das mulleres. A verdade, non entendo como se pode seguir nomeando académicos varóns cando as mulleres, que teñen tantísimo peso na vida cultural galega, case non ocupan asentos na RAG.

O Decreto vai ser unha realidade en breve, ¿Como afectará á convivencia nos centros educativos?

Como docente, sei da dificultade para conseguir nalgúns centros que o alumnado utilice o galego cun mínimo de corrección e fluidez mesmo na materia de lingua e literatura galega. "Es que non me sale en gallego...", é a queixa dalgúns rapaces e dalgunhas rapazas e, ao final, tes que centrarte en mellorar as súas competencias comunicativas e non podes dar a materia planificada como quererías. Que, tendo este problema, a Xunta aínda queira diminuír a presenza da nosa lingua, mesmo coa posibilidade de expedientar ao profesorado que a use nalgunhas materias, é lamentábel. Máis aínda cando queren impor este decretazo sabendo que teñen o rexeitamento de todas as institucións culturais do país, do Consello Escolar de Galiza, de todos os sindicatos, de toda as organizacións estudantís e -excepto unha, vinculada ao PP- de todas as asociacións de nais e pais.

"A QUEN LLE PROIA, QUE SE RAÑE"

"Os ataques á Mesa reforzáronnos, somos máis e non imos calar a boca"

En 2002 asinas un texto no que pedías un Acordo Nacional sobre a Lingua. ¿É necesario volver hoxe a reclamalo?

Penso que o acordo nacional existe e está concretado nos consensos aos que chegamos entre todas e todos, en especial o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Carta europea das linguas. O problema é a súa aplicación, claro. E o problema é tamén se o PP algún día cumprirá os acordos aos que chega. Porque aquí parece que só están dispostos a asinar documentos en defensa da lingua galega se despois poden impedir que o alí escrito se poida levar á práctica.

A polémica do "L" no topónimo da Coruña, ¿foi un dos casos que máis desgastou a Mesa?

Hai grupos de poder que nos poden atacar por defender o galego, porque quererían que non houbese ferramentas colectivas para protexelo. Mais a verdade é que cada vez que A Mesa dá a cara contra as agresións, o apoio social á nosa entidade aumenta. A nosa batalla cívica para que o Concello da Coruña cesase nos seus ataques contra a nosa cultura e cumprise o Estatuto de Autonomía e a Lei de normalización lingüística foi dura, mais non hai dúbidas de que foi útil socialmente e serviu para demostrar que A Mesa non só se queixa, senón que tamén consegue resultados.

Denuncias a demonización e criminalización da Mesa ou o maltrato da Xustiza con Queremos Galego. A que cre que se debe?

Nos seus case 25 anos de historia, A Mesa nunca tivo tantos ataques como nos últimos tempos, con calumnias gravísimas e, en ocasións, verdadeiras situacións de indefensión. Mais esta agresividade tamén se volveu como un búmerang contra quen a lanzou, porque tales ataques reforzaron A Mesa como a maior asociación cultural de Galiza, case con 5.000 membros, dos cales case 500 forman parte desta casa común desde o último ano e medio. E a quen lle proa, que se rañe, porque imos ser aínda máis e non imos calar a boca.

venres, 7 de maio de 2010

Lavoisier en galego

















O pasado mes de novembro celebrouse no noso centro o XXII Congreso de ENCIGA (ENsinantes de CIencias de GAlicia), Manuel Bermejo, é un dos seus directivos e por esa razón estivo en Silleda en moitas ocasións últimamente. Nese Congreso presentou unha ponencia titulada Lavoisier en galego, na que presentaba unha tradución ao galego do Traité Elementaire de Chemie do precursor da química moderna. Con esta presentación macábase a boa dirección: as ciencias en galego,o ensino en galego, e a punta de lanza da investigación en galego.
Bermejo, como responsable das probas da selectividade, volveu ao noso centro no mes de febreiro e impartiu unha charla sobre esa temida proba, tal e como vedes nunha das fotos.
Agora deixamos aquí unha entrevista que lle fixeron no Cartafol da USC.

Hai poucos docentes na USC cunha traxectoria tan longa de uso do galego no eido profesional. Comezou a dar aulas na nosa lingua cando ninguén o facía e nunha facultade en que aínda hoxe poucos o fan. Manuel Bermejo é catedrático de Química Inorgánica e nesta entrevista debulla os seus case 40 anos de uso e defensa do galego na Universidade.
Tomou a decisión de dar as súas clases en galego hai xa moito tempo...
Debeu de ser no ano 72. Foi a raíz dun enfrontamento que tivemos na Xunta de Facultade. O decano pretendía que se traducise do galego ao castelán unha memoria de licenciatura que presentaba un dos meus alumnos. Eu secundei a proposta do decano pero propuxen que a partir de aí todas fosen en bilingüe: esa ía traducirse ao castelán pero as demais terían que traducirse ao galego. E que en tanto en canto non se conseguise o 50% de aulas en galego, eu negábame a dar clase outra vez en castelán. E desde entón.
Se agora se imparte un 5,21% de docencia en galego en Química, daquela...

Naquela época o único que daba clase en galego era eu, aínda que na Xunta de Facultade empregábano algúns compañeiros máis. Aquí en Química ningún decano fixo nada polo galego, a pesar das moitas preguntas e interpelacións que fixen ao longo dos anos. Preocúpalles o inglés, pero non a nosa lingua.
Ano 72, últimos coletazos do franquismo. Daquela impúñase o castelán?

Non che permitían dar as clases en galego, que era unha maneira de impor o castelán. Lembro que naquela época os reitores da USC, Garrido primeiro e David Suárez Núñez despois, facían chistes sobre como explicaba eu a química inorgánica. Sendo representante na Xunta de Goberno cuestionáronme como se podía explicar a enerxía nuclear en galego. Entón empecei a explicar unha lección sobre a constitución do átomo integramente en galego.
E agora din que se impón o galego.

Esas son as parvadas que din sempre os políticos, sobre todo aqueles que son inimigos das linguas. Non hai nada máis que entrar nesta Facultade e ver como se fala moito menos galego na actualidade que na década dos 70. E estamos falando dunha época no que o castelán estaba imposto.

Tivo algún problema á hora de dar clase en galego?
Nunca. Nin unha queixa, nin unha denuncia, nin nada. O alumno é diferente. O que mide é a calidade e a capacidade do profesor. Incluso cos alumnos de España que tiven ao longo da carreira non houbo problema ningún. Eu daba a clase en galego e logo, se querían, no despacho empregaba o castelán para todo aquilo que non entendían.
E agora cos “Erasmus”?
As clases recíbenas en galego, como todos os demais. Xa nos 70 tiven alumnos palestinos ou libaneses que facían os exames en francés. No despacho falabamos na lingua que fose e dáballes materiais específicos para que non tivesen ningunha carencia.
Á hora de dar clase de química en galego, hai problemas co léxico?
A comunicación da ciencia é distinta. A linguaxe que empregamos está cimentada sobre o grego e o latín, de xeito que as palabras que utilizamos son moi semellantes en todas as linguas romances. Na miña especialidade teño que empregar con frecuencia o inglés, o francés, o italiano ou o portugués, e hai moitas palabras que son iguais.
Vostede elaborou o primeiro léxico de vocabulario científico.
Si, pero era un traballo moi pobre. O seguinte, que foi elaborado por xente da Facultade, é moito mellor.
Daquela esa xente que se escusa nesa falta de vocabulario para non dar a clase en galego...
Iso é unha falacia. Non hai ningunha dificultade para nós, cunha lingua romance, para entender a linguaxe científica. É máis, cando o meu grupo de investigación asiste aos congresos onde estamos portugueses, italianos, romaneses, alemáns, franceses... non empregamos case nunca o inglés. Preferimos usar a nosa fala porque nos entendemos perfectamente entre nós. O que se atopa descolocado é o pobre inglés. No mundo da química, aqueles que dominamos unha lingua romance témolo moi doado para nos comunicar.
Na publicación da investigación cambia a cousa, non?
Aí só en inglés. Agora xa nin francés, nin italiano, nin castelán... Só os alemáns manteñen un reduto, pero moi pequeno. De feito, as revistas científicas en español desapareceron. Agora o que queda son revistas de divulgación.
Valórase máis un traballo publicado en inglés que en galego, aínda que a calidade sexa a mesma?
Si, sempre foi así. De feito unha das pelexas que tiven na miña agregación foi cos catedráticos que me xulgaban, que non entendían por que escribía artigos científicos en galego se, segundo eles, ninguén os podía ler.
Vostede foi e aínda é director de moitas teses de doutoramento e memorias de licenciatura, e unhas cantas, en galego.
Ese é un traballo e unha decisión de cadaquén. Eu non lle impoño aos meus nenos a lingua na que teñen que facer as súas teses. Hainas en galego e hainas en castelán. A estrutura, a disposición, os espectros... non hai diferenza entre linguas. A crenza errónea de que non se pode escribir en galego só se desfai cando se compara con teses escritas noutras linguas. Son iguais.
Existe a responsabilidade do profesor de transmitirlle aos seus alumnos o valor da lingua?
Non é que se poida falar, e que se debe falar. Do contrario estase contribuíndo a un linguicidio, estase a rematar coa lingua do país. Non é certo que os meus compañeiros de facultade non saiban falar galego: comigo fálano, pero non se atreven a dar o paso en público. O que hai que facer é cambiar o chip. Estiven en comisións de normalización lingüística con diferentes reitores e non serviron para nada. Séguense redactando normativas de mínimos para galeguizar, pero o único xeito é obrigar ao profesorado a que dea ese paso. É a única posibilidade que temos de que o galego se incorpore ás nosas áreas. Temos unha responsabilidade social, porque os alumnos de hoxe van ser mañá mestres doutros alumnos, tanto na universidade como no ensino secundario. Se non saen de aquí preparados para dar as clases en galego, como van facelo cando se atopen nunha aula diante dos estudantes? Por estas razón hai xa uns 25 anos un grupo de alumnos meus montamos a Asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia (ENCIGA), que fai traballo de divulgación científica e todo en galego.
Falando da divulgación, vostede traballa a historia da ciencia en Galicia...
Como non existe na nosa Universidade, estou a intentar que se impartan materias de historia da ciencia, xa que os alumnos pensan que a ciencia se inventa nun momento dado da historia e non grazas á acumulación de coñecemento ao longo do tempo. De feito montamos un terceiro ciclo da historia da ciencia e da tecnoloxía. Dedícome a traballar e divulgar a historia da ciencia e a facer exposicións de carácter didáctico, que é outro xeito de dicirlle á sociedade para que serve a ciencia.
E a pesar de todo este traballo que está a facer de asociar ciencia ao galego a nivel docente, investigador e de divulgación, aínda hai xente que di a nosa lingua non é válida para ensinar química.
Contra eses non se pode facer moito máis que darlles o argumento de que hai moita xente por aí dando química en galego. Só en ENCIGA somos máis de 800 socios de diferentes disciplinas científicas.
Desde o 72 que comezou a dar clase xa van alá 38 anos. Que mudou desde entón a respecto do ensino en galego?
O cambio foi sinusoidal. Despois da morte de Franco prodúcese un aumento do interese polo ensino en galego. A tendencia das décadas seguintes foi ir aumentando até que chega este goberno. Recentemente houbo unha involución, especialmente con este novo decreto.
Que se pode facer?
Cambiar o goberno. Non queda outra saída se é tan belixerante coa lingua. A potencia de dominar os dous idiomas que se falan en Galicia permítenche poder comunicarte con centos de millóns de falantes, grazas tamén ao portugués. É un atraso que este goberno non teña máis luces que deixarse guiar por unha xente que é inimiga visceral da lingua. Cómpre volver a un punto de concordia. As linguas son o máis importante invento da humanidade para poder transmitir coñecemento, comunicarnos uns con outros, compartir e crear. Se se utilizan para destruír, como fai este goberno, mal asunto.
E na universidade?
A ver se antes de que me xubile se desenvolve o Plan de Normalización Lingüística! Esta é unha obriga do novo equipo de goberno que saia destas eleccións, xa que os anteriores foron uns auténticos inútiles en tema de lingua.