por Gabriel Beceiro en Praza Pública:
Teriamos que habitar unha outra cultura, saír dos estritos límites do cuarto e non habitalo como o paxaro autómata que emite un canto cada media hora. Sentíndose ameazado desde fóra, o cuco ignora que o seu mecanismo de reloxería está interiormente asentado. Como poderán os cucos libertárense uns aos outros se non é quebrando o mecanismo e andaren arredor de si? Podería semellar un conto de Hoffmann, ou máis ben un artefacto kafkiano, mais gravita como aquel outro máis próximo do Otero Pedrayo. Acho de grande interese o humor iconoclasta que encerra o talante do cuco asociado a Suíza, tanto ou máis ca o tópico do reino onde os cartos non feden (pecunia non olet). Quizais non sexa este o mellor camiño teórico. Porén, hai que festexar o papel modesto que lle conceden ao mecanismo de reloxería contra a frecuente autosuficiencia dos que pretenden agochar por decreto lei a complexidade da vida despolitizando material que é de seu gravemente político.
