Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Paul Bilbao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paul Bilbao. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de maio de 2016

Por unha diversidade lingüística real




Hai un par de meses xa tratamos este asunto. O Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos (PGDL) é un documento en construción que se presentará á sociedade e ás institucións no vindeiro mes de decembro. Estase a elaborar desde hai varios anos por diferentes grupos de traballo, combinando os enfoques científico, académico e social, para construír unha ferramenta que permita reverter a situación das linguas minorizadas e construír unha Europa baseada na igualdade entre as comunidades lingüísticas. Preténdese que sexa un instrumento regulador do compromiso social e político coa diversidad lingüística europea.
Paul Bilbao, un dos membros do comité científico para a elaboración do protocolo explicaba así o seu carácter:
consiste no establecemento dunhas medidas que servan para a protección e garantías dos dereitos lingüísticos de todas as comunidades lingüísticas europeas, na procura dunha diversidade lingüística real. Na situación actual, incluso en Europa, moitas comunidades lingüísticas quedan invisibilizadas.
Trátase de acelerar o proceso de normalización lingüística desde unha vertente política e desde unha vertente social. Compría deixar un legado que servira para o futuro. Poñer de manifesto outra xestión da diversidade lingüística en toda Europa

Outra das compoñentes do comité científico, Pilar García Negro, denunciaba na presentación o mesmo que comentaba eu no chiador o pasado 18 de maio:

A política lingüística oficial non é que sexa pasiva, indiferente ou indolente a respecto da lingua galega: é francamente hostil. Ao día seguinte da (suposta) celebración, do día da lingua galega, o presidente da Xunta de Galiza estaba falando en imperfecto español, de principio a fin, porque se estaba a celebrar a renovación de contratos na Citroën de Vigo. A lingua galega non abonda nin para manter unha mínima acción declarativa porque se trataba dunha multinacional, moi recompensada, pro certo, por diñeiros galego, e aí non cabe o galego