Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Agustín Fernández Paz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Agustín Fernández Paz. Amosar todas as publicacións

domingo, 8 de decembro de 2024

Como se debuxa a dignidade?

 por Ismael Ramos, en El Diario:


Hai na cultura galega demasiadas figuras na misa e repicando? Supoño que iso non é nada en comparación coas técnicas de disociación de Valentín García, que leva doce anos afirmando que o galego vai ben e indo todos os días traballar á Secretaría Xeral de Política Lingüística

sábado, 21 de decembro de 2019

Lingua galega e premios da cultura

nova Voz de Francisco Fernández Rei, membro de ProLingua.


Estes días pasados desveláronse os nomes dos galardoados cos Premios da Cultura Galega 2019 da Xunta de Galicia. Vou lembrar o nacemento destes premios para logo centrarme nos de creación literaria e outros do Ministerio de Cultura onde a Real Academia Galega conta cun membro do xurado.

martes, 7 de marzo de 2017

Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Ferrol: A banda da Loba



O 17 de febreiro pasado celebrouse no Auditorio de Ferrol unha gala para homenaxear a Agustín Fernández Paz na que participaron artistas como Guadi Galego, María Manuela, Xabier Díaz, BellónMaceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba. Deste último grupo son as actuacións que recollo aquí.


xoves, 2 de febreiro de 2017

21 días co galego, apadriñado por Roberto Vilar


Hai uns días botou a andar a 5ª edición de 21 días co galego. Desta volta cunha sentida homenaxe a quen fora o seu primeiro padriño e incondicional colaborador, Agustín Fernández Paz. 
Para esta nova edición chamaron ás portas de Roberto Vilar, o archicoñecido humorista que presenta na galega un programa semanal en horario de máxima audiencia, Land Rober Tunai Show.
Coma sempre, os obxectivos fundamentais desta iniciativa son a de provocar o uso continuado do galego (para comprobar que non é morte de ninguén) e a reflexión sobre a nosa relación co uso das linguas.

venres, 6 de xaneiro de 2017

Sete anos e un día

Va alá xa sete anos e un día.
Cada noite de Reis véxome pegado ao teclado do computador para escribir, xa por sétima vez, o recordatorio do comenzo deste blogue.
Non me gusta facelo porque se me fai máis presente que nunca que estamos a vivir unha década ominosa para a normalización lingüística xa que os comenzos do blogue coinciden cos comenzos desa década. Un tempo no que sobrancea o funesto decreto malchamado do plurilingüismo, xunto cunha chea de medidas e pedagoxías oficiais cargadas de odio e desprezo ao galego.
Este último ano tamén foi o do falecemento dun incansable traballador pola normalización, Agustín Fernández Paz. O seu exemplo debe darnos azos a todos para continuar a estela do seu labor. Alá imos, detrás súa.

luns, 5 de outubro de 2015

E Rosalía falou pola boca da Coordinadora Galega de ENDL

Cando lle concederon o Premio da Cultura Galega 2015 á Coordinadora Galega de ENDL (CGNEDL), viñéronme inmediatamente dous recordos á mente. O primeiro foi o da renuncia ao mesmo premio  no ano 2010 que fixera Agustín Fernández Paz. Na carta de renuncia o escritor vilalbés asentaba os seus motivos nun comunicado que fixera público ProLingua uns días antes de título certamente aclaratorio: Rosalía non aceptaría ese "premio" no que desde o convencenmento de que as xentes que levaran consigo o espírito de Rosalía non "aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia"
A segunda das imaxes que me invadiu foi a sentida homenaxe a Agustín Fernández Paz que lle fixera a CGENDL ao cumprírense os 20 anos da existencia dos equipos de normalización lingüística nos centros de ensino. Aquel sí que fóra un premio da cultura galega, a unha das persoas que máis fixo, e segue a facer, pola normalización da nosa lingua, tanto desde o seu labor literario como pedagóxico ou de activismo social.
Todo aquel que saiba algo de lóxica ligará pronto estas dúas premisas e tirará como conclusión lóxica o que a CGENDL vén de facer, renunciando cinco anos despois ao mesmo premio. Eis un caso claro de que, como bos alumnos aprenderon realmente das ensinanzas do profesor.
Entre as palabras da Coordinadora, que se poden ler máis abaixo, quixera destacar as que facendo referencia a Feijóo e os seus gobernos din que:

foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nasnais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada. Foi, en fin, un goberno reticente coa promoción real do galego, a pesar das alarmantes estatísticas que convidan a cambiar de rumbo na política lingüística, e con urxencia

Hoxe Agustín sentirase máis acompañado na illa da dignidade e os que queremos unha terra normalizada por fin podemos repetir que somos un pobo grazas a persoas coma eles (levaba cinco anos esperando para poder escribir esta frase; veremos canto tempo máis teremos que agardar para volvela a pousar nesta pantalla)


mércores, 18 de marzo de 2015

TV Escola. O ABC da Astronomía

A TV Escola é o canal da televisión pública do Ministério da Educação de Brasil destinada aos profesores alumnos e a todos interesados en aprender. Trátase dunha colección de recursos enormes que non podemos deixar de coñecer, sobre todo os galegos. Para ter unha idea das dimensións desta plataforma, bastará con apuntar que na súa canle de You Tube teñen máis de 14.000 vídeos subidos e que isto non representa máis que unha pequena parte de todo o material ao que podemos ter acceso na TV Escola.
Hai algúns vídeos que requiren que estemos logueados para poder velos como é o caso do audiovisual A beleza dos diagramas, un documental de Marcus du Sautoy, por poñer un caso. Porén non teremos problema ningún en acceder a eles xa que non nos nos dificultan o ingreso na plataforma.
Por destacar só unha das múltiples posibilidades deste portal, velaquí un dos capítulos dos 30 da serie ABC da Astronomía. Trátase duns documentais guiados polo profesor e astrónomo Walmir Cardoso que vai percorrendo o alfabeto da lingua portuguesa. Por exemplo temos capítulos adicados á Astronomía, ao Ano luz, ao Big Bang, ..., Raios X, Yuri Gagarin ou Zodíaco. Destácase desta serie que de temática astronómica que está elaborada desde un punto de vista do hemisferio sur, punto de vista pouco usual neste tipo de recursos de divulgación científica, que normalmente nos aportan unha visión centralista, a do hemisferio norte. Así, en capítulos como o das Constelacións podemos aprender sobre aquelas que non se poden ver nunca nas nosas latitudes.
O escolla do vídeo foi feita pensando especialmente nunha persoa fundamental na normalización lingüística nas últimas décadas, Agustín Fernández Paz, autor do libro A viaxe de Gagarin. Así aproveito unha vez máis para insistir en que ciencia e lingua non son campos enemigos, como nos queren facer ver desde zunia que dirixe a política lingüística no noso país e que prohibe o uso do galego na impartición de aulas e nos textos educativos.

´

Estou seguro de que esta entrada non vai ser a última na que faga referencia a este extraordinario portal, TV Escola. Xa que desde a Xunta nunca houbo interese ningún en contribuir ao ensino achegando material audiovisual, non nos queda outra que poñer a vista nos países da lusofonía para ter acceso a este tipo de posibilidades.

martes, 23 de setembro de 2014

Palabras baleiras

por Agustín Fernández Paz nas Voces de Prolingua:


Cando eu era neno, naquelas autárquicos anos cincuenta, aos rapaces gustábanos coleccionar ovos de paxaro. Ben sei que desde a perspectiva de hoxe era un costume bárbaro e rexeitable, mais naqueles anos viviámolo como algo natural. Para conservar os ovos, tan fráxiles, depositabámolos nunha caixa de cartón, das dos zapatos, chea de farelo ou de serraduras da madeira. Pero antes, para que non podrecesen, faciámoslles aos ovos dous diminutos buratos cunha agulla, un en cada extremo; despois, soprabamos por un deles e todo o contido do ovo ía caendo polo outro, ata quedar baleiro por completo. Así, aqueles ovos tan fráxiles e fermosos que gardabamos entre o farelo, non eran máis que cascas, envoltorios brillantes e atractivos que só contiñan o baleiro no seu interior.

luns, 30 de xuño de 2014

Agustín en Trasalba

por Víctor Freixanes en La Voz de Galicia:


A cesas as candeas dos castiñeiros, entrada á fin esta primavera serodia a arrecender nos soutos de Amoeiro, reunímonos os amigos e amigas de don Ramón na casa grande de Cimadevila, en Trasalba, para agasallar co premio que leva este nome unha figura sobranceira das nosas letras e da nosa cultura, disto que chamamos galeguismo, espírito da xeración Nós, democrática e europeísta, que reivindicamos cada ano por estas datas na que foi morada patrucia do autor de Arredor de si, un dos espazos simbólicos da nosa memoria colectiva.

mércores, 13 de febreiro de 2013

Agustín Fernández Paz: "A loita pola lingua é a loita por unha sociedade mellor"

 Iago Martínez faille unha entrevista a Agustín Fernández Paz para Cuac FM que podemos escoitar aquí abaixo a partir do minuto 21
Iago comenza preguntándolle  sobre o seu nomeamento como doctor honoris causa pola Universidade de Vigo, e despois pasan tamén conversar sobre a lectura e a escritura.
A partir do minuto 35 trátase o tema da normalización. Agustín fala da hipocrisía dos que se manteñen no discruso da imposición e chama a continuar cun discurso ilusionante que están a desenvolver a CTNL e a CGENDL.
Tamén trataron sobre o ensino, do que como bo mestre, Fernández Paz bota en falta o trato cos rapaces, e no aspecto negativo comentou que a "lei Wert é a volta ao franquismo".
Ir a descargar

martes, 29 de xaneiro de 2013

'Seis lembranzas e unha narración', o discurso de Fernández Paz no honoris causa


Por todos os seus “méritos vitais, literarios, humanísticos e universais; por ser un narrador elegante e absolutamente comprometido coa defensa da lingua; por ser unha persoa coherente que buscou sempre transformar a sociedade desde a escola pública e se implicou na vangarda da renovación pedagóxica; por ser un dos narradores galegos máis universais, un dos mellores facedores de lectores, coñecido dentro e traducido fóra, por ser un exemplo de ética e dinamismo ao servizo da terra nosa e da terra enteira…”. Por todos e cada un de estes motivos o escritor Agustín Fernández Paz foi nomeado este luns Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo.
O escritor regalounos esta magnífica peza de amor á lingua e á lectura, pois como moi ben nos explica un non é outra cousa que o que fala e o que le.
Destaco só un parágrafo para amosar o apetecible do discurso de Fernández Paz que se pode ler máis abaixo.
Desde hai algúns anos asistimos desacougados ao minucioso proceso de demolición do edificio. Coa escusa da crise ou sen ela, os retrocesos legais sucédense con medida puntualidade. O obxectivo final semella ben claro: podar as pólas máis vigorosas do bonsai, coutar a presenza social da lingua ata confinala nun lugar subordinado.
Nota: Nunha primeira versión desta anotación colgara o borrador do discurso de Agustín Fernández Paz, pois era o que aparecía nun primeiro momento referenciado no DUVI. Agora o propio autor avisoume de que o texto definitivo e que foi a que finalmente leu este luns foi esta outra. Grazas polo aviso, e agora si, deixo aquí a versión final.
P.S.: Finalmente tamén engado o vídeo do acto que finalmente foi cargado pola canle do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo.

domingo, 8 de xullo de 2012

Grazas, Agustín!

por Mercedes Queixas Zas en Sermos Galiza:

A miña patria é a lingua, afirmou Pessoa, patriarca das letras portuguesas.
A patria do escritor é a súa lingua, recoñeceu novamente Francisco Ayala.
A lingua galega tense convertido tamén para o noso escritor Agustín Fernández Paz, no apoio óptimo para esvaír o fío imperceptíbel entre quen le e quen escribe e para, asemade, amplificar o convite social a xogar coas palabras que a lingua nos ofrece sempre, porque seguramente o noso veciño, profesor, parente, amigo e/ou compañeiro de viaxes, Agustín, participa e exemplifica a máxima de Cortázar, logo de ter viaxado a Galiza e se aproximar ao seu pobo: Os galegos respiran polo idioma.

O cinema de Agustín



Montaxe con algúns dos filmes favoritos de Agustín Fernández Paz, proxectada durante a homenaxe nacional que se lle tributou o sábado 30 de xuño de 2012 en Vigo. Edición a cargo de Eloy Domínguez Serén.
Vía Martin Pawley

martes, 26 de xuño de 2012

Agustín Fernández Paz: 'Deas matemáticas ou deas outra materia, vas transmitir moitísimo'

Alberto Ramos entrevistou a Agustín Fernández Paz para O Dioivo:

Agustín Fernández Paz recibirá este sábado unha homenaxe nacional en Vigo. Este tributo únese á longa lista de recoñecementos que vén de recibir o escritor nos últimos tempos. Dioivo aproveita para publicar unha longa entrevista na que Fernández Paz reflexiona sobre literatura, ensino ou lingua e fala dos seus futuros proxectos. O máis inmediato é a publicación en outono, da man de Xerais, d'O rastro que deixamos, libro que recolle artigos, conferencias e reflexións do autor.
Que sente un ao recibir tantas homenaxes?
A ver, eu tiña avisados a Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado de que xa me chegaba. No último ano tiven varias homenaxes en diversos sitios. A verdade, doume por máis que homenaxeado. Agora ocorréuselles montar esta... Obviamente, eu acéptoa. Acéptoa con cariño e con emoción, pero son consciente de que a min me están a coller como cabeza visible para homenaxear a toda unha xeración que xa está de retirada. Eu asumo con gusto e con satisfacción ese papel representativo que me outorgan, pero teño claro que hai moita xente con iguais ou maiores méritos para recibilo, como Bragado ou DoCampo. Eles teñen tantos coma min! Asumo encantado esta homenaxe e quero que sexa o máis agradable posible para todos os que asistan. Por iso, a miña intención é agasallar a todos cun conto inédito. Quero corresponder con algo da miña parte a toda a xente que vaia participar.

luns, 11 de xuño de 2012

O extraterreste e Agustín Fernández Paz

Imaxinemos por un momento que un habitante doutro planeta chega onda nós coa misión de remexer no mundo da normalización lingüística . Axiña había de atopar por todas partes referencias a unha persoa, a un traballador pola lingua e a súa dignificación. . O seu nome,  Agustín Fernández Paz, vén sendo algo así como unha bandeira e un escudo da dignidade e do orgullo do galego
Tal é a forza da súa figura que el foi a escolla necesaria para a elaboración do manifesto da manifestación de Queremos Galego do 17 de maio: Voares de esperanza. O resultado demostrou que tamén foi a mellor escolla.
E quen, senón Ferández Paz, podía ser o que, con lume no peito,  recollese o premio concedido pola a AELG aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e aos Servizos de Normalización dos concellos?.
A traxectoria vital de Agustín Paz Andrade marca o desenvolvemento da normalización en Galicia. El mesmo relata esta complicada travesía na homenaxe que a CGENDL lle fixo con motivo da celebración dos 20 anos da existencia dos ENDL.
E agora vai recibir unha nova homenaxe, desta vez de ProLingua. Debíanlla. Non xa por ser membro destacado dela, senón por elevar a dignidade desta asociación aos máis altos cumes da ética cando nun inusual acto de compromiso rexeitou o Premio da Cultura. Fíxoo en coherencia co chamamento de ProLingua de non aceptar un galardón que tampouco aceptaría Rosalía.

Se ese extraterrestre finalmente se interesara pola normalización e se puxera a colaborar nela, cando se enfrentase a algún dilema sempre podería cuestionarse como actuaría Agustín Fernández Paz. Pode ser que non acertase coa resposta, pero polo menos tería ben establecida a pregunta.

Nota: para escribir esta mensaxe tomei como referencia  neste artigo(páx 85), de Fernández Paz.

venres, 18 de maio de 2012

Crónica da manifestación de Queremos Galego. 17 de maio 2012

Creo que estes tres vídeos que engado nesta anotación son unha moi boa crónica de como se desenvolveu a manifestación convocada por Queremos Galego para este 17 de maio do 2012 baixo o lema 'Paremos os ataques contra o galego'.
Primeiro vai unha reportaxe moi ben realizada que dá conta de como foi esta festa de reivindicación do galego.


E de seguido, dous vídeos de Alfredo Ferreiro, o levantador de minas.
Neste vídeo podemos escoitar ao máis aplaudido do día de hoxe, a Agustín Fernández Paz, quen nos regalou o seu 'Voares de esperanza', o manifesto desta manifestación, un texto tan ben escrito que eu aventuro que co tempo será un referente á altura do mítico 'Alba de gloria' de Castelao.


Carlos Callón actuou como un bo profesor, escollendo moi bos exemplos de cal é a situación sociopolítica da lingua nestes tempos, explicándoos con claridade e achegando unha mensaxe positiva para os que están, sen actitudes hipócritas, a favor da lingua, e que son precisamente aqueles que comparten os valores que deixaron ver na manifestación de hoxe.

mércores, 9 de maio de 2012

Con lume no peito

O pasado sábado 5 de maio a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) entregou os Premios AELG 2012; o destinado a Institucións que se caracterizan pola súa contribución á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, foi, por decisión unánime da a Asemblea Xeral de Socios e Socias da AELG, para o labor colectivo desenvolvido por tantas persoas que dende hai décadas no ámbito da administración e da educación, traballaron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos.
O premio foi recollido por Agustín Fernández Paz coas seguintes palabras, palabras dalguén que traballou arreo pola normalización e que sempre ten no seu imaxinario un mellor futuro para a lingua de noso. O texto ten o título 'Con lume no peito':

A nosa Asociación decidiu premiar este ano, no apartado destinado ás institucións, os Servizos Municipais de Normalización e os Equipos de Normalización dos centros de ensino. Os que existen na actualidade e tamén os que foron facendo camiño ao longo destes últimos trinta anos.
A AELG quixo que, simbolicamente, recollese eu este premio, e aquí me tedes. Mais a quen debedes ver aquí non é a min, pois neste momento eu non son máis que un corpo aberto que quere servir de canle para que se manifesten tantas e tantas persoas que traballaron, e traballan, pola normalización social da lingua nos concellos e no ensino.
Porque é tempo de dicilo: os avances na normalización social da lingua conforman hoxe un edificio que, malia tantas agresións como sofre, ten paredes solidamente construídas e vai abrindo estancias para podermos vivir en galego con normalidade. Paredes que resisten as acometidas dos que desexarían botar o edificio abaixo e substituílo por unha cabaniña vistosa, para gozo de turistas e nativos desleigados.
Esas paredes e eses cuartos non se fixeron sós. Foron moitas mans quen os construíron, e cómpre lembralo con orgullo nestas horas difíciles. Ben sei que formamos parte dun río que vén de lonxe, que somos elos dunha cadea, que sempre se constrúe sobre as bases asentadas polos que estiveron antes. Mais a miña xeración, e as que seguiron, tamén fixeron o seu.
Podería falar agora das organizacións de docentes que pularon para botar a andar unha escola galega, que traballaron para que os Equipos de Normalización existisen (nun proxecto moito máis ambicioso do que foi logo o cativo deseño administrativo). Podería facelo tamén dos primeiros Equipos, os que foron abrindo os camiños más entupidos. Podería falar dos Servizos Municipais pioneiros, coma o dos Concellos de Fene ou Redondela, que tantos vieiros deseñaron. Podería falar de tantísimos nomes salientables, dunha historia que aínda está por escribir; persoas que, por diversas razóns, transcenderon o labor diario e chegamos a saber do seu traballo. Todo o noso recoñecemento para elas, xaora que si!
Mais a quen quero loar especialmente é a outras persoas. E, para iso, deixádeme viaxar a Bos Aires, ao 25 de xullo de 1948 e recoller un anaco da extraordinaria Alba de Groria que ese día pronunciou Castelao. Como ben sabedes, no texto fala primeiro da Santa Compaña dos inmortais galegos, das figuras senlleiras ao longo da historia, ás que vai citando unha por unha. E logo, un pouco máis adiante, di:
En canto a Santa Compaña dos inmortaes se perde na revolta dun camiño, detrás dun pinal, vemos xurdir do humus da terra-nai, saturada de cinzas humáns, unha moitedume infinda de luciñas, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que, xuntos, compoñen o substractum insobornable da nosa Patria. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o feito diferencial de Galiza. (…) Esas luciñas son o pobo, que nunca nos traicionou; son a enerxía colectiva, que nunca perece; son, en fin, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa moitedume de luciñas representa o que fomos, o que somos e o que queremos ser.
 As persoas que eu quero loar aquí están moi vivas aínda, e que sigan así por moitos anos. Mais hai unha semellanza entre a multitude da que fala Castelao e a significativa cantidade de docentes que, desde os seus centros, traballaron arreo en condicións difíciles nos anos oitenta, nos noventa e nos do novo século. Descúbrome ante tanta xente admirable que traballou en centros de Galicia enteira: son a auténtica columna vertebral dos logros que se foron conseguindo nestes anos. Debemos agradecer profundamente os exercicios de dignidade persoal que están na raíz do seu traballo. Grazas a eles, un sector do alumnado puido educarse coa conciencia de que o galego é unha lingua de pleno dereito, válida para todos os usos e situacións; puido medrar sen prexuízos cara o galego, puido adquirir ou consolidar a competencia necesaria para utilizalo con naturalidade, puido coñecer e apreciar a literatura de noso…
E que dicir dos Servizos Municipais de Normalización? Na miña infancia vilalbesa, desde as fiestras máis altas da casa, víase toda a extensión da Chaira, que polas noites era un océano de negrura. Pois ben, na noite de San Xoán, cando en cada barrio da vila ardía o Lume Novo, desde a fiestra da casa víamos como a negrura da Chaira quedaba rota pola luz dos lumes que se acendían en distintos lugares. E nós podiamos dicir: mira, o de Mourence, o de San Xoán de Alba, o de Boizán, o de Sancovade, o de Gondaísque... Pois así, coma eses lumes na noite, foron e son os Servizos de Normalización. Cando un mira o mapa de Galicia é doado saber en que lugares hai un servizo iluminando o Concello.
Destas persoas que, desde os Concellos e desde os centros educativos, traballaron e traballan con entusiasmo e afouteza, podemos afirmar o que Castelao dicía dos trobeiros na Alba de Groria: camiñan todos con lume no peito.
Recollo, con emoción e agradecemento, a escultura que simboliza este premio. Mais entenderedes ben que non tería sentido quedar eu con ela, xa que se trata dun premio a un colectivo moi amplo. Así que, se non hai inconveniente, quero cederlle á AELG esta escultura para que a deposite nas súas vitrinas, en lembranza deste xusto recoñecemento ao colectivo do que é unha honra formar parte.
En Santiago de Compostela, a 5 de maio de 2012

venres, 13 de abril de 2012

Voares de esperanza

Este texto, de Agustín Fernández Paz é o manifesto co que Queremos Galego convoca a manifestación do vindeiro 17 de maio.
A plataforma de defensa da lingua destaca que a TVG non cubreu o acto polo que leva 4 meses sen dar ningunha noticia sobre as organizacións que conforman Queremos Galego.

Voares de esperanzaDon Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza! A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.
Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.
Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.
Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe, normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.
Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.
Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.
Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»
Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.

luns, 26 de setembro de 2011

A normalización na encrucillada



A foto que aparece neste post recollina do nº 25 da Revista Galega do Ensino, que levaba por título "A normalización na encrucillada" publicada no 1996.
Nesa publicación podemos ler entrevistas a Modesto Rodríguez Neira e a Manuel Regueiro Tenreiro ou artigos de Manuel Bragado, Francisco Fernández Rei,  Ben-Cho-Shey, Francisco Rodríguez, Anxo Lorenzo, Agustín Fernández Paz e moitos outros. Vou centrarme no que escribiron estes dous últimos autores.

Anxo Lorenzo fai un estudo sociolingüístico da Universidade de Vigo. Achega unha reflexión interesante:
'No caso dos alumnos, que teñan dificultades importantes para falar galego pode ser razoable na medida en que a lingua habitual dos estudiantes é, nunha porcentaxe maioritaria, o castelán. Polo tanto, a posta en práctica oral está chea de dificultades e dúbidas. Con todo, é interesante observar que os alumnos centran na competencia escrita as principais dificultades competencias á hora de se enfrontaren á práctica da lingua galega. Tendo en conta que o 92,2% dos alumnos aprendeu galego nos distintos niveis educativos, e tendo en conta tamén que a lingua aprendida na transmisión escolar é sobre todo a lingua escrita, o feito de que os alumnos universitarios manexen serias dificultades no manexo escrito do galego debe facernos reflexionar sobre boa parte dos contidos que estamos a vehicular no ensino, do galego nos diferentes niveis do ensino.'

O actual secretario de política lingüística seguramente agora daríalle a volta a estas liñas para asegurar que estaba afirmando o contrario, mais creo que está ben claro que, daquela, pulaba polo incremento e a mellora do galego como lingua vehicular no ensino non universitario. Xusto o contrario da política que, agora, defende.

Agustín Fernández Paz ten un fermoso e preciso artigo sobre as actitudes lingüísticas, cómpre desfrutalo con vagar. Nel debulla e aniquila un par de actitudes negativas para a normalización:
-Aos nenos, en castelán (e se son nenas,  máis)
-Cando o teu interlocutor fale en castelán, tamén debes facelo ti

E desvela non poucos prexuízos:

"- O galego vale  para a vida rural ou para a vida afectiva, pero non vale para andarmos polo mundo da ciencia e da téc­nica. 
- O galego representa o atra­so,  o carro de  vacas; o castelán representa a modernidade,  o ordenador. 
- Os que falan galego, ou son da aldea ou son do Bloque. 
- O galego significa quedar­nos pechados en nós mesmos, trasdoTelón de Grelos, cando o que hai que buscar é a universa­lidade. 
- O galego fálase distinto en cada sitio,  non  nos  damos posto de acordo entre nós. 
- O galego bo é o que sempre falou  a  xente; o outro é un in­vento  dos  profesores, un galego artificial. 
- Non  se pode dar clase en galego,  porque os nenos son de familias castelán falantes. "

E un último prexuízo:

"- O  do  galego  no  ensino é todo política."

Non si?, Anxo Lorenzo.


venres, 17 de xuño de 2011

Homenaxe da CGENDL a Agustín Fernández Paz

A CGENDL fíxolle unha merecida homenaxe a Agustín Fernández Paz o pasado 4 de xuño.

Xabier Docampo: 'A túa, a nosa loita, só foi unha loita polo obvio: o sermos galegos en Galicia'


Agustín Fernández Paz: 'Coas planificacións lingüísticas, como pretenden que o alumnado teña competencia en galego?, con excursións masivas a Lourdes?'


Valentina Formoso: 'Xa que á administración non lle acordou celebrar o noso aniversario...'