Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
Amosando publicacións coa etiqueta Galescolas b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galescolas b>. Amosar todas as publicacións
domingo, 11 de novembro de 2012
'Galescolas' versus 'Galiñas azuis'. A exclusión do galego en infantil.
Un xa está tan afeito ás ducias de Praza que lle dá a impresión de que as estivo vendo toda a vida. Nesta fin de semana recuperaron unha ducia de spots galegos que non teñen perda. De entre eles escollín o anuncio das Galescolas no se se publicitaba que por fin teriamos a liberdade de acceso ao ensino infantil en galego. Así o recoñecían no 2007 os expertos na segunda avaliación do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), felicitando ao goberno galego especialmente por esta iniciativa.
Unha das primeiras medidas do goberno do PP foi a aniquilación das Galescolas, e non xa o cambio de nome polo de 'Galiñas azuis', senón unha destrución programada e radical dun proxecto integrador fundamentado nos principios da normalización lingüística por outro lingüicida, clasista e enraizado na exclusión social.
Agora, só cinco anos despois, o anuncio habería que velo ao revés (non: corrixo), moito peor que ao revés. O 97% dos centros de infantil das cidades exclúen o galego das súas aulas, precisamente onde o entorno deses nenos é o máis refractario á transmisión interxeneracional do galego. O ataque ao primeiro paso a favor da liberdade do uso do galego no ensino levounos a un ensino en branco e negro. Así o certifica o terceiro informe do comité de expertos do CELRM.
E un pregúntase: é isto o que queren realmente os galegos se nen tan siquera o aproban en Estrasburgo?
xoves, 11 de outubro de 2012
Duottaraski: galescola sami en Finlandia
Finlandia presenta o mellor sistema educativo do planeta. Para conseguilo deben coidar a educación desde os primeiros anos. Presentamos aquí un vídeo que nos relata como é a xornada na gardería infantil Duottaraski, na vila finesa de Ohcejohka fronteiriza con Noruega, no territorio dos Sami, tamén coñecido como Laponia. Os alicerces están claros: respecto polo entorno e a cultura locais que implican a transmisión da lingua sami no entorno escolar.
Ao centro acuden nenos de entre 9 meses e 7 anos que reparten o seu tempo entre xogos libres e actividades guiadas. Os cativos reciben diariamente o almorzo, comida quente e un pequeno aperitivo. No vídeo podemos ver como antes da comida realizan unha asamblea na que cantan unha canción achegada por artistas locais.
A maioría dos nenos son bilingüies, pero hai algúns que falan máis linguas. A comunidade de fala sami é pequena e hai moi pouco material para as garderías nesta lingua. Por iso o persoal de Duottaraski vese na obriga de crear por si mesmos unha gran cantidade de material pedagóxico.
A vida dos Sami aínda se rexe parcialmente polos ciclos naturais, así que as rutinas na gardería seguen as estacións e as tradicións Sami. Un dos aspectos nos que máis incidencia se fai é no uso razoable dos recursos naturais. Así, con moita frecuencia, os nenos saen ao exterior a camiñar, esquiar ou realizar excursións. Unha das actividades pode ser a visita a familiares nos seus lugares de traballo.
A lingua sami setentrional é a máis ampliamente falada de todas as linguas sami. Esténdese polo norte de Noruega, Suecia e Finlandia así como no noroeste de Rusia. A comunidade Duottaraski, grazas a esta linuga mantén vencellos e relacións de cooperación cos municipios veciños de Noruega.
A rede de Galescolas botaba a andar no ano 2007 confirmando un cambio de paradigma: incorporación dos máis cativos ao proceso educativo fundamentándose, como en Finlandia, no respecto á cultura, á lingua e ao entorno. Eran o primeiro paso para un ensino de calidade, normalizador, inclusivo, en igualdade, que ademais trasladaban estes valores ao resto da sociedade. A súa supresión evidenciou que os fins que se pretenden son os da desconexión do entorno cultural, da exclusión da lingua propia e , en difinitiva, a imposición dun modelo social ultra-radical máis propio do Ku Kux Klan, que dun goberno democrático que pretenda realmente a potenciación da súa cultura e a súa educación.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)