Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Silvana Castro García. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Silvana Castro García. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de xuño de 2016

Da Laracha a *La Racha pasando por *Laracha: Da importancia de non quedar in media res

por Silvana Castro García en Terra e Tempo:

Desde hai un tempo escoito con resignación como unha parte da poboación, minoritaria, afortunadamente, opta por eliminar os artigos diante de topónimos como A Coruña ou A Laracha, por exemplo, de tal xeito que "Saen de Coruña e paran en Laracha de camiño a Carballo".

luns, 16 de maio de 2011

A fusión nuclear de queremos galego

por Silvana Castro García, en Terra e Tempo:

A Galipedia explica a fusión nuclear como "un proceso físico durante o que se xuntan dous ou máis átomos e forman outro átomo de maior número atómico. A fusión nuclear só acontece a temperaturas de varios millóns de graos e vai seguida dunha enorme liberación de enerxía".

Non se asusten se lles digo que mañá mesmo, Día das Letras Galegas, terá lugar unha fusión nuclear organizada pola Plataforma Queremos Galego que liberará enerxía por Galiza enteira e por varias cidades alén da nosa Terra. 

Son en total preto dun cento de lugares onde persoa a persoa, como se de átomos se tratar, poñan o seu gran de area nesa construción dun átomo de maior número atómico que abranga cada vez máis defensores da nosa lingua e da nosa cultura nacional.

Esta mobilización expansiva leva por nome "Paremos os ataques contra o galego!" e faise nun contexto de campaña para as eleccións municipais onde debemos reflexionar que modelo de concello queremos para criar os nosos fillos e fillas, para estudar, para traballar, para gozar do tempo libre etc. Mais tamén debemos pensar moito que modelo de concello queremos para situarmos a nosa lingua nun contexto de normalidade.

A Coruña, A Estrada, A Guarda, Allariz, Ares, Arteixo, As Pontes, Barcelona, Barreiros, Belfast, Boiro, Bruxelas, Cambados, Cambre, Carballo, Carral, Cedeira.... e un longo etcétera de vilas e cidades, sentirán esa enerxía liberada e tentarán agregar máis átomos a esta voráxine de actos públicos a favor da lingua galega.

Trátase dun acto simbólico, posto que en plena campaña electoral non se permite efectuar a xa tradicional e multitudinaria manifestación do Día das Letras a que nos tiñan acostumados A Mesa pola Normalización Lingüística e posteriormente a Plataforma Queremos Galego. Servirá, ademais de para exixir ás autoridades locais e nacionais o uso e a promoción da lingua galega nos concellos, para reivindicar o "Ano Castelao" cando se cumpren 125 anos do seu nacemento.

Deste xeito, ademais de poemas do autor homenaxeado este ano pola Real Academia Galega, Lois Pereiro, leranse tamén textos de Castelao que teñen que ver coa lingua galega, e que desgraciadamente, aínda están de plena actualidade a pesar de seren da primeira metade do século XX.

En definitiva, serán actos cargados de simbolismo e de paixón pola lingua, onde a sociedade demostrará, persoa a persoa, e máis unha vez, a súa querenza polos nosos símbolos identitarios.

E agora volvamos ao comezo e releamos a definición que de fusión nuclear dan na Galipedia: "só acontece a temperaturas de varios millóns de graos e vai seguida dunha enorme liberación de enerxía".

Recordemos isto cada vez que unha persoa ataque a nosa lingua: non lle deamos tregua, defendámonos usándoa e esixindo que se use cando nos corresponda este dereito, con boas formas, pero coa mesma elevada temperatura coa que se fusionan os átomos. Só deste xeito lograremos unha liberación enerxética capaz de producir a onda expansiva necesaria para acadar o noso obxectivo.

Este martes é o ensaio xeral, mais cómpre lembrar que para que a fusión nuclear teña éxito as persoas que amamos as Letras Galegas debemos celebralas todos e cada un dos días do ano.

venres, 18 de marzo de 2011

Coa boca aberta

Xa hai tempo que quería comentar o programa Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, se teño tempo fareino algún destes días. De momento deixo este artigo de  Silvana Castro García, en Terra e Tempo, que sufriu en primeira persoa unha das actividades dese programa e comenta as súa impresións:

Despois de dous anos de eficiente involución lingüística por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, baixo a batuta do ínclito Anxo Lorenzo, continúa o programa de "dinamización" lingüística chamado "Bocaberta", cuxo obxectivo fundamental é o de propiciar a "participación activa a través da palabra", segundo podemos ver na páxina web promocional.

Deste xeito, a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración de diversas empresas (editoriais, discográficas etc.) ten programadas numerosas actividades por todo o País dirixidas fundamentalmente ás crianzas e á mocidade de entre os 3 e os 18 anos.

Unha desas actividades é a titulada Contos do mago Cali, onde se toma como base o libroContos por palabras, de Agustín Fernández Paz, para crear un espectáculo de maxia onde a partir de palabras galegas se crean trucos de maxia. 

Como docente de 1º da ESO asistín persoalmente a un novo capítulo desta suposta "dinamización" lingüística entendida polo goberno de Feixóo, o austero. Non critico o formato, que me pareceu divertido e práctico, tanto pola duración como pola posibilidade de participación da rapazada nel. O problema foi o pésimo nivel lingüístico do mago, que desmerece por completo a obra de Agustín, reeditada por Xerais nunha edición ilustrada e completamente revisada desde o punto de vista lingüístico que previamente se lle regalou ao alumnado.

Pronomes mal colocados, palabras galegas como "axóuxere" traducidas a continuación ao castelán (como se a rapazada non entendese a nosa lingua), expresión sintácticas completamente traducidas do castelán, castelanismos a esgalla e unha fonética que pouco tiña de correcta foron algunhas das perlas que nos deixou o espectáculo. 

Se este é o modelo lingüístico que se quere transmitir ao noso alumnado, estamos a estragar miles de euros. Esta suposta "dinamización" debía traducirse nun proceso serio de normalización lingüística, ofrecéndolles ás crianzas e á mocidade espectáculos de calidade onde se use a lingua galega con corrección, porque senón estamos a darlles unha imaxe de que en galego todo vale, contribuíndo deste xeito ao fomento de prexuízos desgraciadamente moi espallados entre os e as galegofalantes, como por exemplo o desleixo pola lingua estándar e por unha fonética de calidade.

O mesmo ocorre con outros "referentes" mediáticos (os poucos que hai) como por exemplo algúns presentadores e presentadoras da CRTVG. Moitos deles, cunha fonética castelá que rechía nos ouvidos e cunha falta de galeguidade nas expresións sintácticas que semella estaren a traducir directamente do castelán cando non teñen guión diante.

Afortunadamente, a situación no eido do xornalismo galego mellorou respecto de hai anos, aínda que queda moito por facer. Porén, noutros eidos da sociedade como o anteriormente descrito, a situación perpetúase gastando miles de euros que se poderían aproveitar para facer políticas lingüísticas reais e non este tipo de "dinamización" de cara á galería, mais sen ningún tipo de querenza pola lingua galega por parte da Administración que a ten que coidar, e o que é máis grave, sen ningún tipo de repercusión positiva para o auditorio a quen vai dirixida.

Mais todo isto non é de estrañar vindo dun Secretario Xeral de Política Lingüística que afirma que "cada un fale no que queira" (entón para que gastarmos os cartos do seu soldo e do seu gabinete?) e un Presidente da Xunta que cre que o conflito lingüístico está superado porque xa non se fala do Decreto contra o galego no ensino.

E estes son os que nos gobernan? Polo menos acertan nunha cousa: cada vez que falan, nós quedamos tamén coa boca aberta.

venres, 19 de novembro de 2010

Gramática práctica da lingua galega. Comunicación e expresión

por Silvana Castro García, no Terra e Tempo:

Co título tan esclarecedor de Gramática práctica da lingua galega. Comunicación e expresión chegou hai poucos días ás librarías de todo o País un volume editado por Baía Edicións que, pola súa funcionalidade e sen perder un ápice de rigor científico, pretende fuxir da academicidade de que moitas veces pecan as gramáticas convencionais e converterse nun referente de uso diario para todas aquelas persoas que pretendan mellorar o seu galego.
Xoán López Viñas, Cilha Lourenço Módia e Marisa Moreda Leirado asinan esta obra, que consta de oito capítulos que abarcan desde os aspectos tradicionalmente incorporados á Gramática, como a Fonética, a Morfoloxía, a Sintaxe, a Lexicografía e a Semántica, até aspectos relacionados coa Sociolingüística, a representación gráfica da lingua oral e até a Lingüística Textual. Un amplo abano de capítulos que fan que poidamos facer unha lectura máis ou menos profunda en función das necesidades, polo que é unha obra que nos pode resultar moi útil para as aulas de Lingua Galega ou para o enriquecemento persoal dunha persoa interesada en aspectos concretos do uso cotián da lingua galega.
Especialmente significativos son os capítulos dedicados á representación gráfica da lingua oral e á Lingüística textual, porque até o momento constituían unha certa eiva nos manuais ou tratados gramaticais galegos.
No primeiro deles, por exemplo, ofrécensenos pautas prescritivas do uso das maiúsculas, dos sinais de puntuación e dos sinais auxiliares da escrita, do uso das formas de destaque (itálica, negra, subliñado, versaleta, superíndice e subíndice) e mesmo da configuración gráfica (marxes, espazos, parágrafos e enumeracións).
Pola súa parte, no capítulo dedicado á Lingüística textual temos un amplo abano de modelos textuais de tipos ben diversos (xornalísticos, científicos, administrativos, orais e electrónicos) en que se especifican as características propias de cada un, con exemplos reais e coa descrición pormenorizada da súa estrutura interna. Deste xeito, a Gramática práctica pode terse como "manual de oficina" ou como un referente doméstico á hora de confeccionarmos, poñamos por caso, unha acta da xunta de veciños, unha solicitude, ou mesmo un simple currículo á hora de pedirmos traballo.
Outro dos aspectos que fan que a obra se torne unha ferramenta didáctica imprescindíbel son os abundantes cadros resumo que aparecen ao longo de todo o texto, e que, por poñer tan só algúns exemplos, se fan especialmente relevantes na descrición dos bloques dialectais, dos elementos do AFI (Alfabeto Fonético Internacional) adaptado ao galego, do significado dos prefixos e sufixos máis usuais e das bases eruditas de orixe grecorromana, do paradigma verbal completo, dos modelos de análise das diferentes funcións sintácticas e moitos outros cadros que constitúen bos referentes para as aulas de Lingua en diferentes niveis aos que queiramos adaptalos.
Boa proba de que estamos perante unha obra totalmente actualizada aos tempos que corren é a inclusión das linguaxes das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Deste xeito, temos exemplos que van desde o significado das diferentes emoticonas empregadas nas linguaxes de chat, por exemplo, até a análise das propias formas textuais deste tipo de formatos, nomeadamente do messenger e do propio chat, o que constitúe unha novidade que se agradece encarecidamente.
En definitiva, unha obra actual, moi completa, integradora de todos os aspectos que constitúen o centro e os satélites da lingua, e que abarca a descrición e a prescrición a partes iguais facendo que se poida empregar en moi diversas etapas e situacións da nosa vida.
Unha obra referencial que non pode faltar en ningunha biblioteca e que vén enriquecer o panorama filolóxico galego, demostrando que as novas xeracións están a traballar moito e ben a prol da nosa lingua.

domingo, 17 de outubro de 2010

A ofensiva suma e segue

por Silvana Castro García, en Terra e Tempo:

Sacar de novo o tema dos topónimos á rúa para crear confrontación veciñal co tema da lingua debería darlles vergoña


O próximo 18 de outubro cúmprese un ano desde que o pobo galego manifestou unanimemente o seu rexeitamento ás políticas galegófobas do actual goberno de Núñez Feixóo. Aquel 18 de outubro toda Galiza clamou ao unísono que quería galego e as autoridades competentes que falan de imposición do galego seguen a facer oídos xordos á multitude de persoas que piden respecto e protección para o noso ben máis prezado e diferenciador.
Un ano despois, non só nos atopamos cun Decreto nas escolas que proíbe ao profesorado de certas materias dar as aulas en galego, senón que a ofensiva suma e segue, agora xa descaradamente sen ningún tipo de pudor nin vergoña.
Acabo de ver con estupefacción circulando polas redes sociais a copia dun fax enviado pola Xefa do Servizo de Cooperación da Deputación de Pontevedra, Marina Piñeiro Novo, a varios concellos pontevedreses. Nel, esíxeselles aos respectivos alcaldes que para solicitar prórroga da execución das obras incluídas no Plano Provincial de Cooperación de 2009 deben cumprir os seguintes requisitos fundamentais, e cito textualmente:
" 1) La solicitud tiene que venir redactada en castellano.
2) Con expresión de la duración de la prórroga que se pide (día, mes y año).
3) Alegación de los motivos que impiden la terminación de las obras dentro del plazo de ejecución establecido con carácter general y adjuntando a la solicitud la justificación documental de los mismos, es decir: informe del técnico director de obra.
Recordatorio a tener muy presente dada la estricta rigidez de las normas reguladoras de los mismos, conllevan en caso de incumplimiento la pérdida de la subvención correspondiente."
Semella impensábel que rematando 2010 haxa que aguantar estas imposicións, que a nosa lingua siga a ser perseguida desde as institucións que están obrigadas por lei a promovela, e que se nos impoña a obxección do galego aos que o tentamos empregar normalizadamente.
Por se for pouco, cunhas eleccións municipais no horizonte, en plena precampaña, o Partido Popular da Coruña, con Carlos Negreira á cabeza, volve sacar a debate o polémico tema do "L" coruñés, apoiado desde o Goberno da Xunta, e máis concretamente polo Conselleiro de Educación, quen afirmou sen escrúpulo que é ao pobo a quen lle compete a escolla da lingua dos topónimos. Ademais, o Presidente da Xunta sae ao campo nesta sucia batalla asegurando que o Parlamento valorará a modificación da Lei de Normalización Lingüística, que indica que a única forma válida dos topónimos é a galega. Tentan, pois, mudar a lei para acabar, de facto, coa cooficialidade do galego na Galiza.
De novo vemos como é o PP quen emprega a nosa lingua como arma electoral e como a súa provocación chega a límites insospeitados, espallando prexuízos perversos que fan moito mal.
Sacar de novo o tema dos topónimos á rúa para crear confrontación veciñal co tema da lingua debería darlles vergoña. Se estes son os seus argumentos para gañar unhas eleccións, demostrémoslles quen son os impos(i)tores.
Contra todas estas agresións, e para pedir unha garantía dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes, a Plataforma Queremos Galego!, coincidindo co aniversario da manifestación do 18 de outubro, presentará formalmente nos vindeiros días os pregos cos miles de sinaturas recollidas durante os últimos meses para unha Iniciativa Lexislativa Popular que, malia non poder ser defendida directamente no Parlamento polos membros da Plataforma, porque non foi aceptada a trámite, será defendida igualmente por un membro do Bloque Nacionalista Galego, integrante na Plataforma desde a súa constitución. Deste xeito, escoitarase o argumentario da Plataforma na casa común dos galegos e das galegas, que ten que ser o Parlamento, e daráselle a voz a miles de persoas que aínda seguen defendendo o que é un dereito e non un favor: o emprego da nosa lingua no seu territorio.
Todo este labor inxente que se desenvolveu por toda Galiza o último ano e medio, e que incluíu, ademais das manifestacións históricas, a publicación de numerosos estudos e libros colectivos que analizan a situación sociolingüística actual e a recollida de miles de sinaturas par a ILP, fan que teñamos esperanza no futuro da nosa lingua, téndomos que continuar nesta liña e non decaer no noso empeño

xoves, 16 de setembro de 2010

Chamamento ao profesorado potencialmente insubmiso

por Silvana Castro García, en Terra e Tempo:

Á pregunta que se fai o colectivo “Profes co galego”: “Dar aulas en galego: compromiso ou desobediencia?” xa houbo quen contestou, e moi atinadamente: coherencia.
No inicio deste novo curso, entre a voráxine e os nervios dos primeiros días, por se for pouco, xorde a implantación de facto do chamado Decreto para o "plurilingüismo". Ao descontento da cidadanía que manifestou sucesiva e maioritariamente unha e outra vez a súa firme oposición a el, súmase agora o dilema que ten perante si moito profesorado, ao que se lle impón que deixen de dar as súas aulas en galego e as pase a dar, obrigatoriamente, en castelán, sexa cal for a lingua vehicular do alumnado co que se comunicar.
Entre as múltiplas reaccións en contra deste Decreto, hai que salientar neste comezo de curso académico a do colectivo de profesores e profesoras que van cumprir as leis existentes e continuar a dar as súas aulas en galego, a pesar de que desde o Goberno da Xunta xogan a meter medo dicíndolle ao profesorado implicado directamente "que se ateña ás consecuencias", da maneira máis retrógrada posíbel.
Estes días a rede é un fervedoiro de artigos, presentacións, vídeos e manifestos de apoio a este profesorado que está a cumprir coa Lei. Porque incumprindo o Decreto do PP, o profesorado está a cumprir textos legais de maior rango: a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, a Lei Orgánica de Educación, e a Lei de normalización lingüística, concretamente.
Xuristas como Luís Villares Naveira ou Alba Nogueira, entre outros, fornécennos as bases legais necesarias para comprendermos a ilegalidade en que está a incorrer este Decreto contra o galego, e por tanto, da insubmisión á que Feixóo e o seu goberno levan a incorrer ao profesorado que o acate.
É por isto que se fai máis que nunca necesaria a implicación de todos e todas, mais moi especialmente do profesorado: continuemos co consenso lingüístico e sigamos a dar as aulas en galego, especialmente naquelas materias de orientación científica, que é onde máis necesario se fai, posto que desta forma estaremos a empregar a nosa lingua con normalidade en ámbitos en que foi vetada durante moitos anos, fornecendo o alumnado de vocabulario específico na lingua propia, vendo o mundo desde unha óptica galega integradora, non excluínte.
Non devolver os libros de texto dos cursos anteriores e empregalos neste novo curso supón, a todos os efectos, un acto ético, de legalidade xurídica e responsabilidade económica. Non dar as aulas en castelán nas materias como Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química, entre outras, supón cumprir todas as leis a nivel europeo, español e galego que existen no tocante ás linguas minorizadas.
Á pregunta que se fai o colectivo "Profes co galego": "Dar aulas en galego: compromiso ou desobediencia?" xa houbo quen contestou, e moi atinadamente: coherencia. A coherencia de quen fala a lingua propia do País e quere expresarse nela as 24 horas do día sen que ninguén lle impoña a lingua colonizadora, e sen servir de elo deste lingüicidio que están a acometer co galego sen ningunha impunidade.
Ao profesorado que aínda está a pensar que facer, dubitativo sobre se mudar a súa lingua de comunicación normal nas clases ou non, sobre se acatar un Decreto que vai en contra da legalidade vixente ou "aterse ás consecuencias", a todo ese profesorado potencialmente insubmiso eu dígolle: agora máis que nunca é o momento de romper as cadeas do medo e de se manifestar cada un no seu posto de traballo, coa responsabilidade de que teñen o ensino do futuro pobo galego nas súas mans.
Xa o dicía Celso Emilio Ferreiro nun dos seus poemas de Longa noite de pedra titulado "Non":

"Si dixese que si, / que todo está moi ben, / que o mundo está moi bon, / que cada quen é quen.../ Conformidá. / Ademiración.../ Calar, calar, calar, / e moita precaución. / Si dixese que acaso / as cousas son esí, / porque si, / veleí, / e non lle demos voltas. / [...] Si dixera que si... / Entón sería o intre / de falar seriamente / da batalla de froles / nas festas do patrón. / Pero non."
É o momento de dicir que non, de sermos coherentes co noso e de corresponsabilizarnos do que ocorre na nosa sociedade e tentar mudalo. Lembremos que a complicidade pagámola todos e todas.

sábado, 17 de xullo de 2010

Renovando a plumaxe da Ave Fénix

Un artigo, moi do meu gusto, por Silvana Castro García, en Terra e Tempo: 
Luís Tosar, que o discurso que deu en galego, na recolla do Goya, valeu máis que vinte e cinco anos de política lingüística
Cando en 2002 se iniciaron as xuntanzas para a realización do Plano xeral de normalización da lingua galega (Xunta de Galiza, 2005) conseguiuse reunir máis de sesenta expertos en lingua galega, que sentaban cóbado con cóbado para traballar nun macroproxecto que supuña a folla de ruta para a aplicación práctica da Lei de normalización lingüística.
Algo máis de dous anos despois, en 2004, o documento final sería aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza nun consenso político por parte das tres forzas que o compuñan (PPdG, PSdG-PSOE e BNG).
Coas 445 medidas contempladas no Plano xeral de normalización da lingua galega albiscábase a esperanza dunha mellora cualitativa no desenvolvemento dunha política lingüística activa e progresiva, vital para o punto en que se atopaba a nosa lingua.
Hoxe en día contemplamos como todo ese esforzo de traballo e cartos públicos ficou esquecido, e como ese consenso básico para a lingua de noso foi esnaquizado por moitos dos que naquel hemiciclo se sentaban, nomeadamente Alberto Núñez Feijóo, hoxe en día Presidente da Xunta de Galiza, quen descaradamente decidiu saír do armario e mostrar a medida máis efectiva do Partido Popular en materia de 'protección' das linguas minorizadas: o acoramento.
A pesar de que o Plano era moi ambicioso, tiña medidas realmente encomiábeis e polas que se debía comezar a actuar. Unha delas era o ensino, e o Decreto 124/2007 do uso e promoción do galego no ensino non foi máis que unha prolongación lexislativa derivada de aquel consenso lingüístico que tiña, entre outros, os seguintes obxectivos na devandita área:
- "Alcanzar un uso maioritario do galego na docencia, entre os docentes e nas relacións escolares en xeral.
- Fomentar o uso progresivo do galego desde a etapa escolar (0-3 anos), de xeito que se superen as fortísimas carencias que se observan nos primeiros banzos do ensino".

As medidas para conseguir estes obxectivos pasaban por garantir que, como mínimo, o alumnado recibise o 50% da súa docencia en galego e se incorporasen as matemáticas e a tecnoloxía ás materias que figuraban xa como de uso obrigatorio en galego desde o Decreto 247/1995. O propio Plano sinalaba que en moitos centros de ensino de Galiza, "faise unha interpretación restritiva do Decreto 247/1995, do 14 de setembro, de maneira que os 'mínimos' de obrigado cumprimento se toman como 'máximos' dos que non se pode pasar".
Mais todos e todas sabemos, ademais, que nin co Decreto de 1995 nin co de 2007 se cumprían os mínimos obrigatorios de presenza do galego nas aulas, o que levou a que en novembro de 2008 o alumnado secundase maioritariamente unha folga, convocada pola Mesa e apoiada polos Comités e Galiza Nova, en que se pedía unha maior presenza do galego no ensino, e o respecto á lexislación daquela vixente.
Como se desenvolveu posteriormente a historia xa o sabemos de sobra e non é cuestión de aborrecer recordando todas e cada unha das medidas de desprotección para o galego que se efectuaron desde que o PP retomou o poder en 2009, co ínclito Anxo Lorenzo como Secretario Xeral de Política Lingüística.
Non deixa de ser irónico, asemade, que na nómina de lingüistas que aparecen como redactores da comisión sectorial número 2 do Plano de normalización da lingua galega (precisamente a encargada da educación, familia e mocidade) apareza Anxo Lorenzo como secretario. Quizais esta función xa era todo un presaxio do seu futuro posto no Goberno do Partido Popular.
Mais volvendo ao punto de consenso, é dicir, retrocedendo no tempo até o documento que estamos a tratar, debemos mencionar outra das medidas que máis clamorosas se facían, e se fan, e que veñen redactadas no sector relativo á mocidade. Neste punto fálase da "inexistencia de canles para a aparición de 'líderes de opinión' galegofalantes que sexan modelos a imitar para a mocidade", algo que é importantísimo na encrucillada na que estamos en pleno século XXI, onde o mundo da imaxe semella ser o futuro da comunicación humana.

Díxose a comezos de ano, e non sen acerto, coincidindo coa recolla do Goya ao mellor actor principal por Luís Tosar, que o discurso que deu en galego valeu máis que vinte e cinco anos de política lingüística. Posteriormente, aparecía unha campaña promovida pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística so o nome "Orgullosos do noso, orgullosos do galego" en que os protagonistas eran Martiño Rivas, María Castro, o propio Luís Tosar, Belén Regueira, Susana Seivane e Antón Reixa, animando a darlle ao galego a protección que merecía e espallando un sentimento de orgullo e afecto pola lingua propia do País.

Iniciativas coma esta debían ser primordiais, sen caermos na superficialidade da mercadotecnia sen substancia, está claro, mais mantendo unha presenza constante nos medios de comunicación de persoas de referencia para a mocidade que falen con normalidade en galego. E non só para atribuír un modelo lingüístico aos mozos e mozas castelanfalantes, senón tamén para reforzar o discurso da utilidade da nosa lingua e desmontar os prexuízos existentes na mocidade galegofalante. Temos que facer do galego unha lingua da que os mozos e mozas non sintan vergoña ao falala.
Velaquí o reto que temos por diante. Sen axudas por parte dos que deberían levar adiante a defensa da lingua que lles dá de comer; contra o despropósito e a desvergonza dos que van e veñen reptando polos esqueiros do poder, e co silenciamento de boa parte das canles que temos para nos facer oír e ver.
Aínda sen eles sairemos adiante, como tantas outras veces o fixemos. Cómpre renovarnos, do mesmo xeito que a Ave Fénix, que tiña unha plumaxe alaranxada, vermella e amarela, e que, segundo conta a mitoloxía, se consumía por acción do lume cada cincocentos anos, tantos como o castelán se leva impondo na Galiza.
Sexamos valentes, máis unha vez: cambiémoslle a plumaxe á Ave Fénix e que desta volta renaza branquiazul e consiga facer fronte aos prexuízos novamente instalados na sociedade: dando exemplo, mais con modernidade.
Comecemos a traballar e a buscar os líderes de opinión. O tempo aprema.

mércores, 23 de xuño de 2010

A soidade tráxica do freaky galegofalante

por Silvana Castro García, en Terra e Tempo:
Non estou a descubrir nada novo se digo que o futuro da lingua está na mocidade, realidade de hoxe e alicerce dos falantes de mañá.
Neles (mais non só) deben recaer especialmente as medidas de fomento e dinamización da lingua galega porque as crianzas non nacen con prexuízos, senón que os adquiren a partir do contacto co mundo que os rodea e das fobias que lles transmite a sociedade.
Porén, moita mocidade galega ve coutada a súa liberdade para se comunicar con normalidade e dignidade na lingua de noso en todos os ámbitos da sociedade por medo. Medo a ser o diferente, o bicho raro, o freak. Prodúcese entón o que os expertos en Sociolingüística chaman a latencia ou ocultación da lingua B, da lingua marxinada, da lingua freak.
Hai pouco máis dun ano, cando eu estaba a impartir aulas no CPI de Zas, onde o 99% do alumnado é galegofalante e ademais fai un uso máis ou menos normalizado da lingua galega (na medida en que a sociedade e as leis que a rexen llo permiten) a rapazada de 3º da ESO contoume a súa experiencia nunhas xornadas de convivencia das que acababa de chegar.
Xunto a este alumnado acudían ás xornadas outros mozos e mozas do mesmo curso escolar de Ferrol e mais dun instituto convidado de Cataluña. O asunto foi que cando o alumnado ferrolán viu con abraio que os de Zas empregaban o noso idioma sen vergoña, isto é, sen ocultala, preguntáronlle con estupefacción se falaban galego sempre, ao que os e as zasenses responderon afirmativamente. A resposta dunhas alumnas ferrolás foi absolutamente esclarecedora dos prexuízos aos que a nosa mocidade está sometida: "Que freakies soys!!".
A rapazada catalá non acreditaba no que oía, estrañáballe que a mocidade galega non empregase a nosa lingua propia sendo de aquí e moito menos que se mofasen dela. Os de Zas explicáronlle en castelán que aquí era "o máis normal nas cidades", mais que eles sempre falaban en galego, a pesar de dominar perfectamente a outra lingua e incluso algunha máis, e non con pouca destreza (todos eles participaran en intercambios con alumnado francés e algúns mesmo tamén con alumnado inglés a través de programas subvencionados pola Xunta de Galiza).
O alumnado de Zas comunicábase perfectamente en dous idiomas mentres durou a convivencia: en castelán cos cataláns e en galego entre eles e cos ferroláns. O alumnado ferrolán só empregaba unha, o castelán, para todos os contextos. No primeiro caso, o emprego do castelán foi un vehículo de comunicación, algo carente de prexuízos e connotacións. O emprego do castelán no segundo caso foi a única opción que lle queda a unha mocidade á que non se lle deu o dereito de escoller. Velaí a "imposición" do galego na Galiza.
Mais isto foi hai pouco máis dun ano. Un ano no que desgraciadamente, a mocidade galega foi coartada un pouco máis, vía decretazo, da súa liberdade de escolla.
Pode a escola ser empregada para facernos sentir desposuídos de algo tan intrínseco ao propio ser (individual ou colectivo) como é a escolla da lingua de cada un, a lingua propia, con todo o que ten de significativo?
A resposta, a día de hoxe é ben simple: pode. Outra cousa é que o consiga. E aí é onde xoga o papel máis importante a sociedade na que a mocidade medra. Porque só se lle proporcionamos información serán libres e só sendo libres poderán apreciar, no sentido máis etimolóxico do termo, ao diferente. Só recibindo unha educación e un ensino onde se respecten as liberdades individuais e sociais, a historia común e os símbolos que nos fan sermos unha comunidade diferenciada poderemos formar individuos libres de prexuízos que respecten ao outro e que poidan expresarse tal e como queren ser, sen ataduras. Pero para isto fan falta dúas cousas: información e acción.
A información é algo que debe partir de todos os axentes implicados no proceso normalizador, é dicir: da sociedade. A acción é algo ao que nos temos que atrever todos e todas, e ao que a mocidade se debe enfrontar, mesmo en soidade (caso das cidades e grandes vilas de Galiza), soportando situacións de marxinación física e moral, correndo o risco de ser o freaky da clase, do instituto ou da facultade.
E que fai o Goberno galego do Partido Popular para mellorar estas situacións de acoso escolar? Pois elaborar un Decreto no que, entre outras cousas, deixa caer o seguinte con respecto á Educación Secundaria:
"En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior [as de lingua e literatura galega e castelá] e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo".
É dicir, que isto abre a porta para que nas materias de ámbito científico, o alumnado sexa obrigado, non só pola situación de presión social ou polo condicionamento de ter diante a quen o vai avaliar, senón por imperativo legal (véxase a dupla visión que pode ter o verbo "procurarase"), a usar a lingua A, a dos vencedores, a dos "normais", afundindo nunha soidade tráxica ao alumno ou alumna da última fila, ao freaky que fala galego. Si: ese que se senta só e que disque veu da aldea...