Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Personaxes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Personaxes. Amosar todas as publicacións

venres, 30 de abril de 2010

Un sociolingüista menos


Estamos a fin de mes. Revisando rascuños que tiña perdidos polo ordenador atopei un artigo moi recomendábel de principios de mes (1/4/2010).
por Iago Martínez, no Xornal de Galicia

Entre ser un nacionalista emboscado nun goberno da dereita e ser un españolista furibundo aliado na destrución do galego (sic, ou case), Anxo Lorenzo prefire ser todo o contrario. Cando se lle pregunta se o decreto do bipartito “impoñía” o galego, contesta cun siloxismo que xa nos resulta familiar: a sociedade galega así o interpretou, e por iso lle deu a presidencia da Xunta a un partido que vai derrogar esa norma diabólica. Calquera cousa menos a súa propia opinión. Se un lle fai ver que ten a metade do Parlamento en contra, comenta a cor das paredes. Cando se lle recorda que unha enquisa ás familias non é unha consulta a toda a sociedade galega, confesa que non toma café. Un amigo con moitas horas de barra clavouno o outro día: desconfía dos que beben os gintonics en silencio.

A conversa con Anxo Lorenzo recordoume outra que tivemos na redacción con Gloria Lago. Equiparar o ex asesor do PSOE e a activista de Galicia Bilingüe sería cientificamente temerario, pero hai que recoñecer que a súa retórica empeza a parecerse demasiado. E en Xornal, dende logo, ambos foron igual de evasivos. Técnicas diferentes, si, pero análogas. Ela procede por redución. Elude as contradicións máis obscenas con anécdotas igual de obscenas: se un intenta falar do Estatuto de Autonomía, ela rescata algún rarísimo caso de intolerancia, como o desa presunta profesora que deixaba que os cativos se mexasen por riba se non pedían permiso para ir ao baño en correcto catalán. Xa sabemos como funciona. A consigna é converter a excepción nun síntoma.

Anxo Lorenzo fai todo o contrario. El opera por elevación. De nada serve a teima do catedrático Fermín Bouza por demostrar, dende a ciencia política, que a cousa da lingua nada tivo que ver cos resultados electorais de hai un ano. Anxo Lorenzo non empregou un só dato ao longo da hora e media que pasou no Café de Redacción de Xornal. Ningún. Non os necesita, ao que parece, para saber o que pensa a militancia socialista, que non é o que os seus líderes expresan. Tampouco para estar na cabeza dos traballadores do ensino, malia ás posicións dos sindicatos. Nin para interpretar a vontade dos pais, diferente da que esgrimen as anpas. Só eles –Anxo Lorenzo non está só– saben o que queren as masas. Son o termómetro do respaldo social e o seu diagnóstico é claro: non o hai arredor do galego, así que non se pode lexislar a favor da lingua propia de Galicia.

Por se había dúbidas, Anxo Lorenzo aclaróunolo: “Xa non son un sociolingüista”. Alguén con moita máis experiencia ca min díxome que nacera un político. Discrepo. A min paréceme que é precisamente todo o contrario: a negación da política. A renuncia a consensuar un modelo de convivencia e articular as ferramentas para construílo. Barra libre nas escolas, que no resto da cousa pública xa hai tempo que funciona a rapina. De feito, creo que habería que rebautizar o seu departamento. A súa, en diante, debería chamarse Secretaría Xeral de Autoservizo Lingüístico. E de Adivinación, claro.

martes, 23 de marzo de 2010

O Valedor do Pobo contra o pobo sen valedor


Quen defende ao pobo galego?
Quen defende ao pobo?
Quen defende ao galego?
Quen é o valedor do pobo?
Quen é o valedor do galego?
Pois de seguro que este señor,Benigno López, non.

O Anxo Exterminador e o Xan das Bolas

por Marga Romero, escritora, na Nosa Terra

Un meu amigo alemán deses que dominan varias linguas, entre elas o galego, a primeira da Península que aprendeu e que lle abriu as portas do portugués, do español e do catalán, que lle axudaron co italiano. Pois este amigo, que segue os vieiros que sobre Galiza chegan pola rede, dime perplexo, diante das manobras dun sociolingüista aducido e dos, por moito que lle pesen, disques dun experto diplomático: isto semella unha historia de Monty Python. Algo diso hai. Os dous un pouquiño coma Brian, merliños brancos, que reciben os presentes dos Reis Magos, nunha simple confusión ou nunha falsa ilusión. Quen pensaba que podía ser peor? O certo é que mentres agardamos a súa crucifixión, os xerentes da empresa privatizada “Galicia, buey de paja”, rematan coa lingua, coa cultura, coa sanidade pública con todo. Porque o Anxo Exterminador pasou de profesor de sociolingüística, coma proban os seus apuntamentos que se poden conseguir na Universidade de Vigo, a eliminador da palabra “normalización” e colaborador dos extraterrestres. Non aprendeu nada en Catalunya. Porque o diplomático demostra que hai xente que vai polo mundo para usar maleta e di e non sabe o que di, porque non sabe onde está Sobrado dos Monxes nin escoller colaboradores que atinen nos discursos, porque no fondo non é máis ca un personaxe de Xan das Bolas. O Exterminador mente con premeditación e gustaríalle queimar os seus apuntamentos. O novo Xan das Bolas mente coma un neno cachado nas patacas na Quinta Avenida e pide perdón por mentir sen intención. Hai que botalos.

domingo, 21 de marzo de 2010

O único aspecto positivo do decreto.

O único aspecto positivo do decreto do galego consistía (témolo que redactar en pasado) en que introducía a realización dunhas probas de competencia de galego e castelán ao remate de Primaria e Secundaria. Se as probas estivesen ben deseñadas poderían dar lugar a unha avaliación sobre como se manexa o alumnado en galego e en castelán, e se o resultado é como todos sabemos que é, Anxo Lorenzo tamén o sabe, é cínico pero non tonto; se o resultado indica que o nível das competencias en galego está moi por debaixo das competencias en castelán, teriamos na man unha xustificación máis para levar adiante políticas de inmersión lingüística. Mais, xa o podemos ter ben clariño, Anxo Lorenzo di que esas probas non van servir para nada pois A Xunta non mudará o seu decreto se baixa o coñecemento do galego. Entón para que servirá ese aspecto lexislativo? para que todo o esforzo de realización das probas?

Eu teño unha resposta que entra dentro da lóxica de todo este proceso. En todo o asunto da política lingüística deste goberno hai unha exposición continua aos medios, un intento de facer ver que o galego é un problema, que o galego é imposición, que o galego é monolingüismo empobrecedor, que o galego limita. Para divulgar estas mentiras e facer que callen na poboación precísase unha propaganda goebbeliana sistemática e continuada. Comenzouse polo funesto capítulo das enquisas, continuouse cos anuncios de presentación do decreto á RAG e ao CCG (total para o caso que lles fixeron), anuncios de presentación do decreto, presentación pública do decreto, rolda de contactos con pais, sindicatos, partidos, asociacións,...(total para o caso que lles fixeron). Anuncios de presentación do anteproxecto, presentación do anteproxecto, roldas de prensa, mesas sectoriais mediáticas, ... e no seu día, presentación do decreto, e despois presentación das ordes de desenvolvemento do decreto, e despois presentación dos documentos de consulta ás familias, e despois que? Pois veña coas probas, e presentación das probas, e rolda de prensa das probas, e presentación de resultados das probas. Aquí, un aparte sobre este punto. Alguén sabe dos resultados da consulta aos pais de xuño do ano pasado? Nin hai datos, nin os haberá. Galiña será, pero chéirame a can. Entón xa sabemos que vai pasar cos resultados das probas de competencia nas linguas, o que eles queiran para seguir a acompañar a campaña de desprezo ao galego, de identificación da nosa lingua con todo o negativo. En cada rolda de prensa, en cada presentación, identificamos galego con imposición, e explicamos que o importante é que o castelán teña asegurado, por duplicado, a súa presenza esmagadora en todos os ámbitos.
E todo isto faino un señor, Anxo Lorenzo, que, cando era alguén, facía presentacións con indicacións de política lingüística como a que deixamos aquí: falar e negociar moito fóra do alcance mediático.
Xusto o que estás a facer.

xoves, 18 de marzo de 2010

Las Jubias ou o monolingüismo


O presidente provincial do PP da Coruña e voceiro desta formación no Concello da cidade, Carlos Negreira, instou onte o PSdeG a sumarse ao anteproxecto de decreto do galego promovido polo Executivo Núñez Feijóo a elixir entre "un monolingüismo emprobrecedor" ou un "plurilingüismo enriquecedor" neste debate.

Curiosamente na bitácora de Negreira hai un "monilingüismo empobrecedor" en castelán. Ou é que por ser en castelán, o monolingüismo xa pasa a ser enriquecedor?

Negreira defendeu o anteproxecto polo seu "nivel de transparencia" e a "participación importante", indicou ao argumentar que o seu contido se fixo chegar, antes da súa presentación oficial, a "varias institucións".

E non lle fixo caso a ningunha, nin á CIG, nin á STEG, nin á UGT, nin a CCOO, nin a ANPE, nin á RAG, nin ao CCG, nin ao PSOE, nin ao BNG, nin á Nova Escola Galega, nin á AS-PG, nin a Queremos Galego, nin á Mesa, nin ás outras 700 asociacións que forman parte de Quermos Galego, nin a....

Así mesmo, insistiu en que o "escenario" respecto do anteproxecto de decreto do galego "está bastante claro". "O BNG pide un modelo de inmersión lingüística, o PP o 50 por cento de equilibrio entre as dúas linguas e a introdución dunha terceira lingua", afirmou en alusión neste último caso ó inglés, "e o PSdeG non sabe o que quere", engadiu ao denunciar a postura dos socialistas galegos respecto disto. Todas estas denuncias enmárcanse dentro do espíritu do consenso e da amabilidade lingüística.

Remexendo na bitácora de Carlos Negreira atopamos expresións enriquecedoras como "El barrio de Las Jubias ", a sempiterna e zunante expresión La Coruña , ou outros disparates toponímicos como La Torre, Maestro Mateo, Cuatro Caminos, Los Castros, La Gaiteira, Los Mallos y el Agra del Orzán.
Fonte: Galicia Hoxe

martes, 16 de marzo de 2010

Feijóo contra Castelao


Tamén se podería titular: alborada contr alba.
Ou tamén: galego contra español.
Lemos en Vieiros unha nova sorprendente. Resumimos:
O presidente galego do parlamento galego, no parlamento galego, na sesión do debate do estado da autonomía galega, traduce ao español, para ler en español, diante dun parlamento que hai menos dun mes lle dou mandato de non usar o español nos actos públicos, nin máis nin menos que o discurso Alba de Groria de Castelao:


"Desde las planicies de Lugo, llenas de abedules; hasta las rías de Pontevedra, orladas de pinares; desde las sierras nutricias del Miño o la garganta montañosa del Sil; hasta el puente de Ourense, donde se peinan las aguas de ambos ríos; o desde los cabos de la costa brava de Coruña, donde el mar teje encajes de Camariñas, hasta la cima del monte de Santa Tecla, que vence con su sombra los montes de Portugal, por todas partes surge una alborada de gloria. El día de fiesta comienza en Sant-Iago".

Nós non somos quen de dicirlle nada ao Sr. Presidente. No entanto Castelao si:
"Eu non cultivei endexamais a arte pola arte. A arte para min non foi máis que un elemento, un recurso, un meio de expresión. Co lapis ou a pluma só quixen ser intérprete fiel do meu povo, das súas dores e das súa esperanzas. Debuxei sempre en galego; escribín sempre en galego; e se tirades o que hai de galego e de humano na miña obra non ficaría nada dela.”

domingo, 14 de marzo de 2010

Anxo Lorenzo contra Anxo Lorenzo

Veredes o por que do título ao final. Falaremos do decreto.
O decreto anunciouse reiteradamemte durante todo o ano pasado. Todos estes anuncios viñeron acompañados da divulgación da teoría da imposición segundo a cal o galego está sendo imposto en Galicia frente á que dá a solución da liberdade identificada co castelán.
Con gran impacto mediático anúnciase a presentación por parte da consellería de educación duns cuestionarios ás familias. Prodúcese un gran debate social, sempre acompañado desde o goberno da machacona teoría que identifica imposción co galego. Gástanse neste proceso 300.000 € e ao final descoñécense os resultados. Cantos cuestionarios se entregaron e cantos se devolveron cubertos? cales foron as respostas dadas? que relación tiñan con que o centro fose público/privado?...
Anunciouse que o decreto se lle ía presentar á RAG e ao Consello da Cultura. En cada anuncio e con gran divulgación nos medios, reitérase a idea de que a suposta imposición do galego crea malestar e graves problemas nos centros educativos.
O 30 de decembro, despois de anuncialo públicamente, preséntase o proxecto do decreto. A nova aprece en todas as primeiras páxinas dos xornais, abre o telexornal... E sempre insistindo que o castelán nos vai traer a liberdade, no entanto o galego sempre trae imposición. Durante os eguinte mes prodúcense os pronunciamentos de todas as entidades culturais, políticas e educativas do país. Todas, sen excepción, pronúncianse en contra do decreto. Especialmente significativas son as respostas do Consello da Cultura e da RAG, que veñen decíndolle ao goberno que debe retirar o proxecto e comenzar a negociar desde cero e sobre a base do Plan Xeral de Normalización. Durante este tempo o debate estivo contrado noutra idea proposta pola RAG, a de que o modelo de inmersión lingüística sería o máis acaído ao caso galego debido ao avanzado estado de substitución lingüística que acleradamente está facendo perder usos e falantes do galego.
Neste mes de marzo, máis anuncios de que por fin van presentar o decreto. Máis exposición pública indicando que se vai acabar coa imposición (co galego, para sermos máis claros). Os medios afíns comenzan a ter filtracións do texto definitivo do decreto. A nova ocupa lugares preferentes nos medios, e agora o goberno comenza a trasladar a idea de que o decreto do galego vixente levara ao ensino a un estado de monolingüismo. Mañán, con gran aparataxe mediática van presentar o decreto. Vai volver a ser louvado por toda a fauna de medios (que, casulidade?, non alcanza o 5% de uso do galego). E sempre, todo cun discurso continuo e machacón difundido por todos os medios de comunicación que identificará o galego coa imposición, a situación actual do ensino co monolingüismo en galego....
E que ten que ver todo isto, con Anxo Lorenzo?
Pois que Anxo Lorenzo é o Secretario Xeral de Política Lingüística, non?
E que Anxo Lorenzo, nunha presentación feita en Berlín no ano 2006 titulada "A recuperación da lingua galega: políticas lingüísticas emerxentes" expoñía e divulgaba teses como esta:








mércores, 10 de marzo de 2010

Falar en galego, que difícil é.3

López-Chaves e Pedro Arias protagonizan unha nova lea lingüística no Parlamento
Este é López-Chaves, quen argumentou que ten "libertad para usar cualquiera de los dos idiomas cooficiales que otorga el reglamento de la Cámara"
A lei 4/2006, : todos os cargos e entidades con participación da Xunta usarán normalmente o galego, oralmente e por escrito, nas relacións coa cidadanía.
El nunca usa o galego, polo que se ve, non entende o que significa normalmente.
Segundo o Plan Xeral de Normalización da Lingua o Parlamento insta á Xunta para que adopte as medidas para que os cargos públicos da mesma, así como os dos organismos e entes autonómicos, ... e institucións delas dependentes, fagan uso público, tanto oral como escrito, de xeito sistemático da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade pública
O Plan Xeral de Normalización non está derrogado.
Outras das frases de López-Chaves no parlamento cando lle pediron que usara o galego: "Frente a los impostores, libertad", "Quien vive temeroso, nunca será libre!"
Pois isto debe ser a cordialidade lingüística.

xoves, 4 de marzo de 2010

E se a vasca levase algo de razón?

por Marcelino Fernández Mallo, do sector financieiro, en Vieiros
O que máis me sorprendeu da infausta frase da vasca ultraespañolista foi a falta de conexión aparente entre pregunta e resposta. Quero dicir que, pretender descualificar co termo “gallego” a un suxeito non nacido en Galicia, implica ter moi gravada tal asociación na mente. Ó meu entender, o miolo da historia atópase no proceso de gravación, no método mediante o cal tal asociación penetra nun cerebro en principio neutral.
Mesmo despois chegou a contrarréplica, se cadra aínda máis intempestiva cá declaración orixinal. Entón un decátase de algo de maior fondura estar a operar, algo que merece ser analizado lonxe da visceralidade. E o primeiro que lle chimpa á cabeza son as imaxes da vasca ultraespañolista a carón da Gloria Lago e os seus mariachis monolingüístas entre os que atopamos, por exemplo, a Alfonso Rueda e a Corina Porro, actual Conselleiro da Presidencia e anterior alcaldesa da cidade máis populosa do País. Compartirán Alfonso Rueda e Corina Porro a opinión da súa compañeira de manifestación? E fóra de Galicia, que cren: haberá moitos que compartan tal pensamento? De onde lles virá idea tan fatídica?

Se cadra, do propio goberno... Recordemos que é Núñez Feijóo quen goberna en Galicia tralo exercicio electoral soberano do pobo galego: Núñez Feijoo, o mesmo que impediu a promulgación dun Estatuto de primeiro nivel para Galicia, quen retirou o noso País do grupo de cabeza na configuración do Estado para postergalo no pelotón das Comunidades sen dereitos históricos nin vocación de autogoberno. E a carón de quen goberna este home? Pois duns conselleiros que, coma el, renegan abertamente, sen prexuízos, dos riscos diferenciais de Galicia e dos seus sinais de identidade. Ademais do mencionado, velaí Jesús Vázquez, Javier Guerra, Beatriz Mato, Roberto Varela... son galegos inda que non o pareza tendo en conta a súa acción de goberno. Actúan en contra da cultura galega, da lingua galega, da bandeira galega, ata da toponimia e antroponimia galegas... de todo canto supoña un factor de autoidentificación ó tempo que promoven pautas e códigos aliñantes con outras realidades que se queren seguir impoñendo como propias. Complexo? Asimilación? Autonegación? Trátase do goberno escollido polos galegos, cidadáns libres dispostos a apoiar unha e outra vez as propostas sometidas ós “superiores intereses da nación española”. Porque este goberno galego non foi ningún accidente senón, polo contrario, o herdeiro “natural” doutros gobernos galegos deseñados a partir dunha filosofía de submisión ás directrices do poder central.
Submisión que se estende a moitos outros niveis. Ei-la destrución do medio natural galego para o beneficio de compañías madrileñas, norueguesas, vascas ou catalanas. Ei-las empresas galegas que, tralo seu asentamento no mercado, terminan desprazando os seus centros de decisión ou produción cara a Madrid ou Barcelona. Velaí os membros galegos do goberno español actual, Elena Salgado, José Blanco, Francisco Caamaño, Antón Louro, liderando dende as esferas centralistas a operación para privar a Galicia dun poder financeiro autóctono... Seica o concepto “galego” ten, para moitos de nós, máis un contido romántico e folclórico e non tanto presente e real.
Sentimos carraxe cando nos ofenden ou desprezan dende fóra mais adoitamos manternos impasibles ante tantas aldraxes internas. Cabréanos, por exemplo, que IKEA non valore o coñecemento da lingua galega para os seus empregados na Coruña e si outros idiomas. Porén, admitimos sen resistencia que no último servizo municipal constituído, a “Casa del Agua”, ninguén sexa quen de prestar unha atención en galego; nin sequera os caixeiros automáticos do aparcadoiro, capaces de operar en castelán, inglés, francés, portugués e catalán. Así os mandaron e así os aceptamos. Non será que nos ignoran porque nosoutros mesmo nos ignoramos antes?
Saltemos de ámbito para lembrármo-lo trato ben preferente outorgado a UPyD nas últimas eleccións autonómicas polo xornal galego que goza do 50% de cota de mercado en Galicia, o cal lle deu cobertura de alternativa real sen ningún argumento fóra dunha manifesta “sintonía” natural. Non esquezamos tampouco que o principal editorialista dese xornal amosou a súa indisimulada simpatía polos preceptos defendidos por esta señora, desde a recuperación da política centralizadora ata a aniquilación dos riscos culturais propios pasando pola zuna contra todo nacionalismo non español; nin que o ínclito embaixador vaticano, alcalde “eterno” da segunda cidade de Galicia, declarou repetidamente a súa afinidade coa galegofóbica deputada euscalduna.
As súas declaracións representan unha probable paranoia digna de terapia e tratamento. E sen embargo, un escóitaas e pensa da dobre moeda que Galicia representa, a dobre faciana dun País en crise de identidade permanente. E a min, confésoo, unha desas metades non me gusta nadiña. Mira que se a muller leva algo de razón...

mércores, 3 de marzo de 2010

A lingua de Rosa non é a nosa

Rosa Díez di que a reacción do Parlamento galego demostra que hai "demasiado candidato a censor solto"
E no Xornal destacan a seguinte frase: " a inmensa maioría dos españois no seu conxunto e tamén dos galegos, están preocupados por cousas que non teñen nada que ver cos censores afeccionados que existen en calquera lugar"

Cristina Díaz Pardo, xornalista, no Xornal de Galicia, deixanos este artigo:

Autoestima galega
Nestes días todo o mundo fala das palabras da líder de UpyD, Rosa Díez, sobre o termo galego. Todas as forzas políticas condenaron as declaracións da ex socialista pero pouca xente foi ata o trasfondo das súas palabras. Durante o Café de Redacción de Xornal de Galicia que contou con Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, como invitado houbo quen reflexionou moi atinadamente. O catedrático da UDC Xavier Vence manifestou que as declaracións de Díez entran dentro dunha sorte de “deriva da linguaxe política que tende a exacerbación das opinións”. Segundo a súa opinión, compartida por moitos, sobre todo no ámbito da dereita estatal estanse albiscando uns movementos recentralizadores moi fortes que veñen acompañados dunha durezas nas formas e no descurso (o dedo corazón de Aznar ben alto). Mágoa que no conxunto de España hai máis persoas que pensan como Díez e que cren que ser galego é un insulto, na vez dun orgullo. Quizais para combater eses sentimentos, que se acaban metendo tamén nos miolos dos galegos de xeito pasesiño, haxa que apostar, tamén dende os partidos, por un proceso culturizador. "Somos galegos e debemos externalizalo", dixo Pilar García Negro. "Un cambio cultural tamén nos partidos e esencial para a autoestima galega", dixo

A Xunta contra o galego.

O BNG denuncia 'extorsión' para suprimir o galego das oposicións dos concellos.
O deputado do BNG Bieito Lobeira acusa a Xunta de 'enviarlle cartas de extorsión' aos concellos co obxectivo de suprimir os exames de galego nos procesos de selección de persoal, en concreto acusa ao director xeral de Administración Local, Norberto Uzal.
Norberto Uzal, ex(?)-falanxista, foi un dos nomeamentos máis polémicos do actual goberno da Xunta.
No entanto, en Cataluña os tribunais avalan as multas por non rotular en catalán. Ao non facelo vulneran os dereitos dos catalán-falantes.
Nós preguntámonos por que os cataláns si teñen dereitos e nós non. Será porque aquí aínda non se fixeran leis que favorecesen o galego?

martes, 2 de marzo de 2010

O parlamento contra Rosa Díez

Os grupos parlamentarios coinciden en reprobar as declaracións de Rosa Díez pola súa 'falta de respecto' aos galegos
Aínda non saben como, pero vanlle zurrar.
O simpático da nova é que (consultádea), os de Luns a Venres poñénlle aos posbiles comentarios da mesma Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Pois iso, aplícate o conto Rosa.

Menos rosas e máis galegos

Membros de UPyD-Galiza cuestionan a desculpa de Rosa Díez, auguran ‘baixas’ no partido

domingo, 28 de febreiro de 2010

Heroína.

Heroína. No sentido máis desfavorable da palabra.



Grazas, Imos Indo

García Negro gaña o Premio Vicente Risco de Ensaio

García Negro gaña o Premio Vicente Risco de Ensaio coa obra titulada "O nacemento do ensaio na literatura galega contemporánea, simultáneo ao nacemento da conciencia de xénero: análise e interpretación de textos rosalianos".
Dúas son as teses principais da obra de García Negro. Unha delas argumenta sobre as teses ensaísticas na obra de Rosalía, a outra sostén que foi unha feminista comprometida.
Parabéns a Pilar García Negro, unha das autoras que máis citamos nesta bitácora.

Un "gallego" coma nós

Por Xosé Luís R. Pardo, avogado, no Xornal de Galicia

Seica o señor Zapatero ven sendo de por aló, por onde hai un pobo que lle chaman “Ponte Ferrada” ou “Ponferrada” e unha terra chamada do “Berzo” ou, coma din os do bilingüismo armónico, do “Bierzo”. Pois ben, a discípula de dona Gloria Lago, que seica non ten outra cousa que facer, pois a complicación da Unión, máis Progreso, máis Democracia seica non funciona moita cousa, atopou o mellor xeito de lle chamar “galego” a quen lle podía chamar galego perfectamente, xa que o é, pero púxolle un engadido de “pexorativo”, que mellor sería que o gardara xa que encerra un claro menosprezo racista ao que os galegos nos opoñemos coma pobo que somos.
O problema, ademais, xa non é da ocasión, agora, na que a “Diputada de UPyD” fai o símil pexorativo do cualificativo desprezativo de “gallego” para identificar aos galegos cos tontos, pois aínda que xa noutra ocasión seica se referira a Feijóo co mesmo termo e desprezo racista ao dicir del que, “para ela, Feijóo estaba sendo demasiado ‘gallego’ no senso pexorativo do termo”, co cal enténdese perfectamente o que supoñemos os galegos no ámbito político no que se move o partido UPyD, neste punto, sería bo facer unha pequena referencia ao programa electoral deste partido, xa que, na súa propaganda, afírmase que se opoñen á discriminación “por razóns lingüísticas ou identitarias” e que, ademais, son un partido nacional e, para eles, “España é unha nación de cidadáns libres e iguais dun Estado unitario”.
Habería que preguntarnos a onde manda aos “gallegos” que a votaron e, sobre de todo, como se pode ser responsábel político nun Estado igualitario e democrático acadando un lugar no Congreso dos Deputados se usa a característica identitaria dun pobo dese Estado para se meter con outros políticos que non sexan do seu partido. Un deputado do PP remata de deixar a Comisión de Tráfico na que traballaba por ter un exceso de alcool nunha ocasión. A cando espera dona Rosa Díez para se ir do mesmo Congreso dos Deputados por discriminar ás persoas cidadáns de España por razóns “lingüísticas ou identitarias”? Ou haberá que agardar a que os membros de Galicia Bilingüe sexan tamén “gallegos” a un 50%?
O malo de todo isto, con ser moito ese desprezo aos galegos, por seren galegos e, polo tanto tontos, como dicía a anterior palabra no dicionario aínda é peor o pouco que se pensa no pobo ao que teñen que servir os políticos.

sábado, 27 de febreiro de 2010

No pecado está a penitencia

por Pilar García Negro, profesora e política, no Xornal de Galicia

Grande escándalo provocaron as respostas de Rosa Díaz, cuxo escano pagamos todos –galegos incluídos– ás perguntas de Iñaki Gabilondo sobre a definición que a ela merecían personaxes da vida política española como Zapatero ou Raxoi (mal que lles pese, “Rajoy” e “Feijoó” son Raxoi e Feixoo, en correcta ortografía e ortofonía, que, por suposto, se poden vulnerar, para escreber, por exemplo, se alguén se animar, “Madriz” ou “Billabiciosa”...). Eu mesma falei, en artigo recente (edición dixital de Terra e Tempo), de racismo consentido, pois non só reparei na brutalidade da utilización do xentilicio por parte desta extremista española, senón tamén no nulo custo que lle supuxo, quer dicer, o entrevistador continuou coa restra das perguntas e non fixo o menor comentario sobre o asunto, do cal podemos concluír que tais mencións racistas do noso xentilicio poden circular impunemente. Por se fose pouco, após comentado ad nauseam este seu proceder, aínda desfrutou dunha cuota suplementar de publicidade, cando non só non se retractou senón que volveu á carga, acusándonos aos galegos de falta de sentido do humor.
E, efectivamente, é unha hipótese a considerar, sobre todo pola súa reversibilidade, en virtude da cal poderíamos nós, galegos, chamar á señora Díaz, con gran sentido do humor, iso si, “española, con perdón”, españolista, no sentido máis furibundo do termo, extrema direita, no sentido non pexorativo, senón denotativo, etc. Mais esta ponta do icebergue que representan as súas declaracións racistas en bruto non debe ocultar todo o resto invisíbel da xenofobia anti-galega. No mesmo día en que aquelas se facían públicas, no programa ‘59 segundos’ da TVE (tamén pagada por nós, galegos), o director de ABC, para zafrañar, no seu papel de turiferario do PP, ao ministro de Traballo, non ten mellor ocorrencia que dicer que, lonxe de actuar como catalán ou como extremeño, fixera unha “gallegada”. Así, cun par, como diría a rotina machista... Ninguén dos presentes llo comentou ou reprochou, ninguén se aprestou a protestar ou, simplesmente, a perguntar: ¿en que consiste exactamente unha “gallegada”?
Digo –sen a menor intención, obviamente, de absolver semellantes condutas– que no pecado está a penitencia, porque, que eu saiba, cando o presidente da Xunta de Galiza foi alcumado “gallego” pola mesma lercha españolista, non houbo resposta á altura da intención insultante ou descualificadora. Cando na radio e na televisión públicas se fala do “Goberno”, así, sen adxectivos, só para nomear o idem español, ¿que concepción se agacha da Xunta? ¿Por que non se fala de “Goberno galego”?
Así que menos aspaventos tartufescos e máis naturalidade e dignidade na exhibición da nosa identidade. Os que a vituperan e utilizan racistamente, si que teñen claro, para mal, quen somos e como podemos ser vapuleados, moito máis claro que os pactistas ou híbridos: os que declaran ser galegos, españois, europeus... e aínda poderían engadir, como non, bípedos humanos. Madia leva!

Gloria a Rosa Díez

por Lois Oreiro, xornalista, no Xornal de Galicia

Nunca lle agradecerei suficientemente a dona Rosa Díez que elevase Galicia á centralidade da política española utilizando o noso xentilicio para describir a Mariano Rajoy (gallego) e a José Luis Rodríguez Zapatero (gallego no sentido máis pexorativo do termo). Moitos criticárona con dureza pero eu coido que habería que propoñela para a medalla Castelao por converter este noso País de rústicos indecisos, na vara de medirlle as fraquezas aos líderes estatais.
Ao chamarlles galegos a ZP e Rajoy para meterse con eles, dona Rosa subiunos da categoría de simples parvos, na que ela e os que son coma ela nos tiñan, á de auténticos líderes, astutos e calculadores. É todo un avance para o país do autoodio e a endofobia.
A señora Díez é continuadora dunha longa tradición insultadora moi ben cultivada por Pere Navarro, Jorge Moragas ou Cristina Narbona. Pero no seu caso hai que estarlle agradecidos polas súas ofensas porque con elas enterrou de todo as posibilidades electorais da vacilante UPyD en Galicia.
En sinal de gratitude quero continuar ese finísimo debate que iniciou sobre as “patrias chicas”, cunha cita de Quevedo moi acaída para biscaínas da súa pelaxe e os seus sosias: “Si es vizcaíno burro/eres albarda en sus lomos”. Grazas e ata nunca señora Díez.

Anxo Lorenzo e o blilingüismo harmónico.


Consideramos o ‘bilingüismo harmónico’ como unha ideoloxía de política e planificación lingüística, utilizada polos gobernos populares apartir dos anos noventa como fonte inspiradora da súa acción lingüística .Non é preciso desenvolver aquí as críticas que recibiu esta ideoloxía lingüística, derivadas principalmente da súa febleza teórica, así como as implicacións que tivo.
Hoxe contemplamos este concepto como unha coartada ideolóxica empregada polos gobernos populares para ralentizar ou, simplemente,para non favorecer o proceso de revitalización da lingua galega.
Anxo Lorenzo, na revista Galicia 21, 2009.
Si, está ben escrita a data: ano 2009
Lembramos que Anxo Lorenzo é o actual Secretario Xeral de Política Lingüística.
Continuaremos...

Estaba Rosa Díez...

Retranca crea un novo tipo de chistes: Os chistes de Rosa Díez. Con eles fará unha publicación proximamente. Algúns dos que podedes ler alí se premedes aquí son:

Estaba Rosa Díez un día tomando algo cun coñecido nun bareto de Madrid e dille:
Rosa Díez: –Voy a contarte un chiste de gallegos buenísimo.
Galego: – Oes, recórdoche que eu son galego.
Rosa Díez: –No te preocupes, hombre... ¡Te lo explico depués!.

Como recoñecían a Rosa Díez cando ía ó colexio ? Pois porque era a única que cando o mestre borraba o encerado, Rosa Díez borraba o seu caderno.

Como sabes se está Rosa Díez nun submariño ? Pois porque é a unica que está aguantando a respiración.

Por que a casa de Rosa Díez ten as xanelas redondas? Pois para que poida entrar o sol.
Por que o coche de Rosa Díez leva limpiabrisas no vidro de atrás? Por si chove á volta.

Por que Rosa Díez se tapa os ollos cando se pon crema? Porque pon crema "Nivea".

Un policía detén a Rosa Díez e dille:- Deme o seu nome e apelido. E la responde: - Está Ud. loco? Y yo después como me llamo?


Fonte: Imos Indo